Perfecto Feijoo
Perfecto Feijoo Poncet, nado en Pontevedra o 25 de agosto de 1858 e finado na mesma cidade o 10 de xuño de 1935, foi un farmacéutico, gaiteiro e musicólogo galego.
Nome orixinal | Perfecto Feijoo Poncet |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 25 de agosto de 1858 Pontevedra, España |
Morte | 10 de xuño de 1935 (76 anos) Pontevedra, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | farmacéutico , musicólogo |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Traxectoria
editarEstudou a carreira de Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, e tras tres anos de prácticas en Madrid, regresou en 1880 a Pontevedra. Adquiriu a botica da rúa da Peregrina á viúva do anterior boticario, e este punto céntrico da cidade converteríase co tempo nun importante punto de tertulia, onde asistirían persoeiros como Emilia Pardo Bazán, Eugenio Montero Ríos, Práxedes Mateo Sagasta, Pablo Iglesias Posse, Miguel de Unamuno ou Víctor Cervera Mercadillo. Nesta botica tiña o seu papagaio Ravachol, animal que co tempo acabou por converterse no referente do entroido pontevedrés. Fundou o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, e o seu labor como boticario foi recoñecido con medallas en exposicións de Zaragoza e Madrid.
Xa adulto pediulle a Manuel Villanueva, gaiteiro de Poio, que lle aprendese os segredos do instrumento. En 1883 fundou Aires da Terra, o primeiro coro galego. En 1904 gravou o primeiro disco de música galega[1], no que usou a zanfona, o que converte o dito traballo na primeira gravación do mundo deste instrumento[2]. A mencionada iniciativa partiu do empresario coruñés Pedro Ferrer, editor da revista Portfolio Galicia, quen lle encargou á compañía francesa Gramophone a gravación. A Compañía desprazou un equipo de gravación motorizado que realizou a gravación dos 22 temas do disco. Por este traballo o Coro non recibiu ningún tipo de compensación económica, porén tivo moita repercusión chegando a súa distribución a terras americanas. O éxito acadado levou a que fose reeditado en 1911 pola Compañía Odeón[3]. Escribiu a composición Alborada de Rosalía de Castro.
Escritura
editarComo escritor publicou La Gaita gallega, un conxunto de artigos sobre o instrumento nun debate aberto na prensa do momento no que participaban Faustino Santalices, Jaime Solá ou Francisco Portela entre outros. Algúns dos seus artigos xornalísticos asinábaos como O gaiteiro do Lérez.
Galería de imaxes
editar-
Perfecto Feijoo en 1919, vestido como se fose un cego ambulante de finais do XIX.
-
Placa no lugar onde tivo a botica.
-
Cruceiro no seu sepulcro no cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.
-
Placa do coro Cantigas da Terra da Coruña no seu sepulcro.
Notas
editar- ↑ "Perfecto Feijoo zanfoñeiro". Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2008. Consultado o 10 de febreiro de 2008.
- ↑ "O pontevedrés Perfecto Feijóo realizou a primeira gravación de zanfona do mundo", artigo en Cultura Galega.
- ↑ "Pontevedra 2004 Ano da Música: Non centenario do primeiro disco galego" Arquivado 12 de marzo de 2016 en Wayback Machine., artigo en La Voz de Galicia, 20 de outubro de 2003.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Perfecto Feijoo |