Croacia
Croacia ( pronunciación (axuda · info)) (en croata: Hrvatska [xř̩ʋaːtskaː] (axuda · info)), oficialmente República de Croacia ( pronunciación (axuda · info)) (en croata: Republika Hrvatska ( pronunciación (axuda · info))), é un país de Europa central, rodeado pola chaira Panónica, os Balcáns e o mar Mediterráneo. A súa capital e cidade máis grande é Zagreb. Comparte fronteiras con Eslovenia e Hungría ao norte, Bosnia e Hercegovina ao sueste e Serbia e Montenegro ao leste.
Republika Hrvatska (hr) Hrvatska (hr) | |||||
Himno | Lijepa naša domovino | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Llawn bywyd» | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Zagreb | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.871.833 (2021) (68,41 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua croata | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 56.594 km² | ||||
Bañado por | mar Adriático e Mar Mediterráneo | ||||
Punto máis alto | Sinjal (en) (1.831 m) | ||||
Punto máis baixo | mar Adriático (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 25 de xuño de 1991 | ||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república | ||||
• Presidente | Zoran Milanović (2020–) | ||||
Órgano executivo | Government of Croatia (en) | ||||
• Primeiro ministro | Andrej Plenković (2016–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento de Croacia , (Escano: 151) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 68.843.674.641 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .hr | ||||
Prefixo telefónico | +385 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112, 192 (pt) , 93 e 94 | ||||
Código de país | HR | ||||
Código NUTS | HR0 | ||||
Sitio web | vlada.hr | ||||
Antigo membro da República Federal Socialista de Iugoslavia, o 25 de xuño de 1991 Croacia declarou a súa independencia converténdose nun Estado soberano. O 1 de xullo de 2013 Croacia entrou na Unión Europea. Ademais é membro das Nacións Unidas, o Consello de Europa, a OTAN, a Organización Mundial do Comercio e membro non permanente do Consello de Seguridade das Nacións Unidas durante o período 2008 e 2009. Croacia está clasificada como unha economía emerxente e en desenvolvemento polo Fondo Monetario Internacional e país de alta renda polo Banco Mundial.
Xeografía
editarCroacia atópase na beira nororiental do mar Adriático. Comparte fronteiras con Eslovenia e Hungría ao norte, con Serbia e Montenegro polo leste, e con Bosnia e Hercegovina ao sur e ao leste. Esta república dobra en tamaño a Bélxica, e adopta a forma dun búmerang dende as chairas de Panonia en Eslavonia, a través do centro montañoso, até chegar á península de Istria e a accidentada costa adriática. O extremo meridional da costa croata, incluída a cidade de Dubrovnik, está separado do resto do país por unha saínte de Bosnia e Hercegovina.
A principal atracción turística de Croacia constitúena as súas praias. O país está formado por 1.778 km de liña costeira (5.790 km se se inclúen as illas), con todo, moitas das praias contan con grava branca no canto de area. As illas son consideradas tan belas como as helénicas e existen 1.185, porén só 66 están habitadas. O mar Adriático croata é unha das áreas máis limpas do mar Mediterráneo, e a súa claridade e transparencia fan que cada ano millóns de turistas acudan ás súas costas.
O montañoso Parque Nacional de Risnjak alberga numerosos linces, mentres que os frondosos bosques do Parque Nacional de Paklenica están poboados de insectos, réptiles e aves, entre eles o voitre leonado, en perigo de extinción. No Parque Nacional dos Lagos de Plitvice pódense atopar osos, lobos e cervos.
O clima varía do mediterráneo da costa adriática ao continental do interior. As asolladas zonas costeiras ofrecen veráns cálidos e secos e invernos suaves e chuviosos. As montañas altas da costa actúan de escudo impedindo que cheguen os fríos ventos do norte; isto fai que os croatas gocen dunha primavera temperá e un outono tardío. En Zagreb, as temperaturas medias acadan os 27 °C en xullo e descenden até os 2 °C en xaneiro.
Segundo WWF, o territorio de Croacia repártese entre catro ecorrexións:
- Bosque tépedo de frondosas
- Bosque mixto de Panonia, no norte
- Bosque mixto dos Alpes Dináricos, nos Alpes Dináricos
- Bosque mediterráneo
- Bosque caducifolio de Iliria, na costa
- Bosque mixto e esclerófilo do Tirreno e o Adriático, nas illas do Adriático
Historia
editar- Véxase tamén: Iliria, Tratado de Trianon, Tratado de Saint-Germain-en-Laye e Guerras Iugoslavas.
Orixes
editarOs croatas son un pobo de orixe eslava que emigrou dende a rexión onde se atopaba, na antiga Persia, cara a occidente, ao redor do século VI, chegando primeiramente á rexión da actual Polonia. Alí mesturáronse cos eslavos adquirindo a súa lingua e costumes. Posteriormente volveron emigrar e estabelecéronse na actual Croacia durante o século VII.
Idade Media
editarA partir do século IX Croacia converteuse nun dos reinos máis poderosos da rexión, combatendo con éxito a ávaros, búlgaros e maxiares e, en 1102, a raíz dunha unión nupcial, os nobres croatas aceptan formar un reino conxunto con Hungría.
Contra mediados do século XIII, o reino húngaro foi fortemente impactado pola expansión otomá, a cal levou ao parlamento croata (savor) a invitar aos Habsburgo, baixo o reinado de Fernando I, a asumir o poder sobre Croacia.
Idade Moderna
editarO reinado dos Habsburgo combateu con éxito aos otománs e, contra o século XVIII, gran parte de Croacia estaba totalmente libre do control turco, mentres que parte de Dalmacia permaneceu baixo o control de Venecia. En 1868, Croacia gañou autonomía nacional aínda que baixo autoridade húngara.
Idade contemporánea
editarTras a primeira guerra mundial e a caída do imperio austrohúngaro, Croacia foi integrada no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, o cal, en 1929 foi denominado como Reino de Iugoslavia.
O 29 de outubro de 1918, o Sabor croata declarara a independencia e na súa soberanía manifestou a súa vontade de ingresar no novo Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios para afrontar a ameaza do exército italiano que entraba polo sur e o occidente do territorio.
A negociación finalmente rematou o 23 de novembro de 1918 despois de enviar unha delegación a Belgrado, sendo proclamada a unión co Reino de Serbia o 1 de decembro de 1918.
En 1924 unha decisión de apenas a metade máis un dos deputados da Asemblea Nacional iugoslava estipulou na constitución o carácter centralista do estado. Esta decisión propiciada con autoritarismo polo primeiro ministro Nikola Pašić, provocou a oposición dos croatas, os cales loitaron dende entón por restabelecer a súa autonomía, obxectivo central para o Partido Campesiño Croata, conseguido en 1939 cando o seu líder Vladko Maček asinou co goberno do reino o Tratado Cvetković-Maček, que estabeleceu a Banovina (provincia) de Croacia.
Iugoslavia foi invadida por Alemaña durante a segunda guerra mundial e Croacia foi convertida polos nazis no Estado Independente de Croacia. Tras a derrota das forzas do Eixe, Croacia reintegrouse de novo en Iugoslavia, esta vez na República Federal Popular de Iugoslavia, sendo convertida nun estado socialista federal, baixo a dirección de Josip Broz Tito, co nome de República Popular de Croacia (máis tarde, República Socialista de Croacia).
Cando Croacia declara a súa independencia de Iugoslavia en 1991, os habitantes serbios néganse a secundar a secesión da República Federal Iugoslava e, apoiadas polo exército federal iugoslavo, independízanse de Croacia como a República Serbia de Krajina no territorio desa rexión. Tras catro anos de loitas, o goberno croata logra desaloxar a gran parte das forzas serbias estacionadas na Krajina durante a Operación Tormenta. A recuperación polo goberno da Eslavonia Oriental levouse a cabo pacificamente e de xeito negociado con Belgrado en 1998 baixo a supervisión da Organización das Nacións Unidas.
Cara á Unión Europea
editarCroacia solicitou o ingreso na Unión Europea en 2003, e a Comisión Europea recomendou facela candidata oficial a comezos de 2004. As negociacións de entrada comezaron en outubro de 2005, poñéndose en marcha tamén o proceso de investigación. Esperábase que Croacia se adhirira ao redor do ano 2010, pero xurdiron algunhas dúbidas sobre a ampliación da UE despois do rexeitamento de Irlanda ao Tratado de Lisboa nun referendo.[1] Pero tras a aprobación e a entrada en vigor deste tratado este temor pasou,[2] e Croacia puido continuar, e finalizar, con éxito as negociacións.
O intento de adhesión de Croacia foi posíbel debido á consolidación das institucións do país, reforma electoral, incrementos dos fondos para o Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo, e melloras nos dereitos das minorías e o retorno e integración de refuxiados. Así como a solución, na medida do posíbel, dalgún temas de disputa como
- a cooperación co TPII;
- os desacordos fronteirizos con Eslovenia, e
- a propiedade da terra.
O Consello Europeo, no cumio do 20 de decembro de 2004, estableceu o 17 de marzo de 2005 como a data para comezar as negociacións de entrada, sempre que Croacia continuara cooperando co TPII. Pero o 16 de marzo, o día anterior ao do previsto para iniciar as reunións, a UE pospuxo o seu comezo porque o TPII avaliou os esforzos croatas para capturar ao xeneral fuxitivo Ante Gotovina, acusado polo TPII por crimes de guerra e crimes contra a humanidade, como inoportunos e insuficientes.
Resolvidos, ou encamiñados cara á solución, estes problemas, as negociacións para a entrada de Croacia na UE remataron o 30 de xuño de 2011, polo cal entrará a formar parte da UE o próximo 1 de xullo de 2013.[3] Finalmente, o 9 de decembro de 2011, produciuse a sinatura do tradado de adhesión e Croacia converterase, efectivamente, o 1 de xullo de 2013 no 28º membro da UE. "Hoxe Croacia volve ao grupo das nacións europeas, unha familia á que sempre pertenceu", declarou a primeira ministra do país, Jadranka Kosor no seu discurso durante a cerimonia celebrada en Bruxelas.
Tras a firma por parte de todos os líderes europeos, o goberno de Zagreb organizará un referendo nos primeiros meses do ano 2012 para que os croatas dean a súa aprobación ao ingreso na UE, mentres que o resto de Estados membros procederán á ratificación pola vía que marca cada lexislación nacional. Así Croacia será, despois de Eslovenia, o segundo país da antiga Iugoslavia que ingresa na Unión Europea. A partir de xaneiro do 2012 comezou a asistir aos cumios e reunións ministeriais en calidade de observador.[4]
Antes do referendo, os políticos croatas, unanimemente pro europeos, insistiron en que a integración na UE era a decisión máis importante para este país desde a súa independencia.[5]
O 22 de xaneiro de 2012 os croatas celebraron o referendo de adhesión que, con escasa participación (o 43,58 %, moi inferior á rexistrada nas eleccións lexislativas celebradas en decembro de 2011), foi aprobado polo 66 % dos cidadáns.[6]
O Tratado de adhesión, asinado en decembro por Croacia, foi ratificado por cada un dos 27 Estados membros da UE para concluír a entrada do país no bloque europeo o 1 de xullo de 2013. Tras Eslovenia, en 2004, Croacia foi a segunda das seis ex repúblicas iugoslavas en adherirse á UE.
Croacia conta con sete votos no Consello, dun total de 352. O croata recoñécese como lingua oficial da UE, e todos as actas da UE aparecen redactadas igualmente en croata.[7]
Política e goberno
editarDende a aprobación da década de 1990 da Constitución, Croacia converteuse nunha democracia, tendo entre 1990 e 2000 un sistema de goberno semipresidencialista e dende o 2000 un sistema parlamentario.
O Presidente de Croacia (Predsjednik) é o xefe de Estado, elixido directamente para un mandato de cinco anos, limitado pola Constitución a un máximo de dous. Ademais de ser o comandante en xefe das forzas armadas, o presidente ten o deber de nomear ao Primeiro Ministro co consentimento do Parlamento, ademais de posuír certa influencia na política exterior. A súa residencia oficial é o Predsjednički dvori, ademais de dúas residencias de verán nas illas de Vanga de Hvar.
O Parlamento de Croacia (Sabor) é un órgano lexislativo unicameral (unha segunda cámara, a "Casa dos Condados", fora creada pola Constitución de 1990 mais foi abolida en 2001). O número de membros do Sabor pode variar de 100 a 160, todos eles elixidos por voto popular para un mandato de catro anos. As sesións plenarias do Sabor teñen lugar do 15 de xaneiro ao 15 de xullo e do 15 de setembro ao 15 de decembro.
O Goberno de Croacia (Vlada) está encabezado polo Primeiro Ministro, que ten dous viceprimeiros ministros e catorce ministros a cargo de determinados sectores de actividade. O poder executivo é o responsable de propor a lexislación e un orzamento, a execución das leis, e orientar a política exterior e interior da república. A residencia oficial do Goberno está en Banski dvori. En canto ao poder xudicial a máxima autoridade croata é o Tribunal Supremo, tendo por debaixo del tribunais nos condados e nos concellos. Existe un Tribunal Constitucional para os temas de interpretación da Constitución.
Divisións administrativas
editarOs condados (en croata: županije) son as principais subdivisións territoriais de Croacia. Cada condado ten unha asemblea que está composta polos representantes elixidos por voto popular, mediante escrutinio proporcional plurinominal, durante un período de catro anos. A asemblea elixe a dirección executiva do condado, decide os orzamentos anuais, as propiedades do condado etc. O gobernador do condado é o župan. O župan preside o goberno executivo do condado, e representa ao condado en asuntos exteriores. A subdivisión administrativa de menor nivel en Croacia son as cidades (en croata: grad en singular, gradovi en plural) e concellos (en croata: općina en singular, općine en plural). A cidade máis grande es Zagreb, sendo esta a única que supera o millón de habitantes.
Condados de Croacia:
Nº | Condado | Nome croata | Área (en km²) | Poboación (censo de 2001) | Densidade (hab/km²) | Capital |
---|---|---|---|---|---|---|
Croacia central | ||||||
1 | Condado de Zagreb | Zagrebačka županija | 3.078 | 309.696 | 100,6 | Zagreb |
2 | Condado de Krapina-Zagorje | Krapinsko-zagorska županija | 1.230 | 142.432 | 115,8 | Krapina |
3 | Condado de Sisak-Moslavina | Sisačko-moslavačka županija | 4.448 | 185.387 | 41,7 | Sisak |
4 | Condado de Karlovac | Karlovačka županija | 3.622 | 141.787 | 39,1 | Karlovac |
5 | Condado de Varaždin | Varaždinska županija | 1.260 | 184.769 | 146,6 | Varaždin |
6 | Condado de Koprivnica-Križevci | Koprivničko-križevačka županija | 1.734 | 124.467 | 71,8 | Koprivnica |
7 | Condado de Bjelovar-Bilogora | Bjelovarsko-bilogorska županija | 2.638 | 133.084 | 50,4 | Bjelovar |
20 | Condado de Međimurje | Međimurska županija | 730 | 118.426 | 162,2 | Čakovec |
21 | Cidade de Zagreb | Grad Zagreb | 640 | 779.145 | 1217,4 | |
Istria, costa norte e Croacia Montañosa | ||||||
8 | Condado de Primorje-Gorski Kotar | Primorsko-goranska županija | 3.590 | 305.505 | 85,1 | Rijeka |
9 | Condado de Lika-Senj | Ličko-senjska županija | 5.350 | 53.677 | 10,0 | Gospić |
18 | Condado de Istria | Istarska županija | 2.813 | 206.344 | 73,4 | Pazin |
Eslavonia | ||||||
10 | Condado de Virovitica-Podravina | Virovitičko-podravska županija | 2.021 | 93.389 | 46,2 | Virovitica |
11 | Condado de Požega-Eslavonia | Požeško-slavonska županija | 1.821 | 85.831 | 47,1 | Požega |
12 | Condado de Brod-Posavina | Brodsko-posavska županija | 2.027 | 176.765 | 87,2 | Slavonski Brod |
14 | Condado de Osijek-Baranja | Osječko-baranjska županija | 4.149 | 330.506 | 79,7 | Osijek |
16 | Condado de Vukovar-Srijem | Vukovarsko-srijemska županija | 2.448 | 204.768 | 83,6 | Vukovar |
Dalmacia | ||||||
13 | Condado de Zadar | Zadarska županija | 3.643 | 162.045 | 44,5 | Zadar |
15 | Condado de Šibenik-Knin | Šibensko-kninska županija | 2.994 | 112.891 | 37,7 | Šibenik |
17 | Condado de Split-Dalmacia | Splitsko-dalmatinska županija | 4.524 | 463.676 | 102,5 | Split |
19 | Condado de Dubrovnik-Neretva | Dubrovačko-neretvanska županija | 1.782 | 122.870 | 69,0 | Dubrovnik |
Total: | 56.542 | 4 437 460 | 78,5 |
Demografía
editarCroacia está habitada maioritariamente por croatas (89,6%), mentres que os grupos minoritarios son os serbios (4,5%), bosníacos, húngaros, italianos, eslovenos, alemáns, checos, os romaneses e outros (5,9%). Durante a meirande parte do século XX a poboación de Croacia tivo unha tendencia ascendente, pasando de 3 430 270 en 1931 a 4 784 265 en 1991, mais actualmente a taxa de crecemento natural da poboación é negativa. A esperanza media de vida é 75,1 anos e a taxa de alfabetización é do 98,1 por cento. As principais relixións de Croacia son o catolicismo (88%), cristianismo ortodoxo (4,4%), outros cristiáns (0,4%), islam (1,3%), outras relixións e sen especificar (0,9%) ou ningunha (5,2%). Durante a última década do século XX a poboación de Croacia estancouse debido á Guerra Croata de Independencia. Durante a guerra, grandes sectores da poboación foron desprazadas e aumentou a emigración. En 1991, nas rexións de maioría serbia, máis de 80.000 croatas foron expulsados dos seus fogares polas forzas serbias de Croacia ou fuxiron da violencia. Durante os últimos días da guerra en 1995, máis de 120.000 serbios, e talvez até 200.000 fuxiron antes da vitoria das forzas croatas. Só unha pequena fracción dos serbios regresaron aos seus fogares dende 1995 segundo Human Rights Watch, sendo asentados de novo polo Goberno de Croacia nas rexións que anteriormente habitaban.
A diáspora croata é moi significante, con abondosas colonias en América do Norte, Chile, Suecia, Alemaña, Australia, Arxentina e, en menor número, outros países suramericanos.
Economía
editar- Artigo principal: Economía de Croacia.
Croacia posúe unha economía baseada principalmente en varios servizos e algunhas industrias lixeiras como a industria química. Posúe ademais grandes estaleiros de barcos comerciais, que son vendidos a moitos países e gozan de fama mundial. O turismo é unha importante fonte de ingresos. A croata xunto coa eslovena, eran e seguen sendo as nacións máis industrializadas e avanzadas da ex-República Federal Socialista de Iugoslavia.
Os principais socios comerciais de Croacia son Italia e Alemaña, cos cales realiza intercambios comerciais que suman máis dun 20% do seu PIB. Croacia comezou a recibir axudas dos fondos de pre-adhesión á Unión Europea en 2003, que ao peche dese ano sumarán os 420 millóns de €. Estas axudas destináronse principalmente a reforzar as políticas de modernización do goberno, como pode ser a reestruturación industrial, mecanización agrícola e política financeira. O PIB de Croacia estímase que creza nun 4,4% en 2006, dous con dous puntos sobre a media de crecemento da UE.
Infraestruturas
editarCroacia ten agora máis de 1.200 km de autoestradas que conectan Zagreb coas demais rexións. As estradas máis coñecidas son a A1, que conecta Zagreb con Split e a A3, que atravesa de leste a oeste o noroeste de Croacia e Eslavonia. A maioría das estradas son de peaxe, fóra da de circunvalación Zagreb e tramos da A3, A7, B8 e B9. A rede de estradas de Croacia está considerada dunha calidade xeral moi boa e dunha excelente seguridade, gañando varios premios EuroTAP.[8]
En canto a ferrocarrís Croacia ten unha extensa rede ferroviaria, aínda que debido a circunstancias históricas algunhas rexións (en particular, Istria e máis aínda Dubrovnik) non son accesibles en tren sen pasar por países veciños. A rede precisa un serio investimento durante a próximas décadas para a súa harmonización coas normas europeas, tanto na velocidade como en eficiencia. Tódolos servizos ferroviarios son operados por Ferrocarrís de Croacia (en croata: Hrvatske željeznice). A inter-rede de autobuses urbanos (operada por operadores privados) está moi desenvolvida, con maiores niveis de cobertura e horarios que os ferrocarrís.
Croacia ademais conta con tres aeroportos internacionais importantes, en Zagreb, Split e Dubrovnik. Outros aeroportos importantes son o de Zadar, Rijeka (na illa de Krk), Osijek, Bol , Lošinj e Pula. A compañía nacional é Croatia Airlines. Un amplo sistema de transbordadores, operado por Jadrolinija, serve ás moitas illas de Croacia e liga as cidades costeiras. Tamén hai dispoñíbeis servizos de transbordador a Italia.
Cultura
editarA cultura de Croacia é o resultado de catorce séculos de longa historia que viu o desenvolvemento de moitas cidades e monumentos. O país posúe sete sitios do Patrimonio Mundial e oito parques nacionais. Croacia é tamén o lugar de nacemento dunha serie de figuras históricas, incluídas tres premios Nobel e numerosos inventores, estando os descubrimentos máis famosos algunhas das primeiras plumas estilográficas ou a gravata (kravata). O país ten unha longa tradición artística, literaria e musical, ademais dunha unha interesante e diversa cociña.
Idioma
editar- Artigo principal: Lingua croata.
O idioma oficial e común é o croata, unha lingua eslava da familia das linguas eslavas do sur, que utiliza o alfabeto latino. Practicamente toda a poboación fala o croata, aínda que tamén se fala serbio, italiano, húngaro e turco entre as minorías. Doutra banda, o idioma croata subdivídese á súa vez en tres dialectos: o Čakavski, o Štokavski e o Kajkavski. O čakavski é o dialecto falado en Istria, o golfo de Kvarner, o litoral de Dalmacia e nalgunhas rexións do centro de Croacia, o štokavski en Dalmacia e Eslavonia, e por último o Kajkavski no norte e noroeste de Croacia.
Literatura
editarA literatura croata ten unha longa historia de dez séculos, descubríndose os primeiros textos no século XI, os cales eran traducións do eslavón antigo, escritos en alfabeto glagolítico (escritos litúrxicos, hagiografías e apócrifos), inspirados na literatura medieval eslava e bizantina, como o Misal de Kíiv (século XI), documentos como a Táboa de Baška (1100) e a Lei Vinodol (1288).
En canto á literatura croata contemporánea poden destacarse autores como Drago Kekanovič; Pero Budak (1919); Ivan Aralica (1930); Marijan Matjovič (1915-1985), de estilo realista socialista con Slučaj maturanta Wagnera («O caso do graduado Wagner», 1953), Igra oko smrti («Baile ao redor da morte», 1955), Vašar snova («Mercado dos soños», 1959) e I bogovi pate («Os deuses tamén padecen», 1965); e os borgesianos Goran Babič, Pavao Pavličyč (1946), Stjepan Cuič (1945), Goran Tribuson (1948), Vlatko Pavletič (1930), Ivo Frangeč (1920) e Zvonimir Majdak (1938).
Himno
editar- Artigo principal: Lijepa naša domovino.
O himno nacional croata chámase Lijepa naša domovino (A nosa fermosa patria). A letra, de Antun Mihanović, foi publicada por primeira vez en 1835 na revista Dánica (A estrela da mañá), co título Hrvatska domovina (patria croata). A música foi escrita na década de 1840 por Josip Runjanin.
Máis tarde, en 1861, a partitura experimentou varios cambios menores, realizados por V. Lichtenegger. En 1891 a canción foi cantada como himno nacional nunha exhibición levada a cabo pola Sociedade Económica Croato-Eslava en Zagreb. Como Croacia formaba parte no século XIX do Imperio Austrohúngaro, tiña como himno nacional o austríaco. O 29 de febreiro de 1972 a primeira emenda da Constitución croata declarou esta canción o himno nacional oficial (a pesar de que nese momento Croacia aínda formaba parte de Iugoslavia). Logo da independencia de Croacia, en 1990, realizáronselle lixeiros trocos na letra.
Festas nacionais
editarData | Festividade |
---|---|
1 de xaneiro | Ano novo |
6 de xaneiro | Epifanía |
Día despois da semana santa | Luns de Pascua |
1 de maio | Día do traballo |
60 días despois de Pascua | Corpus Christi |
22 de xuño | Día da loita antifascista |
25 de xuño | Día Nacional do Estado |
5 de agosto | Día de Acción de Grazas |
15 de agosto | Asunción da Virxe María |
8 de outubro | Día da Independencia |
1 de novembro | Día de Tódolos Santos |
25 de decembro e 26 de decembro | Festividades do Nadal |
Educación
editarA educación primaria en Croacia comeza á idade de seis ou sete anos e componse de oito graos. No ano 2007 aprobouse unha lei para aumentar ensino libre pero non obrigatorio até os dezaoito anos de idade. A educación obrigatoria consta de oito categorías divididas entre escola primaria e ensino secundario que é proporcionada polos ximnasios e centros de formación profesional.
Croacia conta con oito universidades, a Universidade de Zagreb, a Universidade de Split, a Universidade de Rijeka, a Universidade de Osijek, a Universidade de Zadar, a Universidade de Dubrovnik, a Universidade de Pula e a Dubrovnik International University. A Universidade de Zadar é a primeira universidade de Croacia, foi fundada no ano 1396 e permaneceu activa até o ano 1807. No ano 2002 cando outras institucións de educación superiores se fixeron cargo da fundación da nova Universidade de Zadar no ano 2002.
A Universidade de Zagreb, fundada no ano 1669, é a universidade máis antiga en funcionamento de todo o sueste de Europa. Tamén hai institucións politécnicas e de educación superior.
Deporte
editar- Artigo principal: Croacia nos Xogos Olímpicos.
Os deportes máis populares en Croacia son o fútbol, o balonmán, o baloncesto, o wáter-polo e o tenis. A selección croata de fútbol terminou terceira na Copa Mundial de Fútbol de 1998, gañando Davor Šuker a Bota de Ouro como o xogador máis goleador do torneo. Ademais chegou a ocupar en 1999 o terceiro posto na Clasificación Mundial da FIFA. O país fracasou na súa oferta conxunta con Hungría para organizar a Eurocopa 2012, chegando á última instancia, na cal resultou electa a candidatura conxunta de Polonia e Ucraína.
A Selección Croata de Balonmán foi campioa do mundo en 2003 e dúas veces gañadora dos xogos olímpicos en 1996 e 2004. Ademais o croata Ivano Balić foi considerado varias veces o mellor xogador de balonmán do mundo. O RK Zagreb foi un campión de Europa dúas veces e RK Bjelovar gañou unha vez o mesmo campionato. O equipo nacional de baloncesto finalizou terceiro no Campionato Mundial de Baloncesto de 1994, segundo nos Xogos Olímpicos de 1992 e terceiro no Eurobasket 1993 e 1995. Os equipos croatas de baloncesto coroáronse 5 veces campións de Europa: tres veces o KK Split e dúas veces o KK Cibona. O terceiro club de baloncesto máis famoso é KK Zadar.
A Selección Croata de Wáter-polo é a actual campioa do mundo. O Mladost foi campión de Europa por 7 veces e foi galardoado co título de Mellor Club do século XX pola LEN (Ligue Européenne de Natation). O Equipo croata de Copa Davis gañou o torneo en 2005. O xogador de tenis Goran Ivanišević é un dos deportistas máis recoñecidos que gañou en 2001 o Grand Slam de Wimbledon, así como Iva Majoli gañadora de Roland Garros en 1997. Outros deportistas famosos son: Janica Kostelić e Ivica Kostelić en esquí, Blanka Vlašić en atletismo, Duje Draganja, Sanja Jovanović, Đurđica Bjedov en natación ou en baloncesto Dražen Petrović, un dos mellores xogadores da historia, Krešimir Ćosić, Toni Kukoč ou Dino Rađa.
Notas
editar- ↑ Smyth, Jamie (05-08-2008). "Karadzic's arrest hailed as victory for EU enlargement policy". Irish Times. Arquivado dende o orixinal o 07-03-2012. Consultado o 14/12/2011.
- ↑ "Bruselas prevé que Croacia sea miembro de la EU antes de 2013". ABC de España. Arquivado dende o orixinal o 30/05/2013. Consultado o 14/12/2011..
- ↑ "Croacia entrará a la UE el 1 de julio de 2013". Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2013. Consultado o 23 de xaneiro de 2012.
- ↑ Diario El Mundo (en castelán) Consultada o 10/12/2011.
- ↑ Diario El Mundo, 9/12/2011. (en castelán)
- ↑ univision Croacia respalda adhesión a UE con 66 % de votos en referéndum (oficial) Arquivado 25 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 23/1/2012.
- ↑ Cosejo de Europa. Bienvenida a Croacia. Arquivado 02 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en castelán) Consultada o 15/12/2011.
- ↑ "EuroTest". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2011. Consultado o 19 de novembro de 2009.
- ↑ Festividades nacionais de Croacia
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Croacia |
Outros artigos
editar- República Socialista de Croacia
- República Federal Socialista de Iugoslavia
- Guerras iugoslavas
- Historia dos eslavos do sur
- Lista de illas de Croacia