Punta Balea

espazo natural en Darbo, Cangas

Coordenadas: 42°14′49″N 8°47′35″O / 42.24682, -8.79318

Espazo natural de Punta Balea
Vista da praia da Ribeira do Medio (esquerda) e a Punta do Corveiro (fondo). Á dereita situaríase a lagoa da Congorza
Marco Legal
Figura de Protección: Solo declarado de Protección de Espazos Natural
Ano de constitución:
Superficie: 15ha. (2.6ha pertencentes á lagoa)
Lexislación:
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Pontevedra
Concellos: Cangas
Ríos:
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

Punta Balea é un enclave natural no concello de Cangas situado en solo protexido. Este espazo abrangue diversos ecosistemas e caracterízase pola súa elevada diversidade biolóxica e ambiental.[1]

Xeografía editar

O espazo natural de Punta Balea comprende unhas 15 ha de extensión de terreo costeiro na parroquia de Darbo, e abrangue dende as abandonadas instalacións baleeiras de Massó (o nome do sitio fai referencia a este cetáceo) ata a chamada Punta do Niño do Corvo.

En Punta Balea destaca a alta densidade de diversos hábitats[1]: Hai espazos de praia con zonas dunares en Areamilla, espazos intermareais e supamareais nas zonas rochosas, e unha pequena zona de leiras hoxe en día na súa maior parte non cultivadas, onde avanzaron diferentes especies de matogueiras (especialmente silvas, toxos e xestas). Esta zona, valiosa dende o punto ecolóxico por servires de lugar de refuxio á fauna e tamén de aniñamento -no caso das aves-, vese presionada polas rozas periódicas.

 
Detalle dunha dos acceso á lagoa da Congorza. Tralos loureiros, pódese albiscar a lagoa cuberta por un manto verde de microalgas.

A maiores hai un pequeno bosque poboado por salgueiros, loureiros, sabugueiros etc.

Lagoa da Congorza editar

O lugar máis emblemático deste espazo natural é a lagoa da Congorza (coñecida popularmente como Lagoa de Massó), unha das escasas masas de auga doce de certa entidade na península do Morrazo.

Fauna editar

Nela destaca fundamentalmente a riqueza da avifauna, variable segundo o momento do ano e con estancias ocasionais de variadas especies que se encontren realizando os pasos.

Algunhas das aves que se poden avistar son o lavanco, a garzota, a garza real, a cerceta (común), a cerceta albela, o pato branco, o picapeixes, o pato rabilongo, a galiña de río e a galiñola negra, o asubiador, o cullerete, o pato frisado... Tamén se achegan dende a costa diferentes especies de gaivota como a patiamarela, a chorona, a cabecinegra, e a escura [1].

 
Primeiro plano da lagoa. Nela aprécase unha capa verde de lentellas de auga[2], produto da eutrofización que afecta a lagoa; unha das diversas ameazas ambientais que sofre.

Non é estraño topar, dependendo tamén da época, rapaces coma a tartaraña das xunqueiras, azores ou lagarteiros e miñatos, xa sexa nas inmediacións da lagoa.

No tocante aos mamíferos, tense constatado a presenza da aguaneira, e tamén do invasor visón americano, que se pode achegar aos niños para depredar ovos ou os polos da roladas.

Repecto dos peixes, tense constatado a presenza da anguía. Os meixóns acceden á lagoa a través dun sumidoiro artificial, que conecta o mar coa propia masa de auga doce. Posteriormente, voltarán ao mar para realizar a desova.

Finalmente, topamos diferentes anfibios (sapo común, ra verde, antigamente a estroza) e réptiles como a cobra de colar e -tamén especie invasora- o sapoconcho americano.

Flora editar

Ademais da zona arborada que rodea a lagoa (salgueiros, loureiros, sabugueiros), atopamos a presenza da espadana (cun importante papel ecolóxico en canto que serve de acubillo para a cría de lavancos e galiñolas), o lirio amarelo e o xunco, entre outras moitas especies.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Fernández Cordeiro, Antonio; Álvarez Graña, David; Dasairas Bouzada, Alba; Rial Pousa, Simón; Pastoriza Barreiro, Alberto; Piñeiro Lemos, Pepe (2006). O espazo natural de Punta Balea. Xunta de Galicia. Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. ISBN 84-690-3137-6. 
  2. https://fitopasion.com/2021/06/patos-y-lentejas-en-punta-balea.html