Francisco Asorey
Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889[1] e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado un dos renovadores da arte galega, e por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres.
Francisco Asorey será homenaxeado no Día das Artes Galegas de 2024.[2]
Traxectoria
editarNado en Fefiñáns, na mesma localidade onde nacera 13 anos antes Ramón Cabanillas, na casa onde a súa familia tiña o seu negocio de teas localizada na rúa que daquela se chamaba Rúa do Sol e actualmente coñecida como Praza de Francisco Asorey. A casa familiar foi vendida por mor das débedas no ano 1895. Estudou no colexio dos Salesianos en Sarrià (Barcelona) e logo foi profesor de debuxo na escola que tiñan en Barakaldo (Biscaia). Despois viviu uns anos en Madrid, onde entra en contacto co ambiente artístico da capital, que non lle agrada moito, alí coñece e fai moita amizade co pintor Julio Romero de Torres e empeza os seus primeiros traballos artísticos de relevancia.
En 1918 gaña por oposición a praza de escultor anatómico da facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cidade á que se traslada definitivamente a vivir. Alí casa con Jesusa Ferreiro na década de 1920 e monta un taller de escultura na rúa Caramoniña (xunto ao convento de San Domingos de Bonaval). Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas Picariña, Naiciña, O Tesouro, Ofrenda a San Ramón, A Santa e San Francisco (1ª medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid).
Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Alí fixo os grandes monumentos de Loriga, Curros Enríquez, Virxe de Tanxil... A represión da guerra civil lévalle a moitos dos seus amigos (como Camilo Díaz Baliño) e el vive eses anos nun plano discreto; adáptase á nova situación e segue traballando, facendo en moitos casos obras para as autoridades franquistas co vocabulario propagandístico que se lle esixe pero tamén afronta encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.
En 1957 foi nomeado académico de honra da Real Academia Galega.[4].
Obra (selección)
editar- Monumento funerario da familia Gil-Sarabia (1922). Cemiterio de Pereiró de Vigo.
- Naiciña (1922). Rosario, Arxentina.
- O tesouro (1924). Familia Luca de Tena, Madrid.
- Monumento a José F. Soage Villarino (1925). Alameda de Cangas.
- Monumento a Vicente Carnota (1925). Parque Félix Rodríguez de la Fuente de Ordes.
- Monumento ó doutor Maximino Rodríguez Fornos (1925). Mondariz.
- A Santa (1926). Centro Gallego de Montevideo.
- San Francisco (1926). Museo Provincial de Lugo.
- Monumento a García Barbón (1927). Vigo.
- Monumento a Eduardo Cabello (1928). Bouzas, Vigo.
- Monumento a San Francisco (1926-1930). Santiago de Compostela.
- Monumento ao aviador Joaquín Loriga. Lalín (1933).
- Monumento a Curros Enríquez (1934). Xardíns de Méndez Núñez da Coruña.
- Altar do Panteón do Centro Galego de Bos Aires (1944). Cemiterio da Chacarita de Bos Aires.
- Monumento ao Sagrado Corazón (1945). Parque de Maráns de Cuntis.
- Monumento a Manuel Barreiro Cabanelas (1946). Hospital Provincial de Pontevedra.
- Monumento ao Padre Feijóo (1947). Mosteiro de Samos.
- Monumento a Manolo Quiroga (1949) Xardíns de San Fernando de Pontevedra.
- Monumento aos Caídos (1951). Parque de San Lázaro de Ourense.
- Monumento aos mortos na Guerra de África (1951). Praza de Galicia de Ferrol.
- Cristo da Igrexa de Santa María (1952). Moià (Barcelona)
- Monumento funerario a Cesáreo Corbal (1953). Cemiterio de Pereiró.
- Monumento ao alcalde López Pérez (1958). Lugo.
- Monumento a Guillermo Álvarez Pérez (1959). Cortegada.
- Monumento a Ramón Cabanillas (1960). Paseo da Calzada de Cambados.
- Monumento a Ramón María Aller (1960). Praza da Igrexa de Lalín.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Francisco Asorey.
-
Casa natal, Cambados.
-
Representación do pobo galego no monumento a Curros Enríquez na Coruña.
-
Praza de Francisco Asorey, Cambados. Aparece a réplica de "Naiciña" feita polo seu discípulo, Xosé Cao Lata.
-
Monumento a Eduardo Cabello en Bouzas, Vigo.
-
A García Barbón, en Vigo.
-
Monumento a Cabanelas, Pontevedra.
-
Busto do violinista Manuel Quiroga, Pontevedra.
-
Monumento a San Francisco en Santiago.
Notas
editar- ↑ "Partida de nacemento". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2013. Consultado o 23 de abril de 2013.
- ↑ "O Día das Artes Galegas 2024 será para Francisco Asorey". Galicia Confidencial. Consultado o 2023-07-04.
- ↑ Imaxe publicada na revista Vida Gallega, 1914.
- ↑ "Membros de honra". Real Academia Galega.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Francisco Asorey |
Bibliografía
editar- Iglesias Baldonedo, Isabel (2015). Asorey, escultor galego (PDF). Universidade de Santiago de Compostela. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de agosto de 2016. Consultado o 14 de xullo de 2016.
- Rábade, X. et al. (2005). "Asorey González, Francisco". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Ramón Otero Túñez (1959). El escultor Francisco Asorey. Santiago de Compostela. Universidad de Santiago.
- Varios (1989). Centenario Francisco Asorey. Santiago de Compostela. Museo do Pobo Galego. ISBN 84-600-7304-1.
- Vázquez Xil, Lalo (1998). Historia dos Monumentos de Vigo. Vigo: Concello de Vigo, Concellería de Cultura, Educación e Muller. ISBN 8487636248.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Páxina da Fundación Asorey
- Francisco Asorey Galicia no tempo (15/07/1991) da TVG.