Plácido Castro

escritor, xornalista e tradutor galego

Plácido Ramón Castro del Río, nado en Corcubión o 25 de xaneiro do 1902 e finado en Cambados o 17 de xullo de 1967, foi un escritor, xornalista e tradutor galego. Foi unha figura destacada do galeguismo de entreguerras, así como un activo persoeiro da cultura galega na diáspora, durante a súa estadía no Reino Unido tras a Guerra Civil.

Plácido Castro
Nome completoPlácido Ramón Castro del Río
Nacemento25 de xaneiro de 1902
 Corcubión
Falecemento17 de xullo de 1967
NacionalidadeEspaña
Ocupacióntradutor
PaiPlácido Castro Rivas
CónxuxeJesusa Sineiro Vidal
Fillos8 (Plácido, Hugo, Francisco, Carmen, Antonio, Ramón, Jesusa e Manuel)
Na rede
Dialnet: 1727338
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria Editar

Era fillo de Plácido Castro Rivas e de Eufrasia del Río Recamán. Tivo unha irmá chamada Hermitas Castro, nove anos máis vella[1]. Cando tiña seis anos os pais trasladáronse ao Reino Unido, e en 1911 estaban establecidos en Cardiff[1]. O pai era empresario do carbón, e naquela altura Gales era unha das grandes rexións mineiras da illa. No Reino Unido proseguiu os seus estudos, primeiro en Cardiff e posteriormente na cidade de Scarborough, onde estudou ata secundaria. Logo mudouse a Glasgow, onde estudou Arquitectura naval[2][3] na universidade desa cidade entre 1918 e 1921. Tamén realizou estudos complementarios no Royal Technical College da mesma cidade. Durante esa etapa universitaria comezou o seu labor como tradutor. Esporadicamente visitaba Galicia, pasando temporadas na vila de Cambados, na cal participou en actividades culturais.[4]

Posteriormente asentouse en Londres, desde onde, en 1927, comezou a súa colaboración cos xornais El Pueblo Gallego e Informaciones, así como en publicacións próximas ás Irmandades da Fala, como A Nosa Terra e Céltiga.

Volta a Galicia Editar

En 1930 retornou a Galicia, e ao pouco empezou a colaborar coas Irmandades da Fala. En decembro de 1931 deveu membro da Asemblea Fundacional do Partido Galeguista, e foi votado para o Consello Permanente. O seu peso no Partido Galeguista era tal que, na III Asemblea (1933), foi o membro que máis apoios recibiu para as eleccións á executiva do partido, con 1.654 votos.

 
19 de xuño de 1932. Nesta foto de grupo aparecen, entre outros: Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Ramón Rodríguez Somoza, Manuel Beiras, Manuel Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Carlos Maside e Alexandre Bóveda.

No ano 1933 participou como representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado en Berna, onde se considerou a Galicia como unha nación, o cal posteriormente serviu a Castelao para defender a condición nacional de Galicia.

A declaración institucional[5] presentouse en galego e en inglés, e nela declarouse:

"O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (...) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta".

En 1936, co levantamento militar contra a República, detivérono en Muxía e procesárono. Foi condenado á inhabilitación absoluta, ao desterro de máis de cen quilómetros de Muxía e a unha cuantiosa multa. A raíz disto, instalouse en Coruxo (Vigo), onde se adicou á tradución de poesía inglesa. En 1944 casou con Jesusa Piñeiro en Cambados, e do matrimonio naceron oito fillos.

Segunda etapa no Reino Unido Editar

Debido á inhabilitación que pesaba sobre el e á ditadura, exiliouse[cando?], primeiro en Portugal e finalmente de volta no Reino Unido, onde se asentou de novo en Londres. Alí traballou durante seis anos como locutor-redactor da BBC, onde realizou o Galician Programme, a primeira emisión radiofónica estable en lingua galega. Durante este período colaborou tamén con xornais como Jornal de Notícias do Porto, La Nación de Bos Aires e Galicia Emigrante.

Volta definitiva a Galicia Editar

Logo de que se levantase a inhabilitación que pesaba sobre el[cando?], volveu a Galicia; residiu en Cambados e traballou no Instituto Laboral de Vilagarcía, onde exerceu como profesor de inglés. Os xornais cos que colaborou nesta época foron o Diario de Pontevedra, El Pueblo Gallego e, especialmente, Faro de Vigo. Tamén participou activamente na promoción da Festa do albariño, na creación da Romaría Viquinga de Catoira en 1961, e do Ateneo Ullán.

A revista Grial publicou en 1963 a súa tradución de Rubáyiát, de Omar Khayyam, vertida ao galego desde a versión inglesa de Edward Fitzgerald, e en 1967, xa a título póstumo, un ensaio sobre William Butler Yeats.

Finou en Cambados en 1967, tras conseguir unha praza como profesor numerario unha vez presentado o seu estudo comparativo entre a poesía de Christina Rossetti e Rosalía de Castro[6].

Recoñecemento Editar

 
Antón Villar Ponte, Castelao, Lugrís, Plácido Castro, Pedro Galán Calvete e outros, na Coruña.

Logo de décadas de relativo esquecemento, a figura de Plácido Castro recobrou notoriedade sobre todo grazas á tarefa de recuperación levada a cabo por Xulio Ríos, analista do IGADI. A iniciativa desa institución, en 2001 foi creada a Fundación Plácido Castro, que ten como obxectivos manter o legado de Castro e promocionar a tradución de libros ao galego.

En memoria da súa destacada faceta coma tradutor, instituíuse o Premio de Tradución Plácido Castro, que cada ano recoñece a mellor tradución á lingua galega publicada na Biblioteca Virtual BIVIR [7]. A este respecto, verbo da tradución, no limiar da obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (Ed. Alborada, 1949), que Castro asina conxuntamente con Lois Tobío e F. M. Delgado Gurriarán, sinálase:

"A ruindade dunha tradución literaria pode vir, naturalmente, ou da incapacidade para enxerga-la obra orixinal, ou de impotencia para rendela nunha nova lingua. E aínda sendo imprescindible para un cumprido fin ter vencido estas dúas limitacións, quizais sexa máis decisivo o vencemento de derradeira.[8]

En 2016 e 2017 foi candidato a ser a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas correspondente aos anos 2017 e 2018, respectivamente, canda outros autores como Ricardo Carballo Calero, María Victoria Moreno, Antón Fraguas Fraguas e Eusebio Lorenzo Baleirón.[9]

Obra Editar

Ensaio Editar

Tradución Editar

  • “Teatro irlandés. Dous folk-dramas de W.B. Yeats”. Editorial Nós, volume LXIX, 1935. En colaboración cos irmáns Villar Ponte.
  • Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. Bos Aires: Editorial Alborada, 1949. Conxuntamente con Lois Tobío Fernández e Florencio Delgado.
  • "Do inglés ao galego. Un pequeno feixe de poesía". Galicia emigrante, ano II, nº 8, 1955, pp. 18–19.
  • Rubáyiát, de Ómar Khayyám. Espiral Maior, 1965. Colección "A illa verde".
  • Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. Fundación Plácido Castro (edición a cargo de Laura Linares), 2016.[10]

Galería de imaxes Editar

 
Casa natal en Corcubión
Casa natal en Corcubión[11] 
 
Plácido Castro en Inglaterra na época de estudante.
Plácido Castro en Inglaterra na época de estudante. 
 
Placa no Edificio Banca Viñas-Aranda, na Rúa Reconquista de Vigo.
Placa no Edificio Banca Viñas-Aranda, na Rúa Reconquista de Vigo. 
 
Sepultura no cemiterio de Santa Mariña de Cambados.
Sepultura no cemiterio de Santa Mariña de Cambados. 

Notas Editar

  1. 1,0 1,1 Census of England and Wales, 1911, republicado pola galicianista Kirsty Hooper na súa conta de twitter BooksonSpain (5/10/2013).
  2. Chío da investigadora Eva Moreda, 5/10/2013.
  3. Talvez de maneira errónea, diversas publicacións, tales que Galegos na Historia. Plácido Castro (Ir Indo, 1997) ou Plácido Castro e o humanismo, onte e hoxe (IGADI, 2015) mencionan que completou estudos de Filoloxía inglesa no canto dos de Arquitectura Naval.
  4. Díptico publicado pola Fundación Plácido Castro, dependente da IGADI, e realizado por Xabier Camba Sanmartín e Luís Rei Núñez
  5. Setembro de 1933: Galiza, unha nación en Europa
  6. "Plácido Castro: biografía!, en Verbas atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro (ed. Laura Linares Fernández). Fundación Plácido Castro, 2016 (p.11).
  7. Bivir.com
  8. VI Conferencia Anul Plácido Castro. "Significación e importancia de Plácido Castro no panorama da tradución en Galicia" (páx. 9). Por Valentín Arias e Alberto Álvarez Lugrís, o 25 de xaneiro de 2005.
  9. "A RAG elixe o sábado a figura literaria que protagonizará…" RAG, 13/6/2017.
  10. «Todas as facetas de Plácido Castro xiran arredor da dignificación do galego», entrevista coa editora da obra en La Voz de Galicia o 12 de xaneiro de 2017.
  11. Infancia (1902-1908)

Véxase tamén Editar

Bibliografía Editar

  • Castro, Susi; Ríos, Xulio (2023). Plácido Castro. Nós mesmos no mundo. Fundación Plácido Castro. 
  • Antón Posse e Xulio Ríos (coords.), ed. (2013). Plácido Castro. Un galego en Irlanda (PDF). Vigo: Fundación Plácido Castro. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de agosto de 2021. 
  • Ríos Paredes, Xulio (1997). Plácido Castro. Humanista, liberal, cosmopolita: símbolo da universalidade e do nacionalismo galego. Galegos na Historia nº 8. Vigo: Ir Indo Edicións. 
  • Ríos Paredes, Xulio (2011). Irlanda en Plácido Castro. Redondela: IGADI. 
  • Ríos Paredes, Xulio (2013). 101 máximas e reflexións de Plácido Castro. Fundación Plácido Castro. 
  • VV.AA (2002). Plácido Castro no centenario. Textura internacional nº 4. Vigo: IGADI. 

Ligazóns externas Editar