A Guarda

concello da comarca do Baixo Miño, na provincia de Pontevedra

Coordenadas: 41°54′N 8°52′O / 41.900, -8.867

A Guarda é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño. Segundo o IGE no ano 2016 tiña 10.133 habitantes (4.937 homes e 5.196 mulleres). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é guardés.

A Guarda
Escudo da Guarda
Casa consistorial
Castro de Santa Trega Castro de Santa Trega
Igrexa de Salcidos
Situación
Xentilicio[1]Guardés/esa
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Baixo Miño
Poboación9.998 hab. (2023)[2][3]
Área20,5 km²[3]
Densidade487,71 hab./km²
Entidades de poboación3 parroquias[4]
Política (2023 [5])
AlcaldeRoberto José Álvarez Carrero (PP[6])
ConcelleirosBNG: 5
PPdeG: 8
PSdeG-PSOE: 3
Outros: ESCO: 1
Eleccións municipais na Guarda
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes39,26%
Na rede
aguarda.es
Facebook: ConcellodaGuarda Twitter: AGuarda_es Instagram: concellodaguarda Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Poboación editar

Censo total 2021 9.991 habitantes
Menores de 15 anos 1.281 (12.81 %)
Entre 16 e 64 anos 6.383 (63.83 %)
Maiores de 65 anos 2.327 (23.27 %)
Evolución da poboación de A Guarda   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
6.001 7.588 7.725 9.275 10.162 10.425 10.484 10.453 10.438 10.314 10.193 10.133 10.051 10.013 9.977 1.025 9.991 {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía editar

Sitúase no suroeste de Galiza, onde desemboca o río Miño. Limita co océano Atlántico polo oeste, co concello do Rosal polo norte e o leste, e ó sueste con Portugal, a través da fronteira natural do río Miño. Pódese chegar por estrada desde Tui e desde Baiona pola estrada PO-552, e desde Caminha por transbordador. Atópase a 50 km de Vigo e a 120 de Santiago de Compostela.[8]

Destacan os cumios do monte de Santa Trega (341 m) e do monte Terroso (350 m).

Praias do Concello da Guarda [9]
Nome Localización  
2015
Imaxe
Praia de Area Grande 41°54′36.22″N 8°52′35.36″O / 41.9100611, -8.8764889  
Praia de Fedorento 41°54′28.95″N 8°52′34.71″O / 41.9080417, -8.8763083
Praia de Carreiro 41°53′52.35″N 8°52′34.83″O / 41.8978750, -8.8763417
Praia da Lamiña 41°52′13.78″N 8°52′21.48″O / 41.8704944, -8.8726333 (Río Miño)
Praia do Muíño 41°52′22.19″N 8°52′2.52″O / 41.8728306, -8.8673667 (Río Miño)  
Praia da Armona 41°52′52.67″N 8°51′35.51″O / 41.8812972, -8.8598639 (Río Miño)
Praia do Codesal 41°53′4.90″N 8°51′14.64″O / 41.8846944, -8.8540667 (Río Miño)

Historia editar

A historia do concello está en gran medida condicionada pola súa situación xeográfica, ó ser un lugar estratéxico con abundantes recursos naturais. Os restos humanos máis antigos datan de hai uns 12.000 anos, atopados nos distintos socalcos do val do río Miño. Os grupúsculos de homes primitivos formaron o que se coñece como Cultura Camposanquiense, dado que foron atopados na parroquia de Camposancos, na ladeira do monte de Santa Trega.

 
Desembocadura do río Miño.

No neolítico (entre o 5000 a.C. e o 2000 a.C.), tivo lugar un perfeccionamento da industria lítica. Deste período son características as mámoas.[Cómpre referencia]

Na idade de bronce (entre o 2000 e o 1000 a.C.) comezan os contactos por mar con culturas mediterráneas, primeiro cos fenicios e, despois, cos gregos. O máis característico deste período son os petróglifos, gravados nas pedras con debuxos esquemáticos con gran valor documental sobre a vida desa época.[Cómpre referencia]

 
Castro de Santa Trega.

Na idade de ferro (primeiro milenio antes da nosa era) tivo lugar a cultura castrexa. Esta foi a etapa de maior esplendor, como se deduce do gran número de castros do lugar, destacando os da Forca, A Bandeira ou Santa Trega. Este último, datado entre os séculos I a. C. e I d. C., situado nas proximidades do cumio do monte, supón unha das mostras máis significativas da cultura galaico-romana de Galiza.

A cultura castrexa foi desaparecendo coa crecente romanización. Os poboadores foron abandonando os castros e comezando a asentarse nos vales para poder cultivar a terra. Da época romana existen restos no lugar de Saa, no Castro e en Pintán. Despois do século V chegou a conquista dos suevos.

Na alta Idade Media asentáronse na comarca do Baixo Miño comunidades relixiosas cristiás en varios cenobios, sendo os primeiros referentes administrativos supeditados á diocese de Tui. Logo de varias repoboacións, o rei Afonso II concedeu o couto da desembocadura do Miño ó Conde de Soutomaior.

A partir do século XII A Guarda estivo baixo a protección dos monxes cistercienses asentados en Oia. Nestas datas é cando se menciona por vez primeira o nome da Guarda nun documento, concretamente no ano 1195. Nos seus documentos fálase da próspera vida comercial que tiña a localidade. Nesa época fíxose un trazado urbanístico similar ó doutras vilas mariñeiras galegas, como Baiona ou Noia, con murallas en forma de triángulo, cun lado cara ao mar e no vértice contrario a igrexa. A finais da idade Media a igrexa parroquial foi ampliada para adaptarse ó crecemento da poboación.

A cuestión demográfica foi determinante no século XVI coa irrupción de varias pandemias, que causaron un descenso da poboación. Con licenza de Filipe II, a casa de Soutomaior promoveu un convento da comunidade de relixiosas beneditinas independentes da casa nai de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela.

O século XVII foi crucial para a historia da Guarda, debido ás presións belixerantes derivadas da guerra dos Trinta Anos. Construíuse o castelo de Santa Cruz, unha praza militar conquistada polos portugueses en 1665. Con esta vitoria, A Guarda pertenceu ó Reino de Portugal durante tres anos. Daquel tempo é tamén unha pequena fortaleza situada nun pequeno illote na boca do porto, que recibía o nome de Atalaia, elemento protagonista do escudo do concello.

 
Solpor na Guarda.

Durante o século XIX houbo un forte descenso de poboación provocado pola emigración cara a América, especialmente a Porto Rico. Ata 1845 o concello incluíu os terreos do concello do Rosal. Na segunda metade dese século instalouse no lugar da Pasaxe un importante colexio xesuíta.

O século XX estivo marcado pola fractura social que supuxo a guerra civil. A Guarda viuse axiña tomada polo alzamento nacional, pero o conflito notouse sobre todo na represión da retagarda, con paseados, fusilamentos, campos de concentración, malleiras, extorsións e exilios.

Na actualidade, o concello sofre unha reconversión encuberta. Logo dunha época de esplendor no sector da pesca, intenta transformarse, debido á súa falta de tecido industrial, nun concello adicado ós servizos, sobre todo ó turismo. Pero este xiro económico supuxo unha nova vaga de emigración, desta volta cara ás illas Canarias. Esta problemática comporta un estancamento demográfico.

Patrimonio editar

Arqueoloxía editar

Artigo principal: Castro de Santa Trega.

Entre os abondosos restos arqueolóxicos destaca o castro de Santa Trega. Un poboado amurallado con portas ó norte e ó sur. Nel atópanse restos do trazado viario, de vivendas, canles e depósitos de auga, fornos e outros materiais arqueolóxicos.

Posúe un museo arqueolóxico, onde se expoñen distintas elementos das diferentes culturas antigas asentadas na Guarda. Desde pezas do paleolítico (coitelos bifaces ou picos), do neolítico (coitelos puídos, cerámica...), da idade de bronce (fouces, puñais...), da cultura castrexa (pedras labradas, cerámica e ourivaría de bronce e ouro) e da Roma Antiga (terra sigilatta, tellas, ánforas, moedas...).

Arte relixiosa editar

O conxunto artístico máis importante está situado na Igrexa Parroquial de Santa María Asunción da Guarda, no centro da vila. Aparece documentada no século XII. Conserva elementos do románico no muro norte. A planta é de cruz latina, con tres naves e con capelas laterais (da Trindade e das Dores). No seu interior destaca a gran variedade de retablos barrocos, o conxunto de pinturas manieristas sobre táboas e o conxunto de frescos rococós. A fachada é barroca con lenzos murais brancos debido á influencia portuguesa. A fachada sur obedece a esquemas renacentistas, cun tímpano que realza unha furna cunha imaxe barroca da Virxe. O campanario é moi monumental, sendo unha fusión entre o barroco con aspectos neoclásicos.

A igrexa parroquial de Santa Isabel de Camposancos data de 1816, e a de San Lourenzo de Salcidos de 1530. Tamén existen varias capelas: a de Santa Trega (século XII), a da Virxe da Guía (século XVI), a de San Caetano (século XVIII) e a de San Roque (século XX). A capela de Santa Trega ten un Viacrucis con medallóns do escultor Julio Vicent Mengual, realizados a partir de 1922.

 
Convento de San Bieito.

Outro conxunto significativo é o Convento de San Bieito, construído entre 1558 e 1561 como Mosteiro da Transfiguración do Señor. Fundado por catro irmáns: Álvaro, García, Isabel e María Ozores de Sotomayor, naturais do Señorío de Teáns, Salvaterra de Miño, bisnetos de Pedro Madruga. A carta fundacional, asinada polo nuncio de Pío IV en Portugal, é do 7 de setembro de 1561. A inauguración foi o 5 de agosto de 1567 e estivo presidida polo bispo de Tui Diego de Torquemada. O edificio sufriu unha reforma importante no século XVIII, cunha portada barroca na porta norte da igrexa. A comunidade de beneditinas ocupou o convento durante 417 anos, ata 1984.[10]

 
Torre do Reloxo.

Arte civil editar

 
O Museo do Mar, na réplica da antiga atalaia.

Destaca a Torre do Reloxo, antiga homenaxe medieval, que foi parcialmente destruída, reerixida no século XVI. Tamén destaca o Centro Cultural, edificio de estilo rexionalista deseñado polo arquitecto Tomás Bilbao Sertucha a finais da década dos anos 20 do século XX.

En 2009 abriu o Museo do Mar, no porto, ó final do paseo marítimo, nunha réplica da antiga atalaia, que alberga unha colección malacolóxica de máis de 18 000 cunchas.[11][12]

Entre os monumentos de recente construción destaca a escultura adicada ao mariñeiro desaparecido, de Maxín Picallo; a adicada ós mariñeiros, de Antúnez Pousa, nas proximidades do peirao, e a dun rapaz sentado nun banco cun libro na man, ao carón da igrexa, de Cuqui Piñeiro.

Sendeirismo editar

A Guarda conta dende o 2010 cunha ruta homologada de sendeirismo, o PR-G 122 Camiños do Trega,[13] apta para o turismo de natureza. Ascende ata o Monte Trega e ten vistas da Guarda, do Esteiro do Miño e de Portugal e o Atlántico.

Colexios editar

  • IES A Sangriña
  • CEIP A Sangriña
  • CEIP Manuel Rodríguez Sinde
  • CEIP As Solanas - Nicolás Gutiérrez Campo
  • Colexio Padres Somascos (1957-) (concertado)
  • Colexio San José Hermanas Carmelitas de la Caridad (concertado)

Deporte editar

  • Sporting Guardés Club de Fútbol.
  • CB Atlético Guardés (balonmán).
  • Club Ciclista Guardés.
  • A Guarda Hockey liña.
  • Club ALAGUA, Asociación de Lecer Acuática Guardesa (vela lixeira e piragüismo).
  • Club de remo Robaleira (remo en batel, trainerilla e traiñeira).
  • Club Pesca-sub Atalaya (pesca submarina).

Cidades irmandadas editar

Festas e tradicións editar

Desde 1913 celébrase a Festa do Monte, o segundo domingo de agosto. A festa culmina coa ascensión ó monte de Santa Trega. En xullo de 2009 foi declarada festa de Galicia de interese turístico.[16]

Galería de imaxes editar

Parroquias editar

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias da Guarda

Camposancos (Santa Isabel) | A Guarda (Santa María) | Salcidos (San Lourenzo)

Lugares da Guarda editar

Para unha lista completa de tódolos lugares do concello da Guarda vexa: Lugares da Guarda.

Notas editar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "A Guarda".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. "Como chegar, Cocello da Guarda". Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2014. Consultado o 02 de novembro de 2014. 
  9. Praias da Guarda Arquivado 02 de novembro de 2014 en Wayback Machine. Concello da Guarda.
  10. Miguel Villa Álvarez, Joaquín Miguel: "El Convento de las Benedictinas de A Guarda, 1558-1984", 736 pp., Deputación de Pontevedra (en castelán).
  11. Museo do Mar Arquivado 30 de xuño de 2015 en Wayback Machine. na páxina do Concello da Guarda.
  12. Ficha do Museo do Mar da Guarda na páxina de Turgalicia.
  13. PR-G 122 Camiños do Trega en Turismo.gal.
  14. "A Guarda y Santo Domingo estrechan sus lazos a partir de la emigración"
  15. "A Guarda e Póvoa de Varzim cidades irmandadas". Eixo Atlántico. Consultado o 24 de setembro de 2022. 
  16. Resolución do 16 de xuño de 2009 pola se declara festa de Galicia de interese turístico a Festa do Monte (DOG 137, de 15 de xullo).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ferreira Lorenzo, Agustín (2020). Marcas e siglas dos mariñeiros da Guarda. A Guarda: Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM). 
  • Ferreira Lorenzo, Antón (1995). As marcas dos mariñeiros da Guarda (PDF). A Guarda: Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de maio de 2021. Consultado o 17 de maio de 2021. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar