Braga

cidade portuguesa

Braga é a cidade máis antiga de Portugal e unha das cidades cristiás máis antigas do mundo occidental. Fundada no tempo dos romanos como Bracara Augusta, ten máis de 2000 anos de historia como cidade.[1] Está situada no Val do Cávado, no Norte de Portugal, e en 2021 tiña 193.324 habitantes. É a capital da provincia de Minho.

Modelo:Xeografía políticaBraga
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 41°32′N 8°25′O / 41.53, -8.42
EstadoPortugal
DistritosDistrito de Braga Editar o valor en Wikidata
Capital de
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación181.494 (2011) Editar o valor en Wikidata (989,61 hab./km²)
Xeografía
Superficie183,4 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude215 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Identificador descritivo
Código postal470x Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Prefixo telefónico253 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webcm-braga.pt Editar o valor en Wikidata

É unha cidade chea de cultura e tradicións, onde a Historia e a relixión conviven coa industria tecnolóxica e co ensino universitario. O Fórum Europeo da Xuventude elixiuna Capital Europea da Xuventude en 2012.

Etimoloxía

editar

Braga procede do latín bracara, topónimo procedente do pobo brácaro que habitaba no Convento Bracarense. A palabra fai alusión as "brācae",[2] bragas ou calzas que vestían.

Outras denominacións

editar

Popularmente a cidade ten outras denominacións:

  • A cidade dos arcebispos: durante séculos a arquidiocese de Braga foi a máis importante na Península Ibérica, e aínda posúe o título de Primaz das Espanhas.
  • A Roma portuguesa: no século XVI o arcebispo Diogo de Sousa, influenciado pola súa visita á cidade de Roma, mudou o deseño urbano da vila, onde as prazas e as igrexas abundasen tanto como en Roma. A este título está tamén asociado o feito de existiren numerosas igrexas por km² en Braga. Amais, está considerada como o maior centro de estudos relixiosos en Portugal.
  • A cidade Barroca: durante o século XVIII o arquitecto André Soares transforma a cidade de Braga no Ex-Libris do Barroco en Portugal.
  • A cidade romana: Durante a Roma Antiga Bracara Augusta (capital da Gallaecia) era a maior cidade das que logo pertencerían a Portugal. No século IV, o letrado de Bordeos e prefecto da Aquitania Ausonio incluíu Bracara Augusta entre as grandes cidades do Imperio Romano[3].
  • A capital do Minho ou o coração do Minho, por estar localizada no centro desta provincia.
  • A cidade dos Três Sacro-Montes: ao sueste da vila hai tres santuarios nunha cadea montañosa: de leste a sur o Bom Jesus, Sameiro e a Falferra (Sta. Maria Madalena e Sta. Marta das Cortiças).

A cidade está estritamente ligada a toda a provincia de Minho. Ao norte está o tradicional Alto Minho, ao leste, o Parque Nacional de Peneda-Gerês; ao sur, as terras señoriais de Basto e o industrial Ave; e ao oeste, o litoral marítimo minhoto.

Historia

editar
Artigo principal: Historia de Braga.
 
Martiño de Dumio

Hai vestixios da presenza humana na rexión desde hai bastanta tempo. Un dos mais antigos é a Mámoa de Lamas, un monumento megalítico do Neolítico. Porén, non hai moitas probas da existencia de poboados estables en Braga na Idade de Bronce, agás foxas e cerámicas encontradas no Alto da Cividade (onde existiría un asentamento) e por unha necrópole que existiría na zona dos Granjinhos[1].

Na Idade de Ferro desenvólvense os poboados castrexos, situados nos lugares elevados. A rexión era habitada polo pobo dos Brácaros (en latín, Bracari), que deron nome á cidade despois da súa fundación, logo de ser forzados polos romanos a descender ao val. Posibelemente da raíz celta a partir do nome da deusa Brighid.

Bracara Augusta

editar
Artigo principal: Bracara Augusta.

No século II adC a rexión foi tomada polos romanos. A vila foi fundada no ano 16 adC, co nome de Bracara Augusta en homenaxe ao Emperador César Augusto[1]. Bracara Augusta, capital da rexión da Gallaecia, integraba os tres conventos do noroeste peninsular e parte do convento de Clunia. Estímase que no ano 25 nesta rexión habitaban uns 285.000 tributarios libres nas 24 civitates.[4] Desta época data tamén a creación do bispado de Bracara Augusta. Segundo a lenda, Pedro de Rates foi o primeiro bispo de Braga entre os anos 45 e 60, ordenado polo apóstolo Santiago, chegado da Terra Santa e falecido cando promulgaba o cristianismo no noroeste peninsular. Pero non é ata o ano 385 cando aparece a primeira referencia á sé, en tempos do Papa San Siricio.

