Cortegada

concello da comarca do Ribeiro, na provincia de Ourense

Cortegada é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o IGE en 2019 tiña 1.085 habitantes.

Modelo:Xeografía políticaCortegada
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°12′25″N 8°10′09″O / 42.206944444444, -8.1691666666667
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Ourense Editar o valor en Wikidata
CapitalCortegada Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.032 (2023) Editar o valor en Wikidata (38,36 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie26,9 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude50 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataAvelino de Francisco Martínez (2019–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais en Cortegada Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal32200 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE32027 Editar o valor en Wikidata

Poboación

editar
Censo total 1.085 (2019)
Menores de 15 anos 52 (4.79 %)
Entre 15 e 64 anos 616 (56.77 %)
Maiores de 65 anos 417 (38.43 %)

Xeografía

editar

O concello limita ao norte co concello da Arnoia, ao leste con Gomesende, ao sur con Padrenda e ao oeste co concello pontevedrés de Crecente. Atópase á beira do río Miño entre os seus afluentes, os ríos Arnoia e Deva.

Historia

editar

As primeiras pegadas son da Idade de Bronce, cos petróglifos de Valongo (monte Picoñas) e Louredo (coto das ferraduras). Hai un poboado castrexo en Abelenda, así como indicios doutros castros en Monte do Castro en Louredo e Muradelle en Refoxos). Da dominación romana, consérvanse dúas aras, unha en Meréns como agradecemento por recuperar a saúde e outra en Zaparín adicada aos deuses Ceceaigis .

Na alta Idade Media o lugar estivo poboado por labregos que se coñecen a través de varios foros e documentos de doazón ao mosteiro de Celanova[1]. Estas comunidades labregas xunto a pequenos señores feudais que erguen os seus enclaves aproveitando os socalcos sobre o Miño edificando algunha pequena fortaleza da cal só fican restos na toponimia (lugares da Torre en Zaparín e Louredo) fronte a aceifas de Al-Andalus e logo do veciño Reino de Portugal (sobre todo do rei Afonso Henriques que conquistou varias veces o dominio do sur de Ourense e Pontevedra).

Ao longo da Idade Media o territorio pertencía a varios coutos señoriais, un de señores laicos (Pugas en Louredo e Meréns) e outros relixiosos (pertencentes ós mosteiros de Celanova e Ramirás[2]). O couto señorial que máis terreo ocupaba era o de Vestiaria (cuxo priorado se conserva no lugar de Refoxos[3])doado polo rei galego-castelán Afonso VII en 1145, o outro Couto era o de San Bieito de Arnoia (actual san Bieito do Rabiño).

Ao longo do século XVII tiveron lugar varias resistencias antiseñoriais polos privilexios económicos dos frades de Celanova e unha renovación de 55 foros, que producen unha auténtica rebelión labrega de todo o Couto da Vestiaria en 1673[4].

Durante o século XIX coa proclamación da Constitución española de 1812, suprimiuse o réxime señorial e establecéronse os Concellos de Rabiño e Valongo. Porén, en 1814 un decreto derrogatorio da Constitución asinado polo Rei Fernando VII de España, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial derogada outra vez no Trienio Liberal. A instauración definitiva do municipalismo produciuse coa división territorial de España en 1833. Deste xeito constituíuse o Concello de Cortegada en 1835, que inicialmente abranguía ás parroquias de Meréns, Rabiño, Refoxos e Valongo. En 1893 segregáronse de Rabiño as parroquias de Cortegada e Louredo, mentres que a parroquia de Zaparín separouse de Refoxos. Dende entón non houbo variacións no territorio, que pertenceu ós partidos xudiciais de Celanova (1835-1965) Ourense (1965-1988) e Ribadavia dende 1988.

A guerra carlista deixou varios enfrontamentos debido á proximidade da fronteira portuguesa (20 km), que foi usada como base de aprovisionamento e refuxio das partidas carlistas, sobre todo na I Guerra Carlista pola partida de Mateo Guillade en 1838. Da segunda Guerra carlista consérvase na tradición oral a morte dun xefe carlista en Louredo.

O río Miño cruzábase de Cortegada a Filgueira (Crecente) a través dunha barca, así como desde Vilanova da Barca a Paradela e outra en Meréns. Durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera construíuse a ponte de ferro e pedra de Filgueira-Cortegada, que na década de 1970 -cando formaba parte da estrada C-531- foi anegada polo encoro da Frieira.

