Tradución
A tradución (do latín traducere: facer pasar dun lugar a outro) é unha actividade que comprende a interpretación do significado dun texto nun idioma, o texto orixe, a un texto equivalente noutro idioma, o texto meta. Tamén o produto desta actividade, o texto meta, denomínase tradución.
Tradicionalmente, a tradución foi unha actividade desenvolvida por humanos. Porén, hai numerosos intentos de automatizar a tarefa de traducir textos naturais (tradución automática) ou de utilizar ordenadores para apoiar esta tarefa (tradución asistida por ordenador). Un exemplo de tradución asistida sería o uso dunha memoria de tradución.
O obxectivo da tradución é crear unha relación entre o texto orixe e o texto meta, é dicir, que ambos textos comuniquen unha mensaxe equivalente. Cómpre, xa que logo, ter en conta aspectos coma o xénero textual, o contexto, as regras gramáticais de cada idioma, as convencións estilísticas ou a fraseoloxía, entre outros.
É importante diferenciar a tradución da interpretación. No primeiro caso, a mensaxe transmítese por escrito, mentres que na interpretación, a mensaxe exprésase de xeito oral ou mediante xesticulación, como acontece na lingua de signos.
O proceso tradutolóxico
editarNa súa obra, Teoría y práctica de la traducción, Valentín García Yebra recoñece dúas fases no proceso tradutolóxico: "a fase da comprensión do texto orixinal, e a fase da expresión da súa mensaxe, do seu contido, na lingua receptora ou terminal".
Na etapa de comprensión, decodifícase o sentido do texto orixe, nunha actividade denominada semasiolóxica (do grego, sema, sentido ou significado). Na etapa de expresión, recodifícase este sentido na lingua meta; etapa tamén chamada onomasiolóxica (do grego, onoma, nome).
Na etapa de decodificación do sentido do texto, cómpre identificar en primeiro lugar os segmentos que compoñen o texto orixinal, é dicir, as unidades mínimas con sentido. O segmento pode ser unha palabra, unha frase, unha ou máis oracións ou mesmo un texto completo.
Na etapa de recodificación na lingua meta, débese manter o sentido do segmento orixinal nun segmento da lingua meta, respectando o xenio da mesma. A reunión do segmento orixe co segmento meta é o que se denomina unidade de tradución.
Ambas etapas son de índole recursiva e non necesariamente sucesivas. É dicir, pódese volver desentrañar o sentido do texto orixe unha vez recodificado o sentido na lingua meta.
Após este procedemento, sinxelo a primeira vista, agóchase unha operación cognitiva complexa. Para decodificar o sentido completo do texto orixe, cómpre interpretar e analizar todas as súas características de forma consciente e metódica. Este proceso require un coñecemento profundo da gramática, semántica, sintaxe e fraseoloxía da lingua orixe, así como dos elementos culturais. É esencial contar con estes coñecementos para recodificar o sentido na lingua meta. De feito, estes adoitan ser máis importantes e, polo tanto, máis fondos cós da lingua orixe. Por ese motivo, a práctica máis habitual é traducir á lingua materna. Ademais, é esencial coñecer a área que se está tratando.
Os estudos realizados nos últimos anos en lingüística cognitiva permitiron comprender mellor o proceso cognitivo da tradución.
Historia da tradución
editarAs primeiras traducións foron da Biblia, xa que como os xudeus levaban moito tempo sen fala-la súa lingua (o hebreo), esta perdeuse e as Santas Escrituras debéronse traducir para que as entendesen os xudeus que non falaban a súa lingua orixinal. Tolomeo Filadelfo no século III a.C. mandou traducir do hebreo ó grego as Sagradas Escrituras a 72 sabios que dominaban o hebreo e o grego. Esta versión coñécese como versión Alejandrina ou versión dos 70. No século II D.C. a Biblia traduciuse do grego ó latín (Antigo e Novo Testamento). A esta versión chamóuselle Vetus Latina.
Estratexias de tradución
editarA traducibilidade, un dos primeiros problemas da tradución, é a posibilidade de traducir con éxito un enunciado nun idioma a un equivalente noutro idioma. Isto non sempre é posíbel, polo que existen varias estratexias de tradución.
Adaptación
editarA adaptación ou tradución libre consiste en substituír unha realidade cultural ou social no texto orixinal por unha realidade equivalente no texto meta. Esta nova realidade resulta máis común para a audiencia do texto meta. Resulta acotío de utilidade, por exemplo, na tradución de poesía, teatro ou publicidade.
Préstamo
editarO préstamo consiste en utilizar unha palabra ou expresión do texto orixinal no texto meta. Adóitase escribir en cursiva.
Calco
editarO decalco léxico é a creación de neoloxismos seguindo a estrutura da lingua de orixe, como fútbol, da palabra inglesa football.
Modulación
editarConsiste en traducir unha palabra por unha frase explicativa ou unha descrición desta. É común nalgúns casos nos que hai diferenzas culturais.
Equivalencia
editarÉ a correspondencia en significado dunha palabra nun idioma fronte a outro. Dúas palabras son equivalentes se teñen o mesmo significado.
Tradución literal
editarRefírese ao paso da lingua de orixe á lingua meta sen emprego de estratexias de tradución máis cá conversión dos termos, sempre que o resultado sexa correcto en termos gramaticais. É unha tradución palabra por palabra:
Mon Dieu pardonnez-moi cette méprisable prière,
mais je ne puis écarter son nom de mes lèvres, nin oublier a peite de mon coeur
Deus meu, perdóame esta desprezable oración,
pero non podo apartar o seu nome dos meus beizos, nin esquece-la pena do meu corazón
Segundo Vinay e Dalbernet, a tradución literal é lícita sobre todo entre linguas que comparten unha mesma cultura.
Principais asociacións de tradución e interpretación de Galicia
editar- ATG, Asociación de Tradutores Galegos, fundada en 1985. Realiza o seu labor fundamentalmente no ámbito literario. É responsable de BIVIR, un proxecto de biblioteca virtual. A ATG e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo publican conxuntamente Viceversa dende 1995, unha revista académica centrada na tradución desde a perspectiva galega.
- AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, fundada en 2001.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tradución |
Bibliografía
editar- Bassnett, Susan (1990). Translation studies. London & New York: Routledge. ISBN 0-415-06528-3.
- Berman, Antoine, Pour une critique des traductions: John Donne. París: Gallimard, 1995. Translated into English by Françoise Massardier-Kenney as Toward a Translation Criticism: John Donne. Kent, OH: Kent State University Press, 2009.
- Billiani, Francesca, Ethics. In: Routledge Encyclopedia of Translation Studies. Nova York e Londres: Routledge, 2001.
- Cohen, J.M., "Translation", Encyclopedia Americana, 1986, vol. 27, pp. 12–15.
- Darwish, Ali, "Towards a Theory of Constraints in Translation," 1999. (@turjuman Online)
- Gouadec, Daniel, Translation as a Profession, Amsterdam, John Benjamins, 2007, ISBN 978-90-272-1681-6.
- Kelly, L.G. (1979). The True Interpreter: a History of Translation Theory and Practice in the West. New York, St. Martin's Press. ISBN 0-312-82057-7.
- Miłosz, Czesław, The History of Polish Literature, 2nd ed., Berkeley, University of California Press, 1983, ISBN 0-520-04477-0.
- Najder, Zdzisław, Joseph Conrad: A Life, translated by Halina Najder, Rochester, Nova York, Camden House, 2007, ISBN 1-57113-347-X.
- Parks, Tim, Translating Style: A Literary Approach to Translation—A Translation Approach to Literature, Manchester, St. Jerome, 2007, ISBN 1-905763-04-2.
- Rose, Marilyn Gaddis, guest editor, Translation: Agent of Communication (a special issue of Pacific Moana Quarterly, 5:1), 1980.
- Routledge Encyclopedia of Translation Studies (2008), ed. Mona Baker, Gabriela Saldanha, Routledge ISBN 978-0-415-36930-5
- Simms, Norman, editor (1983). Nimrod's Sin: Treason and Translation in a Multilingual World.
- Venuti, Lawrence (1994). The Translator's Invisibility. Routledge. ISBN 0-415-11538-8.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Universidade de Vigo
- Universidade de Málaga
- Universidade de Salamanca
- Universidade de Valladolid
- Universidade de Vic
- Universidade Pompeu Fabra Arquivado 11 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.
- ATG - Asociación de Tradutores Galegos Arquivado 03 de febreiro de 2015 en Wayback Machine.
- AGPTI - Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación