Hermenéutica
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2022.) |
A Hermenéutica é unha teoría filosófica da interpretación.
A orixe desta palabra remite ó substantivo grego hermeneia (“έρμηνεία”), traducido como "interpretación". Con este sentido aparece, por exemplo, no escrito aristotélico Peri hermeneias ("Sobre a interpretación"). Crese, aínda que non é seguro, que hermeneia procede de Hermes, o deus mensaxeiro encargado de transmitir ós humanos noticias divinas. Esta idea retómana posteriormente os primeiros pastores cristiáns, considerándose a si mesmos os proclamadores da palabra divina. Agora ben, os sacerdotes cristiáns non se limitarían a reproducir sen máis o mensaxe divino, senón que a través da expresividade ofrecida na recitación oral facilitarían a súa comprensión. Interpretan unha mensaxe a través dun determinado estilo oral, algo así como cando se di dun artista que vai "interpretar" unha canción. Ademais de "interpretación oral", hermeneia ten os sentidos de "aclaración" do significado escuro dun texto escrito e de "tradución", é dicir, trasladar dunha lingua a outra. Por iso tamén se chaman "intérpretes" ós tradutores de linguas. Outros autores propoñen entroncar a orixe da palabra coa figura mítica e lendaria de Hermes Trimegisto, suposto autor dos chamados escritos herméticos, moi difundidos a partir do século II d.C polo mundo grecorromano. Estes escritos, que mesturan temas de carácter ocultista con outros máis de tipo filósofico-relixioso, volveron a florecer nos séculos XVII e XVIII nos ámbitos asociados ó esoterismo e ás ciencias ocultas. En definitiva, en todos estes casos a “interpretación” ven a significar un proceso consistente en “facer comprender” algo difícil (ou secreto).
Historicamente o primeiro documento coñecido no que aparece a palabra latinizada hermenéutica data de 1654. Correspóndese cun libro do teólogo Johann Conrad Dannhauer que leva no título a expresión “Hermenéutica sacra”, entendida como unha técnica destinada ó comentario de textos sagrados. De todas formas, aínda que non se usase a palabra, nocións teóricas sobre como comentar textos sagrados existen xa desde a época do cristianismo primitivo. De aí que habitualmente se asocien os orixes desta disciplina coa Teoloxía.
Tipos de hermenéutica
editarExisten dúas concepcións básicas da hermenéutica: Hermenéutica metodolóxica e Hermenéutica filosófica.
A hermenéutica metodolóxica foi entendida sucesivamente como Hermenéutica sacra (estudo dos principios metodolóxicos a empregar na esexese dos textos bíblicos), Hermenéutica filolóxica (conxunto de regras encamiñadas á interpretación de textos relixiosos, literarios e xurídicos), Teoría xeral da interpretación (regras que afectan á interpretación de calquera expresión lingüística -concepción de Schleiermacher-) e, por último, como Método das ciencias humanas (aplicable a todo acto humano de comprensión, ben sobre textos ou ben sobre outras formas humanas de expresión artística e cultural) . Segundo Wilhelm Dilthey a interpretación de calquera expresión cultural humana require dunha comprensión histórica. En consecuencia, esta última ten que converterse no método específico de todas as ciencias humanas (Geisteswissenschaften). A hermenéutica proporcionaría as regras directrices da comprensión histórica, configurándose así na base metodolóxica das ciencias humanas (Historia, Socioloxía, Dereito etc.), en oposición á metodoloxía inductivista propia das ciencias da natureza (Física, Química etc.). Así, se o obxectivo das ciencias humanas é comprender o significado único e peculiar do evento estudado, o das ciencias naturais consiste, en cambio, en explicar os fenómenos encadrándoos no marco dunha lei xeral.
A hermenéutica filosófica é unha proposta do pensador alemán Hans-Georg Gadamer, efectuada a partir dos traballos de Martin Heidegger. Gadamer parte da tese heideggeriana de que a comprensión e a interpretación constitúen unha característica esencial da existencia humana. Existir consiste en estar constantemente interpretando, ben sexa a través das accións vitais cotiás ou da actividade científica en xeral. En consecuencia, desde un punto de vista humano, a hermenéutica (=fenómeno da comprensión) ten un alcance universal. A Hermenéutica filosófica quere determinar que é a comprensión como fenómeno existencial básico, e non só como metodoloxía da interpretación de textos ou de determinadas ciencias.
Paralelamente á hermenéutica filosófica de Gadamer houbo no século XX importantes intentos por recuperar o sentido metodolóxico tradicional da hermenéutica, especialmente con Paul Ricoeur, que volve a caracterizala como esexese textual, se ben entendendo por “texto” calquera conxunto de símbolos (escrito, pictórico, onírico etc.), e tamén con Emilio Betti, que pretende recuperar a hermenéutica como método obxectivo propio das ciencias humanas, fronte á concepción filosófica de Gadamer.
Respecto a Ricoeur, en De l'interprétation: essai sur Freud expón que toda expresión simbólica consta dun significado superficial e manifesto e doutro máis profundo e oculto. A hermenéutica será o procedemento para revelar este segundo significado contido no primeiro. Deste xeito a hermenéutica convertese nunha tarefa desmistificadora nos casos en que considera que o significado superficial é falso ou enmascara a realidade. Como exemplo de grandes desmistificadores menciona Ricoeur a Marx, Nietzsche e Freud.