Mosteiro de San Xulián de Samos

edificio relixioso en Samos
(Redirección desde «Mosteiro de Samos»)

O mosteiro de San Xulián de Samos, tamén mosteiro de San Xiao de Samos,[1] é un mosteiro medieval fundado no século VI, segundo a tradición por Martiño de Dumio, que chegou a ser un dos de maior importancia de Galicia, e que na actualidade se atopa en bo estado de conservación. Pertence á orde dos beneditinos e está no concello de Samos (provincia de Lugo).

Mosteiro de San Xulián de Samos
Fachada
PaísEspaña
LocalizaciónSamos
Coordenadas42°43′55″N 7°19′34″O / 42.73194444, -7.32611111
Estilolate Gothic
Páxina webhttps://www.abadiadesamos.com/
editar datos en Wikidata ]
Claustro do mosteiro.

Historia

editar

A súa fundación atribúeselle a Martiño de Dumio. Sábese que foi renovado por Froitoso de Braga no século VII, mais o primeiro escrito que o menciona é do ano 665: unha inscrición nos muros do claustro da portaría que di que foi reconstruído polo bispo de Lugo Ermefredo. Despois desta restauración foi abandonado coa invasión musulmá, até a reconquista do rei Froila I das Asturias (arredor do 760). Cando, anos máis tarde, este foi asasinado, atoparon refuxio nel a súa viúva e o seu fillo, o futuro Afonso II, o Casto. Gañou con isto a protección real, comezando polas propiedades en media milla á redonda, que propiciaría o seu crecemento.

A comezos do século X o bispo Ero de Lugo tentou facerse co seu control e expulsou os monxes,[Cómpre referencia] mais no mesmo século foi reocupado a instancias do rei Ordoño II. Desde 960 a comunidade viviu baixo a regra de San Bieito, se ben no século XII durante o bispado de Xoán de Lugo, se sumou á reforma cluniacense.[Cómpre referencia]

O mosteiro de Samos desfrutou de grande importancia durante a Idade Media, o que se reflicte en que posuía duascentas vilas e quiñentos lugares. En 1558, incorporado xa a San Benito El Real de Valladolid, sufriu un incendio que obrigou á súa total reedificación. A comunidade foi exclaustrada en 1835, aínda que os monxes beneditinos regresaron en 1880. Sufriu outro incendio en setembro de 1951,[2] tras o que foi reconstruído.

Neste mosteiro residiu un tempo o escritor cambadés Ramón Cabanillas, ao que lle dedicou Samos, a súa última obra publicada en vida.

Descrición

editar

Nel atópanse tres estilos arquitectónicos, o gótico tardío, o renacentista e o barroco.

Igrexa

editar

A igrexa, barroca, foi construída entre 1734 e 1748. Ten planta de cruz latina e tres naves. O interior é luminoso e solemne. A bóveda está iluminada por oito óculos e as pinturas dos catro doutores marianos beneditinos (Anselmo, Bernardo, Ildefonso e Ruperto). O retablo maior tamén é clasicista e ten unha imaxe do patrón do mosteiro, San Xulián, obra de Xosé Ferreiro. A fachada, barroca, vai precedida dunha escalinata en forma de lazo que recorda a do Obradoiro. Está dividida en dous corpos, cunha porta flanqueada por catro columnas de orde dórica sobre pedestais, que se repiten no corpo superior flanqueando o óculo. A sancristía, de finais do XVIII, consiste nunha bóveda de planta octogonal apoiada en arcos de medio punto. A biblioteca, de 31 m. de longo, conta cun fondo de 25.000 volumes.

Claustros

editar

Conta con dous claustros. O Claustro Grande foi construído entre 1685 e 1689 e ten 3.000 m² (54 m de lado), polo que é o maior de España. Coñécese como "do padre Feijoo", por tomar este o hábito beneditino neste mosteiro en 1690, e está presidido por unha estatua súa, obra de Francisco Asorey. O estilo é unha combinación austera e sinxela de clasicismo e herrerianismo: nove arcos de medio punto por cada lado na planta baixa, columnas dóricas nas dúas primeiras plantas e xónicas nos ventanais da terceira. Os muros do piso superior foron decorados con cenas da vida de San Bieito e son obra de Enrique Navarro, Celia Cortés e Xosé Luís Rodríguez.

O Claustro Pequeno ou "das Nereidas" foi construído entre 1539 e 1582 polo monfortino Pedro Rodríguez, cuxo nome aparece nunha das claves da banda suroeste. Imita o estilo gótico e conta con curiosos motivos de decoración, como a inscrición humorística "¿Qué miras, bobo?" nunha clave. O centro do claustro ocúpao a fonte barroca das Nereidas, de comezos do XVIII.

O mosteiro foi colexio de Teoloxía e Filosofía e é parada importante do Camiño de Santiago, xa que conta cunha hospedaría.

Galería de imaxes

editar
  1. "Abadía de San Xiao de Samos" (PDF) (en castelán). Ministerio de Cultura e Deporte. p. 2. Consultado o 13 de maio do 2020. 
  2. "Durante toda la noche continuó ardiendo el monasteriod de Samos". La Noche (en castelán). 25 de setembro de 1951. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar