Rafael Dieste
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1899 e finado en Santiago de Compostela o 15 de outubro de 1981, foi un escritor republicano galego do exilio, que pertenceu á chamada Xeración de 1925. Cos seus contos e pezas de teatro, entre as que destacan A fiestra valdeira (1927) e Dos arquivos do trasno (1926), tentou modernizar o sistema literario galego afastándoo do ruralismo. Atribúeselle en boa parte a creación do denominado Teatro Nacional Galego. Dedicóuselle do Día das Letras Galegas de 1995.[2]
Rafael Dieste | |
---|---|
![]() | |
Nome completo | Rafael Dieste Gonçalves |
Nacemento | 29 de xaneiro de 1899 e 1899 |
Rianxo | |
Falecemento | 15 de outubro de 1981 |
Santiago de Compostela | |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Escola Normal de Santiago de Compostela |
Ocupación | xornalista, escritor e catedrático |
Pai | Eladio Dieste |
Cónxuxe | Carmen Muñoz Manzano[1] |
Irmáns | Eduardo Dieste |
Xéneros | contos, teatro |
Coñecido/a por | Dos arquivos do trasno e A fiestra valdeira |
Organización | Seminario de Estudos Galegos Real Academia Galega |
Na rede | |
![]() | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Foi o último dos sete fillos (seis homes e unha muller) do galego Eladio Dieste Muriel e a uruguaia Olegaria Gonçalves Silveira, descendente de portugueses establecidos no Brasil. Con quince anos matriculouse na Escola Normal de Santiago de Compostela, mais interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba un irmán seu. Outro dos seus irmáns, Eduardo Dieste, remataría sendo cónsul do Uruguai ante España. De regreso a Rianxo iniciou a súa relación coa literatura da man de Manuel Antonio. Ambos os dous entraron en contacto co federalismo e o nacionalismo a través de Vicente Risco.
Entre 1921 e 1923 debeu facer o servizo militar na Guerra de Marrocos. Publicou algúns relatos na revista Cuentos Nuevos de Santiago de Compostela. De regreso a Galiza, rematou a carreira de xornalismo e colaborou en varios xornais de Vigo, como Faro de Vigo, Galicia. Diario de Vigo e El Pueblo Gallego. En 1926 recolleu oito relatos xa publicados nestes dous últimos no libro Dos arquivos do trasno. Coa súa lectura ingresou, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.
Dieste formou parte dunha nova xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas. Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933 encabezou a misión que visitou Galiza. Na provincia de Cáceres coñeceu a inspectora de educación Carmen Muñoz Manzano, con quen casou en Santander en 1934. Cunha bolsa de estudos da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas viaxou en 1935 por Francia, Italia e Bélxica para estudar o teatro europeo.[3]
O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, traballando nas Misións Pedagóxicas. Durante a Guerra civil española de 1936 formou parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas promovida polos comunistas e foi un dos responsables da súa revista literaria, El Mono Azul, colaborou tamén na revista Nova Galiza. Foi nomeado director do Teatro Español, formando unha compañía con actores en paro. Seguiu a retirada republicana a Valencia en novembro de 1936, onde participou na fundación da revista literaria Hora de España e Barcelona a finais de 1937 e recibiu o encargo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de dirixir Nova Galiza. En 1939 ingresou no Exército do Leste como comisario e participou na elaboración de El Combatiente del Este. Finalmente exiliouse coa caída de Cataluña. Despois de breves estadías en Francia, Rotterdam e no Uruguai, estableceuse en Buenos Aires, onde traballou como director literario na Editorial Atlántida. En 1948, viaxou por Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Cambridge até 1952, ao que seguiría outro lectorado no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Monterrey, México. En 1954 regresou a Buenos Aires e á Editorial Atlántida, na que apareceu a versión definitiva de A fiestra valdeira (1958).
En 1961 regresou a Rianxo e, un ano despois, publicou na Editorial Galaxia unha reedición de Dos arquivos do trasno, ampliando o número de contos. A mediados desa década instalouse na Coruña e o 18 de abril de 1971 ingresou na Real Academia Galega como membro de número co discurso A vontade de estilo na fala popular, respondido por Domingo García-Sabell.[4] Colaborou en diversas publicacións e foi requirido para participar en conferencias, homenaxes e mesas redondas. As súas intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o "Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para Galiza.
Poucos meses antes da súa morte, apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego. Foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en 1981.
Ocasionalmente utilizaba o pseudónimo Félix Muriel. Este dá nome ao instituto de educación secundaria de Rianxo, o IES Félix Muriel.
Obra en galegoEditar
NarrativaEditar
- Dos arquivos do trasno (1926). Foi traducida ao castelán[5] e ao éuscaro.[6]
TeatroEditar
- A fiestra valdeira (1927, El Eco de Santiago).
- Viaxe e fin de don Frontán (publicado postumamente en 1982).[7]
EnsaioEditar
- A vontade de estilo na fala popular (1971, Ediciós do Castro).
- Antre a terra e o ceo (1981, Ediciós do Castro).
- Encontros e vieiros (1990, Ediciós do Castro).
- Fragua íntima (1991, Sociedade de Cultura Valle-Inclán).
- Textos e crítica de arte (1995, A Nosa Terra).
Obra en castelánEditar
NarrativaEditar
- Juan de Luz (1929)
- "De cómo vino al mundo Félix Muriel" (revista De mar a mar, 1942)
- Historias e invenciones de Félix Muriel (relatos; Ed. Nova, 1943). Ilustrado por Luís Seoane.[8]
TeatroEditar
- Viaje, duelo y perdición: tragedia, humorada y comedia (1979)
PoesíaEditar
- Rojo farol amante (Ed. Teseo, 1933)
EnsaioEditar
- La vieja piel del mundo (Ed. Signo, 1936)
- Luchas con el desconfiado (Sudamericana, 1948)
- Nuevo tratado del paralelismo (Atlántida, 1955)
- Pequeña clave ortográfica (1956)
- Diálogo de Manuel y David (Galaxia, 1965)
- ¿Qué es un axioma? (Galaxia, 1967).
- Testamento geométrico (Ediciós do Castro, 1975)
- El alma y el espejo (Alianza, 1981)
GuiónEditar
TraduciónsEditar
- De cuatro a cuatro, 1940 (De catro a catro de Manuel Antonio). Colección Dorna, Emecé, Buenos Aires.[10].
Galería de imaxesEditar
|
NotasEditar
- ↑ Álbum de mulleres Consello da Cultura Galega.
- ↑ "Letras Galegas 1995: Rafael Dieste". Real Academia Galega.
- ↑ Axeitos, Xosé Luís: «Dos arquivos de Rafael Dieste : epistolario de Eduardo Dieste, cartas a Rafael Dieste e ó pintor Colmeiro», Boletín Galego de Literatura, ISSN 0214-9117, N. 8, (1992), 129-135.
- ↑ Dieste, R. (1971). A vontade de estilo na fala popular. Real Academia Galega.
- ↑ "De los archivos del trasgo". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ "Intxixuen Artxibotik". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-08.
- ↑ Incluído, tamén, na Biblioteca 114 (El Correo Gallego).
- ↑ En 2004 foi incluído na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia
- ↑ "Reeditan un guión para o cine que os irmáns Dieste escribiron en 1938". La Voz de Galicia. 28 de xullo de 2005.
- ↑ Portal de datos bibliográficos da Biblioteca Nacional de España
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Axeitos, X. L.; Seoane, X. (coordinadores) (1994). Luís Seoane e o libro galego na Arxentina [1937-1978]. Deputación da Coruña. pp. 18–19.
- Angueira, Anxo (1995). De Rosalía a Dieste 33 anos das letras. Xerais. pp. 183–188. ISBN 84-7507-878-8.
- Axeitos Agrelo, X. L. (2005). "Dieste, Rafael". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández del Riego, F. (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Do Castro. p. 120. ISBN 978-84-7492-465-7.
- Irizarry, E. (1979). Rafael Dieste (en inglés). Boston: Twayne Publishers. ISBN 0805763961.
- ———— (1980). La creación literaria de Rafael Dieste (en castelán). Sada: Ediciós do Castro. ISBN 9788474920185.
- Otero Fernández, David (1995). A vida de Rafael Dieste. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 978-84-7154-948-8.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da literatura galega. III. De 1916 a 1936. Xerais. pp. 439–449. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Rabuñal, H. e Fernández Costas, X. M. (1995). Rafael Dieste. A franqueza e o mistério. Baía. ISBN 978-84-87674-59-4.
- Rei Núñez, L. (2019). Rafal Dieste. O libre pensamento. Vigo: Ed. Xerais. ISBN 978-84-9121-484-7.
- Vilavedra, D., ed. (1995). "Dieste Gonçalves, Rafael". Diccionario da literatura galega. I. Autores. Galaxia. pp. 181–182. ISBN 84-8288-019-5.
- VV.AA. (1995). Rafael Dieste. Un crador total. Galaxia. ISBN 84-7154-920-4.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Diccionario enciclopédico galego universal 21. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 127. ISBN 84-7680-429-6.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. pp. 349–355.
- "Dieste Gonçalves, Rafael". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. 1999-2002. p. 311-314. ISBN 84-7680-288-9.
Outros artigosEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rafael Dieste |
A Galicitas posúe citas sobre: Rafael Dieste |
- Retablo de fantoches
- Xeración de 1925
- II Congreso Internacional de Escritores para la Defensa de la Cultura
Ligazóns externasEditar
- "Rafael Dieste". Biblioteca Virtual Galega. UdC e Deputación da Coruña.
- García-Bodaño, S. "Galicia, letra a letra". YouTube.
- "Rafael Dieste". no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Fandiño Veiga, Xosé Ramón. "Rafael Dieste". no Álbum da JAE do Consello da Cultura Galega.
- "Dieste, Rafael". Asociación Socio-Pedagóxica Galega.