David Cal
David Cal Figueroa, nado o 10 de outubro de 1982 en Vilariño (Cangas), é un piragüista galego, especialista nas categorías C1-1000 metros e C1-500 metros e medallista olímpico en cinco ocasións.
Converteuse no deportista español con máis medallas olímpicas ó acadar nos Xogos Olímpicos de 2012 a súa quinta medalla, a medalla de prata en C1 1000 metros.[1]
Características
editarDavid Cal ten unha estatura media (1,83) e unha gran fortaleza (91 kgs), e pode erguer ata 160 quilos. É psicoloxicamente moi resistente, calado e coñecido pola súa timidez.
As especialidades de David Cal son o C1-500 metros e o C1-1000 metros.
Traxectoria deportiva
editarFormación
editarA súa vida deportiva xiraba arredor do seu club, o Club Mar Ría de Aldán, no que competiu a nivel nacional pasando polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva (desde os 14 anos de idade), no que traballou con diferentes adestradores, ata coñecer o seu último adestrador, Jesús Morlán "Suso".
David Cal é unha das máximas figuras mundiais do deporte do piragüismo. Ademais, é o único galego medallista olímpico de ouro nun deporte individual, e o único deportista galego que conseguiu dúas medallas olímpicas, un ouro e unha prata, nos mesmos xogos, neste caso os de Atenas 2004.
Como júnior, con só 16 anos, Cal foi bronce no campionato mundial do seu tempo disputado en Zagreb en xullo de 1999 na categoría C-1 1000 metros, e acadou o 5º posto en C-1 500 metros[2]. Ao ano seguinte proclamouse campión europeo júnior en Boulogne (Francia) na categoría curta dos C1-500 así como a medalla de bronce na proba longa do C1-1000. Ademais, acudiu como reserva, pero sen participar, aos Xogos de Sydney dese 2000. En 2002, xa como sub-23, Cal conseguiu o bronce nos europeos de Zagreb sobre os 500 metros.
A súa primeira medalla internacional na categoría absoluta conseguiuna en 2003, nos mundiais de Gainesville, onde obtivo a prata nos 1000m.
Atenas 2004
editarNos Xogos de Atenas Cal gañou a primeira serie dos 1000 metros cun tempo de 3'50"091, e cualificouse directamente para as finais. Na final, superou a todos os seus rivais, e en especial o favorito alemán Andreas Dittmer dende o comezo ata o final da proba. Ademais conseguiu o récord do mundo na distancia, cun tempo de 3'46"201, 0.52 segundos por diante de Dittmer.
Na proba curta dos 500 metros, Cal tamén gañou a clasificación directa para a final impoñéndose na primeira serie, cun tempo de 1'48"397. Pero na final Dittmer rematou con 0'34 segundos por diante de Cal, que foi prata.
Cara a Beixín 2008
editarNos mundiais de 2005, en Zagreb, Cal conseguiu a prata na proba longa do quilómetro (3'58"421), por detrás de Dittmer., mentres que na proba curta dos 500m non podía pasar da sétima praza, cun tempo de 1'50"361. Nesta proba o ouro tamén foi para Andreas Dittmer.
Nos europeos de 2006, en Račice, República Checa, obtivo a sexta e a quinta praza nas finais de 1000 e 500 metros, respectivamente.
Nos mundiais de 2007, en Duisburgo (Alemaña), obtivo o ouro en 500 metros e o bronce en 1000 m, co que obtivo a clasificación directa para a disputa dos Xogos Olímpicos nas dúas especialidades.
Nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 participou en C1 500 e C1 1000 m, gañando nas dúas probas a prata. Ademais foi o abandeirado do equipo español na cerimonia de apertura.
Predecesor: Maxim Opalev |
Campión do mundo de piragüismo C1 500m 2007 en Duisburgo |
Sucesor: Dzianis Harazha |
Cara a Londres 2012
editarNos mundiais de 2011, en Szeged (Hungría), obtivo a prata en 1000 metros.
Nos europeos de 2012, en Zagreb, Croacia, quedou na quinta praza na final de 1000 e na de 500 metros foi terceiro, tan só por detrás do francés Mathieu Goubel e o checo Martin Fuksa.
Nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 participou só na modalidade de C1 1000 m xa que a de C1 500 foi eliminada e substituída pola de C1 200m. Cunha espectacular remontada a partir dos 750 metros acadaría a súa cuarta prata converténdose no mellor deportista español da historia dos XXOO. Nesta ocasión o ouro conseguiuno o alemán Sebastian Brendel cun tempo de 3:47.176 e o bronce para Mark Oldershaw con 3:48.502, o tempo do galego foi de 3:48.053.
Principais clasificacións
editarCampionato | Proba | Posición | Data | Título | Tempo |
---|---|---|---|---|---|
Xogos Olímpicos, (Londres) | C1-1000 | 2 | 8 de agosto de 2012 | Prata | 3'48"053 |
Campionato de Europa, (Zagreb, Croacia) | C1-500 | 3 | 24 de xuño de 2012 | Bronce | 1'48"567 |
Campionato do Mundo, (Szeged, Hungría) | C1-1000 | 2 | 19 de agosto de 2011 | Prata | |
Xogos Olímpicos, (Pequín) | C1-500 | 2 | 19 de agosto de 2008 | Prata | 1'48"397 |
Xogos Olímpicos, (Pequín) | C1-1000 | 2 | 18 de agosto de 2008 | Prata | 3'52"751 |
Campionato do mundo, (Duisburgo, Alemaña) | C1-500 | 1 | 12 de agosto de 2007 | Ouro | 1'47"187 |
Campionato do mundo, (Duisburgo, Alemaña) | C1-1000 | 3 | 11 de agosto de 2007 | Bronce | 4'11"057 |
Campionato do mundo, (Zagreb, Croacia) | C1-1000 | 2 | 27 de agosto de 2005 | Subcampión | 3'58"421 |
Xogos Olímpicos, (Atenas) | C1-500 | 2 | 28 de agosto de 2004 | Prata | 1'46"723 |
Xogos Olímpicos, (Atenas) | C1-1000 | 1 | 27 de agosto de 2004 | Ouro | 3'46"201 |
Campionato de Europa, (Poznan, Polonia) | C1-1000 | 2 | 2004 | Subcampión | |
Campionato do mundo, (Gainesville, Estados Unidos) | C1-1000 | 2 | 2003 | Subcampión |
Carreira política
editarDavid Cal tivo entre 2005 e 2009 diversos enfrontamentos coa Consellería de Cultura e Turismo mentres a dirixía Ánxela Bugallo (BNG), mentres recibía o apoio explícito da Deputación de Pontevedra, daquela gobernada polo PPdG. Concorreu na lista desta última formación ás municipais de 2011 no concello de Pontevedra, liderada por Telmo Martín[3]. Malia resultar elixido como concelleiro, renunciou ao cargo ao non acadar Martín a alcaldía.
Outros galardóns
editar- Medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo 2006.[4]
- Medalla de Ouro de Galicia, en 2015.[5]
- Medalla de Galicia, na categoría de prata, en 2005.
- Abandeirado do equipo olímpico español na cerimonia de clausura dos Xogos de Atenas 2004.
- Abandeirado do equipo olímpico español na cerimonia de apertura dos Xogos de Beijing 2008.
- Premio Percebe de Ouro
- Vieira de Prata ao Mellor Deportista do Ano
- Comendador da Orde do Cocido.
- Galego do mes por El Correo Gallego, en agosto de 2004.
Notas
editar- ↑ El País (ed.). "Cal hace historia" (en castelán). Consultado o 8 de agosto de 2012.
- ↑ Federación Española de Piragüismo. Memoria 1999 (PDF). p. 101. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de agosto de 2022. Consultado o 21 de abril de 2022.
- ↑ David Cal, número 5 de Telmo Martín para as municipais Arquivado 31 de outubro de 2010 en Wayback Machine., Xornal de Galicia, 29/10/2010.
- ↑ Persoas e equipos galardoadas coas diferentes medallas da Real Orden do Mérito Deportivo durante o ano 2006 Arquivado 20 de xullo de 2012 en Wayback Machine., Consello Superior de Deportes.
- ↑ Decreto 100/2015, do 15 de xullo, polo que se concede a Medalla de Galicia na súa categoría de ouro DOG.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: David Cal |