Abrir o menú principal

Ángel Amor Ruibal

pensador galego

Ángel María José Amor Ruibal, nado en Porráns (Barro) o 11 de marzo de 1869 e finado en Santiago o 4 de novembro de 1930, foi un destacado pensador galego.

Ángel Amor Ruibal
Angel Amor Ruibal - Vida Gallega.jpg
Nacemento11 de marzo de 1869
 Barro
Falecemento4 de novembro de 1930
 Santiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
RelixiónIgrexa católica
Ocupaciónfilósofo, catedrático de universidade e escritor
editar datos en Wikidata ]

Malia as múltiplas preocupacións e unha precaria saúde, logrou unha extensa produción apoiada na súa enorme erudición novecentista que abranguía a lingüística, a historia, a canonística teórica e práctica, a teoloxía e sobre todo a filosofía. Posuidor dunha prodixiosa memoria, a súa tenacidade superou a dificultade que existía no afastamento de Santiago respecto dos centros culturais e do ambiente cultural en xeral, sobre todo para a xente que o rodeaba.

TraxectoriaEditar

 
Casa natal en Porráns.
 
Placa.

A pesar dos seus éxitos posteriores, non comezou os estudos con bo pé: os seus suspensos no acceso ó Seminario en xuño e setembro de 1879 e na convocatoria extraordinaria de setembro de 1880 probablemente non se deban á ignorancia, senón ó seu desacordo co ambiente intelectual romano e ós seus ataques contra o cardeal Billot, paladín da restauración escolástica. Mais logo comezaron os "benemeritus" (notables) entre 1880 e 1882 e sobe ós "meritissimus" a partir de entón (agás o derradeiro suspenso en Dereito romano en 1886). Os seus estudos comezaron en Herbón (tres cursos de 1880 a 1884) e só logo foi ó Seminario central de Santiago: alí permaneceu ata completar Teoloxía, Filosofía e Canons, ben complementadas con Humanidades e Ciencias. O exame de grao para o título de Doutor en Teoloxía tivo por tema "Deus é inmenso e eterno" e realizouno en latín con citas hebreas e gregas. Á parte do currículo oficial, sempre cultivou a investigación filolóxica.

Foi decisivo para el o terceiro premio obtido na Altorientalische Geschellschaft en 1893, cando era aínda seminarista, cunha Memoria sobre as orixes e formas do caldeo. O propio Ramón Cabanillas foi quen pasou a limpo o texto latino, cuxa existencia foi por fin confirmada no ano 2004 grazas ó libro de Lemos Montanet. A correspondencia habitual entre Amor Ruibal e Leipzig ou Friburgo de libros tanto mercados coma en empréstito confirma a atención e prestixio dos que gozaba no estranxeiro: Amor Ruibal recibiu a encarga da tradución e adaptación ao castelán do Kirchliches Handlexikon. Máis tarde expresou o seu desgusto contra o Manifesto que os seus amigos e inspiradores alemáns (Herder) asinaron en 1914 en apoio ó Kaiser Guillerme II no empezo da Primeira guerra mundial.

Falidas as súas aspiracións a coenxías en Santiago de Compostela, Ourense e Granada (a onde nin foi), conseguiu a santiaguesa en 1902. En 1916 presentouse para o Senado español sen quitar escano, máis ben como método para prestixiar algunha candidatura. Nunca aceptou ser declarado bispo e sempre preferiu centrarse no seu labor de profesor de Teoloxía Fundamental e Dereito canónico.

ObraEditar

Pediúselle axuda para dous proxectos internacionais: o Novo código de Dereito canónico e os traballos de preparación para a posible definición dogmática da Mediación universal de María. Só deste se conserva o texto, latino, da súa primeira parte (publicado por Rey Martínez na revista Compostellanum), pero non da segunda (Hymnologia graecorum pro thesi) nin do Código.[1]

Dende párrocos ata o propio cardeal Tedeschini, fixéronlle consultas sobre problemas canónicos, e xornalistas e institucións pedíanlle informes (entre eles as recensións da Dogmática de P. I. Hermann ou o Dereito penal do seu curmán Amor Neveiro), mesmo algúns deles sobre temas fóra do que oficialmente era a súa especialidade, como a etimoloxía de "Compostela" e de "Libredón" ou a historia de Santiago, da súa catedral ou do Hospital Xeral. Algunhas das súas obras recentemente reeditadas (no mencionado libro de Lemos) son:

  • Constituciones de la S. A. M. I. Catedral de Santiago adaptadas a la legislación canónica vigente y derecho concordado (procedente dun libreto);
  • Las peregrinaciones a Santiago. Los nombres de Libredón y Compostela;
  • La Capilla del Gran Hospital. Sus privilegios;
  • Una carta del autor de "Ne temere";
  • Rúa del Villar. Examen glotológico de sus denominaciones en el siglo XII;
  • La lengua gallega y su léxico etimológico;
  • Galicia y sus hombres. Una entrevista con el sabio políglota Dr. Amor Ruibal;
  • La cruz svástica en Galicia. La cruz svástica no es celta (procedentes de artigos en xornais);
  • Porén, séguese sen saber nada do proxecto Los problemas fundamentales de la Filosofía y el Dogma, previsto para 17 tomos.

Especial atención merece a súa preocupación filolóxica polo galego, alén da reclusión á lírica: xa daquela afirmaba que "tiña aptitudes para todos os xéneros de forma literaria". Sen perder o tempo en disquisicións terminolóxicas sobre se o galego é lingua ou dialecto, o seu magno proxecto inacabado era un estudo científico do galego cun dicionario etimolóxico que profundaría mesmo ata o sánscrito, para o que afirmaba "ter recollido bos materiais"[2]. Sen caer nos extremos da controversia imperante verbo do celtismo lingüístico e cultural, pon equilibrio na disputa, que dalgún modo se corresponde coa actual arredor do reintegracionismo. Defende que o galego, dende a perspectiva da lexicoloxía, ten forte preponderancia da asimilación galaico-portuguesa, e esta é lexítima se non se cae no abuso e se se recoñece a singular evolución histórica do galego. Á vista disto pode verse o gran sentido práctico de quen podería estar vivindo nun aparte especulativo.

Neste aspecto de coidado ós asuntos máis concretos, o seu labor persoal estendíase mesmo á realización e composición material dos libros escritos en alfabetos non latinos na prensa. No ano 1927 cobre a praza de vigairo capitular, publicando 17 circulares, polas que resolve preitos xurídicos e administrativos, organiza como Gobernador eclesial e Provisor do arcebispo, e aborda temas tan dispares coma o precepto pascual ou a casuística das bulas, a formación seminarista, a organización das mocidades, a prensa católica, a promulgación e levantamento de excomuñóns para o enterramento dun suicida ou a renovación do edificio do Seminario.

InfluenciaEditar

Á parte de ser unha das figuras clave da filoloxía e lingüística coas que a Igrexa católica contribuíu ó galeguismo (xunto con Sarmiento, Antonio Noriega Varela e en xeral toda a xeración do seminario de Mondoñedo), mantén unha posición orixinal na resolución da crise modernista, sen darse ó historicismo relativizador nin á ortodoxia fosilizada nun pensamento ahistórico e inxenuamente realista. En boa parte, hai que interpretalo en relación coa Teoloxía liberal protestante (cuxos maiores exponentes españois son Miguel de Unamuno e mais Amor Ruibal) paralela ó proxecto de Harnack, independentemente da controversia pro- ou anti-escolasticista. Por moito que esta sexa a súa formación, o seu pensamento renovador e a súa fonda intuición non se restrinxiron a este encadramento.

No ano 2004 instituíuse o Arquivo Amor Ruibal (en formación no Instituto Teológico Compostelano) que conta con correspondencia, escritos menores do autor, anotacións, fotos e noticias xornalísticas.

NotasEditar

  1. Montanet, José Leonardo Lemos (2004). "Obra viva" de Ángel Amor Ruibal (en castelán). Editorial CSIC - CSIC Press. p. 281-284. ISBN 9788400082628. 
  2. Galicia, Administración de (2016). "Galiciana: Arquivo Dixital de Galicia". arquivo.galiciana.gal. Consultado o 2019-10-03. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar