Educación preescolar
Sistema educativo español |
---|
Réxime xeral |
Réxime especial |
Enténdese por etapa de educación preescolar á que precede a educación obrigatoria. A partir de 1990, coa implantación da LOGSE en España,[1] denomínase Educación infantil e define a educación de 0 a 6 anos. Segundo os países, pode formar parte do sistema educativo ou considerarse só como centros ou servizos de coidado ou gardería dos cativos e cativas.
Orixe da etapa
editarEn España, a Lei xeral de educación e financiamento da reforma educativa[2] de 1970, tamén coñecida como Lei Xeral de Educación ou Lei Villar Palasi, define no artigo 13 a Educación Preescolar como aquela que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento harmónico da personalidade dos nenos e nenas. Dálle carácter voluntario e divídea en dúas etapas:
- O Xardín da Infancia, de dous a tres anos, orientada á formación semellante á vida no lar.
- A Escola de Párvulos, de catro a cinco anos, orientada a promover as virtualidades dos petís.
Esta lei ficou derogada coa implantación da LOGSE en 1990.
A Educación Preescolar na LOCE
editar- Artigo principal: Lei orgánica de calidade da educación.
A Lei orgánica de calidade da educación (España) de 2002 prevía recuperar unha etapa preescolar de 0 a 3 anos con carácter educativo e asistencial segregada da Educación Infantil (de 3 a 6) que consideraba etapa escolar coa primaria, secundaria e bacharelato. Non chegou a aplicarse.
Profesorado de Educación Preescolar
editarDe acordo co Lei Xeral de Educación, o profesorado de educación preescolar e educación xeral básica formábase nas escolas universitarias de profesorado de EXB (diplomaturas). Aínda así, durante varios anos, só se ofertou formación para as especialidades de profesorado da educación xeral básica e atrasaron a aprobación da especialidade de educación preescolar até 1981 coa Resolución do 5 de marzo, da Dirección Xeral de Ordenación Académica e Profesorado, “pola que se confire carácter definitivo ás autorizacións outorgadas con carácter experimental ás escolas universitarias de profesorado de EXB para impartir a especialidade de educación preescolar”[3]. En Galiza, a primeira promoción de profesorado especialista en educación preescolar saíu en 1984 das cinco escolas universitarias galegas situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, e Santiago, daquela todas elas da Universidade de Santiago. A efectos formais, o profesorado especialista de educación preescolar estaba integrado no Corpo de Profesores de Educación Xeral Básica[2].
Centros de educación infantil
editar- Véxase tamén: Educación infantil.
En Galiza, a etapa desenvólvese en centros autónomos que se chaman tradicionalmente garderías e máis modernamente centros/escolas de educación infantil, ou en centros ou colexios que agrupan a etapa infantil con etapas posteriores de educación primaria ou mesmo de educación secundaria, bacharelato e formación profesional. Así se dan denominacións como a de Centro/Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) que se localiza nun único lugar ou Colexio Rural Agrupado (CRA) que se sitúa na contorna rural e agrupa aulas de diversas localidades con pequerrechos e pequerrechas de Educación Infantil e Educación Primaria[4].
Preescolar na Casa
editar- Artigo principal: Preescolar na Casa.
En Galiza e dando resposta á dispersión de poboación que dificulta a asistencia dos máis novos a centros educativos, desenvolveuse un programa chamado Preescolar na Casa de 1977 a 2012 que reforzaba a educación dos meniños e meniñas de 0 a 6 anos nos fogares a través da formación dos pais e mais. Desde 2012, mantivo a actividade a través da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy[5][6].
Notas
editar- ↑ Jefatura del Estado (1990-10-04). "Ley Orgánica 1/1990, de 3 de octubre, de Ordenación General del Sistema Educativo". pp. 28927–28942. Consultado o 2022-08-05.
- ↑ 2,0 2,1 "BOE.es - BOE-A-1970-852 Ley 14/1970, de 4 de agosto, General de Educación y Financiamiento de la Reforma Educativa.". boe.es. Consultado o 2022-08-10.
- ↑ Ministerio de Universidades e Investigación (1981-04-01). "Resolución de 5 de marzo de 1981, de la Dirección General de Ordenación Académica y Profesorado, por la que se confiere carácter definitivo a las autorizaciones otorgadas con carácter experimental a las Escuelas Universitarias de Profesorado de EGB para impartir la especialidad de Educación Preescolar.". pp. 7018–7018. Consultado o 2022-08-10.
- ↑ "centroseducativos". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2022-08-10.
- ↑ Blanco, Rodolfo Luis Ferradás; López, José Pablo Franco (2018-01-28). "Preescolar na casa: de preparación para la escuela a educación familiar en el medio rural de Galicia (España) = Preescolar na casa: de preparación para a escola a educación familiar no medio rural de Galicia (España)". Historia y Memoria de la Educación (en castelán) (7): 335–389. ISSN 2444-0043. doi:10.5944/hme.7.2018.18740.
- ↑ "A asociación Antonio Gandoy comprou a maioría dos bens da extinta Preescolar na Casa". La voz de Galicia. 22 marzo 2013. Consultado o 28 marzo 2018.