IES Sánchez Cantón

centro público de ensino secundario en Pontevedra

Coordenadas: 42°25′43″N 08°38′55″O / 42.42861, -8.64861

O Instituto de Ensino Secundario Sánchez Cantón é un centro pertencente á rede pública de institutos da Xunta de Galicia, situado en Pontevedra. Leva o nome do polígrafo Francisco Javier Sánchez Cantón. Está situado no Verxel, a carón do río dos Gafos.

IES Sánchez Cantón
IES Sánchez Cantón.jpg
Vista frontal
Enderezo
Avenida da Raíña Vitoria, Pontevedra
Datas
Creación1845
Edificio actual1986
Educación
EnsinanzasEducación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato; ciclos formativos
Xestión
Tipopúblico
TitularidadeXunta de Galicia
DirectorCarlos A. Rodríguez Blanco
Na rede
Web
Twitter
Facebook

O centroEditar

No instituto impártese Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Bacharelato e os títulos de Técnico Superior en Animación de Actividade Física e Deportiva, Técnico Deportivo en fútbol, Técnico Deportivo en balonmán, Técnico Superior en fútbol e Técnico Superior en balonmán. O Instituto Sánchez Cantón ten unha extensión no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O centro conta cun paraninfo grande, aparcadoiro privativo, patio de deportes, pavillón polideportivo, biblioteca, cafetaría, varias aulas de audiovisual-informática, museo de ciencias naturais, museo de física e química, grupo de teatro[1], revista Cartafol[2] etc.

HistoriaEditar

O Instituto de Pontevedra foi creado por Real Orde do 30 de outubro de 1845 ao abeiro do Plan Xeral de Estudos (plan Pidal), que creaba un centro de ensino secundario en cada capital de provincia. A súa localización inicial foi no convento de San Bartolomé de Pontevedra (anterior colexio dos Xesuítas e desamortizado uns anos antes), actual edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. En 1880 acolleu parte da Exposición Rexional que acolleu a cidade.[3]

 
O Instituto de Pontevedra (posteriormente IES Sánchez Cantón) estivo nas instalacións do actual IES Valle-Inclán entre 1929 e 1971.

Despois pasou ó edificio da Escola Normal de Maxisterio (pertencente despois á Deputación de Pontevedra), e en 1929 construíuse un edificio novo a carón das ruínas de San Domingos (IES Valle-Inclán). En 1963 o Instituto de Pontevedra dividiuse en Masculino e Feminino. O Masculino trasladouse á localización actual a finais dos anos sesenta, inaugurada en 1971, e en 1973 recibiu o nome de Sánchez Cantón, historiador finado dous anos antes. O instituto estivo dirixido por Xosé Filgueira Valverde entre 1946 e 1976, ano da súa xubilación. O novo edificio presentaba problemas estruturais, e foi reconstruído de novo en 1986.

O Sánchez Cantón herdou do histórico Instituto de Pontevedra:[4]

  • A colección ornitolóxica doada por Víctor Seoane López en 1866.
  • Diferentes pezas do Museo de Ciencias Naturais (herbolarios, materiais didácticos, animais disecados …) e dos laboratorios de Física e Química.
  • Arquivo onde se conservan memorias, expedientes e outros documentos fundamentais para coñecer a historia do Instituto e dos seus alumnos e profesores.
  • Libros antigos da Biblioteca do centro.
  • Retrato de Frei Martín Sarmiento mercado polo Instituto en 1859.

Por todo isto considérase o IES Sánchez Cantón como o herdeiro do antigo Instituto de Pontevedra (compartido co IES Valle Inclán, que herdou o edificio, e cos outros institutos da cidade) e tamén do Instituto Masculino de Pontevedra. Deste xeito pertence á REDE MUPEGA, que integra os institutos históricos de Galicia. Tamén participou activamente nas IV Jornadas de Institutos Históricos españois en xullo de 2010.[5]

En 2022 ingresou con outros tres institutos históricos galegos na Orde de Afonso X O Sabio coa categoría de Placa de Honor.[6]

ProfesoradoEditar

Desde a súa creación foron pasando polo Instituto profesores[7] como: Juan Antonio Saco y Arce, Luís M. Sobrino, Jesús Muruais, Andrés Muruais, Emilio Álvarez Giménez, Víctor Said Armesto, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Sobrino Buhigas, Carlos Sobrino Buhigas, Ernesto Caballero Bellido, Enrique Vidal Abascal, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Vicente García de Diego, Antón Iglesias Vilarelle...

Coa Guerra Civil do 36 hai expedientes de depuración: Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Daniel Rodríguez Castelao, Echave Susaeta; e dous profesores ligados ao instituto: Antón Fraguas e Celestino Noya. Dous profesores da preparatoria son procesados e fusilados: Paulo Novás e Gonzalo Martín March.

Na posguerra prodúcese o paso fugaz de Antonio Blanco Porto e o pintor Laxeiro. Imparten docencia no instituto entre outros: Aquilino Iglesia Alvariño, Isidoro Millán González-Pardo, Marcelino García e, ademais, Xosé Filgueira Valverde.

Nos finais do século XX, entre outros: Manuel Luis Casalderrey, Adela Figueroa, Anxo González Guerra, Francisco Moldes Fontán, Antonio de Ron...

Despois de Filgueira Valverde o IES Sánchez Cantón foi dirixido por José Ramón Pereiró Rodríguez, Eladio Rodríguez Gandoy, Elena Santillán Pedrosa, Margariña Valderrama, Casimiro Mesejo González, Rafael Táboas Pastor, Eladio Otero López, Rocío Vieites e Carlos A. Rodríguez Blanco.

En 2018 o claustro do instituto contaba con 75 profesoras e profesores.

AlumnadoEditar

Nos primeiros anos o instituto de Pontevedra tiña entre 60 e 100 alumnos, en 1860 xa eran máis de 150. As mulleres puideron matricularse desde 1882.[5] En 2018 o instituto contaba con máis de mil alumnos e alumnas.

Nos anos da Restauración do século XIX foron alumnos: Manuel Quiroga Losada, Prudencio Landín Tobío, Ángel Amor Ruibal, Perfecto Feijoo, Augusto González Besada, Eduardo Cobián Roffignac etc.[8]

Na primeira parte do século XX pasan polo instituto: Francisco Javier Sánchez Cantón, Xerardo Álvarez Limeses, Antonio Blanco Porto, José Loureiro Crespo, Carlos Sobrino Buhigas, Xosé Filgueira Valverde, Antón Fraguas, Fermín Penzol, Ramón María Aller, Antonio Puig Gaite, Antonio Palacios etc[3].

Nos anos da Guerra Civil e posteriores estudaron no instituto: Inmaculada Paz-Andrade, os irmáns Afredo e Luciano García Alén, Pío Cabanillas Gallas, Abilio Bernaldo de Quirós etc.

Nos anos 1950-1960 foron alumnos César Portela, Manuel Moldes, Francisco Cerviño, Cándido Conde-Pumpido, Luciano Varela Castro, Salomé Álvarez Blanco, Víctor Freixanes, Jaime Terceiro, Mariano Rajoy, Miguel Anxo Fernández Lores, José Antonio Durán, Luís Cochón etc.

Desde os anos 1980 tamén estudaron no instituto Sánchez Cantón: Luís Bará, María Luaces Méndez, Cora Velasco, Alicia Armenteros, Julia Varela, Sonia Méndez, Diego Moldes, Alexander Vórtice, Manuel Jabois, Rafael Quintía, Isaac Xubín, Carlos Álvarez Taboada, Enrique Mauricio Iglesias, Xurxo Ayán, Pedro Rielo, Teresa Cuíñas, David Cal, Adrián Estévez, Malvares de Moscoso, Diego Bará Louro etc.[9]

NotasEditar

  1. "Curso: Grupo de teatro do IES Sánchez Cantón". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-01-31. 
  2. "CARTAFOL: Cartafol. Nº 20". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-01-31. 
  3. 3,0 3,1 Fortes Bouzán, Xosé; Castelo Tettamancy, Mª Carmen; Fernández Arruti, Mª Carmen; Martínez Tobío, Mª Dolores; Mesejo Gozález, Casimiro; Núñez Fírvida, Mª Teresa; Rodríquez Gil, Rafael; Santillán Pedrosa, Elena; Valderrama Currás, Carmen (1997). O instituto de Pontevedra Século e medio de historia 1845-1995. Deputación de Pontevedra. ISBN 84-88363-96-6. 
  4. "Curso: Historia do centro". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-01-31. 
  5. 5,0 5,1 Otero López, Eladio (2018). "O IES Sánchez Cantón de Pontevedra e o seu legado histório". Homo Sapiens, transmisor de coñecemento. Saberes humanos a través do patrimonio nos institutos históricos de Galicia. Xunta de Galicia Museo Pedagóxico de Galicia. p. 33. ISBN 978-84-453-5313-4. 
  6. Galicia, Xunta de (2022-02-16). "Catro institutos históricos galegos ingresarán na Orde de Afonso X O Sabio coa categoría de Placa de Honor". Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-02-17. 
  7. "Historia_SC: Profesorado (ilustres)". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-01-31. 
  8. Bará, Milagros (19 de decembro de 2021). "El "Instituto de Pontevedra 1845-1963" en la Sala Musart". Diario de Pontevedra: 10. 
  9. "Historia_SC: Alumnado ilustre". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-02-01. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar