Bouzas, Vigo

parroquia civil do concello de Vigo

San Miguel de Bouzas é unha parroquia do concello de Vigo. A súa superficie é de 0,25 km² (sen contar os recheos portuarios)[2] e limita coas parroquias de Alcabre e Coia e a cidade de Vigo. Pertence ó arciprestado de Vigo-Fragoso[3]. Bouzas foi un concello independente ata 1904.

Bouzas
Cruceiro Vello de Bouzas
ConcelloVigo[1]
ProvinciaPontevedra
Coordenadas42°13′34″N 8°45′12″O / 42.226208387938, -8.7534637940555
Área0,25 km²
Poboación5.682 hab. (2020)
Densidade22.728 hab./km²
Entidades de poboación1[1]
editar datos en Wikidata ]

O IGE[4] non inclúe esta parroquia nos seus datos censuais, senón que queda incluída dentro da entidade singular de Vigo. En 2020, tiña 5.682 veciños, 2.772 homes e 2.910 mulleres.[5] Segundo o Nomenclátor de Galicia, está constituída por unha entidade, Bouzas.[6]

Descrición

editar

Constituíuse como parroquia en 1574 ao se segregar de Coia.[7] A igrexa de San Miguel foi construída encol dunha rocha no século XVI e reedificada no XVII. Foi o corazón mariñeiro de Vigo. No 1501 o bispo de Tui concedeulle o dereito de ter alfolín (depósito de sal e de carga e descarga de mercadorías). Segundo algúns historiadores, o cruceiro vello (reconstruído no 1802) marca o lugar onde naceu a vila. Consérvanse numerosas casas nobres, que reflicten a puxanza de Bouzas no pasado.

 
Instalacións de Freire.

Actividade industrial

editar
 
Instituto de Investigacións Mariñas.

No antigo areal de Bouzas a Coia situáronse as antigas carpinterías de ribeira, como a de Manuel Iglesias Boente, onde se armou o primeiro barco a vapor feito na vila en 1890. As carpinterías de ribeira transformáronse logo de 1879 nos estaleiros. No ano 2013 están en activo as seguintes: Lagos,[8] Freire, Armada, Cardama, Armón e Barreras (por orde de situación na rúa Beiramar).

Na parroquia sitúanse o Liceo Marítimo de Bouzas, o Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Tecnolóxico do Mar e o IES Audiovisual de Vigo (EAV).

Patrimonio arquitectónico e escultórico

editar

Bouzas conta cun patrimonio arquitectónico rico e non sempre ben conservado ao longo do tempo. Os principais materiais empregados son os tradicionais: granito, madeira e, desde a introdución de elementos de forxa nas vivendas, o ferro. As fachadas en pedra de estilo ecléctico adoitan ter ornamentación de tipo vienés, o que permite comprobar o bo traballo dos canteiros e carpinteiros. As galerías e balcóns das casas, alén de empregar o granito adoitaron empregar a madeira, que foi substituída a partir do s. XIX polo ferro, que procedía en moitos casos da forxa "La Industriosa" de Antonio Sanjurjo Badía e da fundición de Joaquín Fernández de Lema. Alén das construcións tradicionais, a partir do século XIX, cadrando co pulo da economía pesqueira e o desenvolvemento urbanístico de Bouzas comezan a aparecer vivendas urbanas.

Abunda o chamado estilo ecléctico no XIX e comezos do XX, cun tratamento de fachadas nas que se mostra o saber dos canteiros con adornos nos que hai chiscadelas* ao modernismo vienés, como se comproba nas obras de Jenaro de la Fuente. Seguiulle o estilo rexionalista, de inspiración nacionalista, no que se combinan motivos tirados da arquitectura tradicional popular, da arquitectura dos pazos e das grandes construcións barrocas. Este estilo foi habitual nas décadas de 1920 a 1940 nos edificios deseñados polos grandes arquitectos Gómez Román e o seu discípulo Antonio Cominges. Apenas hai dous edificios de estilo racionalista do arquitecto Castro Represas.[9][10]

 
Igrexa de San Miguel.

Arquitectura tradicional e sen autor coñecido

editar
 
Capela do Carme.
  • Igrexa de San Miguel: as obras comezan no século XVI e remata en 1625. Estrutura en planta basilical con ábsidas. Na fachada norte está o escudo dos Correa, privilexio concedido a Álvaro Correa, o capitán que defendeu Bouzas do corsario Francis Drake no s. XVI; este escudo de armas é tamén o escudo da Vila de Bouzas. O adro estaba exposto ao mar ata que en 1834 Pedro del Pazo Troncoso, un boucense que vivía en Veracruz, fixo unha doazón para construír un muro de pedra que protexese o adro e o cemiterio.
  • Casa do patín, na rúa San Miguel: vivenda particular feita con perpiaños, madeira e tellado a dúas augas en tella do país rematada en 1639. Ten soportais no baixo e solaina enriba.
  • Pazo dos Lira, na rúa dos Ferreiros núm. 29: estivo deshabitada entre o s. XVII e o s. XIX, logo pasou ao escribán de Ponteareas, José Araújo Troncoso de Lira. O seu fillo, Juan Araújo e Alcalde, rehabilitou o pazo en estilo ecléctico e mais a Capela do Carme, anexa. Nun cadeirado do interior aparece a inscrición "VAL VAL MI S.P. MI S.P.", que significaría "Valme, valme mi santa patrona Stella Maris", locución que Diego de Lira fai inscribir no seu brasón.
  • Casa tradicional na rúa do Pazo núm. 10, datada en 1737: orixinariamente respondía ao modelo de casa con patín. Viuse moi alterada pola especulación urbanística de comezos do século XXI e a construción de novas vivendas.
  • Casa tradicional na rúa Santa Ana, oculta polos núm. 4 a 8: responde ao modelo casa de patín.
  • Fábrica de salga, tamén chamada fabriquín da familia Pinal, no Paseo Valentín Paz Andrade. Tiña a estrutura típica dos almacéns de salgadura: a chanca, o claro e o morto.
  • Concello de Bouzas, na rúa do Pazo, núm. 2: o edificio foi unha doazón de Pedro del Pazo Troncoso. No interior consérvase o escudo en pedra da familia Cabral, procedente, á súa vez, do Pazo de Guiance, que estivo situado entre a actual rúa dos Ferreiros e a Alameda. Foi o derradeiro edificio que ocupou o consistorio antes da anexión ao Concello de Vigo. A partir de 1915 foi a sede da Sección Naval de Juventudes, os "Flechas", e na actualidade acolle a Asociación Veciñal Dr. José Casás.
  • Casas terreas, na rúa Sebastián Elcano. Vivendas de mariñeiros con trazado cuadrangular.
  • Casa na rúa do Pazo núm. 5, dos irmáns Camilo, Luis e Justo Fernández Fandiño.
  • Casa do pincho, na rúa Covadonga núm. 46, con muro exterior para protexer a vivenda da area da antiga praia de Figueiras.
 
Mercado.

De Jenaro de la Fuente Domínguez

editar

O mestre de obras Jenaro de la Fuente é autor de boa parte do patrimonio arquitectónico máis sobranceiro de Bouzas.

 
Pérgola de Jenaro de la Fuente Domínguez.
  • Mercado de Bouzas: proxecto de 1902 e execución en 1920. Constrúese ao mesmo tempo que os mercados da Laxe e do Progreso, mais o de Bouzas é o único que se conserva. Trátase dun edificio exento en estilo pintoresco de influencia inglesa (volumes partidos, grandes beirís). Situouse sobre unha duna, diante do secadoiro de redes e a carón da fábrica de conservas Barreras.
  • Pérgola: esta peza foi concibida en 1927 para o xardín da Praza de Portugal, en estilo rexionalista neobarroco. Estivo alí ata a construción dun aparcadoiro subterráneo. Logo de pasar un tempo no depósito municipal, levouse para Bouzas, no lugar que ocupaba un parque infantil con gran farol de forxa deseñado polo mesmo arquitecto, Jenaro de la Fuente. Esta nova localización resultou moi polémica xa que non respondía ao deseño de espazo axardinado ideado polo arquitecto, tapa un conxunto de edificios de interese, a súa fronte só se pode apreciar desde a rúa, e a súa traseira converteuse nunha zona degradada onde se sitúan colectores de lixo e aparcan os coches.
  • Edificio de vivendas na rúa do Pazo núm. 4, promovido por Baltasar Gestoso Pujales. Datado en 1905, ten estilo ecléctico e profusión ornamental na fachada.
  • Edificio de vivendas na rúa do Santo Cristo núm. 2, promovido polo armador Manuel Pujales Mera e atribuído a Jenaro de la Fuente. Edificio con baixo e dous andares en estilo ecléctico, ten portas con motivo xeométrico achegado ao modernismo vienés e balcóns con ferro.
  • Edificio de vivendas na rúa Paulino Freire núm. 21 e 25, promovido por Cristóbal Linares Esquerdo, propietario dunha tenda de efectos navais.
  • Edificio de vivendas na rúa Covadonga núm. 6, promovido por Benigno Rodal. En estilo ecléctico.
  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso núm. 295, promovido polo armador Benigno Montenegro Feijoo. En estilo ecléctico con varandas e miradoiros en pedra.
  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso núm. 229, promovido por Purificación Costas Rouco, de familia de armadores, atribuído a Jenaro de la Fuente. En estilo ecléctico, na fachada emprega, ademais dos materiais habituais, vidro e cerámica.
  • Chalé na rúa Tomás A. Alonso núm. 239, promovido polo dono do Estaleiro Cardama, Francisco Cardama Godoy. Feito en estilo ecléctico, ten unha torre, beiril de tripla fila en tella árabe e combina na fachada o granito cos panos brancos.
 
Bernardo Alfageme.

De Manuel Gómez Román

editar

Manuel Gómez Román, arquitecto nacionalista, é autor dos edificios do chamado estilo rexionalista máis destacados do patrimonio de Bouzas.

  • Fábrica de Conservas Alfageme. Estrutura de tres naves, con amplos ventanais para asegurar a iluminación. Conta con dúas fachadas de granito: nunha delas construíuse a rente ao mar para desembarcar directamente o peixe, por iso o acceso é por ramplas, mentres que pola fachada sur, que dá á rúa Tomás Alonso, accedían as persoas e saía a conserva manufacturada. Construíuse en 1928-1929, promovida por Bernardo Alfageme, sobre os terreos do campo de fútbol do Real Club Fortuna de Vigo.
  • Casa na rúa do Pazo núm. 8, promovida polo armador Manuel Plana. O petador reproduce o emblema dos Plana: dúas agullas de coser e as redes en forma de aspa.
  • Edificio de vivendas na Alameda esquina rúa Pescadores, promovida polo armador Antonio Ruíz en 1940. A fachada principal sitúase na esquina en chafrán, mestura elementos do barroco compostelán reinterpretados. Edificio asimétrico que abre vans no bloque que dá á Alameda.
  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso esquina rúa Pescadores, promovido por Engracia Mera González, de familia de armadores.
  • Edificio de vivendas na rúa Eduardo Cabello núm. 42. Consta de dúas plantas mais baixo de estilo rexionalista. A fachada redondeada e os balaústres da terraza lembran a feitura dun barco. Os promotores foron os armadores Emilio e José Ruíz González nos terreos nos que se situaba a antiga fábrica de conservas Barreras.
  • Vila Asunción, na rúa Tomás A. Alonso núm. 307, promovida polo armador Antonio Freire en 1941. Estilo rexionalista cun torreón na parte central de influencia cántabra. Ten un singular traballo de forxa nas reixas e porta principal.
  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso núm. 42. Constrúese en dúas xeiras, a primeira foi promovida pola armadora Inocencia Barreiro Costas e a segunda, once anos despois, polo seu fillo Juan Rodal Barreiro. Estilo rexionalista sen ornamentación.

De Antonio Cominges Tapias

editar

O arquitecto rexionalista Antonio Cominges Tapias, discípulo de Gómez Román, non ten moita obra en Bouzas, porén deseñou edificios moi singulares:

  • Fogar e clínica de San Rafael, na rúa San Xoán de Deus, proxectado en 1935 para a Orde Hospitalaria de San Xoán de Deus, para as funcións de residencia e hospital de nenos pobres e mancados.

Presenta unha planta en H, con catro corpos torreados. Todo o edificio amosa un rexionalismo maduro e sobrio. No tratamento rústico do material percíbese a influencia de Antonio Palacios, mentres que nos volumes e combinación de granito e revocaduras brancas existe unha aproximación a Gómez Román. Na fronte das macizas torres inclúe un miradoiro curvo que contribúe a aumentar a silueta movida e quebrada característica do rexionalismo. (Pérez e De Frutos, 2013: 100)

  • Chalé na rúa Tomás A. Alonso núm. 233-237, proxecto de 1936.
  • Chalé na rúa Tomás A. Alonso núm. 241-243, proxecto de 1938.
  • Chalé na rúa Paulino Freire núm. 28, promovida polo armador Saladino Larrán no ano 1942.
 
Festas de Bouzas.

De Francisco Castro Represas

editar

O arquitecto Francisco Castro Represas deseña os seus primeiros traballos en Bouzas no estilo racionalista. O radical cambio de estilo, primeiro ao clasicismo, cos edificios de vivendas na rúa Tomás Alonso 224 e 294, e logo ao estilo rexionalista, permite seguir a viraxe estética que se produce na arquitectura boucense na posguerra.

  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso núm. 294, promovido polo armador Feliciano Fernández Feijoo en 1940. Estilo racionalista-decó, que marca os volumes, construído en formigón, nos interiores, e pedra, na fachada.
  • Edificio de vivendas na rúa Pescadores núm. 2 esquina Covadonga, promovido polo armador Manuel Gestoso Costas en 1940. Estilo racionalista que aproveita os materiais tradicionais, sobre todo o granito, e os saberes de construción dos canteiros. Ten un corpo principal moi marcado e un chafrán expresionista.
  • Edificio de vivendas, na rúa Camilo Veiga núm. 26, promovido polo armador Octavio Márquez en 1940. Ten un chafrán redondeado e unha varanda singular.
  • Edificio de vivendas na rúa Tomás A. Alonso núm. 224, promovido polo ebanista Miguel Seijo Serodio, en 1943, en estilo clasicista, con balaústres e columnas en granito e bufarda con púlpito.
  • Vila Paulina, na Avenida Atlántida núm. 9, chalé promovido por Manuel Losada. Edificio de dous andares con escaleira e miradoiros que aproveita o desnivel do terreo en estilo rexionalista.
  • Casa con xardín, na rúa Simancas núm. 32, feita en estilo rexionalista.
  • Vila Maricha, na rúa José de la Peña núm. 5, chalé atribuído a Castro Represas, en estilo rexionalista.

De Enrique Álvarez Sala e Morís

editar

O arquitecto Enrique Álvarez Sala e Morís traballou ocasionalmente en Bouzas mais é autor dun edificio singular.

  • Casa reitoral. Consta de andar e baixo con oito soportais e beiril de tripla tella. Foi construída en 1946 en estilo rexionalista por achegas populares. Situouse no lugar onde estivera o antigo concello de Bouzas, reconvertido posteriormente en escola para nenos.
 
Esculturas de José Saramago e Cunqueiro, obra de Buciños.

Escultura no espazo público

editar

Non abunda a escultura exenta nos espazos públicos nin como ornamento exterior nas vivendas. Entre o patrimonio máis destacado están as obras seguintes:

  • Cruceiro, na rúa do Cruceiro Vello, situado no barrio mariñeiro máis antigo de Bouzas e preto da ermida de San Miguel, perdida. Por unha banda representa a crucifixión e por outra a coroación da Virxe María, que aparece en posición orante e con dous anxos, un a soster a coroa e outro os pés. O cruceiro foi destruído por Drake e refíxose en 1802 financiado polo carniceiro Tomás de Carramal e a súa dona, Antonia Troncoso.
  • Cruceiro, no cemiterio de San Miguel de Bouzas. Procede do antigo cemiterio de Bouzas. Está chantado en dous chanzos hexagonais. Sobre capitel en estilo xónico con querubín, por unha banda representa a crucifixión e por outra a Virxe das Dores. Ao pé do cruceiro hai un pousadoiro para depositar os cadaleitos.[11]
  • Maternidade, na rúa Simancas con Beiramar. Escultura exenta de Camilo Nogueira.
  • Grupo escultórico na rúa Johán Carballeira que representa un encontro imaxinario entre os escritores Valle-Inclán, Saramago, Otero Pedrayo e Cunqueiro. Escultura exenta de Manuel García, coñecido como Buciños.

Galería de imaxes

editar
 
Panorámica nocturna de Bouzas.

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Bouzas

editar
Lugares da parroquia de Bouzas no concello de Vigo (Pontevedra)

Bouzas

Parroquias de Vigo

editar
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Vigo

Alcabre (Santa Baia) | Beade (Santo Estevo) | Bembrive (Santiago) | Bouzas (San Miguel) | Cabral (Santa Mariña) | Candeán (San Cristovo) | Castrelos (Santa María) | Cíes | Coia (San Martiño) | Santo André de Comesaña (Santo André) | Coruxo (San Salvador) | A Florida (Santo Antonio) | Freixeiro (San Tomé) | Lavadores (Santa Cristina) | Matamá (San Pedro) | Navia (San Paio) | Oia (San Miguel) | Saiáns (San Xurxo) | San Paio (San Paio de Fóra) | Sárdoma (San Pedro) | Teis (San Salvador) | Valadares (Santo André) | Vigo | Zamáns (San Mamede)

  1. 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
  2. Sestay Martínez, Iván (2016). "A recollida de microtoponimia na zona (peri)urbana de Vigo". Estudos de Onomástica Galega. Microtoponimia: experiencias de recolla, didáctica e codificación. Sección de Lingua / Seminario de Onomástica. A Coruña: Real Academia Galega. pp. 49–64, en 54–55. ISBN 978-84-946005-2-4. 
  3. "VIGO-FRAGOSO archivos". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2023-09-12. 
  4. "Nomenclátor estatístico de Galicia". www.ige.gal. Consultado o 2023-09-07. 
  5. Atlántico. "Bouzas y Coia pierden vecinos y vuelven a sus cifras de 2000". Atlántico (en castelán). Consultado o 24 de agosto de 2020. 
  6. "Nomenclátor - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2023-09-12. 
  7. Fernández Fandiño, Justo (2002). "Su Historia". Vila de Bouzas (en castelán). 
  8. A carpintería de ribeira Lagos fundouna Alfredo Lagos Carsi en 1915 en Vigo. Pasa por diferentes localizacións ata que en 1944 se instala en Bouzas.
  9. Se non se indica outra cousa, a información sobre o patrimonio procede de Pérez e De Frutos (2013).
  10. Pérez Leirós, Puri; De Frutos Martínez, Elena (2013). Bouzas olladas salgadas (1ª ed ed.). [Bouzas, Pontevedra]: Asociación de Mullleres de Bouzas "Praia do Adro". ISBN 9788461660094. OCLC 870102694. 
  11. "Cruceiro do cemiterio de San Miguel de Bouzas". Patrimonio Galego. Consultado o 2018-08-02. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar