Normativa reintegracionista do galego

A normativa reintegracionista do galego, tamén chamada lusista[1] ou internacional,[2] é unha normativa ortográfica e morfolóxica para o galego que carece do criterio de autoridade que só ten a Real Academia Galega para as cuestións relativas á normativa da lingua galega. Neste caso, a proposta considérase converxente co galego medieval e coa usada no portugués de Portugal e no portugués do Brasil. O movemento que a promove e sustenta é coñecido como reintegracionismo, dentro do que destaca o labor da AGAL e da súa Comissom Lingüística en materia de normativización.

Esta normativa naceu en 1983 coa publicación do Estudo Crítico, obra en que a AGAL analizaba as NOMIG creadas pola RAG e o ILG, estabelecendo ao tempo a súa propia norma. Na actualidade, despois de actualizacións derivadas do Acordo Ortográfico de 1990 da lingua portuguesa, a normativa está condensada na obra Ortografia Galega Moderna confluente com o Português no mundo.[3]

Antecedentes

editar

Desde o Rexurdimento, momento en que se empeza a escribir o galego de forma moderna, os e as distintas autoras empregan distintas grafías. Algunhas delas, as denominadas posteriormente etimoloxicistas, facían escollas máis próximas do latín, en especial para o que se refire á representación do fonema fricativo palatal xordo, /ʃ/. A opción maioritaria neses tempos era representalo con x se ben algúns autores preferían grafías máis próximas do galego medieval, castelán, portugués e latín: g/j.

A normativa oficial do galego

editar
Artigo principal: Normativa oficial do galego.

Despois de décadas sen unha ortografía oficial para representar o galego, a chegada da democracia e da autonomía de Galiza en 1978 supuxo un punto de inflexión. O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 estabelecía o galego como lingua oficial, e era preciso unha norma para ser ensinada nas escolas e usada polos poderes públicos. Nun comezo, o labor normativo estaba nas mans da Comisión Lingüística da Xunta, presidida por Carvalho Calero, quen promovía unhas normas semellantes ás actuais pero con aspectos puntuais, como a acentuación, máis próximas do estándar de portugués contemporáneo.[4] Finalmente a entidade encargada legalmente do establecemento das normas do galego foi a Real Academia Galega, que seguiu os criterios dos lingüistas do ILG, condensados no documento chamado NOMIG. Naceu deste xeito a normativa oficial do galego.

A norma AGAL e a súa evolución

editar

Como resposta ás NOMIG, a Comissom Linguística da AGAL lanza en 1983 o Estudo Crítico, unha obra que analizaba de maneira crítica os principais puntos da normativa oficial. A obra establece tamén a propia proposta normativa da AGAL, converxente coa do portugués europeo, con excepción de certos trazos como o uso do til (~). Estas normas serían desenvolvidas máis adiante no Prontuário Ortográfico Galego (1985) e no Guia Prático de Verbos Galegos Conjugados (1989), culminando en 1989 coa publicación dunha segunda edición revisada e ampliada do Estudo Crítico. Posteriormente, esta norma sufriría pequenas modificacións, como a inclusión do til de maneira optativa ou a redución dos grupos -cc- e -ct- para converxer co Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa de 1990.

Entrementres, dentro do movemento reintegracionista aínda existía unha dualidade interna. Algunhas persoas optaban por ir alén da norma da AGAL (camiom, dixo...) e usar na escrita o padrón do portugués de Portugal (camião, disse...). Isto chegou a provocar bastante tensión dentro do movemento, o que daría lugar á chamada confluência normativa en 2016.[5] A partir dese momento, unha soa norma reúne todos os usos do reintegracionismo, dando opcións duplas sen mostrar preferencia por ningunha delas. Deste xeito, a norma pasa a ser máis descritiva do que prescritiva, deixando que sexan os seus partidarios os que acaben por consolidar as opcións preferentes. Esta nova norma, vixente na actualidade, pode encontrarse na obra Ortografia Galega Moderna confluente com o Português no mundo.

Principais diferenzas entre a normativa reintegracionista e a oficial

editar

A seguir estabelécense algunhas das diferenzas máis salientábeis:

  • -M: O fonema nasal velar, /ŋ/, no final de palabra é representado cun -m, en lugar do -n que usa a normativa oficial. Ex.: som, fim, comum.
  • J/GE,GI/X: O fonema fricativo palatal xordo, /ʃ/, é representado como J, GE/GI ou X segundo a etimoloxía. A normativa oficial usa apenas X en todos os casos. Ex.: jeito, gente, gigante, caixa.
  • NH e LH: Representan respectivamente o fonema palatal nasal, /ɲ/, e o lateral palatal, /ʎ/. No caso da normativa oficial, estes sons son representados por Ñ e LL. Ex.: minhoca, coelho.
  • Ç/CE,CI e Z: Representan o fonema fricativo dental xordo, /θ/, en falantes thetacistas ou o fonema fricativo alveolar xordo, /s/, en falantes seseantes. A principal diferenza está en que a normativa reintegracionista diferencia dúas secuencias segundo a etimoloxía (ça, ce, ci, ço, çu e za, ze, zi, zo, zu) en canto a normativa oficial simplifica ambas nunha soa (za, ce, ci, zo, zu). Cando se encontra en coda silábica, ambas as normativas usan sempre o Z. Ex.: força, centro, cinco, corço, açúcar, beleza, fazer, produzir, juízo, azul, feliz.
  • S/SS: Representan o fonema fricativo alveolar xordo, /s/, tanto en zonas de thetacismo como de seseo. Na normativa oficial é usado simplemente o S. Ex.: sentir, passar.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar