Educación
Educación (do latín educare, "guiar", e educere, "extraer") pode definirse como:[1]
- Proceso bidireccional polo que se transmiten coñecementos, valores, xeitos e formas de actuar. Prodúcese a través da palabra, a imaxe etc., estando presente en todas as accións, sentimentos e actitudes humanas, e sendo a imitación moitas veces un fenomenal instrumento educativo.
- Proceso de inculcación e asimilación cultural, moral e de conduta. Así, a través da educación, as novas xeracións asimilan e aprenden os coñecementos, normas de conduta, xeitos de ser e formas de ver o mundo de xeracións anteriores, creando ademais outros novos.
- Proceso de socialización dos individuos dunha sociedade.

Tamén se chama educación ó resultado deste proceso, que se materializa na serie de habilidades, coñecementos, actitudes e valores adquiridos.
Etimoloxía Editar
Etimoloxicamente, a palabra «educación» procede do latín ēducātiō de ēdūcō ("educo, adestro") que está relacionado con homónimo ēdūcō ("Levo adiante, saco") de ē- ("de, fóra de") e dūcō ("conduzo, guío").[2]
Así mesmo, o vocábulo educación, ten polo menos dous étimos latinos: ēdūcere e ēdūcāre, sendo o segundo derivado do primeiro; o importante é que ēdūcere etimoloxicamente significa promover o desenvolvemento (intelectual e cultural) do educando, é dicir desenvolver as potencialidades psíquicas e cognitivas propias do educando dende o seu intelecto e o seu coñecemento facendo activo o educando neste proceso.
Historia Editar
A educación comezou na era prehistórica, na que os adultos adestraban os mozos nos coñecementos e habilidades consideradas necesarias na súa sociedade. Nas sociedades prealfabéticas isto logrouse tradicionalmente por vía oral, e por medio da imitación, tal como suxiren os estudos antropolóxicos. A través da narración de historias pasáronse coñecementos, valores e habilidades dunha xeración á seguinte. A medida que as culturas comezaron a estender o seu coñecemento alén das habilidades que se podían aprender facilmente a través da imitación, foise desenvolvendo a educación formal.
Antigüidade Editar
Sábese que en Exipto, na época do Imperio Medio, existían escolas.[3]
Platón fundou a Academia de Atenas, a primeira institución de educación superior en Europa. A cidade de Alexandría, en Exipto, fundada en 330 a. C., converteuse na sucesora de Atenas como centro intelectual da antiga Grecia. Alí, o matemático Euclides e o anatomista Herophilos construíu a gran Biblioteca de Alexandría e traduciu a Biblia hebrea ao grego.
Na China, Confucio (551-479 a. C.), do estado de Lu, foi o filósofo máis influente do país, e a súa perspectiva educativa continúa a influíar nas sociedades da China e de veciños como Corea, Xapón e Vietnam.
Idade Media Editar
As civilizacións europeas sufriron un colapso de alfabetización e da organización despois da caída de Roma no ano 476.[4] A partir dese momento, a Igrexa católica converteuse na única conservadora da erudición alfabetizada en Europa Occidental. A igrexa estableceu escolas catedralicias na Alta Idade Media como centros de educación superior. Algúns destes establecementos evolucionaron nas universidades. Durante a Alta Idade Media na catedral de Chartres realizou as súas operacións a influente Escola Catedral de Chartres.
As universidades medievais do mundo occidental animaron á liberdade de investigación e produciron unha gran variedade de eruditos e filósofos naturais, como Tomé de Aquino, da universidade de Nápoles, Robert Grosseteste da universidade de Oxford, primeiro expositor dun método sistemático de experimentación científica,[5] e Alberte Magno, pioneiro da investigación de campo biolóxico. A universidade de Boloña está considerada a universidade máis antiga continuamente en funcionamento.
Idade moderna e contemporánea Editar
A partir da recuperación do saber de Grecia e Roma que se produciu durante o Renacemento naceu o novo concepto educativo do humanismo ao longo do século XVI; o humanismo foi continuado durante o Barroco co disciplinarismo pedagóxico e tivo o seu colofón ilustrado no século XVIII.
Nos séculos XIX-XXI naceron os sistemas educativos actuais, inspirados no labor en Prusia de Juan Amos Comenius (a chamada educación prusiana), a maioría deles organizados e controlados polo Estado. A finais do século XX comezouse a estudar outro sistema educativo, a educación holística.[6]
O estudo da Educación dende diferentes perspectivas Editar
A educación é unha realidade complexa e multidimensional, que pode ser estudada dende perspectivas moi diferentes, cada unha das cales dá lugar a unha ciencia da educación:
- Filosofía da educación: é unha rama da filosofía que ten como obxecto de estudo a natureza do ser humano como suxeito de educación, así como das finalidades e obxectivos que orientan o proceso educativo. Ademais, tamén se fai cargo doutros contidos como as posibilidades e os límites da educación, a necesidade da educación, a interacción persoal entre docente e educando...
- Historia da educación: estuda o pensamento pedagóxico e a práctica educativa, e como ambas evolucionaron ao longo do tempo.
- Socioloxía da educación: estuda e analiza o contexto socio-cultural no que ten lugar o proceso educativo. Ocúpase das necesidades e das demandas que a sociedade presenta á escola en cada momento histórico. Estuda a escola como institución social e o tipo de relacións que se establecen entre a escola e a sociedade.
- Psicoloxía educativa: estuda os procesos de desenvolvemento e aprendizaxe dos individuos. En relación cos primeiros, analiza as características que definen cada un dos estadios polos que pasa o ser humano ao longo do seu desenvolvemento evolutivo. En relación cos procesos de aprendizaxe, estuda a natureza, condicións e teoría que regulan o proceso de aprendizaxe e se fai cargo do estudo das diferenzas individuais entre os individuos debidas á idade, o sexo, a personalidade etc.
- Teoría xeral da educación: esta é unha disciplina de carácter explicativo e normativo, que aspira a dar unha visión comprensiva e global do fenómeno, do proceso e da realidade educativa. Constrúese a partir das achegas parciais que lle proporcionan o restos das ciencias da educación, e a súa finalidade é evitar a excesiva fragmentación na que se pode caer ao estudar a realidade educativa.
- Organización escolar: aspira a elaborar unha teoría sobre a institución escolar, que é o seu obxecto de estudo. Analiza como deben disporse os elementos que forman a escola (recursos persoais, ambientais, materiais, organizativos, lexislativos), para que a educación dos alumnos discorra de forma axeitada.
- Orientación educativa: o seu obxecto de estudo son todos aqueles procesos de axuda que se poden proporcionar ao alumnado tanto a nivel persoal, académico ou profesional.
- Didáctica xeral: é unha ciencia da educación con carácter teórico-práctico que ten como obxecto de estudo o proceso de ensino-aprendizaxe como medio de instrución, formación e educación. De forma sintética, defínese como a ciencia que se dedica a estudar a teoría e a práctica do ensino.
Notas Editar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para educación.
- ↑ «educate» Etymonline.com. Consultado o 21 de outubro de 2011. (en inglés)
- ↑ Assmann, Jan (2002). The Mind of Egypt: History and Meaning in the Time of the Pharaohs (en castelán). pp. 127.
- ↑ Geoffrey Blainey; A Very Short History of the World; Penguin Books, 2004
- ↑ "Robert Grosseteste". Catholic Encyclopedia. Newadvent.org. 1 de xuño de 1910. Consultado o 16 de xullo de 2011.
- ↑ Gil, Héctor (2013). "Educación holística: una educación para los nuevos tiempos". revistaesfinge.com (en castelán). Consultado o 18 de maio de 2016.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Educación |
Outros artigos Editar
Ligazóns externas Editar
- Botóns Portal galego de educación.
- Unesco (maio de 2006, reedición) CINE 1997. Clasificación Internacional Normalizada da EducaciónArquivado 05 de xullo de 2010 en Wayback Machine.. ISBN 92-9189-037-5.
- Revista Educación XX1, Facultad de Educación, UNED
- Táboa de sistemas educativos comparados por países