Durante a século XX o territorio proseguiu a súa modernización, os indianos da Familia Álvarez (alcumados Os Tortuga)[Cómpre referencia] doaron a primeira escola pública do concello. Durante o golpe de estado de 1936 a Falange Española local tomou a tiros a oficina de correos e telégrafos . De aí a pouco, desatouse a represión contra varios veciños e outros son chamados a filas polo exército franquista (que xa dominaba toda Galicia) mentres algúns naturais pasaron a engrosar as filas do exército republicano debido a que se atopaban na sega castelá (nas Milicias galegas e incluso no Batallón Galicia). Durante o século XX, unha vez pasada a posguerra, Cortegada viviu un auxe comercial debido ao contrabando coa fronteira portuguesa e á chegada de divisas estranxeira provenientes da emigración. Nos anos 70 a construción do encoro de Frieira atraeu máis cartos á vez que se abandonaba para sempre a aldea de A Barca, mentres outras aldeas comezaban a deshabitarse (como Pereiras e Carballeda ) pola miseria nelas. A finais do século XX construíuse o centro educativo Otero Novas e modernizouse o cuarteliño da Garda Civil á vez que a rede telefónica chegaba a todas as casas. En Política a alcaldía pertenceu durante a transición e a democracia a Enrique Carpintero Araújo co PP, dende 1970 ata 2007 en que Avelino de Francisco gaña as eleccións co PSOE, pasándose este rexdor catro anos despois ao PP. Neste período intersecular o concello deshabítase cada vez máis ao tempo que as axudas da UE modernizan as súas estruturas viarias(ensanchamento da OU 531 e construción da ponte Valongo-Pontedeva), sanitarias e Internet.

Patrimonio

editar
  • petróglifos de Valongo, están situados no Monte Picoñas sobre os lugares de Casaldálvaro e O Casal. Os gravados inclúen labirintos, e cazoletas de gran tamaño. En Louredo, están os petróglifos da Pena do Campo, cunhas cazoletas e os do Coto da Ferradura, cuns inscultura en forma de ferraduras da Idade de Bronce comentados por Bouza Brey na década de 1930.
  • ara romana de Zaparín ten a inscrición latina Diis Ceceaicis iriba Marcus Aeturi ("Marco da tribo dos eturios dedica esta ara a Ceceaicis"). O nome latinizado indica que a ara é posterior á romanización. A divindade Ceceaicis aparece noutra ara en Braga. Está situada fronte á igrexa de San Martiño de Zaparín, e sobre ela ten unha cruz de pedra. A outra ara, atópase en Meréns, onde a descubriu Fermín Bouza Brey en 1936, de pé de pía de auga bautismal na vella capela, a inscrición alude ao sol a á saúde.
  • Igrexa de San Martiño de Valongo é un templo barroco, reconstruído a mediados do século XVIII grazas ao donativo do arcebispo Diego Martín de Vergara, natural da parroquia e que chegou a ser o arcebispo en Bogotá e se fixo unha capela propia que loce o escudo heráldico persoal no flanco esquerdo.
  • Igrexa de San Bieito de Rabiño. O templo actual é barroco, destacando a torre central sobre a porta principal, dando impulso vertical á fachada. Sobre a porta, no medio dun frontón triangular, está a efixie de San Bieito. O retablo maior ten relevos da Santísima Trindade.
    O templo, de granito do país, é de planta de cruz latina, cunha soa nave cuberta de arcos de medio punto ao longo do corpo até o cruceiro, onde se forman tres bóvedas sostidas por nervaduras, de catro brazos nos brazos laterais e dezaseis na bóveda da cabeza, onde o deseño fai un rombo dividido en catro espazos de lados convexos. As nervaduras son de cor marrón listado. As capelas laterais ostentan como claves das nervaduras senllos debuxos do Sol e a Lúa humanizados por un rostro. As claves das nervaduras da bóveda principal teñen decoración vexetal ,unha cruz asturiana e unha Lúa acompañada de dúas estrelas. Na sancristía a bóveda está sostida por catro nervaduras reunidas nunha clave que ten tallada un sombreiro eclesiástico de dúas puntas. Tanto as bóvedas laterais como a central conservan pintura. A carón da igrexa atópase un milladoiro. O edificio é de planta cadrada con tellado a catro augas, sobre unha bóveda de crucería sustentada por catro arcos e catro piares. No centro do edificio hai unha mesa de ofrendas e un cruceiro tallado coa Virxe María e Cristo.
  • Igrexa de Louredo cosntruída en 1906 polo arquitecto Daniel Vázquez Gulías. Contén unha tallaa popular en pedra da Virxe María.
  • pazo de Louredo ten un só nivel de planta cadrada, cun patio pechado por unha porta principal de arco de medio punto decorada con molduración corrida sobre o lintel da porta, que sostén dúas ameas de pico. Aos dous lados da porta hai dous escudos da familia Puga, e enriba dela hai unha cruz.
  • Casa museo Bouza Brey foi a última morada de Fermín Bouza Brey, galeguista, xuíz represaliado polo franquismo, arqueólogo e poeta. Actualmente é de propiedade privada.
  • A casa consistorial é de arquitectura colonial, construída a comezos do século XX grazas a dous indianos da familia dos Tortuga.
  • O pazo de Seixomil, do que destaca a súa cheminea, intégrase nun urbanismo preindustrial.
  • A ponte barroca de Valongo cruza o río Deva.
  • Pazo de Meréns, foi construída en 1789. Conserva o escudo heráldico máis grande de Galiza, con dezaoito cuarteis rematados por unha coroa condal. Aparecen os apelidos Araúxo, Feixoo, Ortigueira, Mosqueira, Cismeiro, Figueiroa, Nóvoa e Sarmiento.
  • Balneario de Cortegada, de 1937. As súas augas, sulfurosas e ferruxinosas, acadan os 38 °C, e tomadas en baño teñen propiedades para as enfermidades hepáticas, respiratorias, gastrointestinais, xenético-urinarias e da pel. Debido á existencia de balnearios, esta terra tamén se coñecía como Cortegada de Baños.

No concello, tamén hai cruceiros antigos nos lugares de Prado, Pousa, Vilaverde Casares e Louredo, e petos de ánimas en Rabiño, Torre, Meréns e Louredo. Destacan tamén os hórreos de Piñor.

Termalismo

editar
 
Balneario de Cortegada, a pé do río Miño.

Xa no século XVIII tiñan uso as augas termais de Cortegada, como deixou escrito en 1764 Pedro Bedoya. En 1816 había casa de baños regulada e con director médico, que acollía xente do lugar e da contorna. O fluxo de persoas aumentou en 1881 coa chegada do tren Vigo-Castela á parroquia veciña de Filgueira (Crecente), da outra beira do Miño.

Hai tres fontes termais: baños da Pedra (a máis abundante), do Campo (mana a borboroto) e do Monte, antigamente do Castaño (a de menos caudal). Son de propiedade comunal (consérvase un foro do século XV regulando o usufruto das augas por parte do mosteiro de Celanova), se ben a principios do século XX foron alugadas á familia Álvarez (máis coñecidos como "os Tortuga"). En 1933 construíron un palacete de estilo modernista; pouco máis abaixo erguéronse varias casetas de madeira para os bañistas, e construíronse varios hoteis na zona antiga de Cortegada.

Trala segunda Guerra Mundial os baños comezaron a súa longa decadencia, ata que foron atacados de morte coa construción do encoro de Frieira na década de 1970, que subiu o nivel do río, cubrindo as mellores fontes termais e multiplicando o nivel de humidade e frío na zona. Ao longo da década de 1990 tentouse revitalizar o termalismo.

editar
  • Probes dos carabiñeiros/ que andan de noite á xiada/ namentras pasa a ramboia/ camiño de Cortegada [5].

Galería de imaxes

editar

Parroquias

editar
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Cortegada

Cortegada (Santa María) | Louredo (San Xoán) | Meréns (San Cibrán) | Rabiño (San Bieito) | Refoxos (San Breixo) | Valongo (San Martiño) | Zaparín (San Martiño)

Lugares de Cortegada

editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cortegada vexa: Lugares de Cortegada.

  1. Fray Benito de la Cueva: "Historia de los monasterios y prioratos anejos a Celanova", edición, notas e índices por María Teresa González Balasch, introdución por José Ignacio Fernández de Viana y Vieites, Granada, 1991.
  2. Revista Minius, nºX, Beatriz Vaquero, Mercedes Durany e FJ Pérez: "A Terrade Celanova na idade Media" [1]
  3. Fr. Martín Sarmiento: "Viaje a Galicia", Editor José Luis Pensado (1975), Colección: EF [2]
  4. Breve historia de Galiza[Ligazón morta]
  5. Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 136. Xaquín Lorenzo di que esta Cortegada é un lugar da parroquia de San Bieito de Rabiño, no concello de Cortegada e xa na linde con Portugal; hoxe xa non figura tal lugar no Nomenclátor.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar