Lingua materna

idioma nativo dunha persoa

Unha lingua materna,[1] tamén chamada lingua nativa ou primeira lingua,[2] é a primeira lingua que aprende unha persoa dende o seu nacemento[3] e que xeralmente corresponde ó grupo étnico-lingüístico co que o individuo se identifica culturalmente. En certos casos, cando a persoa é educada por pais (ou outras persoas) que falan linguas diferentes, é posíbel adquirir o dominio de dúas linguas ó mesmo tempo, cada unha delas podendo ser considerada lingua materna, creándose entón unha situación de bilingüismo.[3]

Unha clase da Academia Kituwah de Qualla Boundary, en Carolina do Norte. A inmersión lingüística neste colexio ensina o mesmo currículo que outras escolas primarias dos Estados Unidos, pero o cherokee é o medio de instrución dende preescolar, e os seus estudantes apréndena como lingua materna.

A expresión lingua materna provén do costume pola que as nais eran as únicas que educaban os nenos na primeira infancia, facendo que a lingua da nai sexa a primeira en ser asimilada polo neno, condicionando o seu aparello fonador ó sistema lingüístico. A adquisición da lingua materna ocorre en varias fases. Inicialmente, o neno rexista literalmente os fonemas e as entoacións da lingua, sen aínda ser quen de os reproducir. Despois, comeza a producir sons e entoacións até que o seu aparello fonador lle permita articular palabras e organiza frases, asimilando o léxico. A sintaxe e a gramática son integradas pouco a pouco dentro deste proceso de aprendizaxe.[2]

O Día Internacional da Lingua Materna conmemórase internacionalmente o 21 de febreiro.

Problemas terminolóxicos

editar

A terminoloxía que se emprega para designar a lingua nativa presenta varios problemas e está suxeita a riscos de ambigüidade e incomprensión.

"Primeira lingua" (ou "L1") non é necesariamente a lingua que se aprende primeiro nin a lingua que mellor domina o falante, de feito un falante pode chegar á perda lingüística, total ou parcial, dunha lingua adquirida na infancia[4]. Ademais, as linguas nativas poden ser máis que unha e adquirirse en períodos diferentes. Primeira lingua ou "L1" oponse a segunda lingua ou "L2"[5], unha expresión que designa cada unha das linguas que se aprenden despois da puberdade, cando a capacidade para a adquisición lingüística espontánea é bastante menor que na infancia.

A expresión "lingua nativa" non se refire ó nacemento do falante, nin nun sentido xenético nin nun sentido xeográfico ou temporal. De feito, a lingua nativa dunha persoa non é necesariamente a mesma que os seus pais nin a lingua dominante da rexión de nacemento, como é o caso das adopcións internacionais; nin está intimamente ligada ó momento do nacemento, xa que a adquisición só comeza nos meses seguintes.

O termo "lingua materna" non deben suxerir que a nai do neno necesariamente teña un papel privilexiado na adquisición, aínda que si sexa frecuente. Así en certas sociedades patriarcais, onde a muller se traslada á casa do marido e pode ocorrer que teña un idioma propio diferente da lingua local falada pola familia do cónxuxe, que normalmente vai ser a única ou a principal lingua nativa fillos, aínda que algúns tamén aprenden a da nai.

Importancia

editar
 
Monumento adicado á lingua materna en Sydney.

A lingua materna dun neno forma parte da súa identidade persoal, social e cultural. Ademais, a lingua materna achega a reflexión e a aprendizaxe de patróns sociais exitosos de actuación e fala.[6] É basicamente responsable de diferenciar a competencia lingüística da actuación. Mentres existen estudosos que argumentan que non existe tal cousa como a "lingua nativa" ou "lingua nai," é importante comprender os termos clave e entender o que significa ser un falabte "non nativo" e as implicacións que pode ter na vida. As investigacións suxiren que, aínda que un orador non nativo poida desenvolver fluidez nunha lingua específica despois de dous anos de inmersión, pode levar entre cinco e sete anos que un neno teña o mesmo nivel de fala que os seus homólogos. Isto ten implicacións na educación dos falantes non nativos.[7]

O tema do falante nativo tamén dá lugar a unha discusión sobre o que é exactamente o bilingüismo. Unha definición é que unha persoa é bilingüe por ser igualmente competente en ámbalas linguas. Unha persoa que crece falando inglés e comeza a aprender francés por catro anos non é necesariamente bilingüe, a menos que fale as dúas linguas con igual fluidez. Pearl e Lambert foron os primeiros en estudar os bilingües “equilibrados”, o que quere dicir que un neno é competente nas dúas linguas e sente que ningunha delas é “nativa” porque entenden perfectamente as dúas. Este estudo descubriu o seguinte: os bilingües equilibrados funcionan de xeito significativamente mellor en tarefas que requiren flexibilidade (cambian constantemente entre as dúas linguas coñecidos en función da situación / require un malabarismo constante) e son máis conscientes da natureza arbitraria da lingua e elixen asociacións de palabras baseadas en preferencias lóxicas e non fonéticas.[8][9]

Aprendizaxe

editar

Tódolos fonemas non asimilados nesta primeira etapa da vida producen unha xordeira lingüística aos termos en linguas estrañas. Xeralmente, un pícaro aprende o fundamental do seu idioma materno a través da súa familia.

A habilidade no idioma materno é esencial para a aprendizaxe posterior, xa que se cre que a lingua materna é a base do pensamento. Unha habilidade incompleta no idioma materno case sempre dificulta a aprendizaxe de segundas linguas. Polo tanto, a lingua materna ten un papel primordial na educación.

Bilingüismo

editar

Cando alguén ten dúas ou máis linguas como idioma materno, dise que é unha persoa bilingüe. A orde en que se aprenderon ditas linguas non é necesariamente a orde de mestría destas. Por exemplo, unha parella francófona pode ter un fillo que aprendeu antes o francés ca outros idiomas, pero se creceu en Galicia é probable que acabe tendo unha maior competencia na lingua galega.

O bilingüismo é moi común nalgunhas rexións e países que teñen máis dunha lingua oficial, como España, Canadá ou Suíza entre outros. Tamén é común entre aqueles países que reciben unha forte inmigración como Estados Unidos. Porén, na actualidade o termo bilingüísmo non se considera apropiado para falar de sociedades pois o habitual é que as linguas que conviven nunha comunidade estean en conflito ou manteñan unha relación desigual.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para materno.
  2. 2,0 2,1 Davies (2003)
  3. 3,0 3,1 Bloomfield (1996)
  4. Maria João Freitas e Ana Lúcia Santos (2017) Aquisição de língua materna e não materna: Questões gerais e dados do português. Berlín: Language Science Press, p. 299
  5. Ignacio M. Palacios Martínez (2013) Dicionario de ensino e aprendizaxe de linguas. Universidade de Santiago de Compostela, p. 32
  6. Boroditsky, Lena (Decembro 2001). "Does Language Shape Thought?: Mandarin and English Speakers' Conceptions of Time" (PDF). Cognitive Psychology (43): 1–22. ISSN 0010-0285. doi:10.1006/cogp.2001.0748. Archived from the original on 10 de maio de 2013. Consultado o 06 de febreiro de 2018. 
  7. Cummins, J. "Second language acquisition - essential information". esl.fis.edu. Arquivado dende o orixinal o 22-02-2019. Consultado o 02-03-2019. 
  8. Alison. "Defining Levels of Language Proficiency Avoids Confusion". Accredited Language Services. Consultado o 13-11-2013. 
  9. Hakuta & Díaz (2005)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar