Dereito canónico

O dereito canónico (do grego κανον kanon, regra, norma ou medida) é unha xurisprudencia que conforma unha especialidade do dereito. A súa finalidade é estudar e desenvolver a regulación xurídica da Igrexa católica.[1] Esta definición abrangue tres conceptos que causaron controversia sobre a súa consideración ao longo da historia: a súa finalidade, o seu carácter xurídico e a súa autonomía científica.

Igrexa católica editar

 
Concordia Discordantium Canonum, 1140
 
Tratado sobre os decretos de "non cultu" (Pedro de Quintanilla, 1671)

A Igrexa católica está dotada desde os inicios dunha organización propia e un ordenamento xurídico específico, cos acordos conciliares como as súas principais fontes normativas.

Conta cos seus propios tribunais, avogados e avogadas e códigos completamente articulados e con principios xerais do dereito.

Historia do dereito canónico editar

Os canons dos concilios compleméntanse con decretos papais. Están recollidos en recompilacións como o Liber Extra (1234), o Liber Sextus (1298) e as Clementinas (1317). Entre 1140 e 1142, Graciano o Mozo redactou a Concordia discordantium canonum ou Decreto de Graciano. Este tenta conciliar a morea de canons existentes desde séculos anteriores, moitos deles contraditorios entre si.

Posteriormente creouse o Corpus Iuris Canonici. Esta colección incluía as principais obras canónicas oficiais e particulares, compostas entre 1140 e 1503.

No século XX iniciouse un proceso de codificación formal mediante a recompilación do extenso corpo de normas, complexo e difícil de interpretar. Aínda que dita recompilación comezou no pontificado de Pío X, o primeiro Código de Dereito Canónico foi promulgado por Bieito XV en 1917, que derrogou a Corpus Iuris Canonici. Este feito é considerado o acontecemento intraeclesial máis importante deste pontificado, pois o Código constituíuse como un elemento básico da organización da Igrexa católica.

O Código de Dereito Canónico (Codex Iuris Canonici) actualmente vixente foi promulgado por Xoán Paulo II o 25 de xaneiro de 1983, que derrogou o de 1917. Consta de sete libros, que tratan, en orde, dos seguintes asuntos:

  • Normas xerais
  • O pobo de Deus
  • A función de ensinar da Igrexa
  • As funcións de santificar a Igrexa
  • Os bens temporais da Igrexa
  • As sancións na Igrexa
  • Os procesos

Este código de dereito canónico só estaba en vigor para a Igrexa católica de rito latino. As Igrexas Católicas sui iuris de ritos orientais comezaron a codificación en 1917, mais ficou inconclusa. Só se promulgaron algunhas partes antes do Concilio Vaticano Segundo. Tras estabelecer o Código latino en 1983, comezou unha nova codificación oriental que terminou en 1990. Ficou así estabelecido o Código dos Canons das Igrexas Orientais (Codex Canonum Ecclesiarum Orientalium), actualmente en vigor.

Especialidades do dereito canónico editar

O dereito canónico pode dividirse en distintas ramas. Estas inclúen:

  • Dereito canónico constitucional
  • Dereito canónico fundamental
  • Dereito canónico administrativo
  • Dereito canónico penal
  • Dereito canónico procesual
  • Dereito canónico sacramental
  • Dereito canónico matrimonial
  • Dereito canónico oriental

Igrexas anglicanas editar

Na Igrexa de Inglaterra, as cortes eclesiásticas que antes decidían cuestións como matrimonios, divorcios, testamentos ou difamación, aínda teñen xurisdición para algúns asuntos relacionados coa Igrexa. Estes inclúen a disciplina do clero, a propiedade eclesiástica ou o aspecto inmobiliario. O seu status separado remóntase ao século XII, cando os pobos normandos as separaron das cortes mixtas que utilizaban os pobos saxóns.

En contraste cos outros sistemas xurídicos anglosaxóns, a lei que se utiliza en temas eclesiásticos é, en parte, similar ao dereito continental. Tras a Reforma protestante, as cortes eclesiásticas en Inglaterra ficaron adscritas á coroa. Henrique VIII fíxose cargo da lexislación nesta materia e estabeleceu un corpo específico de letrados para as cuestións do dereito canónico. A mediados do século XIX reduciuse en gran medida a xurisdición destes tribunais.

Outras igrexas anglicanas aínda manteñen os seus sistemas privados de dereito canónico. Entre outras, figuran a Igrexa Episcopal nos EUA ou a Igrexa Anglicana do Canadá.

Notas editar

  1. Lombardía, Pedro (2005). Parte General Derecho Canónico. 

Ligazóns externas editar