Cangas

concello da comarca do Morrazo, na provincia de Pontevedra

Cangas, ou Cangas do Morrazo[1], é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica[2]. Segundo o IGE, en 2021 tiña 26.708 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.[3]

Modelo:Xeografía políticaCangas
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 42°16′40″N 8°47′23″O / 42.2779, -8.7898Coordenadas: 42°16′40″N 8°47′23″O / 42.2779, -8.7898
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Pontevedra Editar o valor em Wikidata
CapitalCangas Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación26.807 (2023) Editar o valor em Wikidata (703,6 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie38,1 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor em Wikidata
Altitude9 m Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcaldesa Editar o valor em WikidataAraceli Gestido Rodríguez Editar o valor em Wikidata
Eleccións municipais en Cangas Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Código postal36940–36949 Editar o valor em Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico986 Editar o valor em Wikidata
Código INE36008 Editar o valor em Wikidata
Outro
Irmandado con

Sitio webcangas.org Editar o valor em Wikidata

Xeografía editar

Sitúase no extremo occidental da península do Morrazo, coa ría de Vigo ao sur e a ría de Pontevedra ao norte. Mentres que toda a súa franxa oeste está aberta ao Atlántico, polo leste limita co concello de Moaña e polo norte co de Bueu. O municipio formouse recentemente pola unión de cinco parroquias: Aldán, Cangas, Coiro, Darbo e O Hío.

Orografía editar

O concello de Cangas, por ocupar o extremo da península do Morrazo, atópase sobre do relevo da parte final dun horst tectónico. A ría de Aldán rompe como unha fenda a parte occidental do municipio e illa ao poñente a subpenínsula do Hío. Nesa banda setentrional destaca o amplo val de Aldán, caracterizado pola súa fachada costeira aberta. Orientadas cara ao sur e dando á ría de Vigo, tamén destacan as terras do Hío, que mostran amplos vales que baixan suavemente desde os montes axiais do Morrazo: o val de Coiro, Cangas e Darbo, entre outros.

O relevo costeiro é recortado. Presenta varios cabos e puntas como Punta da Testada de Vilariño, Punta do Corveiro, Punta de Couso, Cabo Home, Punta Robaleira, Punta de Subrido, Punta dos Castros de Nerga, Punta da Borneira, Cabo Balea e Punta de Rodeira.

A costa litoral de Cangas entre Cabo Home e Punta Couso son a Costa da Vela, a parte alta da subpenínsula. As costas, en chairas areosas e rochosas, dan á ría de Vigo formando unha profunda enseada que penetra de norte a sur, formando a ría de Aldán.

Hidrografía editar

O río Orxás nace en Castiñeiras. Percorre Castiñeiras, Orxás, Rodeiro, Remuíño, Lama e San Cibrán, desembocando na ría de Aldán. Ten unha lonxitude de 3.575 m.

O rego de Donón nace en Donón. O seu leito e do Hío ata O Facho. Desemboca nun esteiro en Barra. Ten a vertente na ría de Vigo e un percorrido dunha lonxitude de 2.025 m.

O Saíñas nace e desemboca en Cangas, na ría de Vigo. Ten unha lonxitude de 2.100 m.

O Lagares nace en Vilanova e desemboca na praia de Areabrava, na ría de Aldán. O seu réxime é regular e ten unha lonxitude de 2.100 m.

O Postillón nace en Darbo e desemboca en Punta Borneira. Ten a vertente na ría de Vigo e ten unha lonxitude de 2.240 m.

O Bouzós nace en Cangas e percorre parte de Coiro e Cangas. Remata na praia de Rodeira. Ten a vertente na ría de Vigo cunha lonxitude de 4.925 m.

O litoral e as praias editar

Artigo principal: Praias de Cangas.

O concello de Cangas é un dos concellos cun maior número de praias e con maior número de quilómetros de costa dentro de Europa. Ten un total de 38, que se estenden por zonas urbanas, como é a praia de Rodeira, e polo litoral, menos urbanizado e conservado, como é no caso da praia de Barra. Na actualidade o concello posúe sete praias con Bandeira Azul[4], que é o distintivo outorgado a aquelas praias e portos que cumpren coas condicións de preservación ambiental e que dispoñen de instalacións axeitadas pola Fundación Europea de Educación Ambiental.

Nas proximidades do concello, atópanse as Illas Cíes, que forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Cangas do Morrazo reivindica a propiedade das Illas Cíes, pertencentes ao Concello de Vigo, alegándose que historicamente estiveron vinculada a Cangas.

Climatoloxía editar

Cangas presenta clima oceánico atlántico propio das rías baixas, que é de temperaturas suaves con escasa oscilación térmica estacional e de precipitacións abundantes.

Conservación ambiental editar

A paisaxe está humanizada nun grao elevado. Ten unha poboación dispersa, en vilas pouco agrupadas, e sector industrial disperso concentrado no polígono industrial da Portela.[5][6].

Historia editar

 
Plano da vila de Cangas

Prehistoria editar

Paleolítico editar

Atopáronse restos de machadas en Coiro e Hio; en Cangas os restos mais antigos foron sobre o 120.000 a. C.

Neolítico editar

Foron atopadas mámoas en chan de Arquiña, chan da Armada e chan da Cruz. Atopáronse un crisol de barro refractario e fragmentos de cerámica, escouras de cobre que alude un recipiente.

Idade dos metais editar

Ferro editar

Atopáronse restos no monte Castelo, Cunchido, Aldea Castro,...

Na aba leste do monte do Facho houbo entre os séculos X e VII a. C. un poboado de grandes dimensións[7][8], durante a Idade de Bronce. A partir do VI a. C., xa na chamada cultura castrexa, levantouse un poboado castrexo galaico na outra aba, que perdurou até o século IV d. C. Na actualidade consérvase parte das murallas, o foxo e restos das vivendas. A orografía do monte está determinada pola construción do poboado. Logo da romanización construíuse sobre o cumio do monte un santuario dedicado ao deus lar galaico-romano Berobreo, activo nos séculos II e IV [9]. Hai restos de columnas que indican a existencia dun edificio nobre. Na zona apareceron 161 aras, no que debeu de ser un bosque de altares. Nelas adoita haber unha inscrición mencionando a súa condición de exvoto, a divindade á que vai dirixida e, ás veces, o nome de quen o dedica e os motivos. As primeiras 42 aras atopadas, en 1963, están depositadas no museo de Pontevedra e no museo Quiñones de León de Vigo. O resto das aras, 119, descubríronse en sucesivas campañas de escavación arqueolóxica desde 2003, nas que participou un equipo de arqueólogos dirixidos por José Suárez Otero, xunto ao Instituto Arqueolóxico Alemán. As ofrendas eran feitas por peregrinos, que subían ao monte e chantaban na terra a súa ara. Eran altares humildes, a maioría de menos dun o metro de altura (os maiores de 1,7 m), con inscricións parcas e concretas: Deo lari Berobreo aram posuit pro salute.

Tralo proceso de cristianización da Gallaecia, o culto pasou a Santo André. A peregrinación continuou até a década de 1930, con cadaleitos e enfermos procedentes do sur de Galicia[Cómpre referencia].

Romanización editar

Durante a romanización, o Morrazo pertencía ao convento Bracarense (con capital en Braga) e a poboación que vivía nestas terras pertencía á tribo dos helenos.[10]

Na praia de Pinténs atopáronse restos dunha vila romana e de tres pías dedicadas á salgadura de peixe.

Idade Media editar

Un documento asinado en 1168 en Zamora polo Rei Fernando II, marido de dona Urraca, describe a cesión das súas propiedades en Cangas a Varela, un nobre do seu séquito. Esa referencia é a primeira escrita do topónimo "Cangas".[11].

En Cangas o poder da nobreza estaba representado pola fortaleza de Darbo, que desde 1184 pertencía ao arcebispo de Santiago. Situada no cumio do monte Castelo, consistía nun valado ou muralla, reforzada con catro bastións. No seu interior había dúas casas protexidas por unha empalizada de madeira. Aínda que a construción era bastante feble, a súa localización facía a fortaleza difícil de atacar.

En 1467 iniciouse a gran guerra irmandiña. Ao mando da irmandade da zona estaba Xoán de Fontefría, que xunto aos irmandiños da comarca tomaron a fortaleza, sendo naquel momento o meiriño Vasco Fernández. Como era costume, a fortaleza foi destruída. Despois deste feito, as milicias de Cangas axudaron no derrocamento do castelo de Soutomaior.

Arredor da primeira metade do século XV os veciños das parroquias de Darbo e Coiro asentáronse nos primeiros núcleos da actual vila, nos lugares do Sinal e O Costal, para exerceren o seu oficio de mareantes no porto de Cangas.

Idade Moderna editar

No século XVI construíuse a igrexa parroquial, que en 1545 pasou a ser Colexiata. Nesa época construíuse tamén o Hospital, e pasou a ser cabeza de Xurisdición do Morrazo, dotada de Rexemento (Concello), con notarios, escribáns públicos, e xuíces nomeados polo Arcebispo de Santiago, que cobraba como tributo medio décimo.

O período de maior esplendor foi a segunda metade do século XVI, grazas á exportación de peixe a Portugal, portos andaluces e portos do Cantábrico. Ademais, era un punto de importación de viños do Ribeiro e de Andalucía, consumidos na vila e reexpedidos cara a portos do Cantábrico. Con esta actividade creouse un nutrido grupo de burgueses mercadores e exportadores de peixe salgado (sardiña) ou seco (polbo).

O 4 de decembro de 1617 fondearon nas illas Cíes 11 navíos corsarios turco-berberiscos. Logo de atacaren Vigo, os corsarios cruzaron a ría, desembarcando uns 1.000 homes na praia de Rodeira e en Punta Balea logo dun intenso bombardeo. Dado que daquela Cangas era unha pequena vila de pescadores, non contaba con protección. A pequena milicia non contaba con recinto fortificado nin con artillaría. Malia que numerosos veciños, escasamente armados, se uniron ás tropas, non puideron cos invasores. Desde os montes veciños, os sobreviventes contemplaron o incendio da vila, incluída a Colexiata e o Hospital. Os saqueadores estiveron tres días na zona, queimando tamén a igrexa de Darbo, levando un gran botín e mesmo a ducias de persoas, que foron recluídas en Alxer.

Logo da invasión otomá, entre 1619 e 1628 o tribunal da inquisición levou a cabo unha caza de bruxas. O tormento e suplicio causado a numerosas mulleres, acusadas de bruxería, foi provocada polo empobrecemento sufrido pola pequena nobreza. Para manter o seu nivel de vida, este grupo social valeuse do Santo Oficio, para arrebatar os "dereitos de presentación" que certas persoas tiñan sobre capelas e freguesías. Este dereito era exercido polos sucesores do fundador dun templo, que podían propoñer ao seu titular cando quedase vacante e participar dos beneficios que xerase. Porén, co fin de disimular este propósito, tamén foron falsamente acusadas mulleres pobres e desamparadas, moitas delas viúvas a causa da recente invasión.

María Soliña[12] posuía dereitos de presentación en Aldán e Moaña, e foi levada a prisión en 1621. Tras sufrir tortura física e psicolóxica, a muller confesou ser bruxa desde 20 anos atrás e ter copulado co demo, que se lle presentaba en forma humana. Porén, ao mesmo tempo suplicaba clemencia, proclamando o seu arrepentimento e asegurando que nunca renegara de corazón do Noso Señor, senón só de palabra. O 23 de xaneiro de 1622 foi condenada a unha confiscación de bens e a portar o hábito penitencial durante medio ano. A súa acta de defunción non foi atopada.

Outras supostas meigas xulgadas nesa época foron Catalina de la Iglesia (que confesou matar cinco criaturas), Elvira Martínez, Teresa Pérez ou María dos Santos.

En 1702 a vila viviu de preto outro conflito bélico, ao ter lugar na ría de Vigo a batalla de Rande, entre a frota de Indias española (19 navíos escoltados por 22 buques franceses) e unha escuadra anglo-holandesa. Ante o medo ao saqueo, que xa viviran 85 anos atrás, as maiores riquezas foron trasladadas a vilas e lugares próximos. Finalmente Cangas librouse da pillaxe, non así outras poboacións como Redondela.

As terras cultivadas pola poboación agraria eran propiedade da igrexa e da nobreza, tendo que pagar foros aos fidalgos. Cara a 1750 a actividade industrial de salgadura pasa a mans dos burgueses cataláns instalados en Bueu, con fábricas en Aldán e O Hío.

Idade Contemporánea editar

En 1862, o municipio duplica o seu territorio ao integrar as parroquias de Aldán e O Hío, ata ese momento adscritas ao Concello de Bueu. Pasa, polo tanto, de estar composto por tres parroquias a cinco.

Na segunda metade do século XIX comeza a caza industrial da balea coa aparición de dúas innovadores técnicas que reactivaron a actividade: a invención e perfeccionamento do canón-lanza arpóns polo noruegués Svend Foyn, e a mellora dos buques con propulsión a vapor e casco metálico. Ata entón a caza fora artesanal, comportando moitos máis riscos.

A comezos do século XX as salgaduras comezan a deixar paso ás fábricas de conserva. En 1939 instálase en Cangas o complexo conserveiro de Massó, que chegou a ter máis de 1.000 empregados, e que desapareceu tras entrar en decadencia na década de 1980.

A comezos do século XX establecéronse en Galiza dúas compañías baleeiras. Unha era a Compañía Ballenera Española, creada en 1914 con capital noruegués, se ben non empezou a súa actividade até a fin da primeira guerra mundial. Os seus inicios foron na zona do estreito de Xibraltar, abrindo a factoría de Caneliñas en 1924. A outra compañía era a Sociedad Anónima Corona, con sede en Vigo e asociada a outra norueguesa, que obtivo autorización para a caza da balea en decembro de 1923, a nome de Cipriano Roque de Careaga e Cortina. En 1924 comezou a actividade, a bordo do buque-factoría Alfonso XIII, que fondeaba na enseada de Barra e na ría de Aldán. O buque era abastecido polas capturas dos barcos auxiliares Corona I, II, III e IV.

Debido á crise provocada pola guerra civil e pola segunda guerra mundial a industria baleeira estivo parada. En 1951 a empresa Industrias Balleneras (IBSA) restaura a factoría de Caneliñas. En 1955 nace a empresa Balea C. B., participada a partes iguais por Massó Hermanos, Barreras e IBSA. A súa factoría, que estivo activa até 1985, foi instalada no lugar de Balea, aproveitando material da desmantelada factoría de Benzú (na actualidade en territorio de Marrocos).

Demografía editar

Artigo principal: Demografía de Cangas.

Segundo datos do IGE no ano 2021 tiña unha poboación de 26.708 persoas, 13.265 homes e 13.443 mulleres [13]. 25.975 persoas de nacionalidade española e os 733 restante, de nacionalidades estranxeiras. Ten unha superficie de 38,1 km² e unha densidade de poboación de 701 hab./km².

A poboación nas parroquias de Cangas mostra dúas tendencias. Tres delas, Cangas, Coiro e Darbo, teñen uha media de 6500 habitantes mentres que as outras dúas restantes teñen arredor de 2.800 habitantes. Cangas ten a densidade de poboación máis elevada de todas elas, malia que só é 0,87 km². Pola contra, o Hío, que ten a maior extensión, de 15 km², conta co menor número de habitantes, un total de 2.911 [Cómpre referencia].

A taxa de natalidade é de 6,03, a taxa de mortalidade de 9,36 e o crecemento natural do -98. A esperanza de vida é alta, xa que o 3,66 % da poboación supera os 80 anos.

Censo total 2020 26.582 habitantes
Menores de 16 anos 3.694 (13,9 %) - 1.934 homes e 1.760 mulleres
Entre 16 e 64 anos 17.381 (65,4 %) - 8.811 homes e 8.570 mulleres
Maiores de 64 anos 5.507 (20,7 %) 2.450 homes e 3.057 mulleres
Evolución da poboación de Cangas dende 1900 ata 2007 -
 1900  1930  1950  1981  2001  2004  2007  2008 2010 2013 2017 2020 2021
  8.011   14.418   15.334   20.798   23.756   24.643   25.402   25.537 25.913 26.173 26.490 26.582 26.708
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia demográfica editar

A poboación activa en Cangas era de 10.028 persoas en xuño de 2022 , o que representa o 37,5 % do total da poboación, polo que se analiza na pirámide, pódese ver que o maior número de poboación é o da poboación activa activa entre os 20 e os 65 anos. Nos últimos anos vese que en Cangas está evolucionando moito a industria e a construción. O sector terciario vai medrando cada vez máis. O número de parados é de (1.728) e representa un 14,1% desa poboación. [Cómpre referencia]

Economía editar

 
Vista do peirao de Cangas.

O centro urbano depende economicamente do sector portuario e industrial da área metropolitana de Vigo. Aínda que o sector servizos é a actividade principal, é relevante o sector pesqueiro xa que conta cunha importante frota que opera nos caladoiros do Gran Sol e África e xeran mercado laboral no concello. O sector laboral aséntase na agricultura (patacas, legumes e vides), na gandería (vacún, avícola e porcino), a pesca (polbo, ollomol, xurelo e sardiña), e industria de conservas e o comercio. O turismo de verán é un factor importante, atraído en boa medida pola climatoloxía e o número de praias, que permiten a práctica de deportes náuticos e mantén un amplo sector gastronómíco [Cómpre referencia].

Traballo e poboación inactiva editar

O sector servizos é o sector laboral con máis xente. A ocupación por detrás deste é sector primario, principalmente baseado na pesca e a agricultura. O restante correspóndese con sectores secundarios [Cómpre referencia]. A taxa de postos laborais por sector é:

Sector de produción [Cómpre referencia]
Sector primario 8,51%
Sector secundario 22,24%
Sector terciario 69,13%

A taxa de actividade para persoas maiores de 16 anos é dun 62%, para a poboación masculina, e preto do 50% na poboación feminina apanas chega o 50 %. A situación de empregos con poucas horas semanais explican a diferenza na relación de emprego por sexos [Cómpre referencia].

O 14,5% da poboación activa de Cangas está en situación de desemprego, por riba da taxa de desemprego da comunidade autónoma, que está no 13,5% [Cómpre referencia]. O que impulsa a economía canguesa é o sector turístico xa que no ano 2016 visitaron Cangas máis de 40.000 persoas. Aínda que máis frouxo ca noutros tempos o sector da pesca segue xerando emprego.

Política editar

 
Casa do Concello de Cangas

A alcaldesa do concello de Cangas é Victoria Portas, elixida trala morte do alcalde en vigor Xosé Manuel Pazos[14].

Alcalde
José Chapela González (Chimé) 1979-1982 PCE
Antonio González Molanes (Tucho Perete) 1982-1983
Lois Pena Vieites 1983-1990 PSOE
XESTORA MUNICIPAL 1990-1991
José Manuel Chapela Seijo 1991-1995 PP
Euloxio López Gutiérrez 1995-1999 BNG
José Enrique Sotelo Villar 1999-2007 PP
Clara Millán González 2007-2011 BNG
José Enrique Sotelo Villar 2011-2015 PP
Xosé Manuel Pazos Varela 2015-2021 ACE
Victoria Portas 2021- ACE
Eleccións municipais, 25 de maio de 2003[15]
Partido Votos % Concelleiros
PP 6.259 44,91 % 11
BNG 3.856 27,67 % 6
PSOE .666 11,95 % 3
FPG 967 6,94 % 1
  • Alcalde electo: José Enrique Sotelo Villar (PP).
Eleccións municipais, 27 de maio de 2007[16]
Partido Votos % Concelleiros
PP 5.206 30,09 % 8
BNG 3.542 24,55 % 6
PSOE 2.930 20,31 % 4
ACE 1.890 13,10 % 3
  • Alcaldesa electa: Clara Millán González (BNG).
Eleccións municipais, 22 de maio de 2011
Partido Votos % Concelleiros
PP 6.095 44,62% 10
BNG 2.532 18,54% 4
PSdeG 2.064 15,11% 3
ACE 1.744 12,77% 3
UPAC 737 5,4 % 1
  • Alcalde electo: José Enrique Sotelo Villar (PPdeG)
Eleccións municipais, 24 de maio de 2015
Partido Votos % Concelleiros
PP 4.213 31,84% 8
ACE 2.268 17,14% 4
BNG 2.062 15,58 % 4
ASpUN 1.925 14,55 % 3
PSdeG 1.001 7,57% 1
CangasDecide 973 7,35% 1
  • Alcalde electo: Xosé Manuel Pazos Varela (ACE)
Eleccións municipais, 26 de maio de 2019
Partido Votos % Concelleiros
PP 4.086 30,15% 7
ACE 2.301 16,98% 4
PSdeG 2.249 16,59% 4
BNG 1.769 13,05% 3
Avante! 1.655 12,21% 3
  • Alcalde electo: Xosé Manuel Pazos Varela (ACE)

2021: Victoria Portas Mariño (ACE)

Cultura editar

 
Quiosco meteorolóxico do século XIX, símbolo de Cangas.

