Paul Cézanne
Paul Cézanne, nado en Aix-en-Provence o 19 de xaneiro de 1839 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 1906, foi un pintor francés, considerado o pai da arte moderna. Tentou conseguir unha síntese ideal da representación naturalista, a expresión persoal e a orde pictórica abstracta.
Entre todos os artistas do seu tempo, Cézanne talvez sexa o que exerceu unha influencia máis profunda na arte do século XX (Henri Matisse admiraba a súa utilización da cor e Pablo Picasso desenvolveu a estrutura da composición plana de Cézanne para crea-lo estilo cubista). Porén, mentres viviu, Cézanne foi un pintor ignorado que traballou en medio dun grande illamento. Desconfiaba dos críticos, tiña poucos amigos e, ata 1895, expuxo só de xeito ocasional. Estaba distanciado incluso da súa familia, que cualificaba o seu comportamento de estraño e non apreciaba o carácter revolucionario da súa arte.
Traxectoria
editarFamilia e primeiros anos
editarCézanne naceu o 19 de xaneiro de 1839 na cidade de Aix-en-Provence, no sur de Francia.[1] O 22 de febreiro, foi bautizado na igrexa parroquial, coa súa avoa e o seu tío Louis como padriños.[1] O apelido «Cézanne» semella proceder da localidade actualmente italiana de Cesana nos Vales Valdenses, no Piamonte Occidental, asumíndose que se trata dun apelido de orixe italiana.[2] O seu pai, Louis-Auguste Cézanne (28 de xullo de 1798 - 23 de outubro de 1886).[3] era sombrereiro, converténdose en banqueiro en 1847, como un dos socios fundadores da firma «Cézanne e Chabanel», que prosperou ao longo da vida do artista, o que lle permitiu unha seguridade financeira inacadable para a maioría dos seus contemporáneos. Por outro lado, a súa nai, Anne-Elisabeth Honorine Aubert (24 de setembro de 1814 – 25 de outubro de 1897)[3] era vivaz e romántica, pero ofendíase de xeito doado.[4] Dela Paul herdou o seu concepto e visión da vida.[4] Tiña tamén dúas irmas novas, Marie e Rose.[1][5]
En 1852 comezou os seus estudos no colexio Bourbon (actualmente, Colexio Mignet) da súa cidade natal, onde emprendeu relación con Émile Zola, que estaba nunha clase inferior.[5][6] Permaneceu alí durante seis anos, sendo alumno externo nos dous derradeiros anos de escola.[7] En 1857 inscribiuse na Escola de Debuxo de Aix, asistindo aos cursos de Joseph Gibert, director da escola e do museo de belas artes da cidade.[8]
Dende 1859 ata 1861 estivo matriculado, por influencia paterna, na facultade de Dereito da Universidade de Aix, mentres seguía recibindo leccións de debuxo.[9] Axiña comprendeu que a súa verdadeira vocación era a pintura. Instalou o seu primeiro obradoiro en Jas de Bouffan, a casa de campo dos seus pais. Decorouna con temas referentes a As catro estacións (1860), que asinou, con ironía, como «Ingres».[8] En 1861, despois dunha serie de encarnizadas discusións familiares, recibiu unha pequena asignación e marchou estudar arte a París. Animouno a adoptar esta decisión Zola, quen vivía na capital dende 1858.
Formación en París
editarUnha vez na capital francesa, Cézanne inscribiuse na Academia Suíza para preparar o exame de ingreso na escola de Belas Artes. No Museo do Louvre descubriu a obra de Caravaggio e mais Velázquez, o seu achado marcou fondamente a súa evolución artística.
Cézanne sentiuse axiña atraído polos elementos máis radicais do mundo artístico parisiense. Admiraba sobre todo ao pintor romántico Eugène Delacroix e, entre os artistas máis xoves, a Gustave Courbet e a Édouard Manet, que expoñían obras que a maioría dos seus contemporáneos achaban chocantes tanto polo seu estilo como pola súa temática.
Moitas das primeiras obras de Cézanne estaban pintadas con pigmentos mestos e en tons escuros que lembraban o expresionismo romántico e melancólico de xeracións anteriores. Así a todo, ao igual ca Zola no seu empeño por desenvolver unha narrativa realista, tamén Cézanne manifestou un interese progresivo na representación da vida contemporánea: quería pintar o mundo tal e como se presentaba ante os seus ollos, sen se preocupar de idealizacións temáticas ou afectación no estilo.
Sentíndose incapaz de pintar, regresou a Aix e aceptou un emprego no banco de seu pai, pero en 1862 decidiu volver a París para se consagraren definitivamente á pintura. Alí retomou a súa amizade con Zola e continuou os seus estudos na Academia Suíza, onde coñeceu a Armand Guillaumin e a Camille Pissarro, pintor maior ca el aínda que pouco recoñecido, que vivía coa súa numerosa familia nunha zona rural nos arrabais de París. Grazas ao contacto co derradeiro, Cézanne daría un xiro radical no seu estilo, desvencellándose de toda norma académica e da paleta sombría e fortemente empastada que o caracterizaba.
Pissarro non só proporcionou ao inseguro Cézanne o apoio moral que precisaba senón que o introduciu na nova técnica impresionista para conseguir os efectos da luz natural.
Xunto con Claude Monet, Pierre-Auguste Renoir e uns poucos pintores máis, había un estilo para traballar ao aire libre (en plein air) de forma rápida e a escala reducida, que consistía en utilizar pequenos toques de cores puras, sen recorrer a bosquexos preliminares nin a debuxos. Pretendían atrapar dese modo os efectos lumínicos fugaces así como a súa interpretación visual, tamén efémera, da natureza. Baixo a tutela de Pissarro, no curto período comprendido entre 1872 e 1873, Cézanne pasou dos tons escuros ás cores rechamantes e comezou a se concentrar en escenas da vida rural.
Aínda que asemellaba posuír menos dominio técnico cós outros impresionistas, Cézanne foi aceptado dentro do grupo e expuxo con eles en 1874 e 1877. En xeral, os impresionistas contaban cun éxito comercial limitado, e as obras de Cézanne tiveron a acollida máis desfavorable por parte da crítica. Distanciouse de moitos dos seus contactos parisienses a finais da década de 1870 e durante toda a década de 1880 pasou gran parte do tempo na súa Aix-en-Provence natal.
Provenza
editarCézanne pasou o ano 1878 no Mediodía, con Hortense Fiquet e mailo seu fillo Paul (1872—1947).[10] En marzo, o seu pai descubriu o asunto de Hortense e ameazouno con romper con el financeiramente, mais no mes de setembro, decidiu subirlle a asignación a 400 francos. Entre 1879-80 pasou parte do inverno en Melun, aproveitando para pintar a paisaxe cuberta de neve. Entre as obras mestras deste período está a vista da Ponte de Maincy.
En agosto de 1880 marchou a casa de Zola en Médan, nas beiras do río Sena onde coñeceu a Huysmans; aproveitou para pintar ao aire libre. O seu pai, debido á vida que levaba deixou de axudalo economicamente. En maio de 1881, coñeceu a Gauguin na casa de Pissarro en Pontoise; en outubro volveu a Aix, onde o seu pai Louis-Auguste fixéralle un obradoiro para que pintase en Jas de Bouffan.[8] Atopábase no andar superior da casa, proporcionóuselle unha grande fiestra, que permitía a entrada da luz do norte. A familia Cézanne fixo definitivamente o seu fogar en L'Estaque, e a partir de entón só en raras ocasións abandonou a Provenza. O traslado reflite unha nova independencia respecto aos impresionistas, centrados en París, e a preferencia do pintor polo sur, a súa terra nai.
En L'Estaque recibiu a visita de Renoir (1882), quen quedou abraiado coa beleza da paisaxe. Ese ano foi a única vez na que puido expor no Salón de París, grazas a intervención do seu amigo o artista Antoine Guillemet, Retrato de Louis-Auguste Cézanne, pai do artista, lendo 'l'Evénement', 1866 (National Gallery, Washington).[11] Sendo pouco o recoñecemento que obten pola crítica oficial. Naquel entón, deixou de traballar en estreita relación con Pissarro. Coñecera ao pintor Monticelli en Marsella na década de 1860, e entre 1878 e 1884 os dous artistas a míudo pintaron paisaxes xuntos, percorrendo nunha ocasión durante un mes o campo de Aix. En 1883 morreu Manet, nova que afectou a Cézanne. En decembro reuníronse con el en L'Estaque, Monet e mais Renoir.
Ruptura con Zola e casamento
editarO ano 1886 foi crucial: casou con Hortense Fiquet e, no mes de outubro dese ano, morreu o seu pai. Este deixoulle en herdanza a leira que mercara en 1859. Cézanne tiña 47 anos de idade e por fin conseguira a independencia económica, grazas á grande herdanza que recibira,[6] aínda que seguiu mantendo o seu illamento social. Nese mesmo ano a súa amizade con Émile Zola queda esnaquizada, despois de que este usárao, en gran medida, como modelo para o artista fracasado e tráxico Claude Lantier, en A obra. Cézanne sentiu que a novela era indecorosa e constituía unha traizón por parte do seu amigo da xuventude, quen outrora fora o seu grande apoio durante moito tempo, polo que non volveron verse nunca máis.
En 1888 a familia instalouse na mansión de Jas de Bouffan. Actualmente o inmoble é propiedade da cidade, e atópase aberto ao público de xeito limitado. En 1889 expuxo A casa do aforcado na Exposición Universal.
Exposición con Les XX
editarAo ano seguinte, expón en Bruxelas con Les XX, un grupo de pintores moi activos.[8] Non obstante, o seu período idílico en Jas de Bouffan foi só temporal. Dende 1890 ata a súa morte, sucedéronse acontecementos perturbadores que fixérono illarse máis, adicándose en exclusiva á pintura. Entre 1887 e 1893, só recibe a visita duns poucos iniciados, como os marchantes de arte J. Tanguy e Ambroise Vollard.
En 1890 foi diagnosticado de diabetes, o que desestabilizou a súa personalidade ata o punto de afectar a súa relación con Hortense. Buscando unha reconciliación viaxou a Suíza, con Hortense e mailo seu fillo. Porén, Cézanne axiña volveu vivir na Provenza, marchando Hortense e o xove Paul a París. As necesidades financeiras obrigaron a Hortense a volver á Provenza instalándose nunha vivenda separada. Cézanne trasladouse entón coa súa nai e maila súa irmá.
En 1891 asumiu de novo o catolicismo, aínda que as imaxes relixiosas foron escasas na súa obra tardía. Cézanne sostiña que
Cando xulgo a arte, collo o meu cadro e o poño xunto a un obxecto obra de Deus coma unha árbore ou unha flor. Se desentoa, non é artePaul Cézanne[12]
Primeira exposición individual
editarEn 1895 celebrouse a súa primeira exposición individual, organizada por Ambroise Vollard, con 100 teas. Este marchante promocionou a obra de Cézanne con grande éxito durante os anos seguintes, logrando que subise a súa cotización, como se comproba ao ver os prezos das vendas Duret e Tanguy (1894)[8][13] e a venda Chocquet de 1899.[14]
En 1897 morreu a súa nai, o que lle permitiu reconciliarse coa súa muller. Vendeu Jas de Bouffan e alugou unha propiedade en Rue Boulegon, onde estableceu un obradoiro. Alugou tamén unha habitación no Château Noir, preto de Aix, onde prepara tamén un pequeno obradoiro. Pasou unha tempada en Le Tholonet, na ladeira da montaña Sainte-Victoire, facendo dela un obxecto da súa obra, o mesmo cá canteira de Bibémus.[8]
Homenaxe a Cézanne
editarAs súas pinturas fixéronse ben coñecidas e buscada e obtivo o respecto dunha nova xeración de pintores. Malia o crecente recoñecemento público e éxito financeiro, Cézanne prefiriu traballar no illamente artístico, normalmente pintando na Provenza. En 1900 tres dos seus lenzos incluíronse na Exposición Universal e trece nunha exposición organizada por Paul Cassirer en Berlín, ocasión na que a poeta Rainer Maria Rilke viu a súa obra por primeira vez.[8] En 1901 expón no Salón dos Independentes. Ese mesmo ano, Maurice Denis presenta o seu Homeaxe a Cézanne, cadro no que pode verse a un grupo de artistas (Redon, Vuillard, Bonnard e Denis) ao redor dun bodegón pintado por Cézanne e que fora propiedade de Gauguin.
Derradeiros anos
editarA relación entre Cézanne e maila súa muller seguiu sendo tormentosa. Necesitaba un lugar no que estar el só. En 1901 mercou algo de terra ao longo do Chemin des Lauves («Camiño de Lauves»), unha estrada illada no outeiro de Lauves, e encargou que lle fixesen alí un obradoiro (o atelier, actualmente aberto ao público), onde aínda pode verse o atrezzo das súas obras, tal e como as deixou. Dende alí vese a montaña Sainte-Victoire. Alí pintou ata a súa morte. Mentres tanto, en 1902, fixo un borrador de testamento excluíndo á súa dona da súa herdanza e deixándollo todo ao seu fillo. Aparentemente a relación estaba de novo rota; dise que ela queimou os recordos da súa nai.
En 1903 culmina o recoñecemento da súa obra, aparecendo en diversas exposicións. Así, o Salón de Outono expón 33 lenzos seus. Tamén inclúense obras de Cézanne na Secesión vienesa e na de Berlín.
Émile Bernard, que xa en 1892 dedicáralle un artigo a Cézanne, estivo traballando con el durante todo un mes en 1904.[8][15] Ese mesmo ano, o Salón de Outono adicoulle toda unha sala, con 30 cadros e dous debuxos. En 1905 Vollard presentou as acuarelas de Cézanne. Era xa un pintor de prestixio. Sucedíanse exposicións retrospectivas. Moitos pintores xoves viaxaron ata Aix-en-Provence para velo traballar e pedirlle consello durante os derradeiros anos da súa vida. Porén, tanto o seu estilo como as súas teorías continúan sendo misteriosas e crípticas; para uns era un pintor primitivo inxenuo e para outros un complicado mestre nos procedementos técnicos.
Períodos
editarDescribíronse varios períodos na vida e obra de Cézanne.[16]
O período escuro, París, 1861-1870
editarTrátase dun período caracterizado por cores escuras e un intenso eprego do negro, con pigmentos espesos, moi empastado. A súa obra difiere grandemente das súas anteriores acuarelas e bosquexos da École Spéciale de dessin de Aix-en-Provence en 1859, ou das súas obras posteriores. A miúdo úsanse para estas obras os termos antisocial ou violento, ou tamén eróticas ou macabras.[17] A súa temática é a figura na paisaxe e comprende moitas pinturas de grupos de figuras grandes e pesadas na paisaxe, pintadas imaxinativamente. A este período pertencen:
- O pai do artista (1860-1863), National Gallery de Londres.
- Copia por Cézanne no museo do Louvre de Comida en casa de Simón de Veronés 1860-1870
- Pans e ovos (1865), Museo de Arte de Cincinnati.
- Retrato do tío Dominique (1866), Museo Metropolitano de Arte, Nova York.
- O rapto (1867), Museo Fitzwilliam, Cambridge.
- Retrato de Achille Emperaire (1867-1868), Museo de Orsay, París.
- A orxía (1867-1872), colección particular.
- Reloxo de mármore negro (1869-1870), colección particular.
- Pastoral (1870), M.º de Orsay, París.
- O asasinato (h. 1870), Walker Art Gallery, Liverpool.
Período impresionista, Provenza e París, 1870-1878
editarCando Cézanne marchou a L'Estaque en 1870, mudou os seus temas para adicarse principalmente ao paisaxe. Ao instalarse en 1872, en Auvers (Val-d'Oise), comezou a súa estreita relación de traballo con Pissarro, quen vivía na próxima Pontoise. Xunto con Claude Monet, Pierre-Auguste Renoir e uns poucos pintores máis, Pissarro desenvolvera un estilo para traballar ao aire libre (en plein air) de forma rápida e a escala reducida, que consistía en empregar pequenos toques de cores puras, sen recorrer a bosquexos preliminares nin a debuxos. Pretendían atrapar dese xeito os efectos lumínicos fugaces así como a súa interpretación visual, tamén efémera, da natureza. Baixo a influencia de Pissarro, Cézanne comezou a abandonar as normas académicas e a paleta sombría e fortemente empastada que lle caracterizaba. Os seus lenzos fixéronse moito máis brillantes, con cores claras, elixindo as cores primarias e as súas complementarias, ademais de forzarlle a observar atentamente a realidade.[18].
- A casa do aforcado, 1872-73, M.º de Orsay, París.
- Vista de Auvers, h. 1873, Art Institute of Chicago.
- Unha moderna Olimpia, 1873-74, M.º de Orsay, París.
- Bañistas, 1874-1875, Museo Metropolitano de Arte, Nova York.
- Señora Cézanne na butaca vermella, 1877, Museum of Fine Arts de Boston.
- Natureza morta da sopera h. 1877, M.º de Orsay, París.
- Natureza morta do xarrón e das froitas, h. 1877, M.º Metropolitano de Arte, Nova York.
Período de madurez, Provenza, 1878-1890
editarCando Cézanne fixou a súa residencia definitivamente na Provenza, a comezos da década de 1880, independizouse dos impresionistas, centrados en París, e demostrou a súa preferencia polo sur, o seu país natal e a súa paisaxe. O illamento e a concentración, así como a singularidade da súa procura, poderían sinalarse como os responsables da incrible evolución que sufriu o seu estilo durante as décadas de 1880 e 1890. O irmán de Hortense tiña unha casa dende a que se vía a montaña Sainte-Victoire en Estaque. Unha serie de pinturas desta montaña de 1880-1883 e outras de Gardanne de 1885-1888, ás veces son coñecidas como o «Período construtivo». De 1888 a 1890 interesouse pola figura humana, pintando unha serie de cadros con personaxes da Comedia da arte, pasando, a partir de 1890, a outra serie sobre Xogadores de cartas, posiblemente inspirado pola obra sobre o mesmo tema de Louis Le Nain.
- A ponte de Maincy (1879-1880), M.º de Orsay, París.
- Tres bañistas (1879-1882), Museo do Petit Palais, París.
- Rocas en L'Estaque (1882-1885), Museo de Arte de Sao Paulo.
- A montaña de Sainte Victoire (1885-1887), M.º Metropolitano de Arte, Nova York.
- Vista do pobo de Gardanne (1886), Barnes Foundation, Merion.
- Martes de carnaval (1888), Museo Pushkin, Moscova.
- Arlequín (1889-1890), Galería Nacional de Arte (Washington).
Período final, Provenza, 1890-1905
editarEn 1895 fixo unha visita xerminal ás canteiras de Bibémus e ascendeu a montaña Sainte-Victoire. A paisaxe labiríntica das canteiras deberon impresionarlle particularmente, pois alugou unha cabana alí en 1897. Crese que estas formas inspiraron o estilo cubista en embrión. Cézanne concentrouse nuns poucos xéneros, nos que era hábil por igual: os bodegóns, retratos (e autorretratos), paisaxes e estudos de bañistas (espidos na paisaxe). Respecto ao último, Cézanne viuse obrigado a debuxar a partir da súa imaxinación, debido á falta de modelos espidos dispoñibles. Como as súas paisaxes, os seus retratos pintábanse a partir do que era familiar, de maneira que non só a súa dona e fillo, senón tamén campesiños locais, pícaros, e o seu marchante, serviron de modelos.
Cézanne continuou pintando directamente do natural con cores rachamantes de tipo impresionista, pero foi simplificando de modo gradual a aplicación da pintura ata o punto de que parecía lograr expresar o volume con só unhas cantas pinceladas de cor xuxtapostas. Máis adiante os expertos chegarían a afirmar que Cézanne descubrira un modo de representar tanto a luz como as formas da natureza simplemente mediante a cor. Parecía reintroducir unha estrutura formal que os impresionistas abandonaran, sen sacrificar por iso a sensación e vivacidade lumínica lograda por eles. O propio Cézanne falaba de modular a cor no canto de modelar o clarescuro da pintura tradicional. Con iso referíase a que suplantaba as convencións artificiais de representación (modelar) por un sistema máis expresivo (modular) que se achaba aínda máis próximo á natureza ou, como dicía o propio artista, "paralelo á natureza". Para Cézanne a solución a todos os problemas técnicos do impresionismo radicaba en empregar a cor dun xeito máis ordenado e expresivo que o dos seus compañeiros impresionistas.
Cézanne consideraba que nunca chegaba a acadar plenamente o seu obxectivo, polo que deixou a maior parte das súas obras sen acabar e destruíu moitas outras. Laiábase do seu fracaso á hora de representar a figura humana e, efectivamente, as grandes obras con figuras humanas dos seus últimos anos revelan unhas distorsións curiosas que parecen ditadas polo rigor do sistema de modulación cromática que el mesmo impuxo sobre as súas propias representacións. Exemplo diso son toda a serie de pinturas adicadas ao tema dos e as bañistas.
- Os xogadores de naipes (Les Joueurs de cartes) (1890-1892), M.º de Orsay, París
- Muller con cafeteira (La Femme à la cafetière) (h. 1890-1895), M.º de Orsay, París
- Natureza morta con mazás e laranxas (h. 1895-1900), M.º de Orsay, París
- Natureza morta con cebolas (h. 1895-1900), M.º de Orsay, París
- A montaña de Sainte-Victoire, vista dende Bibémus (h. 1898-1900), Museo de Arte de Baltimore
- As grandes bañistas (1904-1906), National Gallery, Londres
- A Montagne Sainte-Victoire et le Château Noir, (1904-1906)
- Campesiño sentado, Museo Thyssen-Bornemisza, Madrid
- As grandes bañistas (1906), Philadelphia Museum of Art, Filadelfia
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Brion, Marcel (1974). Cézanne, Thames e Hudson. ISBN 0-500-86004-1
- Cézanne, Paul; John Rewald, Emile Zola, e Marguerite Kay. Paul Cézanne, letters. B. Cassirer. ISBN 0-87817-276-9
- Chun, Young-Paik (2006), "Melancholia and Cézanne's Portraits: Faces beyond the mirror". En: Griselda Pollock (ed.), Psychoanalysis and the Image. Londres: Routledge. ISBN 1-4051-3463-5
- Gowing, Lawrence, con Adriani, Götz; Krumrine, Mary Louise; Lewis, Mary Tompkins; Patin, Sylvie; Rewald, John (1988). Cezanne: The Early Years 1859-1872. Nova York: Harry N. Abrams.
- Klingsor, Tristan (1923). Cézanne. París: Rieder.
- Lindsay, Jack. Cézanne; his life and art. EUA: New York Graphic Society. ISBN 0-8212-0340-1
- Machotka, Pavel. Cézanne: Landscape into Art. United States: Yale University Press. ISBN 0-300-06701-1
- Pissarro, Joachim (2005). Cézanne & Pissarro Pioneering Modern Painting: 1865-1885. The Museum of Modern Art. ISBN 0-87070-184-3
- Vollard, Ambroise. Cézanne. England: Courier Dover Publications. ISBN 0-486-24729-5
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 J. Lindsay Cezanne; his life and art, p. 6.
- ↑ J. Lindsay Cezanne; his life and art, p.3.
- ↑ 3,0 3,1 "Louis Auguste Cézanne e Anne Elisabeth Aubert". Consultado o 20-3-2010.
- ↑ 4,0 4,1 A. Vollard First Impressions, p.16
- ↑ 5,0 5,1 A. Vollard, First Impressions, p.14
- ↑ 6,0 6,1 Biography.com. "Paul Cézanne Biography (1839-1906)". Arquivado dende o orixinal o 30-09-2007. Consultado o 17-02-2007.
- ↑ J. Lindsay Cezanne; his life and art, p.12
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 «La vida y el arte», pp. 27-70, en "Cézanne", Los grandes genios del arte, n.º 19, Eileen Romano (dir.), Unidad Editorial, S.A., 2005, ISBN 84-89780-71-4
- ↑ P. Cézanne Paul Cézanne, letters, p.10
- ↑ [1]
- ↑ Gowing, 1988, p. 110
- ↑ ThinkExist.com Quotations. "Paul Cezanne quotes". Arquivado dende o orixinal o 10-09-2015. Consultado o 17-02-2007.
- ↑ A venda Tanguy foi a poxa dos cadros que conservaba na súa tenda o "tío" Tanguy, entre os que atopábanse numerosos Cézanne que se venderon con prezos entre 45 e 215 francos.
- ↑ A venda Chocquet produciuse trala morte en 1899 da dona de Chocquet, o que deu lugar á venda da súa colección de arte.
- ↑ Da relación entre É. Bernard e Cézanne queda un libro, Unha conversa con Cézanne, na que se expon as ideas do pintor respecto ao seu traballo.
- ↑ Aquí séguese, esencialmente, a orde da Enciclopedia Británica. Menciónanse algúns nomes alternativos. Globalmente as diferentes clasificacións tenden a coincidir.
- ↑ Algúns prefiren chamalo «Período romántico», pero Cézanne non estaba ante todo interesado no Romanticismo. O termo refírese aquí a unha disposición persoal, máis que a unha conexión con ese movemento histórico.
- ↑ O seu tema favorito son as paisaxes. Traballou a partir da observación directa e gradualmente desenvolveu un estilo de pintura aéreo e lixeiro
Ligazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Paul Cézanne |
- Pinturas de Paul Cezanne
- National Gallery of Art, Cézanne na Provenza
- Cézanne no WebMuseum
- Obradoiro de Paul Cezanne
- The Murder c. 1867
- Ecole Spéciale de dessin Primeiros traballos de Cézanne
- Mapa de Jas de Bouffan
- The Bather na MoMA Online Collection
- smARThistory: Still Life with Apples, 1895-98 Arquivado 01 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
- www.paul-cezanne.org Arquivado 12 de novembro de 2020 en Wayback Machine. - 500 de traballos de Paul Cézanne