O seseo é un fenómeno fonético da lingua galega, que consiste na neutralización do fonema fricativo interdental xordo (/θ/) a favor do fricativo alveolar xordo (/s/). É un trazo distintivo dalgunhas variedades occidentais da lingua galega e considérase en retroceso na actualidade. A ausencia do fonema fricativo interdental xordo é un trazo da maioría das variedades da lingua española, en especial en América Latina.

[1]      Áreas con distinción entre /s/ e /θ/ sempre      Áreas con seseo implosivo (cinco/des)      Áreas con seseo explosivo e implosivo (sinco/des)

Tipos de seseo editar

O seseo pode clasificarse atendendo á posición que ocupa na sílaba e segundo a realización do s.

Tipos de seseo segundo a posición editar

  • Seseo explosivo ou prenuclear: Inexistencia de /θ/ en posición inicial de sílaba, como en sapato (zapato) ou sinco (cinco). O seseo explosivo tamén se denomina total, xa que a súa presenza implica necesariamente a existencia de seseo en posición posnuclear (implosivo).
  • Seseo implosivo ou posnuclear: Inexistencia de /θ/ en posición final de sílaba: lus ou des.

Tipos de seseo segundo a realización editar

  • Seseo apicoalveolar: realizado como [s̺].
  • Seseo predorsodental: realizado como [s].

Xeografía do seseo editar

De acordo coas variedades documentadas para o Atlas lingüístico galego (ALGa) nos anos setenta do século XX, para delimitar o territorio seseante é preciso atender á existencia de dúas isoglosas: a do seseo prenuclear e a do posnuclear.

A isoglosa do seseo explosivo parte na costa occidental da Coruña, entre Ponteceso e Laxe, abranguendo a costa occidental desta provincia e a comarca de Compostela. Na provincia de Pontevedra abrangue as falas costeiras do Salnés, o Morrazo, o Fragoso, o Val Miñor e as falas do Condado. Tamén se detecta seseo no lugar de Redes (concello de Ares), en lugares do concello de Touro e en puntos do concello de Vedra na provincia da Coruña. En territorio pontevedrés detéctase en lugares de Caldas de Reis, Tui, Salvaterra de Miño e na Guarda. Fóra do galego occidental, no ALGa documentouse seseo na vila de Rinlo (Ribadeo). O seseo implosivo abrangue a case totalidade da provincia da Coruña, gran parte da de Pontevedra e a Baixa Limia.

Sistemas seseantes editar

Orixe dos sistemas seseantes actuais editar

Todos os sistemas seseantes teñen a súa orixe no sistema de sibilantes medieval. En galego-portugués existían tres pares de sibilantes, unha parella de fricativas prepalatais, xordo /ʃ/ (queixo) e sonoro /ʒ/ (gente), unha parella de africadas dentoalveolares, xorda /ts/ (paço, ceo) e sonora /dz/ (fazer) e unha de apicoalveolares, xorda /s/ (passo) e sonora /z/ (coser). Nos textos medievais xa se documentan os primeiros casos de neutralización entre fricativas xordas e sonoras. Esta neutralización a favor das xordas acabará consolidándose en case todo o territorio galego, a excepción da Limia Baixa. Esta neutralización daría paso a un sistema de transición, composto polas tres fricativas xordas apicoalveolar, dentoalveolar e prepalatal. Esta oposición sería inestábel, debido á proximidade articulatoria da apicoalveolar e dentoalveolar. Esta inestabilidade resólvese na evolución da dentoalveolar nunha interdental, no sistema do galego común ou na neutralización dos dous fonemas nun só, apical ou dentoalveolar segundo o sistema.

Sistemas seseantes segundo os datos do ALGa editar

  1. Subsistema do galego común: É propio da metade da provincia da Coruña, o interior da de Pontevedra e a case totalidade das de Lugo e Ourense, ao igual que o galego exterior, coa excepción de Hermisende. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo interdental xordo /θ/, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  2. Subsistema arcaico: Localízase na Limia Baixa e en Hermisende. Mantén con lixeiras modificacións o sistema medieval de seis elementos, con oposición entre xordas e sonoras. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsointerdental xordo, predorsointerdental sonoro, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo apicoalveolar sonoro /z/, fricativo palatal xordo /ʃ/, fricativo palatal sonoro /ʒ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  3. Subsistema de transición: En trámites de desaparecer, só se conserva nalgúns falantes da localidade rianxeira de Taragoña. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsodental xordo, fricativo apicoalveolar xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/
  4. Subsistema occidental: Abrangue a metade meridional do occidente coruñés e a costa de Pontevedra. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo dental xordo /s/, fricativo palatal xordo /ʃ/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  5. Subsistema despalatizador: Localízase en zonas seseantes da costa da Coruña e Pontevedra, caracterízase pola despalatalización de /ʃ/, substituída pola fricativa apicoalveolar xorda e pola existencia de seseso predorsal. Está composto polos seguintes fonemas: fricativo predorsodental xordo, fricativo apicoalveolar xordo /s/ e africado palatal xordo /tʃ/.
  6. Subsistema innovador: Localízase en puntos de áreas seseantes da costa da Coruña en falantes de menor idade. Está composto unicamente por dous fonemas: o fricativo predorsodental xordo /s/ e africado palatal xordo /tʃ/.

O seseo no castelán editar

Denomínase igualmente seseo á mesma variación fonolóxica que ocorre coa lingua castelá pola que os fonemas /s/ e /θ/ (representados polas grafías <c> (ante <e> ou <i>), <z>, e <s>) non se distinguen, asimilándose á consoante fricativa alveolar xorda /s/. Esta distinción ocorre na maior parte dos dialectos do castelán peninsular e tómase coma norma no país; tamén distinguen os fonemas os galegos que sesean en galego cando falan en castelán. Porén nas Illas Canarias, zonas do noroeste de Andalucía e en todo o español das Américas dita distinción non se dá. Disque a aparición destes fenómenos data dos séculos XVI e XVII, cando ocorreu un reaxuste consonántico no idioma español.[2]

Unha variación moi semellante é o ceceo, máis minoritario, no que o son resultante é máis semellante a [θ]; ambas as dúas variacións contrapóñense á distinción entre /s/ e a consoante fricativa dental xorda (non estridente) /θ/.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar