Grupo Autonomista Galego

O Grupo Autonomista Galego foi un partido político galeguista que se fundou en 1930 en Vigo. Os seus dirixentes eran Valentín Paz Andrade e Manuel Gómez Román. O GAG tivo unha participación destacada no primeiro Día de Galicia tras a Ditadura de Primo de Rivera, que se celebrou en Vigo o 25 de xullo de 1930. Xunto con outros grupos galeguistas da provincia de Pontevedra organizou entre 1930 e 1931 unha campaña de espallamento galeguista polas zonas rurais, na que contou como orador principal a Castelao e tras a proclamación da Segunda República Española e a convocatoria de eleccións a Cortes Constituíntes, o GAG apoiou as candidaturas de Castelao, Valentín Paz-Andrade e Ramón Cabanillas.
O GAG foi un dos que participou na VII Asemblea Nacionalista do 5 e 6 de decembro de 1931 que constituíu o Partido Galeguista, no que o GAG se integrou.