 
Fonte do Ídolo.

Despois da conquista do imperio romano, Bracara Augusta foi elixida capital política e intelectual do reino dos Suevos, que englobaba a extinta rexión da Gallaecia (actual Galiza, norte de Portugal, parte de Asturias e das provincias de León e Zamora e se prolongaba até o río Texo. Por orde do rei Ariamiro, organizouse o concilio de Braga. Foi presidido por Martiño de Dumio, bispo da cidade, e tivo lugar entre o 1 de maio de 561 e o 563. Deste concilio saíron grandes reformas, principalmente no mundo eclesiástico (creación do ritual bracarense) e a abolición de elementos lingüísticos pagáns (os días da semana pasaron de ser Lunae dies, Martis dies, Mercurii dies, Jovis dies, Veneris dies, Saturni dies e Solis dies, por Feria secunda, Feria tertia, Feria quarta, Feria quinta, Feria sexta, Sabbatum, Dominica Dies, actuais denominacións en portugués e galego). Posteriormente chegou o declive do pobo Suevo (o antigo Reino de Galiza) e a dominación dos Visigodos.

No 716 as invasións islámicas acadaron a cidade, destruíndoa en boa medida pola súa importancia relixiosa. Posteriormente foi escenario de varias guerras, destrucións e saqueos, até a súa reconquista por Afonso III o Magno.

 
Mapa medieval da cidade.

No século XI a cidade é reorganizada, probabelmente xa coa nova designación de Braga. Por orde do bispo Pedro de Braga iníciase a construción da muralla e da sé, sobre restos dun antigo templo romano dedicado á deusa Isis, reconvertido nunha igrexa cristiá. A cidade desenvólvese en torno da sé, ficando restrinxida ao perímetro amurallado.

Braga foi nesa altura ofrecida como dote por Afonso VI de León e Castela á súa filla Tareixa, no seu matrimonio con Henrique de Borgoña, Conde de Portugal. Estes últimos foron señores da cidade entre 1096 e 1112. En 1112 doaron a cidade ao arcebispado. Coa elevación do bispado bracarense a arcebispado, a cidade adquiriu de novo unha enorme importancia a nivel peninsular. Diego Xelmírez, arcebispo de Santiago de Compostela, con medo da auxe da sé de Braga, mandou roubar as reliquias dos santos bracarenses na tentativa de diminuír a importancia relixiosa da cidade. As reliquias non foron devoltas a Braga até a década de 1990.

No o reinado de Don Dinis (1279-1325), foi reforzada a muralla e construíuse a torre da homenaxe. Máis tarde anexáronse outras nove torres, de planta cuadrangular, concluíndose así o castelo de Braga en torno á torre de homenaxe existente.

 
Catedral de Braga

No século XVI o arcebispo Diogo de Sousa modificou a cidade profundamente, creando rúas, prazas, e edificios dentro e fóra do perímetro amurallado. Do século XVI ao século XVIII, por medio de varios arcebispos, os edificios de traza medieval foron sendo derrubados e substituídos por edificios de arquitectura relixiosa da época.

No século XVIII, por medio da inspiración artística do arquitecto André Soares (1720-69), a cidade converteuse na vila barroca de Portugal por excelencia. A finais deste século comeza a aparecer en varias edificacións o neoclásico co enxeñeiro e arquitecto Carlos Amarante (1742-1815). Doutra volta, por medio de varios arcebispos, os edificios relixiosos foron alterados coa introdución do barroco e o neoclásico.

No século seguinte houbo conflitos por mor das invasións francesas e loitas liberais. O 20 de marzo de 1809 tivo lugar na cidade a batalla do Carvalho d'Este, e foi saqueada polas tropas napoleónicas. A cidade foi recuperada o 5 de abril polo xeneral José António Botelho de Sousa, comandante das forzas portuguesas no Minho.

En 1834, coa fin das loitas liberais, foron expulsadas varias ordes relixiosas de Braga, deixando o seu espolio para a cidade. Como consecuencia da revolta da Maria da Fonte, na Póvoa de Lanhoso, área baixo xurisdición do cuartel militar de Braga, a cidade acolleu importantes enfrontamentos entre o pobo e as autoridades. A finais do século XIX o centro da cidade deixa a área da sé de Braga e pasa cara á Avenida Central. En 1875 o rei Lois I de Portugal inaugurou a liña e estación dos convois de Braga.

No século XX tivo lugar a revolta dos transportes e das infraestruturas básicas, reformulándose a Avenida da Liberdade, destacando o Theatro Circo e os edificios do lado de nacente. O 28 de maio de 1926, o xeneral Gomes da Costa inicia nesta cidade a revolución de 1926.

Xa a finais do século XX, a cidade tivo un gran desenvolvemento e crece a un ritmo bastante elevado.

Xeografía

editar
 
Relevo do concello.

Situada no corazón do Minho, Braga encóntrase nunha rexión de transicións de leste a oeste, entre serras, forestas e leiras aos grandes vales, planicies e campos verdes. Limita ao norte con Amares, ao sur con Vila Nova de Famalicão, ao leste coa Póvoa de Lanhoso, ao sueste con Guimarães, ao oeste con Barcelos e ao noroeste con Vila Verde.

Sitúase no noroeste da Península Ibérica, entre o río Douro e o Miño. O municipio ten unha área de 183,51 km², entre 20 e 572 metros de altitude. A zona norte é bastante chá, na marxe esquerda do val do río Cávado. A parte leste caracterízase por montañas como a serra do Carvalho (479 m), serra dos Picos (566 m), monte do Sameiro (572 m) e o monte de Santa Marta (562 m). Entre a serra do Carvalho e a serra dos Picos nace o río Este, que na zona sur do municipio forma un val no que se sitúa a planicie de Sobreposta-Pedralva. Ao suroeste hai montañas, outeiros e vales. O centro da cidade sitúase no outeiro de Cividade (215 m), co val do Cávado ao noroeste e o val do leste no sueste.

O territorio do municipio pertence a dúas bacias hidrográficas, a do río Cávado ao norte e a do río Ave ao sur. No Cávado, de caudal medio, desaugan diversos cursos menores. Ao Ave van dar as augas do río Este e os seus diversos afluentes, como o río Veiga, todos de pequeno caudal.

O concello é predominantemente urbano,[5], principalmente arredor da cidade. As áreas rurais outrora predominantes limítanse á periferia, e nelas subsisten bosques e fragas.

A climatoloxía de Braga é oceánica temperada, ao situarse entre as serras e o océano Atlántico, coas catro estacións ben definidas. Os invernos son bastante pluviosos e fríos, e xeralmente con ventos moderados do suroeste. O vento pode tamén soprar do norte, normalmente forte, o que adoita provocar un descenso da temperatura. A neve non adoita callar, sendo a última nevarada até o momento a do 9 de xaneiro de 2009. As primaveras son tipicamente frescas, con grandes anticiclóns e ventos suaves, con brisas matutinas nas maiores altitudes. No val do Cávado, a baixa altitude, adoita haber néboa pola mañá. O mes de maio é propicio para as treboadas, polo quecemento do aire húmido coa chegada do verán. Estes son quentes e soleados, con ventos suaves do leste. Nos días máis frescos pode haber choivas de curta duración, importantes para a vexetación da rexión ao reabastecer as táboas de auga. Os outonos son chuviosos, xeralmente con ventos moderados.

Táboa climática de Braga
Temperatura
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Média
Máxima rexistada °C 22,4 25,8 26,3 30,2 34,7 36,0 38,9 39,4 37,8 32,5 27,5 23,5
Media máxima °C 13,4 14,5 16,9 17,9 20,4 24,6 27,5 27,5 25,4 20,7 16,6 14,3 20,0
Media °C 8,7 9,8 11,5 12,6 15,0 18,6 20,9 20,6 19,0 15,3 11,8 10,0 14,5
Media mínima °C 4,1 5,1 6,1 7,3 9,7 12,5 14,3 13,7 12,5 9,9 7,0 5,7 9,0
Mínima rexistada °C -3,4 -4,0 -2,6 -1,3 1,1 3,7 5,9 4,0 2,6 -1,0 -3,8 -4,1
Precipitacións
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Total
Total mm 192,7 161,0 102,3 122,5 118,5 62,2 24,1 29,8 79,0 166,8 175,4 231,4 1465,7
Datos entre 1971 e 2000. Fonte: Instituto de Meteorologia, IP Portugal Arquivado 23 de maio de 2011 en Wayback Machine.

Demografía

editar

O concello ten unha alta densidade de poboación, con 962 hab./km². En 2008 tiña 176.154 habitantes (78.954 homes e 85.238 mulleres), sendo un dos máis populosos de Portugal e un dos máis rexuvenecidos de Europa. A maior parte da poboación concéntrase na área urbana.

Pirámide de poboación

A poboación menor de 25 anos representa o 35 % da poboación, e a maior de 65 anos o 11 %. Existen comunidades inmigrantes, especialmente brasileiros, africanos (principalmente oriundos das antigas colonias portuguesas), chineses e de Europa do leste.

A poboación creceu un 16,2 % entre 1991 e 2001, especialmente nas antigas freguesías suburbanas (hoxe urbanas), como Nogueira (124,6 %), Frossos (68,4 %), Real (59,8 %) ou Lamaçães (50,9 %). As previsións apuntan que Braga será un dos concellos con maior crecemento nos próximos anos.

Evolución demográfica entre 1801 e 2008[6]:

Organización administrativa

editar
 
Edificio da Cámara Municipal na praza do municipio.

Administrativamente o concello pertence ao distrito de Braga, do que é capital. É tamén capital da grande área metropolitana do Minho, a terceira maior do país con cerca de 800.000 hab.

A cámara municipal está presidida desde 1976 por Mesquita Machado. Amais da presidencia, a cámara está composta por nove vereadores. A Asemblea Municipal é o órgano lexislativo do municipio, e está constituída por un presidente e dous secretarios, sesenta e tres deputados e os sesenta e dúas presidencias de Xunta de Freguesía.

Órgano PS Juntos por Braga[7] Democrática Unitária[8] BE
Vereadores da Cámara Municipal[9] 6 5 0 0
Deputados da Asemblea Municipal[10] 27 6 6 4

Freguesías

editar
 
Mapa coas freguesías de Braga.

O concello abrangue 62 freguesías[11], urbanas (citadinas), freguesías predominantemente urbanas (suburbanas) e freguesías mediamente urbanas.[5]

Cultura

editar

Artesanía

editar
 
Cavaquinho ou braguinha, instrumento creado polos Biscainhos que chegou a Hawai, dando orixe ao ukelele.

Dentro da artesanía bracarense destacan os instrumentos musicais, como os cavaquinhos, as violas, ou as guitarras (especialmente a viola braguesa). O cavaquinho, logo de ser levado por emigrantes portugueses a Hawai, deu lugar ao ukelele. Na arte sacra destacan as representacións bíblicas e a vela votiva de Braga. Outros produtos manufacturados de sona son os artigos de liño (panos, colchas, cortinas…), os bordados, a cestaría, miniaturas en madeira, farricocos (tamén en cera), bixutería, ferro forxado (sinos, miniaturas, material para agricultura…) ou a louza corida.

Gastronomía

editar

Como na gastronomía de Portugal, destaca o bacallau. Outros pratos da rexión do Minho son o arroz de pato, as papas de sarabullo con roxóns, a tripa enfariñada, os fariñotes, os enchidos de sangue, o cabrito, as frixideiras do Cantinho ou as da Sé, os roxóns á moda do Minho, o galo "pica no chão", o viño verde, e sobremesas como o Pudin Abade de Priscos, o touciño do ceo, o bolo rei escangallado, fidalguiños, pederneiras, suplicios, ou as paciencias.

Tradicións e festividades

editar
 
Iluminación da Arcada durante as festividades do São João.
  • A Festa de São João celébrase desde moi antigo, asumindo a Cámara Municipal a súa organización desde 1515. En xuño celébrase a procesión dos Santos, onde aparece o carro coa danza do Rei David, de inspiración mozárabe. As "lavradeiras" levan as velas votivas de Braga, ofrecéndoas ao Santo pola graza concedida.


  1. 1,0 1,1 1,2 Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho — Bracara Augusta Arquivado 07 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. (en portugués).
  2. Charlton T. Lewis, Charles Short, A Latin Dictionary
  3. "Arqueologia com financiamento insuficiente" Arquivado 06 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine., Jornal de Noticias, 24 de maio de 2005 (en portugués).
  4. Morais, Rui Manuel Lopes de Sousa (2004). "Autarcia e comércio em Bracara Augusta no período Alto-Imperial : contribuição para o estudo económico da cidade". 
  5. 5,0 5,1 Datos do INE Arquivado 13 de xuño de 2007 en Wayback Machine. (en portugués).
  6. Census de 1991, 2001 e Território em números de 2004
  7. Coalición "Juntos por Braga":PSD,PP e PPM
  8. Coalición Democrática Unitária: PCP e PEV
  9. "Câmara Municipal de Braga". Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2007. Consultado o 23 de maio de 2011. 
  10. "Câmara Municipal de Braga". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2007. Consultado o 23 de maio de 2011. 
  11. Freguesías de Braga Arquivado 19 de abril de 2005 en Wayback Machine..
  12. Instituto Nacional de Estatística, ed. (2011). "Estatísticas oficiais". 
  13. Censo 2011 do Instituto Nacional de Estatística[12]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar