Abrir o menú principal

Os Peares

núcleo de poboación galego

Coordenadas: 42°27′13.95″N 07°43′57.93″O / 42.4538750, -7.7327583

Os Peares é un núcleo de poboación galego repartido entre catro parroquias de catro concellos pertencentes a dúas provincias. Oficialmente[1], con este nome existen unha parroquia do concello ourensán da Peroxa e o único lugar desta parroquia. Por extensión úsase este topónimo para referirse ao núcleo de poboación que forman a parroquia e lugar anteriormente mencionados, máis os lugares do Coitelo no tamén ourensán concello de Nogueira de Ramuín, A Granxa no concello lugués de Carballedo e O Torrón no tamén concello lugués de Pantón. En 2015, segundo datos do IGE[2], tiña 155 habitantes, dos cales 78 eran homes e 77 mulleres. Os lugares máis poboados son Os Peares con 68 habitantes e A Granxa con 61, pola contra o lugar do Torrón é o menos poboado con 5 habitantes.

Os Peares
OspearesCapela2.jpg
Capela nos Peares (na parte do concello de Carballedo)
ParroquiaOs Peares, Viñoás, Oleiros, Pombeiro
ConcelloA Peroxa, Nogueira de Ramuín, Carballedo, Pantón

Índice

XeografíaEditar

 
Desembocadura do Sil (ó fondo) no Miño (á esquerda, baixo a ponte do ferrocarril)

O lugar dos Peares está situado na desembocadura dos ríos Sil e Búbal no Miño, e cruzado por ambos os tres ríos. É un lugar de fortes pendentes, posto que o núcleo está situado nun punto onde os ríos baixan encaixados.

Existen desde hai tempo dúas importantes pontes que atravesan o núcleo, unha que cruza o Sil en dirección norte-sur, e outra que atravesa o Miño en sentido leste-oeste. A primeira é para o tráfico de automóbiles, mentres que a segunda é para o ferroviario, pois a estación dos Peares era unha parada importante na liña entre Ourense e Monforte de Lemos. En setembro de 2016 abriuse unha nova ponte sobre o Miño que con case 200 metros de longo e 5 de ancho posibilita o uso compartido por parte de vehículos e peóns[3].

AdministraciónEditar

O núcleo dos Peares divídese administrativa e eclesiasticamente entre catro parroquias de catro concellos das provincias de Lugo e Ourense. Ditas parroquias son: na provincia de Ourense Os Peares do concello da Peroxa e Viñoás do concello de Nogueira de Ramuín, e na de Lugo Oleiros do concello de Carballedo e Pombeiro do concello de Pantón.

DeporteEditar

Os Peares é o punto de partida da tradicional proba anual de piragüismo do Descenso do Miño, con chegada no encoro de Velle en Ourense[4].

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Xunta de Galicia (ed.). "Nomenclátor, busca directa". Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  2. Instituto Galego de Estatística (ed.). "Nomenclátor, busca por entidades. Ano 2015". Consultado o 5 de febreiro de 2016. 
  3. "Ábrese ao tráfico a nova ponte sobre o río Miño". La Voz de Galicia. Consultado o 07/10/2018. 
  4. Faro de Vigo, ed. (26/6/2015). "El Descenso do Miño reúne a 40 clubes del noroeste peninsular" (en castelán). Consultado o 5 de febreiro de 2016. 

Véxase taménEditar