Abrir o menú principal

Rodolfo Prada

farmacéutico e galeguista

Rodolfo Prada Chamocín, nado nos Peares (A Peroxa) o 28 de agosto de 1892 e morto en Buenos Aires o 3 de novembro de 1980, foi un destacado persoeiro do galeguismo na Arxentina e presidente do Centro Gallego de Buenos Aires.

Rodolfo Prada
Nacemento28 de agosto de 1892
 Os Peares
Falecemento3 de novembro de 1980
 Buenos Aires
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfarmacéutico
editar datos en Wikidata ]

Índice

TraxectoriaEditar

De profesión farmacéutico, Prada é coñecido polo seu activismo no movemento galeguista na Arxentina e, secundariamente, en toda Sudamérica. Foi membro correspondente da Real Academia Galega (en 1919) e secretario da Casa de Galicia (en 1920), ademais de fundador da revista Acción Gallega. Posteriormente (1924) sería redactor xefe de Correo de Galicia. Colaborou en Opinión Galeguista. Foi director do boletín El Orensano (do Centro Orensano de Buenos Aires) e de Opinión Gallega, e escribiu numerosos opúsculos sobre diferentes temas galegos e arxentinos.

En 1938 foi elixido presidente do Centro Gallego de Buenos Aires, e fixo importantes xestións para conseguir o visado que permitiu a Castelao residir na Arxentina, actuando como o seu protector durante os primeiros anos de exilio neste país. Foi un dos fundadores da Irmandade Galega.

A súa relación con CastelaoEditar

Desde 1938 mantivo unha intensa correspondencia con Castelao, na que este lle fai partícipe das súas xestións no seo do Partido Galeguista, á vez que require a súa axuda para solucionar os trámites burocráticos que impedían a súa residencia na Arxentina, algo que Castelao desexaba desde que se viu na obriga de abandonar España. A través desta correspondencia, Prada serviulle a Castelao de enlace cos colectivos de galegos en todo o continente americano.

Castelao confiaba en Prada e así llelo manifestou repetidas veces. Así, cando en decembro de 1946 Rodolfo Llopis substituíu a José Giral na presidencia do Goberno republicano no exilio (radicado en París), e propuxo a restauración monárquica, Castelao rexeitou esta opción e excluíuse do Goberno, mentres que os galeguistas do interior, encabezados por Ramón Piñeiro, apoiárona e advertiron a Castelao que a súa actitude non conducía a ningures, nun extenso informe atribuído á man do propio Piñeiro. Nace entón o desencontro entre as dúas figuras que non se resolveu nin sequera tras unha entrevista que mantivo Prada, en representación de Castelao, con Piñeiro, daquela na cadea.

En 1947 dirixiulle unha longa carta[1] na que lle explicaba o fracaso da tramitación do Estatuto de Galicia de 1936 e a intervención neste sentido dos socialistas de Prieto, daquela mantendo conversacións cos monárquicos en busca dunha restauración de Xoán de Borbón como saída ó réxime franquista. Confésalle tamén a súa indignación pola actuación dos galeguistas do interior que rexeitaban a representación do Consello de Galiza (que Castelao presidía) no futuro político de Galicia.

Outra mostra da íntima relación entre Prada e Castelao é o feito de que, cando en xuño de 1949, xa con Castelao gravemente enfermo, propóñenlle intervir nun acto co gallo do aniversario do referendo do Estatuto de 1936, Castelao comeza a escribir o seu discurso encamado, ata que non pode máis e ten que ditalo a Prada, que é quen remata de escribir o texto [2].

NotasEditar

  1. Carta de Castelao a Rodolfo Prada, escrita o 10 de abril de 1947. Pode consultarse en Terra e Tempo (nº 137-140, 2006, 99-115).
  2. A transcrición deste discurso pode consultarse en vieiros.com[Ligazón morta]

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar