Abrir o menú principal

A batalla de Rande foi unha importante batalla naval librada no estreito de Rande e na enseada de San Simón, no interior da ría de Vigo, o 23 de outubro de 1702. Enfrontou ás escuadras das coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, dentro do contexto da guerra de Sucesión española.

Batalla de Rande
Parte de guerra de Sucesión española
Bakhuizen, Battle of Vigo Bay.jpg
A batalla de Rande, por Ludolf Backhuysen, pintado cara a 1702.
Data 23 de outubro de 1702
Lugar Ría de Vigo (Galicia Galicia)
Resultado Vitoria anglo-neerlandesa
Belixerantes
Bandera de España 1701-1760.svg España
Royal Standard of the King of France.svg Francia
Flag of Great Britain (1707–1800).svg Inglaterra
Prinsenvlag.svg Provincias Unidas
Líderes
Bandera de España 1701-1760.svg Almirante Manuel de Velasco y Tejada
Royal Standard of the King of France.svg Vicealmirante François Louis de Rousselet
Flag of Great Britain (1707–1800).svg Almirante sir George Rooke
Prinsenvlag.svg Lieutenant-Admiral Philips van Almonde
Forzas en combate
10 790 homes
1.541 canóns

Barcos españois:
3 galeóns de guerra
14 galeóns comerciais
2 pataches
1 barco auxiliar
Barcos franceses:
15 navíos
3 fragatas
1 brulote

23 599 homes
3.115 canóns

Barcos ingleses:
32 navíos
7 brulotes
Barcos holandeses:
10 navíos

Baixas
2.000 mortos
2.000 feridos
Todos os barcos foron capturados,
afundidos ou incendiados
800 mortos
500 feridos

A batallaEditar

A Frota de Indias, composta por 19 buques escoltados por 22 navíos franceses, partira o 11 de xuño desde A Habana cara a Cádiz cun gran cargamento. Á metade de travesía foron informados de que unha poderosa escuadra anglo-holandesa os agardaba no cabo San Vicente, polo que o almirante Manuel de Velasco decide desviarse cara á ría de Vigo, onde entran o 22 de setembro.

 
Ilustración da batalla de Rande en Vinte mil leguas baixo dos mares, de Jules Verne, na edición de Pierre-Jules Hetzel.

O comboi buscou refuxio na enseada de San Simón, e axiña se preparou a defensa ao tempo que se requisaron 1.200 carros do país para transportar as mercadorías cara a Madrid. O paso de Rande foi obstruído por unha barreira de toros, cables e pequenas embarcacións, e foron recrutadas milicias para reforzar os dous pequenos fortes situados aos dous lados do estreito.

O 2 de outubro, mentres os ingleses dirixidos por George Rooke atacaron sen éxito Cádiz, a frota española comeza a desembarcar o seu cargamento en Baiona. O 17 de outubro o capitán Hardy, a bordo do Pembroke, informa a Rooke de que a Frota de Indias se retirara cara ao norte pola costa portuguesa, información recollida polo seu Capelán, e o día 18 convocouse un consello de guerra no buque insignia Royal Sovering no que se decide dirixir a escuadra cara á ría.

O 21 de outubro, o marqués de Châteaurenault, que tiña ao seu cargo a custodia da frota española, decide refuxiarse no fondo da ría, dispoñendo as súas naves para a defensa dos galeóns españois. O día 22 a escuadra anglo-holandesa entra na ría, e fondea pola tarde, baixo o incesante bombardeo do forte de Vigo.

O día 23 o duque de Ormond desembarca en Teis con 2.000 homes, e Churchill fai o mesmo en Domaio co obxectivo de atacar e paralizar o bombardeo dos fortes de Corbeiro e Rande. Silenciados os canóns, comezou o ataque por mar.

A artillería francesa contivo os primeiros ataques, pero Hopson logrou romper a barreira que impedía o paso do estreito a bordo do Torbay, o buque insignia británico, armado con picos. A frota anglo-holandesa logrou así penetrar no fondo da ría, e ante a falta de espazo para as manobras recorreuse á abordaxe. A loita corpo a corpo combinouse co uso de material incendiario, decidíndose a vitoria pola gran diferenza numérica entre as escuadras.

O marqués de Châteaurenault ordenou incendiar os propios barcos cando estaba todo perdido para evitar que caesen nas mans do inimigo. Mentres, Gaspar Antonio de Zúñiga, o príncipe de Barbanzón, capitán xeneral de Galicia, ordenou poñer a salvo o pouco que quedaba por descargar do quinto real, transportándose ata Lugo e dende alí a Segovia.

Morreron uns 2.000 homes do bando hispano-francés e uns 800 do anglo-holandés. Ademais, os franceses perderon os seus mellores buques de guerra, e os españois quedaron sen barcos para a carreira de Indias.

Se ben a batalla foi axiña silenciada en España (en parte polo éxito no balance total da guerra de Sucesión, coa consolidación dos Borbóns no trono), a vitoria de Inglaterra e Holanda acadou enorme difusión en toda Europa. En Londres existe a Vigo Street, en conmemoración da batalla, e Jules Verne falou dos tesouros de Rande na novela Vinte mil leguas baixo dos mares.

O tesouro de RandeEditar

Tense especulado sobre as riquezas que levaban os barcos afundidos, sendo moitas as expedicións que o buscaron. Seguramente a parte máis valiosa do cargamento fora xa transportada a Castela durante o tempo que estivo a frota na ría, pero non se pode descartar que unha parte importante permanecese aínda nas adegas das naves.

A frota vencedora levou un botín de catro millóns de pesos, amais de sete buques de guerra e seis galeóns capturados.

Pegada na numismática galega

 
Moeda a nome da raíña Ana co topónimo "VIGO" baixo o busto
 
Medalla de 1702 conmemorativa da Batalla de Rande

O que si que se coñece é que parte do metal requisado foi trasladado ás Illas Británicas e destinouse á emisión de moedas pola casa da moeda de Londres (daquela dirixida por Isaac Newton), de prata con valores de 1 penique, 6 peniques, 1 xilin, media coroa e unha coroa, e de ouro con valores de media guinea, unha guinea e cinco guineas.[1]

Co gallo de conmemorar esa importante vitoria, nos anversos destas moedas amósase, baixo o busto da raíña Ana, a inscición "VIGO".

Ademais destas moedas, batéronse tamén medallas en ouro, prata e bronce, conmemorativas do suceso. En todos os casos amosan, entre outros motivos, imaxes da ría e do porto de Vigo, e da destrución da frota defensora hispano-francesa.[2]

NotasEditar

  1. Dos monedas de ´Vigo´, adjudicadas por más de un millón de euros en Londres”. En Faro de Vigo. 16 de xaneiro de 2019.
  2. "Emisións da Raíña Ana de Inglaterra". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. ISBN 84-605-9958-2. Páxinas 173-176.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar