Arte bizantina
A arte bizantina é a arte producida no que agora é coñecido como Imperio Bizantino, o Imperio Romano de Oriente, desde o século V ata a caída de Constantinopla en 1453. Tamén se emprega para referirse á arte de estados contemporáneos a el que compartían formas culturais comúns sen ser parte do imperio como Macedonia, Bulgaria, Serbia ou Rusia e mesmo certos aspectos da arte da República de Venecia.

A imprenta romana, o gusto polo luxo, a suntuosidade e a proporción herdados da cultura grega deu lugar a unha arte imperial-relixiosa presidida pola idea do dogmático e por unha concepción xerarquizante e simbólica da arte na que as formas e as técnicas respondían a unhas normas fixas, segundo un preciso e inmutable contido teolóxico, no que Deus e o emperador quedaban no mesmo rango no nivel representativo.

Os templos bizantinos tiñan planta centralizada cunha gran cúpula central como un trasunto arquitectónico da bóveda celeste, conservando en xeral a organización da basílica paleocristiá. O iconostasio separaba o presbiterio das naves, constituíndo un lugar específico para as imaxes. Usualmente utilizaba como material de construción o ladrillo, como os romanos, pero acentuando a súa función decorativa, empregando frecuentemente o arco de medio punto e as cubertas abovedadas.
Os edificios no interior amosaban unha decoración suntuosa a base de mosaicos, esmaltes, ourivaría, teas e un longo etcétera. Exteriormente predominaba a verticalidade e conxugación de rectas e curvas.
A escultura bizantina renovou as formas e os motivos decorativos. Pictograficamente a forma de Cristo seguiu o modelo sirio de melena longa e barba partida, representado frecuentemente como Pantocrátor. A Virxe tiña unha tipoloxía máis variada con formas como a kiriotissa, hodigitria, theotokos, galactotrofusa e glycofilusa entre as máis frecuentes.
Historia
editarEn 395 Teodosio I dividiu entre os seus fillos Arcadio e Honorio o Imperio Romano; deixando a Arcadio o Imperio de Romano de Oriente, con capital en Constantinopla, cidade fundada polo emperador Constantino. Debido á súa privilexiada situación e á caída do Imperio Romano de Occidente en poder dos bárbaros, pronto será a capital cultural por excelencia do mundo occidental. Así nace a arte bizantina como confluencia dos estilos gregos, helenísticos, romanos e orientais.
Desde comezos do século V vaise creando unha linguaxe formal artística propio e diferenciado do que se mantén no Imperio Romano de Occidente. Máis tarde, na época de Xustiniano I (527-565) iníciase a primeira etapa especificamente bizantina: é a Primeira Idade de Ouro que comprende os séculos VI e VII, é a etapa de formación da arte bizantina nos seus aspectos formais.
Despois do período da loita dos iconoclastas, aínda que pobre en monumentos, comeza, en torno ao ano 850, a arte bizantina medio ou Segunda Idade de Ouro que perdura ata o ano 1204, cando Constantinopla é conquistada polos cruzados; nesta época esencialmente consolídanse os aspectos formais e espirituais da arte bizantina; é a verdadeira etapa creadora e definidora da estética bizantina. Despois do dominio europeo, coa Dinastía Paleólogo, dáse paso á Terceira Idade de Ouro que se centra no século XIV e que finaliza coa toma de Constantinopla no ano 1453. Despois, a arte bizantina florece nos países eslavos, Rusia e sueste de Europa, transmitíndose ata os nosos días a través do Monte Athos.
A arte bizantina dividiuse en catro grandes etapas:
- Primeira Idade de Ouro Bizantina: 527 - 726, ano no que aparece a querela iconoclasta. A época dourada desta arte coincide coa época de Xustiniano.
- A querela iconoclasta prolongouse entre os anos 726 - 843 e enfrontou aos iconoclastas contra os iconódulos e foi tan violenta que produciu unha crise artística acentuada, especialmente na arte figurativa.
- Segunda Idade de Ouro Bizantina: 913 - 1204, momento en que os cruzados destrúen Constantinopla.
- Terceira Idade de Ouro Bizantina: 1261 - 1453, cando os turcos toman Constantinopla.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arte bizantina |