Através Editora
Através Editora é un selo editorial pertencente á Associaçom Galega da Língua (AGAL), que desde o ano 2010[1] substitúe a AGAL-Editora[2].
Através Editora | |
---|---|
Tipo | editorial |
Data de fundación | 2010 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
Na rede | |
https://www.atraves-editora.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Características
editarO propósito é amparar a produción literaria no reintegracionismo e tentar abrir camiño da literatura galega á lusofonía. As antigas coleccións Criaçom, Universalia e Clássicos viraron Através das Letras, Através das Ideias e Através de Nós, respectivamente. Creouse, ademais, unha nova colección, Através da Língua[3].
Através das Letras é unha sección centrada nas obras de creación narrativa e poética. Nos últimos anos son varias as obras literarias e autores que desde estes parámetros tiveron unha certa repercusión no panorama literario galego. O obxectivo é amplificar esta vía en Galiza e potencializala no mercado portugués. Nesta colección están as obras Noente Paradise. Poemas e canções de Ugia Pedreira, Animais, de Séchu Sende, Vicentinho e as Árvores da Paz de Touporroutou, Poemas no Faiado. Antologia de poesia lusófona para crianças, Abraço de Ferro de Carlos Santiago, Adelaida de Artur Alonso, Nântia e a cabrita d'ouro de Concha Rousia, A noiva e o navio de Susana Sánchez Arins, Mordida de Eugénio Outeiro, Janela Aberta de José Alberte Corral, Sete ch'iens a um posso de Sílvia Capom, Outra Vida de Mário Herrero Valeiro, O crânio de Castelao (varios autores) e Prédios de Thalámas Salamatu.
Através das Ideias acolle ensaios non centrados nunha temática lingüística. Combina obras orixinais con traducións que non estean a chegar ao mercado portugués e/ou que a Galiza só chegan en castelán, como ensaios sobre a temática nacional, que teñen grande importancia en España, e inclusive en Europa, mais que pasan bastante desapercibidos no mercado portugués. Nesta colección están as obras Parecia não pisar o chão de Carlos Taibo, Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa en Galiza (1890-1940) de Dionisio Pereira, Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas de Teresa Moure, Livros que nom lê ninguém. Poesia, movimentos sociais e antagonismo político na Galiza de Isaac Lourido e O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: O caso galego de Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio V. Carral Vilariño.
Através de Nós está centrada na publicación de obras clásicas das letras galegas mais tamén libros de temática galega, que axuden a percibir como é -e por que é así- a Galiza de hoxe. Estes últimos son ensaios divulgadores centrados en temáticas moi diversas, como a historia, xeografía, antropoloxía ou economía. Estas obras son Sempre em Galiza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Bandeiras da Galiza de José Manuel Barbosa, Carvalho Calero ATUAL de Ricardo Carvalho Calero e varios autores, PGL 10. A nossa língua na rede, a nossa língua no mundo, Conversas com Isaac Alonso Estraviz de Bernardo Penabade, Valle-Inclán lusófilo: documentos (1900-1936) de Rosário Mascato, DdoOLeR (2007-2014). 8 anos celebrando o Dia da toalha na Galiza, e Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego de Helena Miguélez-Carballeira.
Através da Língua é a nova colección integrante da Através Editora que non ten antecedente directo nas antigas coleccións da AGAL Editora. A produción galega en temática lingüística ou sociolingüística é enorme.
Tamén están nesta colección as seguintes obras:
- Por um galego extenso e útil, da Comissom Linguística da AGAL
- Do Ñ para o NH, de Valentim R. Fagim
- Manual de galego científico, de Carlos Garrido e Carlos Riera
- 101 falares com jeito, de Fernando V. Corredoira
- Guerra de Grafias. Conflito de elites", de Mário Herrero Valeiro
- O galego é uma oportunidade, de Valentim R. Fagim e José Ramom Pichel
- O modelo lexical galego, da Comissom Linguística da AGAL
- Galego, português, galego-português?, de Arturo de Nieves e Carlos Taibo
- Quem fala a minha língua?
- Falar a Ganhar, o valor do galego, coord. Manuel César Vila
- Quês e porquês do reintegracionismo
- Breve história do reintegracionismo, de Tiago Peres Gonçalves
Notas
editar- ↑ AGAL. "Séchu Sende e o primeiro poemário de Ugia Pedreira inaugurarám o catálogo da ATRAVÉS EDITORA". Consultado o 30/12/2014.
- ↑ AGAL. "Editora Associaçom Galega da Língua integra-se no 'Consorcio Editorial Galego'". Consultado o 30/12/2014.
- ↑ Através Editora. "Quem somos?". Consultado o 30/12/2014.
- ↑ Através Editora. "As nossas colecções". Arquivado dende o orixinal o 29/12/2014. Consultado o 30/12/2014.