Montenegro

estado nos Balcáns

Montenegro (en montenegrino: Crna Gora[a][b] Црна Гора),[c][1][2] é un país do sueste de Europa.[3] Está situado nunha parte montañosa dos Balcáns e limita con Serbia ao nordés, Bosnia e Hercegovina ao norte, Kosovo ao leste, Albania ao sueste, Croacia ao noroeste, e o Mar Adriático ao oeste cunha costa de 293,5 km.[4] Podgorica, a capital e cidade máis grande, abrangue o 10,4 % do territorio de Montenegro de 13.812 km², e alberga aproximadamente o 35% da súa poboación total de 621.000 habitantes.[5]

Modelo:Xeografía políticaMontenegro
Црна Гора / Crna Gora (sr)
Crna Gora (hr)
Црна Гора (sr) Editar o valor em Wikidata
Imaxe

HimnoOj, svijetla majska zoro Editar o valor em Wikidata

Nomeado en referencia aLovćen (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 42°46′00″N 19°13′00″L / 42.76667, 19.21667Coordenadas: 42°46′00″N 19°13′00″L / 42.76667, 19.21667
CapitalPodgorica Editar o valor em Wikidata
Contén a división administrativa
Andrijevica (pt) Traducir
Bar (Montenegro) (pt) Traducir
Berane (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata../... 25+
Poboación
Poboación622.359 (2018) Editar o valor em Wikidata (45,06 hab./km²)
Lingua oficiallingua montenegrina Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie13.812 km² Editar o valor em Wikidata
Bañado pormar Adriático e Mar Mediterráneo Editar o valor em Wikidata
Punto máis altoZla Kolata (pt) Traducir (2.535 m) Editar o valor em Wikidata
Punto máis baixomar Adriático (0 m) Editar o valor em Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación3 de xuño de 2006 Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernorepública Editar o valor em Wikidata
• Presidente Editar o valor em WikidataJakov Milatović (pt) Traducir (2023–) Editar o valor em Wikidata
Órgano executivoGovernment of Montenegro (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
• Primeiro-ministro (pt) Traducir Editar o valor em WikidataDritan Abazović (2022–) Editar o valor em Wikidata
Órgano lexislativoParlamento do Montenegro (pt) Traducir , (Escano: 81) Editar o valor em Wikidata
Membro de
PIB nominal5.861.430.526 $ (2021) Editar o valor em Wikidata
Moedaeuro Editar o valor em Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.me Editar o valor em Wikidata
Prefixo telefónico+382 Editar o valor em Wikidata
Teléfono de emerxencia112, 122, 123 e 124 Editar o valor em Wikidata
Código de paísME Editar o valor em Wikidata
Código NUTSME Editar o valor em Wikidata

Sitio webgov.me Editar o valor em Wikidata

Durante o período da Alta Idade Media, tres principados estaban situados no territorio do actual Montenegro: Duklja, que corresponde aproximadamente á metade sur, Travunia, ao oeste e Rascia propiamente dita, o norte.[6][7][8] O Principado de Zeta xurdiu nos séculos XIV e XV. Desde finais do século XIV ata finais do século XVIII, gran parte do sur de Montenegro estivo gobernada pola República de Venecia e incorporada á Albania Veneciana.[9] O nome Montenegro utilizouse por primeira vez para referirse ao país a finais do século XV. Despois de caer baixo o dominio otomán, Montenegro recuperou a súa independencia en 1696 baixo o goberno da Casa de Petrović-Njegoš, primeiro como teocracia e máis tarde como principado. A independencia de Montenegro recoñeceuse polas Grandes Potencias no Congreso de Berlín en 1878. En 1910, o país converteuse nun reino.

Dende o 4 de febreiro de 2003, despois da disolución de Iugoslavia, estableceuse como uns dos estados membros da Federación de Serbia e Montenegro, mais o 21 de maio de 2006 nun referendo o 55,5% da poboación votou pola independencia do país, sendo declarada oficialmente a independencia o 3 de xuño dese mesmo ano en Podgorica.

Etimoloxía editar

 
Monte Bobotov Kuk

O nome en montenegrino deste estado é Crna Gora que se traduce ao galego literalmente como "monte negro", como referencia á cor coa que se ven os Alpes Dináricos dende o mar Adriático debido á escura tonalidade dos bosques que cobren ditos cumios. O nome do país na maior parte dos países occidentais provén da tradución do termo en véneto durante a hexemonía da República de Venecia sobre as costas orientais do Adriático.

Así, tanto o inglés como o alemán usan o nome Montenegro para definir ao devandito estado. Outros idiomas por exemplo usan traducións directas do significado de Montenegro como o albanés Mali i Zi, o grego Μαυροβούνιο ou o turco Karadağ. No caso do galego, a tradución de Crna Gora coincide co termo adoptado polos navegantes venecianos.

Historia editar

Primeiros asentamentos editar

O actual territorio de Montenegro foi habitado durante séculos por diversas tribos eslavas, mesturadas con ávaros, ilirios e romanos produto do dominio destes pobos sobre a rexión.

Idade Media editar

Estas tribos eslavas durante o século X formaron un principado chamado Duklja, cuxa independencia foi recoñecida polo Papa Gregorio VII en 1077, aínda que se mantivo como tributario do Imperio bizantino.

En 1186 foi conquistada por Estevo Nemanja, Gran Príncipe do reino serbio de Rascia.

Baixo a influencia directa de Serbia, formouse o Principado de Zeta e produciuse a conversión da poboación á Igrexa Ortodoxa.

En 1356, Zeta logrou a súa independencia de Rascia, enfrontando ao longo do século XV invasións do Imperio Otomán que conquistou gran parte do principado, aínda que non logrou sometelo totalmente.

Idade Moderna editar

En 1516, baixo a influencia de Venecia formouse o Principado de Montenegro, un estado teocrático liderado polo príncipe-bispo de Cetinje ou vladika. En 1852, o vladika Danilo II converteu ao país nun estado secular tomando o título de knjaz (príncipe).

En 1860 foi nomeado príncipe Nicolao I, o cal declarou a guerra ao Imperio Otomán en 1861.

Malia un comezo difícil, Serbia e o Imperio ruso convertéronse nos seus aliados en 1877 na chamada Guerra ruso-turca logrando a vitoria en 1876.

Tras o Congreso de Berlín, a independencia de Montenegro quedou asegurada e o seu territorio practicamente duplicouse.

Século XX editar

 
O rei Nicolao I.

O 28 de agosto de 1910 foi proclamado o Reino de Montenegro polo knjaz Nicolao en Cetinje.

Nas Guerras balcánicas (19121913), Montenegro conseguiu expandir o seu territorio tomando o Sandžak do Reino de Serbia o 30 de maio de 1913. Ao facer isto, incorporou unha poboación que non se identificaba cultural o historicamente co país.

A cidade recentemente capturada de Skadar tivo que ser devolta ao novo estado de Albania por exixencia das grandes potencias a pesar de que os montenegrinos perderon 10.000 vidas para capturar a cidade ás forzas otomás (albanesas) de Essad Bajá.

En 1914, tras o estoupido da primeira guerra mundial, Montenegro aliouse con Serbia contra os Imperios Centrais, pero o pequeno exército montenegrino rendeuse finalmente ao Imperio Austrohúngaro o 25 de xaneiro de 1916. Até outubro de 1918, Montenegro estivo ocupado por tal Imperio. O rei fuxiu para Bordeos (Francia).

 

O 20 de xullo de 1917, asinouse a Declaración de Corfú, que declarou a unificación de Montenegro co Reino de Serbia, que foi proclamada o 26 de novembro de 1918, pouco antes da formación do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, o 1 de decembro (que se converteu no Reino de Iugoslavia en 1929. Polo tanto, o seu único xefe de Estado foi Nicolao I de Montenegro, rei entre 1910 e 1918, cando foi deposto. En Serbia, Montenegro conformou inicialmente a banovina (provincia) de Zeta, cuxo territorio foi reducido de xeito importante en 1939 conformando o actual territorio do país.

Co fin da segunda guerra mundial, o Reino de Iugoslavia converteuse na República Federal Socialista de Iugoslavia en 1946. Con este cambio, Montenegro deixou de depender directamente de Serbia obtendo certa autonomía como a República Socialista de Montenegro. Debido ás súas características como a menor das seis repúblicas que conformaban Iugoslavia, Montenegro recibiu grandes achegas do goberno federal volvéndose un estado próspero.

En 1992, a República Federal Socialista desintegrouse, pero Montenegro e Serbia decidiron manterse unidos formando a República Federal de Iugoslavia. O embargamento que sufriu a Iugoslavia produto das guerras durante a primeira metade dos anos 1990 afectou notablemente a economía de Montenegro. Con todo, a tensión entre serbios e montenegrinos debido á desigual posición que tiñan ambos os grupos na República Federal aumentou cos anos. Como forma de igualar a importancia de ambos os estados, en 2002 estableceuse a federación de Serbia e Montenegro. Porén, diversos grupos comezaron facer presión para acadar a independencia, a cal foi aprobada a través dun plebiscito realizado o 21 de maio de 2006 por un 55,5 % dos votantes. Finalmente, o Parlamento de Montenegro proclamou a independencia do estado o 3 de xuño de 2006. O estado foi recoñecido nos días posteriores por diversos estados do mundo, incluíndo Serbia o 15 de xuño, e finalmente ingresou como o 192º membro da Organización das Nacións Unidas o 28 de xuño.

Xeografía editar

 
Vista da baía de Kotor
 
Monte Biogradska

Montenegro é un país pequeno, sendo cunha superficie de 13.812 km² o oitavo menor de Europa. Atópase situado na Península dos Balcáns xunto á costa oriental do mar Adriático. A súa xeografía caracterízase principalmente pola presenza de catro zonas principais: o litoral, as mesetas rochosas, unha depresión e as altas montañas. As chairas costeiras son estreitas, cun ancho de entre dous e dez quilómetros ao longo do accidentado litoral adriático, no que se presentan diversos estuarios e baías, destacando a baía de Kotor, considerado o fiorde máis austral do continente. Estas chairas acaban abruptamente pola presenza das mesetas rochosas de estrutura cárstica, superando os 1.000 metros de altitude media, aínda que existen algúns montes que se achegan aos 2.000 como o monte Orjen e o monte Lovjen.

Nas zonas interiores atópase a única zona chá do país, destacando a rexión de Zeta e o lago Skadar. Nesta zona, sitúase a maior parte da agricultura e da poboación do país debido ao seu agradable clima temperado e o seu suave relevo. Na zona setentrional sitúase unha das zonas máis abruptas do continente debido á presenza da cadea dos Alpes Dináricos e á erosión glacial producida durante miles de anos. A maioría dos picos superan os 2.000 metros de altitude, cubertos por zonas boscosas escuras. Na zona ademais destaca a orixe de diversos ríos que forman enormes canóns ao longo das cadeas montañosas.

O clima de Montenegro depende directamente das características xeográficas. Así, o clima mediterráneo predomina na zona litoral, o continental é o preponderante no resto do territorio debido ao biombo climático formado polos Alpes Dináricos e que impide o ingreso da influencia marítima ao interior. Os veráns son longos e secos, contrario ao inverno, usualmente húmido e curto. As formacións do relevo permiten o ingreso de ondas de intensa calor ao interior do país, principalmente ás zonas en torno a Podgorica, unha das cidades máis cálidas da Península Balcánica. Doutra banda, nas zonas montañosas o clima alpino existente permite a caída de fortes nevadas cubrindo os principais cumes con neve durante gran parte do ano. Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Montenegro está ocupado por tres ecorrexións: o bosque caducifolio de Iliria, un tipo de bosque mediterráneo na costa, e dous tipos de bosques mornos de frondosas (o Bosque mixto balcánico, nalgúns puntos dos extremos norte e leste, e o bosque mixto dos Alpes Dináricos, no resto do país).

Demografía editar

Etnias en Montenegro (2003)
Montenegrinos 267.799 43,16%
Serbios 198.414 31,99%
Bosníacos 48.184 7,77%
Albaneses 31.163 5,03%
Eslavos musulmáns 24.625 3,97%
Croatas 6.811 1,10%
xitanos 2.826 0,46%
Artigo principal: Demografía de Montenegro.

Montenegro ten unha poboación de 616.258 segundo o último censo oficial, realizado o ano 2003, correspondentes a unha densidade de poboación de 44,7 hab/km². A composición étnica do país é, do mesmo xeito que na maioría das antigas repúblicas iugoslavas, complexa e de grande importancia para o desenvolvemento do país. O grupo predominante é o dos montenegrinos, principalmente nas zonas centrais do territorio seguidos polos serbios, situados na zona setentrional do país. Con todo, é difícil determinar unha división clara entre ambas etnias, debido a unha homologación entre elas producida durante os anos de unión entre ambas nacións. Moitos montenegrinos e serbios poden considerarse como membros de ambos grupos étnicos, pero doutra banda existen grupos nacionalistas que reivindicación as súas identidades propias e a diferenciación entre ambas. Algúns outros grupos como bosníacos e albaneses sitúanse na zona nororiental e suroriental, respectivamente.

 
Vista de Kotor

O idioma oficial do país é a lingua montenegrina, despois de que en 1992 se deixase atrás a designación de serbocroata e máis tarde de serbio, aínda que adoitan ser consideradas a mesma lingua. No último censo o 63,5% da poboación afirmou ter ao serbio como lingua materna, mentres só o 22% referiuse ao montenegrino.

En canto a relixión, preto do 74% dos habitantes de Montenegro pertencen á Igrexa Ortodoxa Serbia, malia a creación en 1993 da Igrexa ortodoxa montenegrina, que ten escasos seguidores actualmente. O 17,74% da poboación do país afirma pertencer ao islam, os cales corresponden principalmente a albaneses, bosníacos e ao grupo de eslavos musulmáns. En tanto, a fe católica é practicada nas zonas costeiras (coma Kotor) polos grupos de etnia croata. As principais cidades son:

Economía editar

Artigo principal: Economía de Montenegro.
 
Banco Nacional de Montenegro, situado en Podgorica, capital do país
 
Budva, un dos máis importantes destinos turísticos

Durante a época baixo dominio iugoslavo, Montenegro experimentou unha rápida urbanización e industrialización baseada na industria de xeración eléctrica, industria mineira (metal, aluminio e carbón), forestal e téxtil. A isto sumouse posteriormente a produción de tabaco e o turismo, este último principalmente durante fins dos anos 1980.

Co crebe da antiga Iugoslavia, Montenegro perdeu gran parte do seu mercado e dos seus abastecedores. O progreso económico detívose do mesmo xeito que o programa de privatizacións, durante 1989. En maio de 1992, as sancións impostas pola ONU produto das Guerras Iugoslavas agravaron a crise converténdoa na peor dende a segunda guerra mundial. En 1993, dous terzos da poboación montenegrina estaba baixo a liña da pobreza e no inicio de 1994 o país alcanzou a segunda máis alta hiperinflación da historia, superior aos 3 millóns por cento. Estímase na actualidade que as perdas xeradas polo embargo durante eses anos equivalen a 6.390 millóns de dólares.

Debido á súa favorable localización xeográfica xunto ao Adriático e conectado con Albania a través do lago Skadar, Montenegro converteuse nun centro de contrabando. Posto que a totalidade da produción industrial montenegrina detívose, a principal actividade económica da república foi o contrabando de bens materiais, especialmente petróleo e cigarros. Soamente en 1997, a economía de Montenegro estabilizouse: o marco alemán foi introducido como moeda oficial para evitar a inflación e o goberno montenegrino esixiu máis autonomía para as súas políticas económicas as que serían establecidas coa formación da Unión de Serbia e Montenegro en 2002. Dende ese momento, o goberno de Montenegro estableceu fortes políticas para a melloría da economía, especialmente axilizando o proceso de privatizacións, introdución do IVE e do euro como moeda oficial (a pesar de que o país non é membro oficial da Eurozona).

Na actualidade, Montenegro é un dos países máis pobres do continente cun PIB per cápita de 3.800 dólares mais durante os últimos anos producíronse importantes melloras. Apenas o 12,2% da poboación está baixo a liña da pobreza e a cesantía caeu do 27,7% de 2005 ao 16,4% en xullo de 2006, mentres a inflación mantense preto do 3%. O principal produto do país é o aluminio que é exportado a través de Suíza, destino do 83,9% das exportacións totais. As importacións, en tanto, cuadruplican o valor das exportacións e proveñen principalmente de Grecia, Italia, Alemaña e Bosnia e Hercegovina.

Infraestrutura editar

 
Ponte de Djurdjevica Tara

A infraestrutura viaria de Montenegro non está adecuada ás normas europeas e aínda que a rede de estradas é extensa, non hai ningún corredor construído que se poida considerar unha autoestrada completamente. Os proxectos que deberían cambiar ese feito son a autoestrada entre Belgrado e Bar (na costa adriática) e a sección montenegrina da autoestrada Adriático-Xónico, unha vía que atravesará os Balcáns dende Trieste (Italia) ata Kalamata (en Grecia, ao sur do Peloponeso). A construción destas autoestradas está considerada como unha prioridade nacional, xa que ambas serán moi importantes para o desenvolvemento económico rexional uniforme de Montenegro, ademais do desenvolvemento do país como un destino turístico de elite.

A columna vertebral da rede ferroviaria de Montenegro é a liña entre Belgrado e Bar. Este tren crúzase coa liña de Nikšić a Tirana (Albania) en Podgorica, porén este ferrocarril non se utiliza para o servizo de pasaxeiros. Montenegro ademais posúe dous aeroportos internacionais, o de Podgorica e o de Tivat, que moveron entre ambos 1,1 millóns de pasaxeiros en 2008. A compañía aérea nacional montenegrina é Montenegro Airlines. En canto a tranposrte marítimo o porto máis importante é o de Bar.

Goberno e política editar

 
Entrada do Pazo Presidencial
Véxase tamén: Presidente de Montenegro.

Montenegro é unha república democrática parlamentaria. A Constitución de Montenegro foi aprobada o 12 de outubro de 1992 e establece o sistema político do país. As reformas constitucionais, en tanto, deben ser aprobadas por plebiscitos. O xefe de estado é o Presidente de Montenegro, cargo que ostenta actualmente Filip Vujanović. O Presidente é electo cada catro anos e ten entre as súas funcións, promulgar leis, convocar as eleccións e plebiscitos e propoñer o primeiro ministro. O Primeiro Ministro, actualmente Milo Đukanović, é o xefe de goberno e baixo o seu cargo está a dirección das relacións exteriores, a posta en funcionamento das leis e a administración do Estado.

O Parlamento de Montenegro está composto por setenta e sete membros electos cada catro anos, encargados da redacción das leis, aprobación do orzamento gobernamental, ratificación de tratados, a designación do goberno e a elección do primeiro ministro. O Poder Xudicial, en tanto, é autónomo e independente.

O sistema político de Montenegro é pluripartidista, mais os diferentes partidos deben formar coalicións. Actualmente, o principal partido político é o oficialista Partido dos Socialistas Democráticos que posúe trinta escanos no Parlamento. O Partido Popular Socialista é o segundo en importancia, xurdido dunha escisión do PDS, e é o principal membro do pacto opositor Xuntos polo Cambio con dezanove escanos.

Divisións administrativas editar

Administrativamente Montenegro está dividida en vinte e un concellos (opština), e dous municipios urbanos, subdivisións do concello de Podgorica:

Dereitos humanos editar

En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Montenegro firmou ou ratificou:

  Montenegro   Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[10]
CESCR CCPR CERD CED CEDAW CAT[11] CRC MWC CRPD
CESCR CESCR-OP[12] CCPR CCPR-OP1 CCPR-OP2-DP CEDAW CEDAW-OP[13] CAT CAT-OP CRC CRC-OP-AC CRC-OP-SC CRPD CRPD-OP[14]
Pertenza                                      
  Firmado e ratificado,   firmado pero non ratificado,   nin firmado nin ratificado,   sen información,   accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes.


Cultura editar

 
Kotor, Patrimonio da Humanidade

Por mor da súa situación xeográfica, a cultura de Montenegro moldeouse grazas a diversas influencias o longo da súa historia, sendo as máis importantes as de orixe serbia, ortodoxa, eslava, centroeuropea e adriática.

Existen moitos lugares de grande importancia histórica e cultural en Montenegro, incluíndo sitios dos períodos pre-románico, gótico e barroco. A zona costeira de Montenegro é bastante coñecida polos seus diversos monumentos relixiosos católicos, mentres na zona interior a arquitectura e a arte relixiosa reflicte a influencia bizantina.

A danza tradicional é o ouro que consiste en diversos bailaríns que conforman un círculo ao abrazarse dos ombreiros mentres un ou dous bailaríns en solitario danzan no centro ao ritmo dos tambores. A literatura en tanto se remonta a máis de dez séculos atrás mentres en 1494 foi establecida a primeira imprenta estatal en Cetinje onde xurdiu o primeiro libro sudeslavo foi impreso: o Oktoih. A isto súmanse diversos manuscritos do século XIII gardados en diversos mosteiros do país.

Símbolos editar

 
Escudo de Montenegro.

A nova bandeira oficial de Montenegro foi aprobada o 13 de xullo de 2004 polos lexisladores montenegrinos, baseada no estandarte real do Rei Nicolao I. Esta bandeira era completamente vermella cun bordo de prata, un escudo de armas prateado e as iniciais НІ en cirílico (correspondente á NI no alfabeto latino), que representaban ao Rei Nicolao I. O bordo e as armas foron cambiadas de prata a ouro na bandeira moderna e o emblema real no centro foi quitado e substituído cun león de ouro.

O escudo está formado por unha aguia bicéfala de ouro, con pico e garras do mesmo metal e linguada de goles. A aguia sostén sobre o seu peito un brasón que estivo vinculado coa Casa Petrović, é un campo partido por unha faixa de ouro. Na súa partición superior que é de maior tamaño, de azur, un león pasante de ouro; a inferior, de sinople. A aguia sostén coas súas garras un cetro de ouro e un orbe de azur, co seu ecuador e semi-meridiano de ouro, rematado cunha cruz do mesmo metal. Sobre as cabezas da aguia, unha coroa real pechada, de ouro.

O día nacional é o 13 de xullo, que rememora esa data en 1878 cando o Congreso de Berlín recoñece a Montenegro como Estado independente número vinte e sete do mundo[15] e o inicio dun dos primeiros levantamentos populares en Europa contra as Potencias do Eixo o 13 de xullo de 1941 en Montenegro.

En 2004, a lexislatura de Montenegro seleccionou unha canción popular tradicional de Montenegro, Oj, svijetla majska zoro (""Oh, brillante alba de maio"), como o himno nacional. O himno oficial de Montenegro durante o reinado do Rei Nicolao foi Ubavoj Nam Crnoj Gori ("Á nosa fermosa Montenegro"). Alén diso, un himno popular montenegrino foi extraoficialmente Onamo, 'namo! ("Aló, por aló!"), escrito polo propio Rei Nicolao durante a década de 1860.

Notas editar

  1. En albanés: Mali i Zi.
  2. Escrito idéntico en bosníaco, crosta e serbio.
  3. Escrito de xeito idéntico en serbio cirílico.

Referencias editar

  1. "Влада Црне Горе". Vlada Crne Gore (en Montenegrin). Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2021. Consultado o 9 de abril de 2021. 
  2. "Vlada Crne Gore". Влада Црне Горе (en Montenegrin). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2021. Consultado o 9 de abril de 2021. 
  3. "Montenegro – The World Factbook". www.cia.gov. 19 de outubro de 2021. Consultado o 6 de marzo de 2022. 
  4. "Montenegro – History". Encyclopedia Britannica. Consultado o 9 de abril de 2021. 
  5. "Republic of Montenegro / Crna Gora – Country Profile". Montenegro. 12 de outubro de 1992. Consultado o 9 de abril de 2021. 
  6. Luscombe, David; Riley-Smith, Jonathan (2004). Cambridge University Press, ed. The New Cambridge Medieval History: Volume 4, c. 1024-c. 1198. pp. 266–. ISBN 9780521414111. 
  7. Sedlar, Jean W. (2013). University of Washington Press, ed. Europa central oriental na Idade Media, 1000–1500. pp. 21–. ISBN 9780295800646. 
  8. John Van Antwerp Fine (1983). University of Michigan Press, ed. Os Balcáns altomedievais: unha investigación crítica desde o século VI ata finais do século XII. p. 194. ISBN 9780472100255. 
  9. Schmitt, Oliver Jens (2001). Das Venezianische Albanien (1392–1479). Walter de Gruyter. ISBN 978-3-486-56569-0. 
  10. Oficina do Alto Comisionado para os Dereitos Humanos. "Status by country" (en inglés). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. 
  11. Convención contra la Tortura y Otros Tratos o Penas Crueles, Inhumanos o Degradantes (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 1984. 39/46. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  12. Protocolo Facultativo del Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PDF) (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 10 de decembro de 2008. A/RES/63/117. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 9 de febreiro de 2014. 
  13. Protocolo Facultativo de la Convención sobre la eliminación de todas las formas de discriminación contra la mujer (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. 6 de outubro de 1999. A/54/4. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2013. 
  14. Protocolo facultativo de la Convención sobre los derechos de las personas con discapacidad (Resolución) (en castelán). Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos. Arquivado dende o orixinal o 2 de agosto de 2014. 
  15. "President Vujanovic's Closing Speech at the Crans Montana Forum". Predsjednik.me. 21 de febreiro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2011. Consultado o 11 de setembro de 2010. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar