Manuel Quiroga Losada

violinista e compositor galego

Manuel Quiroga Losada, nado en Pontevedra o 15 de abril de 1892 e finado na mesma cidade o 19 de abril de 1961, foi un reputado violinista, compositor e debuxante galego, posiblemente o músico galego que acadou maior renome internacional, sendo considerado un dos violinistas máis importantes do seu tempo.[1][2] Foi anunciado en numerosas ocasión por parte dos críticos como "o mellor sucesor de Pablo Sarasate",[3] e ás veces é referido como "o herdeiro espiritual de Sarasate".[4]

Manuel Quiroga
Nome completoManuel Quiroga Losada
Data nacemento15 de abril de 1892
Nado enPontevedra
Falecemento19 de abril de 1961
 Pontevedra
CónxuxeMarta Leman
IrmánsEmilio Quiroga Losada
OcupaciónViolinista
Instrumento(s)Violín
Na rede
Facebook: ManuelQuirogaLosada MySpace: manuelquiroga BUSC: quiroga-manuel-1892-1961 Musicbrainz: f9415b49-415c-4691-9f7e-24da232c0324 Discogs: 3790232 IMSLP: Category:Quiroga,_Manuel Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Os grandes violinistas da súa época —Eugène Ysaÿe, Fritz Kreisler, George Enescu, Mischa Elman e Jascha Heifetz— así como compositores como Igor Stravinskii e Jean Sibelius, tiñan a arte de Quiroga en gran consideración.[3][5] Guilhermina Suggia, a violonchelista portuguesa, describiu a súa interpretación de Il trillo del diavolo de Giuseppe Tartini como "marabillosa e impecable".[2]

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

 
Carlos, José, Manuel e seu pai José Quiroga Hermida en 1896.

Manuel Quiroga naceu o 15 de abril de 1892 na rúa do Comercio, na zona vella de Pontevedra, rúa que leva o seu nome. Os seus pais eran José Quiroga Hermida, un comerciante de panos da cidade, e Pilar Losada Vázquez.[6] Manuel foi o terceiro dos cinco que tivo o matrimonio, sendo os seus irmáns máis vellos Carlos Celso e José, e os máis novos Emilio e Pilar.

 
Manuel Quiroga de neno.

Iniciouse no estudo do violín aos seis anos co violinista afeccionado local Juan Sagayo (outros cronistas sinalan a Antonio Medal ou a Isidoro Puga como profesores de Quiroga, mais non hai datos que o confirmen) animado polo seu pai e o seu irmán Carlos, quen comezara os seus estudos de violín e que espertou a admiración e inspiración do seu irmán máis novo. Posteriormente proseguiu os estudos cun mestre máis cualificado, Benito Medal. Quiroga realizou o seu primeiro concerto público no ano 1900, contando con tan só 8 anos de idade.[3] Posteriormente ofreceu outros concertos, o 12 de xullo de 1903 no Café Moderno de Pontevedra,[3][7] e en 1904 no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela.[3] Ese mesmo ano recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra para recibir clases no Conservatorio de Madrid con José del Hierro,[4] un expoñente da escola violinística franco-belga que era considerado o violinista español máis destacado da época.[3] En 1906 a familia Mugártegui de Pontevedra, que o admiraba, regaloulle un violín Amati de 1682, que sería o instrumento co que debutou no Liceo Teatro de Pontevedra e no Teatro Princesa de Madrid. Durante o seu tempo de estudo continuou a dar concertos en Madrid e en Galicia.[3][8]

Foi durante os seus estudos en Madrid cando o novo violinista se iniciou na súa outra gran paixón, a pintura, como pintor afeccionado. En 1907 a revista Galicia de Madrid publicou varios debuxos e caricaturas do mozo.[8]

Finalmente, o 14 de outubro de 1909, Manuel Quiroga finalizaba os seus estudos con José del Hierro no conservatorio madrileño e iniciou unha nova etapa de estudos, emprendendo co seu pai unha viaxe que debía ter rematado en Berlín, onde o novo Manuel Quiroga quería estudar co violinista que máis admiraba, Fritz Kreisler (quen co tempo se convertería no seu amigo). Porén non chegaría á capital alemá ao querer prepararse para entrar no Conservatorio de Música e Declamación de París, onde entraría ese mesmo ano.[8]

París e inicios da súa carreira editar

Con 16 anos de idade acadou o número un nas probas de acceso ó Conservatorio de París entre centos de aspirantes. No conservatorio parisiense cursou estudos avanzados con Jules Boucherit, estudando tamén durante dous anos con Édouard Nadaud,[9] e recibindo clases de Jacques Thibaud, que daquela era un destacado solista internacional. Alí recibe a influencia dos intérpretes da escola francesa, e coñece ao romanés George Enescu, ao estadounidense de orixe austríaca Fritz Kreisler, e ao belga Eugène Ysaÿe, con quen fixo unha forte amizade. Este autor dedicou a Quiroga a súa sexta sonata para violín, xunto aos mencionados Enescu e Kreisler e a Joseph Szigeti, Jacques Thibaud e Mathieu Crickboom. Desta peza imprimíronse só dez exemplares, conservándose un deles no Museo Provincial de Pontevedra.

 
Manuel Quiroga en 1911.

En 1911 obtivo o primeiro premio do Conservatorio de París, sendo o segundo violinista español en logralo logo de Pablo Sarasate. No xurado estaban Gabriel Fauré e Kreisler. Isto permítelle dar os seus primeiros concertos por Francia e España. O 26 de agosto dese ano triunfa no Teatro Principal de Pontevedra, sendo levado a ombreiros desde alí ata a súa casa.

Na capital francesa gozou da compañía dos seus amigos íntimos Juan Ruiz Casaux e a pianista francesa Marta Leman (o seu nome francés era Marthe Lémann)[10], unha rapaza de familia acomodada que o axudou economicamente, o introduciu na elite do mundo social parisiense, e que se convertería máis tarde na súa muller. No ambiente musical e artístico do París da época coñeceu e fixo amizade con personalidades como Manuel de Falla, Joaquín Turina, Pau Casals, Joaquín Nin, Alfred Cortot, Paul Paray ou Darius Milhaud.

Dous anos despois da súa chegada a París, en 1911, e con tan só 19 anos, presentouse e gañou o primeiro premio do Conservatorio de París competindo con outros 43 aspirantes, converténdose no máis novo en conseguilo ante un xurado presidido por Gabriel Fauré e no que se encontraban personalidades como Lucien Capet, Martin Pierre Marsick, Jules Boucherit, Jacques Thibaud, Hayet, Geloso, e o seu admirado Fritz Kreisler. Toda a prensa francesa fíxose eco do logro de Quiroga con titulares como "Sarasate non morreu, pois ten un continuador en Quiroga" (Le Monde Musical), ademais o compositor Alfred Bruneau escribiu en Le Matin:

Posúe xa unha rara personalidade, e o seu encanto, non tardarán en facerlle célebre.

— Alfred Bruneau[8]

Posteriormente gañou outros importantes premios, como o Sarasate, o Jules Garcin ou o Monnot.[2]

 
Centos de persoas esperando a chegada de Quiroga á estación de Pontevedra.

Quiroga recibiu o maior premio do conservatorio parisiense o 13 de xullo de 1911, e oito días despois, o 21 de xullo, chegaba triunfal á súa cidade natal nun tren procedente de Donostia (cóntase que en cada estación pola que pasaba o tren do violinista galego unha multitude de xente o aclamaba). A cidade natal de Quiroga o recibiu coas rúas engalanadas, pasarrúas da banda de música, e coas autoridades agardando por el na estación xunto cunha multitude que agardaba na praza da estación para ver chegar ao novo violinista, que foi recibido con todos os honores e levado a ombreiros dende a estación ata a súa casa, onde dirixiu unhas verbas de agradecemento dende o balcón. Para celebrar o éxito, o 26 de agosto ofreceu un concerto no Teatro Principal acompañado ao piano de Enrique Granados.[8][11]

A partir dese momento comeza a carreira concertística de Manuel Quiroga, a prensa fala sen descanso del e os teatros quedaban sempre pequenos, colgando o cartel de "non hai localidades" sempre que o violinista pontevedrés tocaba. As xiras e os concertos consolidárono como músico e virtuoso. En 1912 realizou unha xira polo Estado español coa orquestra do Conservatorio de París, dá recitais cos pianistas José Cubiles (que estrearía Noches en los jardines de España de Falla en 1916) e José Iturbi, así como co violonchelista Juan Casaux. En abril dese mesmo ano, o selo Gramophone gravou os seus primeiros discos.[8] Estableceuse en París, asociándose alí con músicos como Paul Paray, Manuel Infante, Joaquín Nin e Ricardo Viñes, así como con Casals, Falla, Turina e Milhaud entre outros.[3] En 1913 asinou o seu primeiro contrato de cinco anos co axente Jos J. Schürmann, que tamén era o representante de Jan Kubelík, Ignacy Jan Paderewski e Isadora Duncan entre outros artistas, e pouco despois inicia a súa primeira xira europea acompañado por José Iturbi.[3][8]

No inicio da primeira guerra mundial, Quiroga encontrábase dando concertos en Austria con José Iturbi cando foi acusado de espionaxe e detido durante un breve período, ata que a mediación do rei español Afonso XIII asegurou a súa liberación.[2] Logo do incidente regresou a Francia, porén a guerra levou á cancelación da súa xira europea, mais abriu a porta a novos horizontes nos Estados Unidos, que aínda era neutral, país que percorreu dende Nova York a San Francisco.[3][8] Foi entón cando Schürmann cedeu os seus dereitos de contrato con Manuel Quiroga á Schuwer & Company de Nova York durante tres anos, o que obrigaba a Quiroga a permanecer cinco meses cada tempada e ofrecer catro concertos semanais. O 3 de outubro chegou a Nova York. Realizou catro xiras de moito éxito polos Estados Unidos e o Canadá durante os anos que durou a guerra, comezando en 1914, de novo xunto con Cubiles e Casaux, e tamén acompañado da pianista francesa Marta Leman. O seu debut americano foi ante unha audiencia de 5.000 persoas no New York Hippodrome,[3] sobre este concerto o violinista pontevedrés lembraba:

Dei un concerto e ao rematar, lonxe de aplaudirme, armouse un griterío infernal, con asubíos e todo. Eu, nin sabía o que estaba a pasar.

Volvín tocar por segunda vez e igual, e fun ao empresario dicirlle que rescindía o contrato. Eu triunfara sempre! ... Mais o empresario abrazoume, os amigos rodeábanme felicitándome e explicáronme. Aquí teñen o costume, cando entusiasma un artista, de vociferar ata poñerse vermellos, asubiar, armar un grande escándalo. Mais aqueles momentos non os esquecerei nunca. E claro, cando eu máis facía por gustar e toda a miña alma a puña no violín, máis lle gustaba... e maior era o escándalo.

— Manuel Quiroga[8]

Outros grandes violinistas como Mischa Elman, Efrem Zimbalist e Albert Spalding asistiron aos seus concertos.[3] Percorre Cuba, Canadá, os Estados Unidos e Iberoamérica acompañado da pianista francesa Marta Leman.[12] Amais, deu concertos xunto ao pianista e director de orquestra José Cubiles, o violonchelista Casaux e o pianista José Iturbi, co que coincidira en París.

 
Quiroga en Washington en 1915.

O 21 de xullo de 1915 casou con Marta Leman, unha pianista xudía [13] francesa á que coñecera en París e que gañara o mesmo premio ca el na categoría de piano.[8] En 1916, ao rematar os seus contratos, regresa a Pontevedra, onde pasará unha pequena tempada ata que ao ano seguinte volve a París coa súa muller, instalándose na capital francesa. En 1918-19 realizou unha gran xira por España e Portugal,[14] frecuentemente con José Iturbi como compañeiro. En Galicia foi aclamado como o artista galego máis notable do momento, e foi mesmo ás veces como un símbolo do movemento nacionalista galego.[3] En 1917 rexeitou unha quinta xira planeada por América logo de que o seu amigo Enrique Granados afogara na canle da Mancha o 29 de marzo de 1916 cando regresaba de Nova York, vítima do ataque con torpedo dun submarino alemán.[3]

Éxito internacional editar

 
Eugène Ysaÿe dedicou a súa sexta sonata para violín a Quiroga.

En 1924 fai unha xira por España co pianista arxentino Juan José Castro.

Os anos transcorridos entre as dúas guerras mundiais foi o punto culminante da carreira de Quiroga. Despois da guerra, volveu a España e recibiu unha grande acollida do público no Palau de la Música Catalana de Barcelona. Especialmente exitosos foron os seus concertos en Galicia onde tocou na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e a súa Pontevedra natal, sendo loado como o artista galego máis notable polas sociedades filharmónicas e organizacións como a Asociación de la Prensa de La Coruña.

O seu debut británico tivo lugar en 1919, onde tocou en moitos auditorios importantes como o Wigmore Hall de Londres (14 de abril de 1920). Seguíronlle moitos concertos por toda Europa: Portugal, Francia, Alemaña, Austria, Suíza e Bélxica (onde participa en diversos concertos xunto con Ysaÿe).[2][8] O 15 de maio de 1920 estreou na Salle Gaveau a Les Promis, unha obra que Marcel Samuel-Rousseau lle dedicara.[8] Foi frecuentemente acompañado por pianistas como Iturbi, Paul Paray (Quiroga estreou a Sonata para violín e piano de Paray acompañado polo propio compositor en 1922[3]) e Juan José Castro. A súa muller Marta Leman (Madame Quiroga) foi tamén frecuentemente a súa acompañante. A súa primeira composición publicada apareceu en 1921, cando a editorial J. Hamelle publicou transcricións súas de pezas de Mendelssohn e Scarlatti.[3]

En 1923 Eugène Ysaÿe dedicoulle a derradeira das súas Seis Sonatas para violín só. Ysaye sinalou:

É para lembrar o estilo do violinista español, que lembraba a Sarasate, que o mestre concibiu a súa derradeira Sonata para violín só. Aquí, mesmo máis que nas outras, a mestría de adaptar a escritura violinística ao artista para o que está dedicada a obra.

— Eugène Ysaÿe[3]

Porén, Quiroga nunca a tocou en público.

En 1914 regresou aos Estados Unidos, onde os seus dous concertos no Carnegie Hall de Nova York abraiaron a Mischa Elman. Tamén tocou baixo a batuta de Arturo Toscanini.[5] En 1925, de volta no Reino Unido, tocou coa London Symphony Orchestra baixo a batuta de sir Thomas Beecham,[3] realizando xiras tamén por Bélxica e o Estado español.[2]

En 1924 publicáronse as primeiras obras propias de Quiroga (Habanera e Scherzo-Jota Nº 1), e en 1925 chegarían novas publicacións das súas obras.

 
Quiroga coa súa muller e os seus irmáns en Buenos Aires, en 1926.

O 31 de marzo de 1925, Manuel Quiroga estreaba na Coruña unha composición maior propia, o Concierto de Intrata, que posteriormente renomearía como Primer Concierto en el estilo antiguo (Primeiro Concerto no estilo antigo), que tocou frecuentemente durante a súa carreira, mais a maior parte das veces nun arranxo para violín e piano.[3] En xuño dese mesmo ano foi admitido na Société des auteurs, compositeurs et éditeurs de musique en París.[8]

Realizou a súa primeira xira suramericana en 1926, xira que o levou á Arxentina e o Uruguai primeiro, seguido por Cuba, México, e novamente aos Estados Unidos. En 1928 realizou unha serie de gravacións de pezas curtas para os selos RCA Victor (gravou catro das súas composicións orixinais coa súa muller Marta Leman) e Pathé.[2]

En 1929, a petición de Quiroga, o compositor Eduardo Fabini comezou a escribir a súa Fantasía para violín e orquestra, que foi estreada no Teatro Solís de Montevideo baixo a dirección de Vicente Pablo.

Unha das súas mellores pinturas, un autorretrato ao óleo, foi rematada en 1930.[3] Ese foi un ano no que Quiroga continuou percorrendo Suramérica, e realizou unha nova xira por Europa.[8]

Realizou máis xiras por América en 1933 e 1937, onde ofreceu recitais con Mischa Levitzki e José Iturbi, e concertos coa New York Philharmonic baixo a batuta de George Enescu (tocando a Symphonie espagnole de Édouard Lalo en febreiro de 1937).[3] Tamén continuou estreando as súas propias composicións como "Danza Argentina" e "Canto y Danza Andaluza".[3] Nesta última xira tamén tocou a Sonata "Española", Op. 82 (1934) de Joaquín Turina, nos seus concertos en Nova York, a pesar de que a peza non se estreou no Estado español ata 1941.[3]

Retiro e morte editar

 
Placa na casa natal.

Cando se encontraba nos Estados Unidos presentando as súas propias obras nunha xira que o levaría a percorrer o país de punta a punta, como xa fixera anteriormente,[15] a súa carreira truncouse o 8 de xuño de 1937 ao ser atropelado por un camión en Times Square (Nova York), logo de despedirse de José Iturbi tras un recital. Foi operado varias veces, e aínda que os médicos temían que puidese perder unha perna, finalmente non ocorreu.[8] Aínda que, tras uns meses de convalecencia, Quiroga conseguiu recuperarse e continuou durante un tempo a súa carreira concertística, o accidente implicou a perda progresiva da sensibilidade e a mobilidade no brazo dereito, que derivou trala súa volta a París nunha parálise e a súa retirada da música. Curiosamente o seu ídolo, Fritz Kreisler foi atropelado por un camión cando estaba cruzando a rúa na mesma cidade catro anos despois. Nestes momentos de sufrimento estivo acompañado pola súa nova compañeira, Maria Eladia Galvani Bolognini Gigi (xa que ía tempo que se separara de Marta Leman).[8]

Regresou a España e continuou pintando, participando en competicións, e rematando dous autorretratos máis. Refuxiado na pintura e a composición, tamén buscou a compañía de importantes figuras da arte como o pintor Ignacio Zuloaga, o escultor Francisco Asorey, entre outros. Coñeceu tamén a Joaquín Sorolla.[3] En 1940 realizou unha extensa serie de caricaturas dos seus amigos: Fritz Kreisler, José Iturbi, Eugène Ysaÿe, Pau Casals, Carlos Chávez, Andrés Segovia, Arthur Rubinstein, Lucien Capet, Ricardo Viñes, Jacques Thibaud, entre outros.[3]

Aínda que continuou compoñendo, máis tarde viuse afectado polo párkinson e polos problemas económicos derivados dos gastos pola súa enfermidade. Viuse practicamente confinado nun sanatorio en Madrid. En 1959 regresou á casa familiar de Pontevedra, onde permaneceu ao coidado da súa segunda muller Maria Galvani, e onde finou dous anos máis tarde, o 19 de abril de 1961 aos 69 anos.[2][8]

Instrumentos editar

 
Violín utilizado por Manuel Quiroga, exposto no Museo de Pontevedra

Durante a súa carreira tocou violíns dalgúns dos máis importantes construtores, algúns propios e outros cedidos:[2]

Obra editar

 
Quiroga escribiu cadencias para os concertos para violín Nº 3, 4 e 5 de Wolfgang Amadeus Mozart entre outros.

Ao igual que outros solistas da súa época como Fritz Kreisler ou Gaspar Cassadó, Manuel Quiroga desenvolveu paralelamente á súa carreira concertística unha carreira creativa que deu como resultado numerosas composicións. Ademais de obras propias (a maior parte delas pezas breves), destacan as súas cadencias para algúns dos concertos máis importantes do repertorio violinístico como os de Ludwig van Beethoven, Johannes Brahms, Wolfgang Amadeus Mozart ou Niccolò Paganini,[3][8], transcricións e pezas de estudio. A súa obra comprende un total de 48 composicións entre obras propias e cadencias: 24 pezas breves, 2 concertos, 6 caprichos para violín só, 2 caprichos para dous violíns, 1 estudio, 3 transcricións, e cadenzas para 9 concertos (2 versións para o Concerto para violín Nº 1 en Re Maior, Op 6 de Niccolò Paganini).

Estas pezas breves son de características similares ás compostas por Kreisler ou Sarasate, obras para violín e piano de carácter virtuosístico orientadas á exhibición. Entre elas, hainas sobre temas tradicionais galegos ("Galicia", "Alalá", "Alborada", "Emigrantes celtas", "Muñeira"...), temas españois ("Canto y danza Andaluza", xotas, "Lamento andaluz", "Rondalla"...) e danzas cubanas e arxentinas (guajiras, habaneras...), sendo o primeiro compositor en empregar amplamente o folclore nacional galego como base de composicións de música clásica.[3] Moitas destas pezas de carácter popular están agrupadas no conxunto de 12 Danzas Españolas.

Escribiu tamén dous concertos para violín e orquestra: o Premier Concerto dans le Style Antique e o Deuxième Concerto dans le Style Antique (do cal só se conserva un fragmento de 14 compases).

Como as súas obras foron compostas principalmente coa intención de seren interpretadas como propinas nos concertos do propio Quiroga, ao verse interrompida a súa actividade concertística despois do accidente de Nova York, esta finalidade deixa de ter sentido, e xunto co empeoramento da súa saúde en 1942 fai que finalmente abandone toda actividade compositiva en 1942.[16]

Publicouse un catálogo completo das súas composicións,[17] e outro está dispoñible en liña.[3]

Quiroga e o nacionalismo galego editar

Véxase tamén: Nacionalismo galego.

A acollida de Quiroga na prensa pode cualificarse de excepcional en todo o mundo, sendo especialmente destacable o papel da prensa galega, e especialmente a da cidade da Coruña. Os aspectos que máis destacaba a prensa eran, non obstante, o virtuosismo, as súas dotes interpretativas, a súa expresividade, e a gran comunicación que se establecía co público, sendo o seu labor creativo un aspecto secundario, pero que si obtivo unha magnífica resposta nos seus concertos, onde tocou numerosas pezas súas como "bis" que ás veces chegaron a potenciar o sentimento nacionalista do pobo galego, que daquela quería amosar a súa identidade fronte ao dominio centralista castelán.[18]

As primeiras connotacións nacionalistas relacionadas con Manuel Quiroga atopámolas na prensa pontevedresa de 1907 por parte de Antón Losada Diéguez no Noticiero de Vigo e en La Correspondencia Gallega:[18]

Necesario é que na nosa patria galega xurdan artistas que nos traian aires de vida espiritual, alentos vivificadores da nai terriña [...] bo sería que todos os galegos, alo menos no íntimo do corazón, establecésemos activa solidariedade coa nosa arte e cos nosos artistas [...].

Losada Diéguez lembraría tamén ao violinista pontevedrés no seu artigo "O grande artista é dos nosos. Manolo Quiroga", publicado o 30 de xuño de 1918 no boletín A Nosa Terra, que daquela era o voceiro das Irmandades da Fala (e que posteriormente o sería do Partido Galeguista). Neste artigo, Losada Diéguez lembra o concerto que Quiroga dera en Ourense 11 anos atrás, eloxiando a calidade artística de Quiroga e expón a responsabilidade de Quiroga de transmitir o sentimento galego mediante a composición de obras de inspiración galega, como finalmente faría. Un dos parágrafos do artigo sinala:[18]

O grande artista gallego é un d’os nosos. Sinte y-ama a terra gallega con todo o fogo con que se lle debe amare á patrea. Y-o lume que s’alcende na súa y-alma cando c’o seu violín espalla a harmonía pol-os corazós, avívase sempre c’o forte vento d’as lembranzas de Galicia, co’a divina inspirazón d’o amor d’a terra nai, c’os agarimos qu’ela lle dera.

Se ben Manuel Quiroga nunca pertenceu a ningunha organización nacionalista, o movemento nacionalista sempre o elevou como unha icona de Galicia e a súa cultura e el mostrou a súa simpatía ao movemento. Unha mostra da relación entre as Irmandades da Fala e Quiroga vese nas crónicas que relatan o acontecido no concerto que Quiroga ofreceu na cidade herculina o 4 de agosto de 1918, no cal se lanzaron follas con poesías (destacando as de Eladio Rodríguez González e Juan Fernández Merino, dedicadas ao violinista, e a tarxeta da "Seición Feminina da Irmandade da Fala da Cruña" a Marta Leman) co saúdo: «A Irmandade da fala da Cruña a Manolo Quiroga ¡Terra a Nosa!». No concerto ademais ceibáronse pombas, e nun momento de fervor nacionalista, a bandeira galega comezou a ondear, Quiroga pediuna para subir despois ao escenario e bicala varias veces. A saída do concerto é relatada do seguinte xeito:[18]

A saida do teatro, o gran violinista foi levado sobre os hombros de rapaces da "Irmandade", antr’a multitude que berraba e apraudía, mentras ouvíase cantar o himno nazonal galego. Cando Manolo e a súa dona chegaron ô hotel, tiveron que saíre ó balcón moitas veces. Manolo dou un forte ¡viva Galiza! E eisí rematóu o homanaxe máis grande do que temos mentes.

O día 6 de agosto de 1918 o xornal La Voz de Galicia indicaba (orixinal en castelán):[18]

Quiroga non tardou en verse alzado en ombreiros sobre a multitude. E desta sorte pálido, emocionadísimo polo rotundo, polo unánime da manifestación popular, chegou ao Palace Hotel. Desde unha galería asomábase pouco despois, desgreñado e suorento, para saudar ao xentío que enchía a avenida, mentres cantaban moitas voces o Himno de Veiga e Pondal.

Gravacións editar

Manuel Quiroga non gravou ningunha obra importante do repertorio. Realizou non obstante gravacións de numerosas pezas curtas en 1912 e en 1928. As súas primeiras gravacións foron en 1912 co selo Gramophone, ás que lle seguiron en 1928 as súas primeiras gravacións comerciais para selos como RCA Victor primeiro e Pathé en 1930 e 1931. Estas gravacións foron recollidas moi favorablemente pola prensa, que publicou abundantes críticas favorables ás gravacións de Quiroga (entre outros xornais Le Figaro, Le Matin, L'Action française, entre outros).[19]

As pezas gravadas por Quiroga inclúen obras de compositores como Albéniz, Falla, Kreisler, Sarasate, Wieniawski entre outros, e a destacar, catro das súas propias composicións: Segunda Guajira, Danza española, Rondalla, e Canto amoroso. Moitas delas foron incluídas nun CD titulado "Great Violinists, Volume 5", do selo Symposium Records.[20][21]

En 2006 editouse un libro-CD de Manuel Quiroga acompañado a piano por Marta Leman.[22]

En 1990 gravouse a única gran composición de Manuel Quiroga, o seu Premier Concerto dans le Style Antique, coa Stuttgarter Kammerorchester baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave e con Herwig Zack como solista.[3]

 
Escultura no monumento á tertulia de Lombera.

Recoñecemento editar

 
Escultura de Asorey, detalle.

Recibiu importantes condecoracións, como o nomeamento como Cabaleiro da Lexión de Honor francesa o 24 de setembro de 1931,[5][8] ou a Orde de Afonso X o Sabio española. En 1911 conseguiu o primeiro premio internacional do Conservatorio de París, así como o "Pablo Sarasate" para novos virtuosos.[23]

O escritor galego Ramón del Valle-Inclán dedicoulle o seu poema ¡Del Celta es la Victoria!, que foi impreso e repartiuse como propaganda nacionalista no concerto que Quiroga ofreceu na Coruña en 1918.[3][8]

Foi nomeado membro honorario da Orquesta Filarmónica de Madrid e foi nomeado tamén un dos músicos da corte do rei Afonso XIII.[3]

En 1919, cando Quiroga contaba con tan só 26 anos, o Concello de Pontevedra dedicoulle unha rúa, recibindo unha grande homenaxe.[23] Posteriormente, en 1949, o Concello de Pontevedra instalou unha estatua súa realizada por Francisco Asorey. En xaneiro de 2006 inaugurouse un conxunto escultórico de César Lombera onde aparece Quiroga entre varios escritores galegos do s. XX.

Especialmente valorado foi na cidade da Coruña, onde logo do seu accidente en Nova York, se lle organizou un concerto coa participación de José Iturbi no que a cidade mostrou o seu apoio ao virtuoso pontevedrés. Tamén destaca o nomeamento de Quiroga como Membro de Honor da Academia de Belas Artes en 1960 na cidade herculina.[18]

Dez anos despois da morte de Quiroga creouse a Asociación de Música de Cámara "Manuel Quiroga".[18]

No ano do seu centenario (1992), o Museo de Pontevedra organizou unha serie de eventos conmemorativos como unha exhibición das súas pinturas e debuxos, así como algunhas homenaxes musicais.[3] Estes eventos empregaron algunhas das súas partituras manuscritas, pinturas, debuxos, caricaturas, e outros, que a familia Quiroga doou ao museo en 1972. Unha recompilación dalgunhas das súas partituras autógrafas foi publicada por Música en Compostela, unha institución musical con sede en Santiago de Compostela.[3] A súa biografía foi publicada en 1993 por Fernando Otero Urtaza, e un artigo de Tully Potter na versión ibérica da revista The Strad de xullo de 1998 narra a súa carreira.[3]

 
Quiroga caricaturizado na revista Céltiga en 1926.

O Conservatorio de Pontevedra, fundado en 1863, leva o seu nome dende o ano 2004. O Conservatorio conmemorou en 2011 o cincuentenario do seu pasamento con numerosos actos.[1] Tamén durante o cincuentenario do seu pasamento, o Consello da Cultura Galega organizou dous concertos homenaxe ao violinista pontevedrés, ao que se referiu como unha das figuras musicais galegas de "maior transcendencia internacional", para axudar a difundir a súa figura, e nos que se interpretaron obras compostas por Quiroga.[24]

O Cuarteto Quiroga foi chamado así no seu honor.[2]

Obras dedicadas a Manuel Quiroga editar

A relevancia de Quiroga como intérprete reflíctese tamén na cantidade de obras que lle dedicaron compositores como Enrique Granados, Eugène Ysaÿe (chamado "O Rei do Violín"), ou o que fora profesor seu, Édouard Nadaud. Entre as obras que lle dedicaron destacan:

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Biografía de Manuel Quiroga". CMUS "Manuel Quiroga" de Pontevedra. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 "Biografía de Manuel Quiroga" (en castelán). Cuarteto Quiroga. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 3,16 3,17 3,18 3,19 3,20 3,21 3,22 3,23 3,24 3,25 3,26 3,27 3,28 3,29 3,30 3,31 3,32 3,33 3,34 Luque Fernández, Ana (2002). The Works of Manuel Quiroga: A catalogue (PDF) (en inglés). Baton Rouge, Luisiana: Louisiana State University. p. 78. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xullo de 2010. Consultado o 13 de outubro de 2013. 
  4. 4,0 4,1 Klugherz, Laura (1998). Greenwood Publishing Group, Inc., ed. A bibliographical guide to Spanish music for the violin and viola, 1900-1997 (en inglés). Westport. p. 17. ISBN 0-313-30590-0. 
  5. 5,0 5,1 5,2 YouTube (ed.). "Sarasate: Spanish Dance for violin and piano (Op. 23 nº2)" (en inglés). Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  6. Jabois, Manuel. "Violín, fama y olvido" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2013. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  7. Manuel Quiroga Losada (Galiza) (YouTube). Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 8,14 8,15 8,16 8,17 8,18 8,19 8,20 8,21 8,22 "Breve biografía". Pontevedraparaelmundo.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  9. "CHASE. Edouard Nadaud" (en inglés). University of Leeds, School of Music. Arquivado dende o orixinal o 3 de decembro de 2013. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  10. (Cambeiro 2011, p. 38)
  11. "Recibimiento a Manuel Quiroga, 1911". vellapontevedra (en castelán). Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  12. "QUIROGA LOSADA, Manuel". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. 
  13. As xuderías galegas[Ligazón morta] Revista das Letras, O Correo Galego, AELG.
  14. "Hay mucho interés para oir á Manuel Quiroga, el célebre violinista gallego que se presentará por primera vez en nuestra ciudad". La Vanguardia (en castelán). 19 de marzo de 1918. Consultado o 28 de xuño de 2015. .
  15. Portocabo (ed.). "Ficha técnica". Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  16. (Cambeiro 2011, pp. 89-96)
  17. Amazon (ed.). "The Music of Manuel Quiroga Losada: A Catalogue of his Works" (en inglés). Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 (Cambeiro 2011, pp. 69-72)
  19. (Cambeiro 2011, p. 75)
  20. "Great Violinists Vol 5 / Manuel Quiroga". ArkivMusic (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 2 de xullo de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  21. "Catálogo de Symposium Records". Symposium Records (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. .
  22. "Un nuevo libro-disco recopila la musica de Manuel Quiroga". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de marzo de 2006. Arquivado dende o orixinal o 30 de xuño de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  23. 23,0 23,1 "Manuel Quiroga". Galegos.info. Consultado o 28 de xuño de 2015. 
  24. "El CCG organiza dos conciertos en homenaje al violinista gallego Manuel Quiroga en el 50 aniversario de su fallecimiento". lainformación.com (en castelán). 2 de novembro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 3 de xullo de 2015. Consultado o 28 de xuño de 2015. .

Véxase tamén editar

 

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

Interpretacións de Manuel Quiroga Losada