Partido Galeguista (histórico)
Este artigo trata do Partido Galeguista fundado en decembro de 1931. Para outras organizacións políticas co mesmo nome, vexa Partido Galeguista.
Partido Galeguista | |
---|---|
Tipo | partido político |
Ideoloxía | galeguismo, Republicanismo, autonomismo territorial, Antifascismo e nacionalismo galego |
Data de fundación | 1931 |
Data de disolución | 1936 |
Presidente/a | Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (-) |
País | España |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Partido Galeguista foi un partido fundado en decembro de 1931 de carácter nacionalista galego e con relevancia na política da Segunda República. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra e a sección xuvenil, a Federación de Mocedades Galeguistas, fundouse en xaneiro de 1934 e contaba con 1.000 afiliados.
Formación
editarO 5 e 6 de decembro de 1931 o Partido Galeguista de Pontevedra convoca a VII Asemblea Nacionalista co propósito de crear un partido nacionalista. Á convocatoria acoden 32 grupos e irmandades, entre os que destacan o Grupo Autonomista Galego de Vigo, Labor Galeguista e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Tamén participan representantes da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina e da sección arxentina da ORGA.
Nesta Asemblea decídese a disolución das Irmandades da Fala integrándose os seus membros no Partido Galeguista que nace nese momento. O acordo de constitución reclama, por primeira vez na historia de Galicia, o dereito de autodeterminación e proclama, como primeiro obxectivo político, a redacción dun Estatuto de Autonomía. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo forman parte do Consello Executivo.
Consolidación
editarEn 1932 participou xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propaganda do Estatuto, ao tempo que se preparaba para participar en solitario, ou en candidaturas conxuntas cos agraristas, nas eleccións municipais de abril de 1933, nas que só obtivo un concelleiro en Ourense e a maioría, aliado cos agrarios, en Tui, estes malos resultados levaron ao sector progresista do PG a favorecer pactos cos partidos republicanos, ao que se opuña o sector conservador liderado por Vicente Risco.
Na Asemblea Extraordinaria de outubro de 1933 impuxéronse as teses de Vicente Risco e o PG concorreu ás eleccións xerais de 1933 en solitario, os 106.000 votos que obtivo non lle serviron para conseguir deputado ningún, e o novo goberno de dereitas paralizou a tramitación do Estatuto de Autonomía.
Despois da folga xeral revolucionaria de 1934, na que o PG non participou, o goberno, suspendeu A Nosa Terra e desterrou a Castelao e Bóveda, descabezando o PG e provocando un descenso momentáneo da militancia, pero ao tempo favoreceu a formación dunha alianza cos republicanos de esquerda que fixera posible a aprobación do Estatuto.
Na III Asemblea do PG, celebrada en Ourense o 13 e 14 de xaneiro de 1934 aprobouse coa oposición de Risco a alianza estratéxica cos republicanos e socialistas, ratificada na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago de Compostela o 20 e 21 de abril de 1935, coa oposición de Ramón Otero Pedrayo, o que provoca a escisión dun sector da dereita do PG, encabezada por Vicente Risco que formou a Dereita Galeguista.
Fronte Popular
editarEn xuño de 1935 o PG comezou a negociar con Izquierda Republicana, e na Asemblea Extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936 celebrada en Santiago de Compostela aprobouse o ingreso do PG na Fronte Popular para concorrer nas eleccións xerais de 1936 con cinco candidatos galeguistas, Castelao, Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte. Na provincia de Lugo o PG presentouse en solitario ao formarse unha candidatura conxunta do centro e os partidos republicanos de esquerda, o cal imposibilitou que se formase unha candidatura da Fronte Popular.
Saíron elixidos Castelao con 104.436 votos en Pontevedra e Suárez Picallo e Vilar Ponte na Coruña con arredor de 150.000 votos cada un, en total os candidatos galeguistas obteñen 287.000 votos.
O 28 de xuño de 1936 cúmprense os compromisos expresados pola FP e plebiscítase favorablemente o Estatuto.
Guerra civil
editarTras a sublevación do 18 de xullo de 1936 que puxo fin á actividade do PG en Galicia, comezou a represión dos militantes galeguistas, algúns dirixentes como Johán Carballeira, Ánxel Casal, Manuel Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas ou Alexandre Bóveda foron fusilados, outros marcharon ao exilio, aínda así o PG desaprobou a participación dos seus militantes na guerrilla antifranquista.
En 1937 o PG abriu unha delegación en Barcelona, e publicou o voceiro Nova Galicia entre abril de 1937 e xullo de 1938 dirixido por Castelao e Suárez Picallo. A prioridade foi a unidade das forzas democráticas para salvar a República e manter o facho do galeguista acceso.
Trala caída de Cataluña os galeguistas pasaron a Francia e dende alí dirixíronse a diversos países de América.
Clandestinidade
editarDesde a fin da guerra civil comezaron os contactos entre galeguistas para tratar a conveniencia de refacer as estruturas no partido no interior. A actividade do PG no interior comezou o 22 de xullo de 1945[1] cunha xuntanza en Coruxo, á que asistiron 19 galeguistas e que decidiron formar un Comité executivo provisorio integrado por Manuel Gómez Román, Otero Pedrayo e Plácido Castro, pero foron Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro os que tiveron un papel máis activo. Unha das súas grandes prioridades foi establecer contacto co resto da oposición galega e cos nacionalistas vascos e cataláns, e así en 1944 o PG integrouse na Junta Gallega de Alianza Democrática con CNT, PSOE, UXT e os agrarios. Tras a detención de Ramón Piñeiro en 1946 foi Fermín Penzol o que mantivo o contacto co resto das forzas da oposición. A partir 1949 logo da saída do cárcere de Piñeiro e diante o desánimo dos militantes de base que non vían que a acción clandestina lograse resultados[2] o PG guiado por Piñeiro apostou por unha estratexia culturalista, aproveitando as escasas posibilidades que ofrecía o franquismo, en aberta contradición cos galeguistas do exilio.
A fundación de Galaxia o 25 de xullo de 1950 supuxo a autodisolución do PG en Galicia, vencellándose os seus antigos militantes ao novo proxecto editorial.
O Partido Galeguista en América
editarEn 1932 fundouse a Organización Nazionalista Repubricana Galega, filial do PG en Buenos Aires, tralo pase da sección arxentina da ORGA, contaba con 150 afiliados dirixidos por Rodolfo Prada, en 1936 co inicio da guerra civil muda o nome a Grupo Galeguista de Bos Aires, nese momento tiña 103 afiliados. En 1941 toma o nome de Irmandade Galega e en 1942 reaparece A Nosa Terra, coincidindo coa chegada masiva de exiliados galeguistas a Bos Aires, entre os que destaca Castelao.
En outubro de 1944 constitúese o Consello de Galiza baixo o impulso da Irmandade Galega e Castelao.
A Irmandade Galeguista do Uruguai é o nome da sección do PG no Uruguai, dirixida por Manuel Meilán.
En 1949 o PG só conta con 200 afiliados distribuídos en Bos Aires e outras cidades arxentinas, Montevideo, México e A Habana.
Militancia
editarCando a constitución do Partido Galeguista tiña 700 afiliados, en 1932 o PG contaba con 38 grupos locais e 2.300 afiliados, ao longo do ano vai implantándose en todo o país e en 1933 os seus 60 grupos locais contaban 3.000 afiliados. Tralas eleccións de 1933 o PG experimentou un retroceso momentáneo, e en 1935 quedábanlle só 1.763 afiliados, pero para o ano 1935 conseguiu reestruturar o partido chegando a 5.000 afiliados distribuídos en 90 grupos locais.
Cara 1936, o Partido Galeguista tiña unha fasquía interclasista, cun aumento considerable da afiliación de asalariados, empregados e artesáns (entre o 27 e 28% do total) e a incorporación de labregos e mariñeiros (32%). Estes datos contrapóñense cos do ano 1931, ano fundacional do partido, onde estas clases estaban moi pouco representadas dentro do partido.[3]
Estrutura orgánica
editarO Partido Galeguista tiña na Asemblea o seu máximo órgano de expresión e era o órgano encargado de fixar a súa liña política, tamén tiña a competencia para elixir o Consello Executivo, o órgano que tiña que levar á práctica as decisións tomadas pola Asemblea, por último a Secretaría Executiva era o órgano de goberno do partido[4].
Programa
editarO programa político do Partido Galeguista era nas súas liñas xerais continuador do formulado polas Irmandades da Fala nas súas diversas asembleas,[5] Galicia como unión cultural, proclamaba a autodeterminación política de Galicia que se traducía como aspiración mínima na constitución dun Parlamento e un Goberno galego dentro da Constitución da República. A eliminación do caciquismo, o antiimperialismo, a igualdade política da muller, a supresión das deputacións provinciais, o recoñecemento da parroquia como entidade política-administrativa básica, a oficialidade da lingua galega e a reforma agraria eran outros dos elementos do seu programa.
Notas
editar- ↑ A data exacta da xuntanza esta agora documentada: Garrido Couceiro, Xoan Carlos (2014). Sermos Galicia, ed. "Valenzuela no desterro de Castelao". A Fondo (87): 4.
- ↑ Francisco Fernández del Riego. O río do tempo. Unha historia vivida. Ediciós do Castro, Sada, 1990, páx 190.
- ↑ Antuña Souto, Carlos A., El nacionalismo gallego (1916-1936). Una madurez inconclusa. Espacio, Tiempo y Forma, Serie V, Historia Contemporánea, t. 13, 2000, páxs. 415-440.
- ↑ Arximiro Roxo, As Mocedades Galeguistas, Vigo, 1987, páx. 29-30
- ↑ Justo G. Beramendi, Xosé Manoel Núñez Seixas, O nacionalismo galego, 2ª ed., Vigo, 1996 páx. 148
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Beramendi, Xusto (2007). De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-96494-96-1.
- Castro, Xavier (1985). Deputación provincial, ed. O galeguismo na encrucillada republicana. Ourense. ISBN 84-85858-13-1.