O municipio de Cangas ten características culturais que difiren do resto das poboacións de Galicia. Hai danzas específicas que se afastan do folclore e tradición galegas como no caso da Danza e contradanza de Darbo pertencente ás danzas gremiais ou danzas brancas.

No eido deportivo destaca a existencia dunha boa canteira de piragüistas cangueses como David Cal, gañador dun ouro e unha prata nos Xogos Olímpicos de Atenas no ano 2004[17] e de dúas pratas nos Xogos Olímpicos de Beijing no ano 2008, Carlos Pérez Rial, gañador dun ouro nos Xogos Olímpicos de Beijing no ano 2008, e Teresa Portela, campioa do mundo e de Europa en varias ocasións.

En canto a festividades, destaca a Semana Santa de Cangas, declarada de interese turístico galego.

Cangas na cultura popular galega editar

Locucións
  • Vai chorar a Cangas!: dito moi coñecido no sur de Galicia, referido á profesión das carpideiras, da que as mulleres de Cangas estaban antes especializadas.
  • Vello como a campana de Coiro: refírese ás campás da igrexa de San Salvador de Coiro, parroquia do concello de Cangas [18].
Cantigueiro
  • Vexo Vigo, vexo Cangas,/ tamén vexo Redondela;/ vexo a ponte de Sampaio,/ camiño da miña terra [19].

Galería de imaxes editar

Artigo principal: Galería de imaxes de Cangas.
 
Cangas

Parroquias editar

 
As cinco parroquias de Cangas.
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cangas

Aldán (San Cibrán) | Cangas (Santiago e San Salvador) | Coiro (San Salvador) | Darbo (Santa María) | O Hío (Santo André)

Lugares de Cangas editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cangas vexa: Lugares de Cangas.


Notas editar

  1. Concello de Cangas. "Concello de Cangas: Localización". Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2015. Consultado o 19 de Marzo de 2015. 
  2. Vázquez Marinelli, C. et alii (2007): Historia de Cangas. Deputación Provincial de Pontevedra.
  3. Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 44. ISBN 978-84-8158-706-7. 
  4. http://www.cangas.org/praias.htm Arquivado 29 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. Praias de Cangas, Concello de Cangas
  5. Noite Neghra. "Justificación de un Plan de Ordenación para el Municipio de Cangas, Pontevedra". Consultado o 12 de marzo de 2015. 
  6. Ecologistas en Acción. "Informe Banderas Negras 2006" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2014. Consultado o 12 de marzo de 2015. 
  7. Michael Koch. EL SANTUARIO DEDICADO A BEROBREO EN EL MONTE DO FACHO (CANGAS, GALICIA). Acta Palaeohispanica IX Palaeohispanica 5, (2005), pp. 823-836
  8. "O Facho. Concello de Cangas". Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2016. Consultado o 24 de novembro de 2016. 
  9. "La herencia del dios Berobreo". Arquivado dende o orixinal o 25/11/2016. Consultado o 2016-11-24. 
  10. Vestixios da cultura castrexa e romana, no sitio web do concello.
  11. "Cangas, desde Fernando II a Siniestro Total". Faro de Vigo. Consultado o 2016-11-24. 
  12. Historia de María Soliña Historias de Galicia, Televisión de Galicia.
  13. www.ige.eu Arquivado 13 de agosto de 2018 en Wayback Machine. Censo 2014 Pontevedra
  14. "Victoria Portas é a nova alcaldesa de Cangas". Nós Diario. 15 de febreiro de 2021. 
  15. "Eleccións municipais de 2003". Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2009. Consultado o 20 de marzo de 2009. 
  16. "Eleccións municipais de 2007". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2008. Consultado o 20 de marzo de 2009. 
  17. http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2004/08/28/2975405.shtml?idioma=galego Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine. David Cal dobra a xesta
  18. Vicente Risco, Nós nº 27, 15.03.1926.
  19. Fermín Bouza-Brey 1929, 201. No orixinal: San Paio.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bouza Brey Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Risco, Vicente: "Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós nº 27, 15.03.1926, 19-21.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar