Lince (zooloxía)

xénero de mamíferos
Linces
Lynx

Lince común (Lynx lynx)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Feliformia
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Xénero: Lynx
Kerr, 1792
Especie tipo
Felis lynx
Linnaeus, 1758
Especies

Especies e subespecies

  • Véxase o texto

Lince[Cómpre referencia] é o nome común dos mamíferos carnívoros da familia dos félidos (Felidae), subfamilia dos felinos (Felinae) pertencentes ao xénero Lynx.

Lince ibérico tras cazar unha ave.

Na actualidade o xénero Lynx comprende catro especies facilmente recoñecíbeis, caracterizadas polo seu tamaño medio, fortes e longas patas, longas orellas triangulares, cun pincel de pelos na punta (e tamén cunhas características guedellas de pelo nas meixelas), cola curta e pelaxe máis ou menos manchada. Un carácter distintivo non tan visíbel é que os linces teñen 28 dentes, en lugar dos 30 habituais nos felinos.

Todas as especies habitan exclusivamente no hemisferio norte, en Eurasia e Norteamérica, e teñen como hábitat preferido os bosques.

Depredadores amplamente distribuídos (a excepción do lince ibérico, gravemente ameazado) forman parte dos poucos felinos que posúen poboacións estábeis.

O caracal (Caracal caracal), que habita en África e gran parte de Asia central e occidental, é en realidade un felino escasamente emparentado cos verdadeiros linces, pero que garda algunhas semellanzas externas cos representantes do xénero Lynx froito da converxencia adaptativa, como son a cola, excepcionalmente curta (pouco máis que un simple tocón), e as súas grandes orellas, coroadas por longos penachos de pelo negro na punta.

Os linces tiveron un lugar importante na mitoloxía cos amerindios, e foron máis ben pouco apreciados na Europa antiga, onde tiveron unha reputación de besta feroz.[1]

Taxonomía

editar

O xénero Lynx foi fundado en 1792 polo naturalista e tradutor escocés Robert Kerr,[2] na páxina 155 do volume primeiro da súa obra The animal kingdom, or zoological system, of the celebrated Sir Charles Linnæus. Containing a complete systematic description, arrangement, and nomenclature, of all the known species and varieties of the mammalia, or animals which give suck to their young], tradución das partes 1 e 2 da 13ª edición do Systema Naturae de Linneo, editada por F. Gmelin en Leipzig.[3]

Sinónimos máis modernos, non válidos, son:[2]

  • Cervaria Gray, 1867
  • Eucervaria Palmer, 1903
  • Lynceus Gray, 1821
  • Lynchus Jardine, 1834
  • Lyncus Gray, 1825
  • Pardina Kaup, 1829

A especie tipo do xénero é Felis lynx Linnaeus, 1758,[2] clasificada hoxe como Lynx lynx.

Todos os linces actuais son descendentes, segundo parece, do Lynx issiodorensis, unha especie de lince do plistoceno.[4]

Especies e subespecies

editar

Describíronse as seguintes especies e subespecies:[2]

Xénero Lynx

  • Lynx canadensis
    • L. c.canadensis
    • L. c. mollipilosus
    • L. c. subsolanus
  • Lynx lynx - lince común
    • L. l. lynx
    • L. l. isabellinus
    • L. l. kozlovi
    • L. l. sardiniae
    • L. l. stroganovi
  • Lynx pardinus - lince ibérico


  • Lynx rufus
    • L. r. rufus
    • L. r. baileyi
    • L. r. californicus
    • L. r. escuinapae
    • L. r. fasciatus
    • L. r. floridanus
    • L. r. gigas
    • L. r. oaxacensis
    • L. r. pallescens
    • L. r. peninsularis
    • L. r. superiorensi
    • L. r. texensis


As catro especies de linces

Características

editar

Coloración

editar

A pelaxe posúe diferentes tonalidades segundo a especie e a subespecie da que se trate. O Lynx canadensis e o Lynx lynx oscilan entre a cor parda e a amarelada, desenvolvendo unha pelaxe máis longa e agrisada en inverno. O lince ibérico é de cor parda, mentres que o Lynx rufus, posúe un manto pardo-avermellado. As catro especies presentan manchas e raias cuxa densidade varía segundo os individuos. Polo xeral, os animais máis intensamente manchados son os que viven máis ao sur.

Cabeza

editar
 
A cabeza dos linces está provista de orellas triangulares rematadas nun pincel de pelos negros, e presenta patillas nas meixelas. Na foto, un Lynx pardinus.

A cabeza dos linces, de forma arredondada e sostida por un curto pescozo, é tamén bastante característica. As orellas son triangulares, longas e ornadas cunha guedella de pelos negros chamada "pincel". Estes pinceis auriculares non se encontran máis que nas especies do xénero Lynx, aínda que tamén no caracal (Caracal caracal), o gato dos pantanos (Felis chaus) [5] e certas razas de gato doméstico [6] Sospéitase que lles serven para captar a dirección do vento. Os longos pelos nas meixelas, as chamadas "patillas", forman un colar que lles dá un aire un pouco mofletudo.

A utilidade da forma da cara dos linces, especialmente dos pinceis auriculares, foi moi discutida. Matjuschkin propuxo unha analoxía coa cara do bufo pequeno (Asio otus), moi redonda, con pequenas plumas ergueitas sobre a cabeza;[7] as patillas ao redor das meixelas do lince formarían un espello parabólico que lles permitiría captar mellor os sons, en tanto que os pinceis mellorarían a localización da fonte sonora.

Os linces caracterízanse tamén, como quedou dito, de non teren máis que 28 dentes, en lugar dos 30 habituais dos félidos.[8] Non teñen máis que dous premolares no maxilar superior, o que é unha característica do xénero Lynx.[9] Entre as especies do xénero Lynx, unicamente o Lynx lynx ten a característica de poder ter un dente supernumerario.

A dentición de leite dos linces non inclúe molares, e a orde de aparicións dos dentes é caninos - incisivos - premolares e, despois, para a dentición definitiva, incisivos - caninos - premolares - molares.[10]

Tronco e extremidades

editar

Os linces teñen unha forma moi recoñecíbel entre os félidos, e dificilmente poden confundirse coas especies doutros xéneros, salvo quizais co caracal. O corpo caracterízase por ter os membros posteriores moi desenvolvidos, o que é unha particularidade do xénero, xa que os outros félidos teñen case todos a parte anterior do corpo máis potente.[11]. As patas son longas e as gadoupas voluminosas en comparación co resto do corpo; trátase dunha adaptación para desprazarse na neve: as largas gadoupas lles permiten desprazarse máis facilmente por unha espesa capa de neve actuando como as raquetas ou brenllas para a neve.[12] Ademais, as almofadas moi largas silencian o ruído dos pasos e lles aseguran unha marcha totalmente silenciosa. Os linces exercen unha presión moi débil sobre o solo, mesmo en comparación con outros carnívoros; por exemplo, o lince común exerce unha presión sobre o solo tres veces máis débil que a do gato montés (Felis silvestris),[13] e estímase unha relación entre 4,1 e 8,8 entre o Lynx canadensis e o coiote (Canis latrans). A pegada dos linces, tan longa como larga, recorda a do gato doméstico, e o seu rastro é case rectilíneo, sobre todo cando avanzan ao paso.

A cola é curta, como truncada, e mide apenas de 20 a 25 cm. A lonxitude total varía segundo as especies. O dimorfismo sexual é bastante aparente: os machos son, de media, unha cuarta parte máis grandes que as femias.

A cantidade de manchas e a cor da capa dos linces varían segundo as especies e a latitude. Cada individuo ten unha disposición particular das manchas. Das catro especies, o ibérico é o máis manchado, mentres o canadense ten poucas manchas ou ningunha. Ao norte, as capas son sobre todo de cor gris, mentres que no sur tenden cara ao roxo. Por regra xeral, as meixelas, o ventre, a parte interna das gadoupas, o *mento e o contorno dos ollos son de cor crema.

Dimensións

editar

A especie máis grande é o Lynx lynx, que pode chegar a alcanzar os 30 kg de peso, e a máis pequena, a ibérica, que raramente chega aos 20.

Talle e peso das diferentes especies do xénero Lynx
Lince común
(Lynx lynx)
Lynx canadensis Lince ibérico
(Lynx pardinus)
Lynx rufus
Lonxitude 77 a 135 cm 85 a 114 cm 85 a 110 cm 76 a 124 cm
Altura na cruz 65 a 75 cm 60 a 65 cm 42 a 47 cm 45 a 68 cm
Peso 9 a 35 kg 8 a 14 kg 9 a 13 kg 6 a 13 kg

Capacidades psíquicas

editar

Como todos os félidos, os linces teñen unha visión moi sensíbel con baixa luminosidade (visión nocturna), e moi precisa para detectar o movemento. O sentido do olfacto é grande, pero non serve máis que para a comunicación intraspecífica (marcado do territorio, por exemplo), e nunca para a caza, como nos cánidos. As vibrisas, frecuentemente denominadas "bigotes", situadas no fociño, debaixo dos ollos, nas meixelas e nas gadoupas, como para todos os félidos, son un órgano do tacto moi sensíbel.[14]

Os linces son todos bos nadadores cando lles fai falta, e excelentes saltadores,[15] grazas aos seus membros posteriores particularmente adaptados para o salto [16] Algúns linces cativos escapan saltando o valado.[17][18] Como todos os félidos, os linces non son bos corredores de fondo. Isto pode estar relacionado co pequeno tamaño do corazón: o peso do corazón dun lince non representa máis que do 3,4 ao 6,4 ‰ da súa masa total.[19] Os linces teñen tres maneiras de desprazárense: o paso, que é o modo máis utilizado, o trote, e o salto.

Bioloxía

editar

Solitarios e territoriais

editar

Trátase de animais preferentemente forestais. O lince ibérico habita en bosques de tipo mediterráneo, mentres que o Lynx lynx e o Lynx canadensis alternan os de coníferas e os de árbores de folla caduca. Tamén poden habitar en zonas máis despexadas, como a tundra. O Lynx rufus é común tanto en bosques como nas grandes chairas e áreas de matogueiras do centro e oeste de Norteamérica.

Como todos os felinos, os linces son territoriais. O territorio do macho cobre o dunha ou o de varias femias. Porén, os territorios teñen, nos seus límites, "zonas neutras" polas que os linces poden circular sen que haxa enfrontamentos. O tamaño do territorio depende da densidade de presas e da especie de lince considerada.[20] O territorio do macho pode alcanzar até 300 km2 en América do Norte. O lince macho é intolerante cos outros machos que atravesan seu territorio.[21]

As marcas olfactivas, que permiten sinalar a súa presenza no territorio, déixanas frecuentemente nun soporte facilmente localizábel. Trátase a miúdo de proxeccións de urina e marcas de rabuñadas.[22] As marcas son máis frecuentes no centro do territorio que na periferia.[23]

Os linces son xeralmente solitarios, excepto as femias coas súas crías. Os únicos encontros entre macho e femia prodúcense no período da reprodución, durante a cal o macho segue á femia en todos os seus desprazamentos.[24].

Extremadamente discretos, os linces son raramente percibidos. No Parque Nacional de Baviera, onde o lince común foi reintroducido, os paseantes percorren un camiño a 300 metros do lugar de reprodución do lince; o conxunto do parque, de 13.000 hectáreas, contén seis linces residentes, e foi visitado por 1,3 millóns de visitantes en 1976. Porén, só se rexistran de seis a oito observacións anuais.[25]

As presas máis comúns son os lagomorfos (lebres e coellos) e roedores de certo tamaño, ás que se engaden de forma máis ocasional aves e ungulados de pequeno tamaño, como corzos e crías de cervos e muflóns. Os pequenos carnívoros, entre os que se inclúe o gato montés, tampouco escapan á súa depredación.

Os linces son sobre todo activos nos crepúsculos. Cazan principalmente á espreita. Como a maior parte dos félidos, xeralmente asfixian ás súas presas dunha trabada na gorxa, e non se serven das grosas gadoupas para golpealas. Poden percorrer o seu territorio á busca de presas varios quilómetros. A frecuencia da caza é dunha presa cada dous ou tres días.[26] A taxa de éxito na caza varía moito segundo os individuos. Para o Lynx lynx estímase que as femias acompañadas dos seus pequenos teñen éxito na caza no 60 ou 70 % dos casos, os machos no 40 a 60 % e os subadultos no 10 ao 20 %. A distancia entre o ataque e a morte da presa é xeralmente de menos de vinte metros. Os linces non perseguen ás súas presas máis de douscentos metros (só o fan nun 5 % dos ataques).[27]

As presas capturadas son diferentes segundo as especies e a época do ano. A maior parte do tempo aliméntanse de pequenas presas como os lagomorfos ou paxaros. O Lynx lynx é o único en atacar preferentemente pequenos ungulados como o corzo ou o rebezo, aínda que o Lynx rufus tamén ataca aos cervos virxinianos, e que o Lynx canadensis caza o reno. Os linces non son preeiros e refugan todo alimento en estado de descomposición demasiado avanzada.

Os linces poden atacar o gando. A presión de depredación sobre os animais domésticos é moi variábel segundo as rexións. Téñense referido casos de linces especializados na caza de ovellas. Despois da reintrodución do lince, constatouse un aumento brusco dos ataques ao gando seguido dun período de estabilización. En Europa, a acción dos linces sobre o gando considérase como menor en comparación coas do lobo e do oso.[28] Os linces non atacan nunca ao ser humano, incluso cando se aproxima ás crías.[29]

Os linces comen de crequenas comezando polas partes máis carnosas da súa presa, como as ancas ou os lombos e non comen nin o estómago nin os intestinos. A pel e os pelos van depositándose durante a comida, e a pel acaba frecuentemente servindo para "empaquetar" as partes do corpo non comidas.[30] Os paxaros son desplumados para comer. Os linces ás veces poden guindar a súa presa a unha árbore, a fin de comer con calma.

Ciclo vital

editar
 
A pesar da protección da nai, a mortalidade das crías é importante.

O ciclo de reprodución dos linces está sometido a grandes variacións. Así, o ciclo do Lynx canadensis está en estreita conexión co da lebre de raquetas (Lepus americanus) e a súa poboación flutúa cada dez anos.[31] Igualmente, observacións sobre o lince eurosiberiano mostran que, segundo os anos, unicamente do 43 ao 64 % das femias paren cachorros.[32]

A estación reprodutora é maioritariamente ao fin do inverno. Despois dunha parada nupcial de varios días, o macho volve ás súas ocupacións, mentres que a femia sae en busca dun lugar apropiado para facer a cama despois dunha xestación de arredor de dous meses.

Ela soa, sen o concurso do pai, ensina a cazar ás súas crías, que abandonarán á nai algunhas semanas antes do nacemento dunha nova camada. Estes subadultos buscarán un novo territorio, aínda que a dispersión non é grande porque os inmaturos se instalan en territorios próximos dos xa ocupados.

Estatística da reprodución das diferentes especies do xénero Lynx
Lince común Lynx canadensis Lince ibérico Lynx rufus
Xestación 63 a 68 días 63 a 70 días 63 a 68 días 50 a 70 días
Tamaño da camada 1 a 4 1 a 8 1 a 5 1 a 8
Idade de emancipación 10 meses 10 meses 7 a 10 meses 12 meses
Madureza sexual ♂ : 30 meses
♀ : 20 a 24 meses
♂ : 24 meses
♀ : 22 a 23 meses [33]
♂ : 33 meses
♀ : 21 meses
♂ : 18 meses
♀ : 9 a 12 meses

A lonxevidade dos linces é duns quince anos na natureza e de sobre os trinta en catividade.[34]

Enfermidades e outras ameazas

editar

Os lices son escasamente vectores da rabia. De mil linces de Eslovaquia capturados ou cazados en dez anos, univamente o 0,6 % estaban infectados polo virus da rabia. Ademais, os linces non desenvolven a forma agresiva da doenza e teñen tendencia a facer diminuír as poboacións de raposos (moi sensíbeis á rabia) por presión de predación. Por iso os decesos por enfermidade non representan máis que unha cuarta parte das motres totais. As tres cuartas partes das mortes dos adultos son debidas á actividade humana, sexa por unha presión de caza (autorizada ou furtiva), sexa polo tránsito rodado.[35] Para os individuos novos, son sobre todo a fame e as enfermidades parasitarias as que dezman as poboacións (o 80 % dos novos non atinxen a idade de procrear no lince común).[36]

Inimigos

editar

Os linces teñen poucos predadores naturais fóra do home. Segundo as especies, osos, lobos, pumas e glutóns ou carcaiús (Gulo gulo) poden atacar e matar un lince.[37]

Distribución e estado de conservación

editar

Distribución dos linces no mundo

editar
 
Áreas de distribción mundial dos linces.

O estado en que se encontra cada unha das catro especies de linces é moi variada. O Lynx rufus, o común e o Lynx canadensis presentan números bastante altos e amplas áreas de distribución, mientres que o lince ibérico, pola contra, é o felino máis ameazado do planeta,[38] e o único que está na Categoría 1 da Lista Vermella de Especies da IUCN.

 
Lince ibérico, a especie de félido máis ameazada do mundo.

En tempos históricos a distribución do lince chegaba até Galicia [39] e os Pireneos.

Lince ibérico

editar

A poboación do lince ibérico redúcese a apenas 200 individuos, repartidos en pequenas áreas do suroeste da Península Ibérica, entre as que destaca o Coto de Doñana. A pesar dos recentes éxitos do programa de cría en catividade levado a cabo en España, a especie aínda segue en declive por mor dos atropelos nas estradas, a destrución do seu hábitat e a escaseza crecente da súa base alimentaria, o coello europeo, debida fundamentalmente á mixomatose. Tamén se producen mortes cando os animais quedan atrapados en trampas para coellos e incluso ao seren cazados por furtivos, aínda que, por fortuna, isto último vai remitindo grazas á cada vez máis estreita protección gobernamental.

O rápido camiño cara á extinción do lince ibérico

editar

As outras tres especies

editar
 
Lynx lynx
 
Lynx canadensis

O grao de ameaza das outras especies é desigual cando se comparan subespecies ou poboacións entre si. Así, por exemplo, mentres que o Lynx lynx se considera abundante en termos relativos e as subespecies siberianas e do Extremo Oriente contan con miles de individuos, a súa presenza en Europa, Oriente Medio e o Himalaia fíxose rara, até o punto de que desapareceu por completo de numerosas rexións.

As principais ameazas para este animal son a destrución do seu hábitat e a caza, tanto deportiva como para explotar comercialmente a súa pel.

 
Un lince e a súa cría nun billete de 10 rublos belarusos

Na actualidade, practicamente todos os países europeos, con escasas excepcións como Belarús e Ucraína, prohibiron a caza deste animal ou a restrinxiron dalgunha maneira. Así mesmo, logrouse reintroducir a especie en Alemaña, Austria e Francia con éxito.

Menos ameazados (e non incluídos na Lista Vermella baixo ningunha variante) son o Lynx canadensis e o Lynx rufus. O primeiro é notabelmente abundante no Canadá e algunhas zonas dos Estados Unidos, como Alasca, Montana, Idaho e Washington; porén, a sobrecaza converteuno nunha rareza noutros estados como Utah, Minnesota e os de Nova Inglaterra, razón pola cal recibe protección do goberno estadounidense.

O Lynx rufus (chamado bobcat en inglés), é a especie máis adaptábel ao impacto da actividade humana, e continúa sendo abundante no sueste do Canadá e gran parte dos Estados Unidos e México, incluso naquelas zonas onde o Lynx canadensis non puido soportala e se extinguiu. Aínda así, existen algunhas rexións da Costa Leste e do Medio Oeste americano onde se documentou a súa desaparición a causa da substitución do medio natural por grandes extensións de cultivo e polígonos industriais.

Evolución dos linces e da súa taxonomía

editar

Historia da taxonomía do xénero Lynx

editar

A clasificación dos linces foi obxecto de debate: se debían de ser clasificados no seu propio xénero Lynx ou como un subxénero de Felis. En efecto, até os anos 1980, case todos os félidos estaban incluídos no xénero Felis, excepto os grandes felinos do xénero Panthera e o guepardo, do xénero Acinonyx. Esta era a clasificación de Simpson. A taxonomía actual admite que os linces pertencen ao seu propio xénero; pero os sinónimos Felis lynx, Felis rufus ou aínda Felis pardinus subsisten na literatura zoolóxica.

O número de especies de lince variou pouco, a pesar da gran flutuación morfolóxica, tanto en tamaño como da cor, dos diferentes individuos. Até sete especies foron propostas por Pocock e Balestri. Pero nos anos 1980, contemplábanse unicamente dúas especies, o lince común e o Lynx rufus. Outro modelo de dúas especies admitía unicamente o lince común e o lince ibérico. No seo do conxunto dos diferentes modelos de dúas especies, a única variación era a área de distribución do lince común que englobaba as do Lynx canadensis e a do ibérico:[42] as especies actuais, sobre todo o Lynx canadensis e o lince ibérico serían entón subespecies do lince común Lynx lynx canadensis ou Felis lynx canadensis [43] e Lynx (Felis) lynx pardinus.[44]

O caracal, dada a similitude morfolóxica (cabeza, dentuadura, cola) foi clasificado durante moito tempo no xénero Lynx (como Lynx caracal). Pero a ausencia total de manchas e, despois, as análises xenéticas, desprazárono do xénero Lynx cara ao seu propio xénero Caracal.[45] O Otocolobus manul formou parte temporalmente do xénero Lynx.[46]

Filoxénese

editar

Análise xenética

editar

A filoxenia baseouse durante moito tempo no estudo dos fósiles dos animais co fin de precisar a aparición e a evolución dunha especie. A filoxenia moderna apóiase esencialemente nas análises xenéticas por mor do número pouco importante de fósiles de félidos. O primeiro félido data de hai 11 millóns de anos. O devanceiro común das liñas Leopardus, Lynx, Puma, Prionailurus e Felis atravesarían o estreito de Bering e colonizarían América do Norte hai ao redor de 8 a 8,5 millóns de anos. Hai 7,2 millóns de anos, a liña dos linces diverxe da dos pumas. O derradeiro devanceiro común a todos os linces data de hai 3,2 millóns de anos, no Plioceno.

O lince de Issoire

editar
 
Restos óseos de lince nunha gruta en España.

Aínda que os fósiles sexan raros entre os félidos, os linces son a excepción.[47] O lince de Issoire (Lynx issiodoriensis) é xenalemente considerado como o devanceiro común do xénro Lynx. Cunha área de dispersión moi ampla, o Lynx issiodorensis presentaba unha morfoloxía próxima á dos felinos tendo as características dos linces:[48] unha cola curta e a dentición de 28 dentes. Propuxéronse varias hipóteses sobre as "aparicións" dos linces modernos a través da forma intermediaria do lince de Issoire. Unha primeira hipótese suxire unha diverxencia en tres liñas distintas: L. pardinus, L. lynx, e L. rufus; nesta primeira hipótese, o L. canadensis descendería de L. lynx.[49]

O lince de Issoire migraría a Norteamérica pol estreito de Bering durante a glaciación do Plistoceno, hai de 5 a 10 millóns de anos. Probas da súa presenza hai de 2,5 a 2,4 millóns de anos descubríronse en Texas. O lince de Issoire enseguida evolucionaría a unha forma intermedia Lynx issiodorensis kurteni, e despois cara ao actual Lynx rufus.[50]

As primeiras formas de Lynx pardinus poderían derivar de fósiles atribuídos ao Lynx issiodorensis do Plistoceno medio, segundo Argant (1996), "Le Lynx des cavernes Lynx pardinus speleus [51] ou Lynx spelea,[49] cuxos restos se descubriron en grutas do Observatorio de Mónaco e de Balzi Rossi, de Grimaldi, en Italia, que posuía características intermedias entre o Lynx lynx e o Lynx pardinus. É posíbel que o Lince de Issoire evolucionara cara ao lince das cavernas que, a continuación evoluvionaría cara ao lince ibérico.[52] Estudos sobre a morfoloxía e sobre o esqueleto do lince ibérico puxeron en evidencia a simpatria entre o lince ibérico e o lince común no suroeste de Europa durante o Plistoceno. As dúas especies son hoxe consideradas como alopátricas.[53]

O Lynx lynx está máis afastado do Lynx issiodorensis que o lince ibérico. A dentición desta especie é diferente da dos outros linces e tamén é máis grande que as outras especies; unha hipótese propón que o lince común, orixinario de Asia, desprazaría ao Lynx pardinus á Península Ibérica. O Lynx canadensis e o lince común terían o mesmo devanceiro común asiático.[54] Despois da primeira colonización que dera lugar ao Lynx rufus, outra forma de lince de Issoire faría unha nova colonización de América desde Asia que daría orixe ao Lynx canadensis moderno.[55][56]

Sistemática

editar

Clasificación clásica

editar

A clasificación clásica sitúa o xénero Lynx na subfamilia dos felinos, que alberga historicamente a todos os félidos que non roxen.[57]

─oCarnivora
 └─o Feliformia
   └─o Felidae
     ├─o Pantherinae
     └─o Felinae
       ├─o Numerosos xéneros tales como Prionailurus, Felis, Caracal,...
       └─o Lynx
         ├─o Lynx canadensis
         ├─o Lynx lynx
         ├─o Lynx pardinus
         └─o Lynx rufus

Clasificación filoxenética

editar

A clasificación filoxenética divide os félidos en oito liñas distintas; os linces constitúen a quinta liña. As catro especies evolucionarían nesta orde: Lynx rufus, Lynx canadensis, lince común e lince ibérico.[58]

   Felidae   

Panthera, Neofelis

Pardofelis

Caracal, Leptailurus

Leopardus

Lynx

Puma, Acinonyx

Prionailurus, Otocolobus

Felis

   Lynx   

 Lynx rufus

 Lynx canadensis

 Lynx lynx

 Lynx pardinus - lince ibérico

  1. De aí un dos seus sinónimos, lobo cerval.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World.
  3. Ver a obra en PDF.
  4. Les lynx, essai de paléontologie et formes actuelles en FERUS.
  5. Peter & Adrienne Farrel Jackson, Op. cit., páx. 14.
  6. Razas tales como a maine coon puideron seren seleccionadas por ter este tipo de pinceis.
  7. Que non se trata de orellas, como algúns pensan.
  8. Peter & Adrienne Farrel Jackson, Op. cit., páx. 10.
  9. Michael R. Peterson (outono 2000). "The Biogeography of Bobcat (Lynx rufus)" (en inglés). Universidade do Estado de San Francisco (California). Arquivado dende o orixinal o 25 de agosto de 2012. Consultado o 1 de agosto de 2011. 
  10. Raydelet, Patrice: Le lynx boréal.
  11. Peter Jackson & Adrienne Farrell Jackson (1996): Les félins: toutes les espèces du monde. Delachaux et Niestlé, col. "La bibliothèque du naturaliste", páx. 10
  12. Larousse des félins, páx. 19.
  13. E iso que o lince común é de tres a dez veces máis groso que o gato montés.
  14. Rémy Marion, Op. cit., páx. 128.
  15. Rémy Marion, Op. cit., páx. 135.
  16. Patrice Raydelet, Op. cit. páx. 42-57.
  17. "Un lynx s'échappe de Jura Parc à Vallorbe" (en francés). La tribune de Genève. 21 de setembro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2009. Consultado o 1 de agosto de 2011. 
  18. "ESPAGNE: un Lynx pardelle s’évade en sautant une clôture électrifiée de 4 mètres de haut". Actu'Lynx (en francés). 17 de xuño de 2008. Consultado o 1 de agosto de 2011. 
  19. A título de comparación, esta ratio é de 0,43 % no home.
  20. Marion, Rémy (dir.), Cécile Callou, Julie Delfour, Andy Jennings, Catherine Marion & Géraldine Véron (2005): Larousse des félins. Paris: Larousse, páx. 149
  21. Rémy Marion, Op. cit., páx. 165.
  22. O papel das feces na demarcación do territorio está aínda moi pouco estudada, as máis delas están enterradas.
  23. Raydelet, Patrice: Le lynx boréal, Les sentiers du naturaliste. "Sentier du quotidien", páxs. 58-77.
  24. Rémy Marion, Op. cit., páx. 149.
  25. C. Kempf, A. Balestri, U. Wotschikowsky & M. Fernex (1979): Chez nous Le Lynx? Mythes et réalité. Les guides Gesta, páxs. 33-74
  26. Rémy Marion, Op. cit., páx. 151
  27. C. Kempf, A. Balestri, U. Wotschikowsky & M. Fernex, Op. cit., páxs. 33-74.
  28. Patrice Raydelet, Op.cit, páxs. 114-133
  29. Pronatura (ed.). "Huit questions, huit réponses". pronatura.ch. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2010. Consultado o 01 de agosto de 2011.  (en francés)
  30. Patrice Raydelet, Op. cit, páxs. 90-113.
  31. Robert E. Ricklefs & Gary L. Miller (2005): Écologie. De Boeck Université. ISBN 978-2-7445-0145-6 En liña: [1] Arquivado 22 de febreiro de 2014 en Wayback Machine., páx. 350. (en francés)
  32. Patrice Raydelet, Op. cit., páxs. 78-89
  33. Cando as presas son abundantes, a madurerza sexual pode adquirirse desde os dez meses.
  34. Peter & Adrienne Farrel Jackson, Op. cit., páxs. 84, 88, 200 e 206.
  35. Co fin de evitar as mortes de animais causadas por colisións cos vehículos, a creación de ecodutos complementa a instalación de corredores biolóxicos.
  36. Patrice Raydelet, Op. cit., páx. 134
  37. Peter & Adrienne Farrel Jackson, Op. cit., páxs. 82, 198 e 204.
  38. LynxBrief No. 12, December 2008, focusing on news from the recent III International Iberian Lynx Seminar in Huelva, Andalucía, Spain
  39. Sarmiento recolleu xa en 1760 cinco nomes populares: lobo cerval, loberno, lubicán, lobo rabaz e tigre, denominacións que pasaron a outros vocabularios e dicionarios posteriores. Comenta que o nome de tigre "es falso, pues no hay tigres en Europa, pero se llama tigre porque tiene la piel manchada". Engade que "Los 4 nombres primeros, aunque comienzan con lobo, sólo aluden a su voracidad, no a que sea el animal del género lobo, pues sólo lo es del género gato" (Sarmiento, carta 159, de 6 de xuño de 1760). Eladio Rodríguez explica que "el nombre de lobo cerval viénele de ser su grito parecido al de los ciervos".
  40. Proyecto LIFE-Naturaleza «Recuperación de las poblaciones de Lince Ibérico en Andalucía», LIFEO2/NAT/E/8609 Consejería de Medio Ambiente. Xunta de Andalucía, 1995–2009
  41. http://www.elpais.com/elpaismedia/diario/media/200711/06/sociedad/20071106elpepisoc_1_Pes_PDF.pdf
  42. C. Kempft et al. Op. cit.
  43. Forest Service Lynx research - RMRS (en inglés)
  44. Rosa Garcia-Perea, "Phylogeny and Conservation of Iberian Lynxes" en CAT NEWS, nº 27, outono de 1997. [2] Arquivado 19 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  45. C. Kempf et al., Op. cit, páxs. 17-32
  46. Patrice Raydelet, Op. cit., páxs. 8-41
  47. Kevin Hansen (2007): Bobcat: master of survival, Oxford University Press US.
  48. C. Kempf et al., Op. cit., páxs. 83-120.
  49. 49,0 49,1 Raydelet, Patrice, Op. cit.
  50. Kevin Hansen, Op. cit. páx. 16.
  51. Les lynx, essai de paléontologie et formes actuelles en FERUS (en francés)
  52. Les lynx, essai de paléontologie et formes actuelles en FERUS. (en francés)
  53. Rosa Garcia-Perea, "Phylogeny and Conservation of Iberian Lynxes", CAT NEWS, outono de 1997, nº 27 [3] Arquivado 19 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)
  54. Clément Fortin et Josée Tardif (xaneiro 2005). "Situation du Lynx du Canada (Lynx canadensis) au Québec" (PDF). Direction du développement de la faune. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 01 de agosto de 2011.  (en francés)
  55. William J. Zielinski, Thomas E. Kuceradate (1998). DIANE Publishing, ed. "American Marten, Fisher, Lynx, and Wolverine: Survey Methods for Their Detection": 77–78. ISBN 0788136283.  (en inglés)
  56. Carron Meaney, Gary P. Beauvais (2004). United States Department of the Interior, Bureau of Land Management, ed. "Species Assessment for Canada lynx (Lynx Canadensis) in Wyoming" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de outubro de 2011. Consultado o 01 de agosto de 2011.  (en inglés)
  57. "Mammal Species of the World": Lynx Arquivado 13 de decembro de 2012 en Wayback Machine. en Wilson, Don E. & Reeder, Dee Ann M. (eds.): "Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference". 3ª ed. Johns Hopkins University Press, Baltimore, Ano 2005. Consultada o 31 de xullo de 2011. (en inglés)
  58. Stephen O'Brien et Warren Johnson (abril 2008). "L'évolution des chats". Pour la science (en francés) (366). ISSN 0153-4092.  Baseado en:
    • W. Johnson; et al. (2006). "The late Miocene radiation of modern felidae: a genetic assessment". Science (en inglés) (311). 
    • C. Driscoll; et al. (2007). "The near eastern origin of cat domestication". Science (en inglés) (317). 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Jackson, Peter & Adrienne Farrell Jackson (1996): Les félins: toutes les espèces du monde. París / Lausanne: Delachaux et Niestlé. ISBN 2-603-01019-0
  • Kempf, C., A. Balestri, U. Wotschikowsky e M. Fernex(1979): Chez nous Le Lynx? Mythes et réalité. Les guides Gesta. ISBN 2-903191-01-8
  • Kevin Hansen (2007): Bobcat: master of survival, Oxford University Press US, ISBN 0-19-518303-7
  • Marion, Rémy (dir.), Cécile Callou, Julie Delfour, Andy Jennings, Catherine Marion & Géraldine Véron (2005): Larousse des félins. París: Larousse ISBN 2-03-560453-2
  • Raydelet, Patrice (2006): Le lynx boréal. Les sentiers du naturaliste. París / Lausanne: Delachaux et Niestlé. ISBN 2-603-01467-6. Resumo
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "El lince rojo", En: Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo 4. Eurasia y Norteamérica (Región Holártica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 125–128.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): "El lince mediterráneo". En: Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo 5. Eurasia y Norteamérica (Región Holártica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 1–17.
  • Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-8221-4

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar