Abrir o menú principal

Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal

(Redirixido desde "Eixo Atlántico")

A Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal é unha entidade transfonteiriza creada coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (entre Galicia e o Norte de Portugal), para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns ou de contribuír á súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos.

A constitución da Comunidade de Traballo supuxo a consolidación dunha frutífera etapa de relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, tanto a nivel de Iniciativas Comunitarias Transfronteirizas coma a un nivel máis amplo que abrangue as relacións interrexionais.

Índice

HistoriaEditar

Impulsada pola Xunta de Galicia e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, constituíuse o 31 de outubro de 1991 ao abeiro do Acordo Constitutivo, elaborado en virtude do Convenio Marco Europeo sobre Cooperación Transfronteiriza entre Comunidades e Autoridades Territoriais do Consello de Europa de 1980, con apoio das administracións da Unión Europea, España e Portugal.[1]

Na actualidade, o Acordo Constitutivo da Comunidade de Traballo foi adaptado, o día 24 de febreiro de 2006, ás disposicións do Tratado entre o Reino de España e a República Portuguesa sobre Cooperación Transfronteiriza entre Entidades e Instancias Territoriais do 30 de outubro de 2002, cuxa entrada en vigor se produciu o 30 de xaneiro de 2004 (Tratado de Valencia).[2]

A Presidencia da Comunidade de Traballo é asumida alternativamente polo Presidente da Xunta de Galicia e polo Presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional da Região Norte de Portugal, por períodos de dous anos.

A Comunidade de Traballo está formada, na actualidade, por 15 Comisións:

  • Dez Comisións Sectoriais, constituídas por representantes das institucións públicas das dúas rexións, nos diferentes sectores susceptíbeis de cooperación (por exemplo, infraestruturas, saúde, educación, cultura, pesca, medio ambiente etc);
  • Tres Comunidades Territoriais de Cooperación (CTC do Val do Miño, CTC do Val do Limia, CTC do Val do Támega e CTC deo Val do Cávado), que agrupan institucións de ambos os lados da fronteira: Cámaras Municipais portuguesas, Concellos e Deputacións Provinciais de Galicia;
  • Unha Comisión específica, constituída polo Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular, que se ocupa da política urbana das 18 cidades que forman parte do mesmo.

NotasEditar

  1. Sitio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal Arquivado 22 de maio de 2018 en Wayback Machine. Consultado o 21/5/2018.
  2. Texto do Tratado (en castelán) Consultado o 13/1/2012.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar