Ernesto Guerra da Cal

filólogo e escritor galego

Ernesto Román Laureano Pérez Guerra, máis coñecido como Ernesto Guerra da Cal, nado en Ferrol o 19 de decembro de 1911 e finado en Lisboa o 28 de xullo de 1994, foi un filólogo e escritor galego.

Ernesto Guerra da Cal
Nome completoErnesto Román Laureano
Ernesto Pérez Güerra
Ernesto Guerra da Cal [1]
Nacemento19 de decembro de 1911
 Ferrol
Falecemento28 de xullo de 1994
 Lisboa
SoterradoLisboa
NacionalidadeEspañola e estadounidense
OcupaciónFilólogo e escritor
CónxuxeMargarita Ucelay Maórtua
FillosEnric Ucelay Da Cal
PremiosBolsa de estudos Guggenheim
Na rede
Dialnet: 3072963
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Nado en Ferrol, tras a temperá morte do seu pai, a súa nai trasladouse a Madrid para retomar os seus estudos na Escola Superior Normal, deixándoo a el e o seu irmán ao cargo da familia de Quiroga, Lugo, vila onde pasou a súa infancia e coa que conservou sempre unha fonda ligazón sentimental.

Cando contaba con apenas once anos a súa nai obtivo praza de mestra en Madrid, e levou a ambos os fillos con ela. Ernesto viviu na capital entre os once e os vinte e cinco anos. Nela cursou o bacharelato e a carreira de Filosofía e Letras, ao tempo que comezou a desenvolver unha certa conciencia política que o levou a participar das protestas estudantís contra a ditadura de Miguel Primo de Rivera, sendo detido varias veces. Tamén entrou en contacto coa vida intelectual da capital, asistindo ás sesións do Ateneo e entrando en contacto con algunhas figuras destacadas. No ano 1931 coñeceu a Federico García Lorca, persoa coa que vai ter unha grande amizade e coa que compartirá a ideoloxía republicana. Nos primeiros anos da Segunda República Española, ambos acudiron xuntos a diversos faladoiros da capital, tanto aos da Casa de las Flores, organizados por Pablo Neruda, como aos do Café Regina, de carácter galeguista. Guerra da Cal asistiu tamén á fundación de La barraca, o grupo teatral de Lorca, e puxo a este en relación con algúns intelectuais galegos, destacadamente con Eduardo Blanco Amor. A relación entre ambos está tamén no fondo da composición do seu libro Seis poemas galegos, do que Guerra da Cal actuaría como un dos incitadores e como puntual auxilio lingüístico[2].

 
Guerra da Cal (cun vaso na man) con Castelao, nunha reunión con amigos en Nova York.

Cando comezou a Guerra civil española, Ernesto foi combater do lado republicano formando parte das Milicias Gallegas. No 1937 apareceu na revista Nova Galiza o seu poema Mariñeiro fusilado, a súa primeira publicación literaria. En 1939, a derrota republicana sorprendeuno en Nova York, cumprindo unha misión para o goberno da República. Ficou exiliado na cidade norteamericana, onde nos primeiros anos entrou en contacto novamente con Castelao e outros exiliados.

Nos Estados Unidos de América desenvolveu unha frutífera carreira académica. Primeiro ocupou a cátedra de Linguas e Literaturas Románicas, e despois foi director do Departamento de Español e Portugués do Washington Square College. Neses anos publicou Língua e estilo de Eça de Queirós (1954), un dos estudos máis importantes sobre o autor portugués. En 1956 colaborou tamén no Dicionário das Literaturas Portuguesa, Galega e Brasileira de Jacinto do Prado Coelho, encargándose das entradas referidas á literatura galega. Tamén neses anos desenvolveu a creación literaria, dando ao prelo libros de poemas como Lua de alén mar (1959), Poemas (1961), Rio de sonho e tempo (1962) ou Motivos de eu (1966).

Ao adoptar a nacionalidade estadounidense, no ano 1954 adoptou tamén legalmente o nome de Ernesto Guerra da Cal, aplicando as regras anglosaxoas de formación de nomes, nas que o apelido da nai vai en primeiro lugar, motivo polo que o seu fillo Enric leva os apelidos Ucelay da Cal.

No ano 1977, xa xubilado, pasou a vivir en Estoril, Portugal. Neses anos publicou entre outros libros, os poemarios Futuro inmemorial (1985), Deus, tempo, morte, amor e outras bagatelas (1987), Espelho cego (1990) e Caracol ao Pôr-do-Sol.

É de destacar, tanto na súa traxectoria académica como literaria, o firme compromiso, político e ortográfico, coa unidade da lingua galego-portuguesa e co espazo da lusofonía.

 
Placa en Ferrol.

Morreu en xullo do ano 1994, en Lisboa, cidade na que está enterrado.

Obra editar

Vida persoal editar

A súa primeira muller foi Margarita Ucelay Maórtua, irmá da arquitecta Matilde Ucelay[2].

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar