Abrir o menú principal

Reintegracionismo

postura lingüística que defende que o galego é unha variedade da lingua portuguesa

O reintegracionismo é unha postura lingüística que defende que o galego é unha variedade da lingua portuguesa[1] ou no ámbito científico, galego-portuguesa. Polo tanto, as diferentes falas galegas serían, como as portuguesas, parte do mesmo diasistema lingüístico e, como consecuencia da procura da converxencia entre o galego e o portugués, propón a adopción dunha grafía baseada na norma portuguesa.

Norma divulgada a través do libro Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1983 coñecida como Norma AGAL e que ten a súa continuación no Compêndio Atualizado das Normas Ortográficas e Morfológicas do Galego-Português da Galiza [2] da Associaçom de Estudos Galegos, mentres a AGAL logo de aprobar a confluencia das dúas tradicións normativas do reintegracionismo [3] deu ao prelo a Ortografia galega moderna: confluente com o português no mundo en 2017.

O sector lusista defende a adopción directa do padrón portugués.

Índice

HistoriaEditar

 
Logotipo da AGAL

Como postura moi minoritaria tivo algúns partidarios a comezos do século XX como Xoán Vicente Viqueira[4] ou Evaristo Correa Calderón e a mediados do século na figura de Ernesto Guerra da Cal[5]. Con todo a primeira formulación ortográfica debeuse a José Martinho Montero Santalha que en 1976 publicou na revista Grial a súa Unificación ortográfica galego-portuguesa, recollendo a proposta que Manuel Rodrigues Lapa fixera en 1973 de adoptar o portugués como a forma literaria do galego, pero matizándoa para defender só un achegamento ortográfico[6], afondando nesa liña en Directrices para a reintegración lingüística galego-portuguesa de 1979. Eses postulados recolleunos Ricardo Carvalho Calero a partir de 1980 nunha serie de obras. E ao ano seguinte naceu a principal organización reintegracionista; a Associaçom Galega da Língua.

O Concello de Corcubión foi a primeira institución pública que utilizou esta normativa na súa web.

O reintegracionismo é un movemento cultural, alén de lingüístico, que sostén o feito de que o galego pertence á lingua histórica coñecida mundialmente polo nome de portugués ou lingua portuguesa. Ou sexa, as falas galegas forman parte do mesmo diasistema lingüístico,que antes da aplicación do Novo acordo ortográfico era realizado por dúas normas: as estandarizadas en Portugal e nos PALOPs. E no Brasil: ás cales cabería engadir outra galega, aínda en proceso de elaboración. A aplicación do acordo ortográfico de 1990 en Brasil e Portugal provocou a actualización e flexibilización das normas promovidas pola AGAL e a edición dun novo libro en 2017 chamado "Ortografía Galega Moderna".

Por consecuencia, os reintegracionistas ou lusistas cren que a normativa oficial do galego, arbitrada pola Real Academia Galega e reflectida nas NOMIG (normas ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) é inadecuada, xa que dan por irreversíbel a castelanización do galego. A última reforma destas normas, en 2003, acepta esa visión e conserva os trazos coincidentes co español, como a letra ñ, o dígrafo ll, os sufixos -ería, -ble, -ción, as regras de acentuación e as opcións léxicas tamén dan máis preferencia a vocábulos de orixe castelá.[Cómpre referencia]

A norma da AGAL (Asociación Galega da Lingua) e outros grupos usan unha norma ortográfica próxima da portuguesa común: NH, LH, ~ ("til") unicamente nos plurais (s); -aria, -vel , pero -con, en vez de -ción.

Outras agrupacións, como o MDL (Movemento Defensa da Lingua), usan a Norma AGAL e a portuguesa indiferentemente, mentres que a AAG-P (Asociación de Amizade Galiza-Portugal) e as IFG-P (Irmandades da Fala da Galiza e Portugal) optaron pola norma acordada en Lisboa en 1990 e usada en todo o mundo no Portugués actual. En Portugal, e en todo o mundo lusófono estes movementos son secundados polo MIL: Movemento Internacional lusófono e polos Coloquios da Lusofonía.

O termo "reintegracionismo" representa, fronte ao término "lusismo" unha posición de achegamento máis lenta, e acepta posicións intermedias sobre a adopción progresiva da ortografía portuguesa. Con todo, lusismo e reintegracionismo buscan os mesmos obxectivos. Se fose posible a distinción, habería de atribuír ao lusismo a adopción da ortografía e morfoloxía portuguesas, co uso de léxico común e tamén do propio galego, mentres que o reintegracionismo usa peculiaridades galegas na ortografía e na morfoloxía, por riba sinaladas, ademais de coincidir co lusismo nos usos lexicais.

Promotores do reintegracionismo son a Asociación Galega da Lingua (AGAL), o Movemento Defensa da Lingua (MDL), a Asociación de Amizade Galiza-Portugal (AAG-P), as Irmandades da Fala da Galiza e Portugal (IFG-P), a Asociación Socio-Pedagóxica Galaico-Portuguesa (AS-PGP), a Academia Galega da Língua Portuguesa creada en 2008 e distintas asociacións cívicas locais, especialmente os chamados 'centros sociais' que na última década xurdiron en diferentes vilas e cidades da Galiza para realizar traballo cultural e lingüístico con unha orientación reintegracionista.[Cómpre referencia]

Xa no ámbito político, as forzas de referencia española adoitan ser máis refractarias fronte ao reintegracionismo, apoiando a normativa oficial. Os partidos e forzas nacionalistas e independentistas galegas teñen unha orientación máis reintegracionista, pero a corrente maioritaria, o BNG e o En Marea, asume estes principios só nun plano teórico, mentres que a minoritaria esquerda independentista Causa Galiza usa a proposta ortográfica reintegracionista xa desde 1985, cando foi aprobada pola extinguida organización Galiza Ceive (OLN).

Actualmente o Diario Oficial de Galicia (DOGA) permite a súa visualización en portugués, galego e castelán.

O lusismo tivo varios éxitos de renome entre os que se contan a aceptación polo parlamento español e parlamento galego da recepción das televisións portuguesas ou a aprobación da ILP Paz-Andrade para a promoción do ensino do portugués común no territorio (mais baixo o nome de Portugués Lingua estranxeira en convivio* ao lado da materia de lingua galega).

A Academia Galega da Língua Portuguesa fai parte dos observadores consultivos da CPLP.[Cómpre referencia]

En 2018 en debate parlamentario foi aprobada unha resolución no Parlamento de Galicia solicitando ao goberno galego iniciar trámites para a incorporación galega na CPLP.[Cómpre referencia]

NotasEditar

  1. Francisco Fernández Rei A situación do galego en Galicia e no occidente de Asturias, de León e de Zamora en Estudios de sociolingüística románica: linguas e variedades minorizadas. Universidade de Santiago de Compostela, 1999, páxina 43
  2. "Sai o 'Compêndio atualizado das normas ortográficas e morfológicas do galego-português da Galiza" AEG
  3. "AGAL aproba a confluencia das dúas tradicións normativas do reintegracionismo" Galicia Confidencial, 5 de decembro de 2016
  4. Domingos Prieto Alonso Planificaçom lingüística do galego:Vicente Viqueira, mestre de dom Ricardo en José Luís Rodríguez (ed.) Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero. Universidade de Santiago de Compostela, 2000, pp. 267-281
  5. Maria do Carmo Henríquez Salido Caracterizaçom da língua en Ernesto Guerra da Cal en Homenagem a Ernesto Guerra da Cal. Universidade de Coimbra, 1997, páxina 277
  6. Serafín Alonso Pintos O ideal de lingua na Gramática de Carballo Calero, Grial 147, 2000, páxina 473

Véxase taménEditar