A acuarela é unha técnica pictórica sobre papel ou cartón que emprega cores en po preparadas con goma soluble na auga. Ó diluírse na auga obtense unha solución transparente que se aplica por capas sobre papel branco ou de cor. As cores utilizadas son transparentes (segundo a cantidade de auga na mestura) e ás veces deixan ver o fondo do papel (branco), que actúa como outro verdadeiro ton. Componse de pigmentos aglutinados con goma arábiga ou mel. Nos seus procedementos emprégase a pintura por capas transparentes, a fin de lograr maior brillantez e soltura na composición que se está realizando.

Acuarelas

Un dos acuarelistas máis famosos é Joseph Mallord William Turner (1775-1850), que foi precursor das técnicas que posteriormente desenvolverían as vangardas. Os seus cadros reflicten magnificamente a luz e o movemento.

Tamén se denomina acuarela a obra executada con esta técnica ou a pintura utilizada nestas obras.