Praias de Cangas
O concello de Cangas, situado no extremo da península do Morrazo, entre a ría de Vigo e a ría de Pontevedra, conta con 38 praias.
A costa do concello é máis rochosa e acantilada na cara oeste, que dá ao océano Atlántico de modo aberto, na zona da costa da Vela. Na zona da ría de Vigo a costa atópase protexido polas illas Cíes. Ademais das enseadas de Cangas, Liméns e Nerga, tamén é tranquila a zona da ría de Aldán e a pequena enseada entre punta Roabaleira e punta Fuxiño. Cabo Home sitúase nunha pequena península entre a praia de Barra e a costa da Vela, xunto á praia de Melide.
Historicamente as illas Cíes estiveron vencelladas a Cangas. Os seus habitantes proviñan das parroquias do concello, pero coa creación no século XIX das entidades municipais modernas, foron asignadas ao concello de Vigo.
As praias
editarSeguindo o percorrido do litoral do concello, desde o límite con Moaña até Bueu, están os seguintes areais:
A praia do Canabal é un pequeno areal de acceso peonil, moi pouco transistada e preto do casco urbano de Cangas. Ten 500 m de lonxitude e 10 m de ancho media.
A praia dos Alemáns, coñecida tradicionalmente como praia das Ratas ou praia do Solano, é un pequeno areal semiurbano, de acceso peonil só practicable coa marea baixa. Está protexida da illa das Ratas, e ten grandes rochas e area fina e branca. Ten 200 m de lonxitude e uns 10 m de ancho. É unha praia nudista.
A praia de Rodeira está situada no núcleo urbano. De 900 m de lonxitude e 40 de anchura media, ten un paseo marítimo e conta cos servizos necesarios.
A praia de Salgueirón está situada despois das antigas instalacións conserveiras de Massó en punta Balea. É un pequeno areal semiurbano de area fina e branca, á que se pode acceder en coche. Ten 150 m de lonxitude e unha anchura media de 10 m, variando moito en función da marea.
A praia da Congorza, case á saída da enseada de Cangas, preto do extremo de punta Balea, é un pequeno areal semiurbano de acceso rodado. Ten 150 m de lonxitude e 10 m de anchura media.
A praia do Medio está no extremo de punta Balea, e é moi similar ás anteriores en tamaño e características.
A praia de Areamilla, tamén en punta Balea, ocupa unha enseada que remata nunha ampla zona rochosa que continúa até a enseada de Liméns. Ten area branca e fina e conta con toda clase de servizos, acadando bastantes anos a Bandeira Azul. Ten uns 200 m de lonxitude e uns 20 m de ancho, contando con paseo marítimo. Malia ser semiurbana, a súa contorna está protexido como espazo natural.
A praia do Porto é un pequeno areal de acceso peonil e area branca, duns 90 m de lonxitude e 7 de ancho. É a primeira da enseada de Liméns.
A praia de Santa Marta de Darbo é un areal semiurbano, de acceso peonil que conta con toda clase de servizos. De area branca, ten uns 190 m de lonxitude e uns 20 de ancho.
A praia de Liméns é a principal praia da enseada de Liméns, e está no pequeno núcleo urbano da parroquia do Hío. Ten 310 m de lonxitude e 25 de ancho. Adoita ter Bandeira Azul e ten toda clase de servizos.
A praia de Temperáns é un pequeno areal de acceso peonil, de 200 m de lonxitude e 10 de ancho.
A praia dos Castros é un areal rochoso de acceso peonil, de 175 m de lonxitude e uns 10 de ancho.
A enseada de Nerga, entre Punta Corbeiro e Punta Fuxiño, está dividida en tres areais por dous promontorios.
A praia de Nerga é o primeiro deles. Está xunto ao pequeno núcleo de Nerga, e ten acceso rodado. De area branca e 700 m de lonxitude e 30 de ancho, está moi coidada e conta con todos os servizos, polo que adoita ter a Bandeira Azul.
A praia de Viñó, tamén coñecida como a praia de Area Meán, é de acceso peonil. Tras ela hai unha grande duna cun piñeiral. Ten uns 300 m de lonxitude e uns 30 de ancho. O seu illamento e o feito de estar a carón da praia de Barra fan que cada vez máis xente practique o nudismo nela.
A praia de Barra é unha das praias nudistas máis aprezadas en Galiza. Ten 750 m de lonxitude e 30 de ancho, e conta con area branca e fina, con numerosos restos de cunchas. Trala barra de area hai un piñeiral dunar, e no extremo, preto do muro natural de Punta Fuxiño, hai unha ampla duna que pecha a desembocadura dun pequeno regato que, cando leva caudal, acaba remansándose. A praia e a contorna están incluídos no Espazo Natural Protexido Dunas de Barra e Costa da Soavela, pertencente á Rede Natura 2000.
A praia de Melide está entre Punta Fuxiño e Punta Robaleira, nunha pequena enseada chea de area, sobre a cal se formou un piñeiral. A praia está no centro da área coñecida como Cabo Home, debido a un dos cabos desta península, que separa o areal da acantilada costa de Soavela. A praia é de fina area branca e ondas moderadas, de 250 m de lonxitude e uns 40 de ancho. Está bastante illada, no corazón do espazo natural protexido anteriormente mencionado. Adoita recibir a Bandeira Azul, e o acceso é peonil.
A praia de Couso, tamén coñecida como Punta Couso, está no outro extremo da Costa da Vela, no lado leste da entrada da ría de Aldán. É un pequeno areal illado no extremo do cabo, duns 100 m de lonxitude e 5 de ancho. O acceso é peonil, e a area é dourada.
A praia do Portal é moi similar á anterior, cuns 150 m de lonxitude e 5 de ancho.
A praia de Rabáns é tamén similar ás dúas anteriores, con 150 m de lonxitude e 5 de ancho.
A praia de Alada é un areal semiurbano de acceso peonil, de 100 m de lonxitude e uns 7 de ancho. Está formada por unha mestura de bolos e area fina.
A praia de Estrepeiros, de 200 m de lonxitude e 5 de ancho, está illado e ten acceso peonil. Ten mestura de rochas e area.
A praia de Areabrava, de 300 m de lonxitude e uns 30 de ancho, adoita ter a Bandeira Azul, pois goza de todos os servizos e coidados. Ten un fondo dunar.
A praia de Castiñeiras, de area branca e uns 150 m de lonxitude e 5 m de ancho, está bastante illada pero conta coa posibilidade de acceder mediante vehículos rodados.
A praia de Pipín ou praia de Amians ten 50 m de longo e 10 de ancho. Malia estar bastante illada e ter acceso con vehículos, adoita ter unha baixa ocupación.
A praia de San Xián ou praia de Terra da Laxe ten uns 200 m de lonxitude e 10 de ancho. De augas tranquilas e area fina e branca, malia estar illade pódese acceder a ela en coche.
A praia de Pinténs ten 300 m de lonxitude e 25 de ancho. O acceso é rodado, a area branca e as augas tranquilas.
A praia de Arneles ou praia de Hío é un areal semiurbano de 500 m de longo e uns 25 de ancho, con augas tranquilas e area branca.
A praia da Testada é un pequeno e estreito areal, duns 80 m de longo e 1 de ancho medio. Ten baixa ocupación, malia ser semiurbana, ter acceso mediante vehículos e ter fina area.
A praia de Vilariño, situada no núcleo de Vilariño, ten 500 m de lonxitude e 60 de ancho. Situada no final da ría de Aldán, as súas augas son tranquilas e a area branca. O acceso é rodado. Ten todos os servizos e adoita lograr a Bandeira Azul.
A praia dos Picos, xa na marxe dereita da ría de Aldán, é un areal urbano de 100 m de longo e 5 de ancho, tamén de augas tranquilas e area branca.
A praia de San Cibrán ten 250 m de longo pero é moi estreita, quedando cuberta cando a marea sobe moito. Situada a carón do núcleo de Aldán, conta con todos os servizos.
A praia de Con de Sestadelo é un pequeno areal de 50 m de longo e un ancho medio de 1 m. Ten augas tranquilas e area dourada.
A praia de Coba de Balea é semiurbana, con area branca e acceso peonil. De 50 m de longo, adoita ser cuberta pola auga cando sobe a marea.
A praia de Areacova é semiurbana, situada a carón da estrada e do cámping de Aldán. Ten area branca e augas tranquilas, con 250 m de longo e uns 20 de anchura media.
A praia de Francón é bastante concorrida, debido a que está a carón do cámping de Aldán. Ten 200 m de lonxitude e 25 de ancho, con acceso peonil. Ten area branca e augas tranquilas.
A praia de Sartaxéns é un pequeno areal entre Francón e Menduíña, illado e con acceso peonil.
A praia de Menduíña, de 250 m de lonxitude e 30 de ancho, está ben equipada e coidada, polo que adoita acadar a Bandeira Azul. A area é fina e branca, e as augas son tranquilas.
A praia de Lagoelas, aberta ao mar no final da ría de Aldán, ten 100 m de lonxitude e uns 12 de ancho. A oleaxe é moderada e a area branca e fina. O acceso é peonil.