Peixes

animal vertebrado acuático
(Redirixido desde "Peixe")

Peixes
Rango fósil: Cámbrico - Actualidade
Georgia Aquarium - Giant Grouper edit.jpg
Mero xigante no Aquarium de Xeorxia

Peixe león vermello
Peixe león vermello

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
(sen clasif.): Craniata
Superclase: Pisces
clases

Os peixes (Pisces) son animais vertebrados, ovíparos, acuáticos e con respiración branquial. A especialidade da zooloxía que se ocupa especificamente dos peixes chámase ictioloxía. O grupo dos peixes é un taxon parafilético, é dicir, un caixón de xastre definido pola exclusión dun taxon (os tetrápodos) doutro maior (os vertebrados), e non pola posesión de características derivadas comúns. Inclúense nesta definición os mixíns, a lamprea, os condrictios (ou peixes cartilaxinosos) e os osteíctios (ou peixes óseos), así coma diversos grupos relacionados extintos. A maioría dos peixes son ectotérmicos, é dicir, dependen de fontes externas para obter calor, o que provoca que a temperatura do seu corpo varíe segundo a temperatura do ambiente. Algúns dos grandes peixes coma o tiburón branco e o atún teñen unha temperatura máis alta de seu.[1][2] Como é propio dos primeiros vertebrados, son acuáticos e, a diferenza do que observamos nos tetrápodos, a respiración prodúcese por branquias situadas nas fendeduras da farinxe. A locomoción baséase nunha forma hidrodinámica, con movementos laterais do corpo auxiliados por extremidades que son aletas.

Os peixes son abundantes en tódalas masas de auga da Terra e poden ser atopados en case tódolos ambientes acuáticos, dende as correntes de alta montaña ata as zonas máis profundidades dos océanos. É un grupo moi heteroxéneo con preto de 32.000 especies, máis ca ningún outro grupo de vertebrados.

EvoluciónEditar

Os peixes orixináronse a partir doutros cordados contra o comezo do Cámbrico. Non se sabe con seguridade onde fixar a súa orixe.

Os condrictios son un grupo de vertebrados moi primitivos, pero moi exitosos evolutivamente, xa que as quenllas son animais antiquísimos que non cambiaron moito desde a súa orixe e que hoxe en día seguen sendo un grupo moi ben adaptado ao mundo.

Os vertebrados terrestres (tetrápodos) diferenciáronse a partir de peixes emparentados co celacanto ou os peixes pulmonados, e algunhas das primeiras formas están a metade de camiño entre o noso concepto de peixe e o de anfibio.

ClasificaciónEditar

 
.
 
.

Podemos clasificar os peixes segundo diferentes criterios:

  • Zoolóxico, que é o que seguiremos no seguinte apartado.
  • Ecolóxico: de mar ou de auga doce, peláxicos ou demersais, tolerantes ou non á salinidade, migratorios ou non etc.
  • Gastronómico: brancos ou azuis.
  • Económico: comestibles (de interese pesqueiro) ou non.

Clasificación zoolóxicaEditar

Tradicionalmente divídense en Ágnatos (é dicir, sen mandíbula, infrafilo Agnatha) e Gnatóstomos ou mandibulados (infrafilo Gnathostomata). Hai autores que dan a estes taxons a denominación de superclase.

No primeiro grupo incluénse as lampreas (clase Cephalaspidomorphi) e os peixes viscosos (clase Myxini), que algúns autores non consideran verdadeiros vertebrados. No segundo grupo están os peixes cartilaxinosos (raias e quenllas, clase Chondrichtyes) e os peixes óseos (clase Osteichthyes).

  • Subfilo Vertebrata
    • Infrafilo Agnatha
      • Clase Cephalaspidomorphi
      • Clase Myxini
    • Infrafilo Gnathostomata
      • Clase Chondrichthyes
      • Clase Osteichthyes

Os peixes cartilaxinosos ou condrictios caracterízanse polo seu esqueleto formado exclusivamente de cartilaxe, aberturas branquiais non protexidas por opérculos, fociño alongado coa boca disposta na cara ventral, aletas carnosas e ríxidas (non pregables coma no caso dos peixes óseos) e ausencia de vexiga natatoria. A maioría das especies son vivíparas.

Os peixes óseos ou osteictios (ou peixes verdadeiros) posúen un esqueleto formado por tecido óseo, aletas sostidas por radios, pel cuberta por escamas e branquias cubertas por opérculos. A maioría son ovíparos.

Clasificación ecolóxicaEditar

Os peixes, así coma outros organismos acuáticos, poden clasificarse ecoloxicamente pola súa tolerancia a distintas salinidades en eurihalinos ou estenohalinos, e tamén por outros aspectos da súa adaptación e hábitos (catádromos ou anádromos)

Clasificación gastronómicaEditar

En alimentación, os peixes clasifícanse de acordo ó seu contido en graxa, carácter que está en relación inversa á súa dixestibilidade. A cantidade de graxa depende, principalmente, dos hábitos migratorios das distintas especies.

  • Peixes graxos ou azuis: cando posúen máis dun 5% de graxa. Adoitan ter a carne máis escura cá dos peixes brancos. Son especies migratorias e utilizan eses depósitos graxos para resistiren os desprazamentos. Achegan á dieta entre 100 e 200 calorías por 100 gramos.
  • Peixes magros ou brancos: con menos do 2%, polo que achegan á dieta entre 60 e 100 calorías por 100 gramos.
  • Peixes semigraxos ou rosados: cando a porcentaxe de graxa oscila entre o 2% e o 5%.

Dentro dunha mesma especie, a graxa varía segundo a época do ano en que se capture. O salmón, por exemplo, adoita ter un 12% de graxa ou máis, pero despois da desova alcanza cifras de só un 1%.

AnatomíaEditar

 
A técnica de diafanización aplicada a un peixe deixa ao descubierto o seu esqueleto

O medio acuático impuxo aos peixes a súa forma xenérica, a súa forma de respirar, o seu método de locomoción e a súa reprodución.

Sistema respiratorioEditar

 
Vista posterior das branquias do atún

Os peixes realizan a maior parte do intercambio gasoso mediante o uso das branquias, que se atopan cara a ambos os lados da farinxe. As branquias están constituídas por estruturas filiformes denominadas filamentos branquiais. Cada un destes filamentos contén capilares, que permiten unha gran superficie para o intercambio de osíxeno e dióxido de carbono. Este intercambio prodúcese cando o peixe aspira auga, que pasa a través das branquias.

Hai peixes, como os tiburóns e as lampreas, que posúen aberturas branquiais múltiples. Porén, a maioría dos peixes posúen branquias proteidas por unha cuberta ósea chamada opérculo.

Ser capaz de respirar directamente aire é resultado da adaptación para peixes que habitan augas pouco profundas, onde os seus niveis varían ou onde a concentración de osíxeno na auga pode diminuír en certas épocas do ano. Os mecanismos para iso son variados. A delgada pel das anguías eléctricas permiten certo grao de absorción de osíxeno. Tamén poden respirar aire ao tragalo directamente da superficie. Os peixes gato das familias Loricariidae, Callichthyidae e Scoloplacidae son capaces de absorber aire a través do seu tracto dixestivo.[3]

No caso dos peixes pulmonados e poliptéridos describíronse pulmóns similares aos dos tetrápodos, polo que deben subir á superficie da auga a tragar aire fresco a través da boca para que sexa pasado través das branquias ou filamentos branquiais.

Sistema dixestivoEditar

Se ben todas as especies de peixes posúen boca, non todas desenvolveron mandíbulas (exemplo disto son os ágnatos). No caso das especies que si as desenvolveron, isto permitiulles acceder a unha variedade moito máis ampla de alimentos, incluíndo plantas e outros organismos.

Nos peixes, ao ser a comida inxerida a través da boca, é desglosada no estómago. Órganos como o fígado e o páncreas engaden enzimas dixestivas. A absorción de nutrientes realízase a través do intestino.

Sistema locomotorEditar

 
Anatomía externa dun osteíctio.
(1) - Opérculo, (2) - Liña lateral, (3) - Aleta dorsal, (4) - Aleta adiposa, (5) - Pedúnculo caudal, (6) - Aleta caudal, (7) - Aleta anal, (8) - Fotóforo, (9) - Aleta pélvica, (10) - Aleta pectoral

Coa fin de desplazarse da mellor manera no medio acuático (principalmente), os peixes desenvolveron unha serie de aletas, con diferentes funcións, algunhas delas son:

  • Aletas dorsais: Situadas na zona dorsal, a súa función principal é entregar estabilidade e manobrabilidade.
  • Aleta caudal: Situada na cola, a súa función é impulsar o nado.
  • Aletas anais: Situadas ventrais ao ano, a súa función é estabilizadora.
  • Aletas pectorales: Situadas detrás das branquias, a súa función principal é estabilizar, aínda cando existen interesantes modificacións destas aletas (como no caso do peixe voador).
  • Aletas pélvicas ou ventrais: Ventrais ás aletas pectorais.

Sistema circulatorioEditar

 
Modelo didáctico do corazón dos peixes
 
Esquema do aparato circulatorio dun peixe

Os peixes teñen un sistema circulatorio pechado cun corazón que bombea o sangue a través dun circuíto único por todo o corpo. O sangue vai do corazón ás branquias, destas ao resto do corpo, e finalmente regresa ao corazón. Na maioría dos peixes o corazón consta de catro partes: o seo venoso, o adro, o ventrículo e o bulbo arterioso. A pesar de posuír catro partes, o corazón dos peixes está constituído por dúas cavidades situadas en serie, unha aurícula e un ventrículo.[4] O seo venoso é unha cámara de paredes delgadas que recibe o sangue das veas do peixe antes de permitirlle fluír ao adro, unha cámara muscular grande e que serve como un compartimento de dirección única que dirixe o sangue cara ao ventrículo. O ventrículo é unha bolsa muscular de paredes grosas, que se contrae e empurra o sangue a un tubo longo chamado bulbo arterioso. O bulbo arterioso únese cun gran vaso sanguíneo chamado aorta, pola cal flúe o sangue cara ás branquias do peixe.

Sistema excretorEditar

Ao igual que moitos animais acuáticos, a maior parte dos peixes excretan residuos nitroxenados en forma de amoníaco.[5] Parte das súas excrecións difúndense a través das branquias na auga circundante. O resto expúlsase polos riles, órganos excretorios que filtran os refugallos do sangue. Os riles axudan aos peixes a controlar a cantidade de amoníaco nos seus corpos. Os peixes de auga salgada tenden a perder auga debido á osmose. Nos peixes de auga salgada, os riles concentran os refugallos e expulsan do corpo tan poca auga como lles for posible. No caso dos peixes de auga doce, a situación é á inversa e tenden a obter auga continuamente. Os riles dos peixes de auga goce están especialmente adaptados para desbotar grandes cantidades de urina diluída (o sexa, con moita auga).[6] Algúns peixes desenvolveron riles especialmente adaptados que cambian a súa función, permitíndolles trasladarse da auga doce á auga de mar.

Sistema nerviosoEditar

 
Vista dorsal do cerebro dun Oncorhynchus mykiss

Sistema nervioso centralEditar

Comparándoos con outros vertebrados, os peixes teñen en xeral un cerebro pequeno en relación ao tamaño do seu corpo, arredor dun quinceavo da masa cerebral de aves ou mamíferos dun tamaño similar.[7] Non obstante, algúns peixes teñen un cerebro relativamente grande, como é o caso dos peixes da familia Mormyridae e os tiburóns, cun cerebro que ten unha proporción entre masa cerebral e corporal similar ao das aves e os marsupiais.[8]

O cerebro está dividido en varias rexións. Na parte frontal atópanse os lóbulos olfativos, un par destruturas que reciben e procesan sinais das narinas a través de dous nervios olfactivos.[7] Os lóbulos olfactivos están máis desenvolvidos en peixes que cazan principalmente polo olor, como os mixinos, tiburóns e peixes gato. Tralos lóbulos olfativos atópase o telencéfalo ou cerebro anterior, estrutura bilobular que nos peixes concerne sobre todo ao olfacto.[7]

Conectando o cerebro anterior ao cerebro medio ou mesencéfalo localízase o diencéfalo. O diencéfalo realiza varias funcións asociadas coas hormonas e a homeostase.[7] A glándula pineal sitúase xusto por riba do diencéfalo. Esta estrutura realiza moitas funcións diferentes, incluída a percepción da luz, o mantemento do ritmo cardíaco e o control dos cambios de pigmentación.[7]

O cerebro medio contén os dous lóbulos ópticos. Estes lóbulos son de maior tamaño en especies que cazan coa vista, como a troita arco da vella e os cíclidos.[7]

O metencéfalo está particularmente implicado en natación e equilibrio.[7] O cerebelo é unha estrutura monolobular polo xeral de gran tamaño e habitualmente a parte máis grande do cerebro.[7] os mixinos e as lampreas teñen cerebelos relativamente pequenos, pero polo contrario o do peixe elefante está moi desenvolvido e aparentemente relacionado coa súa capacidade eléctrica.[7]

O mielencéfalo é a parte máis posterior do cerebro.[7] Ademais de controlar as funcións dalgúns músculos e órganos do corpo, nos peixes óseos tamén se encarga da respiración e a osmorregulación.[7]

Sistema sensorialEditar

Moitos peixes posúen órganos sensoriais moi desenvolvidos. Case todos os peixes diúrnos teñen ollos ben desenvolvidos que perciben a cor polo menos tan ben como os seres humanos. Moitos peixes tamén teñen células especializadas coñecidas como quimiorreceptores que son responsables dos sentidos do gusto e do olfacto. Aínda que dispoñen de oídos nas súas cabezas, moitos peixes non perciben ben os sons. Non obstante, a maior parte dos peixes teñen receptores sensibles que forman a liña lateral. A liña lateral permite a moitos peixes detectaren correntes suaves e vibracións, así como sentir o movemento das súas presas ou doutros peixes próximos.[9] Algúns peixes, como os tiburóns ou os peixes globo, teñen órganos que perciben niveis baixos de corrente eléctrica.[10] Outros, como a anguía eléctrica, pode producir a súa propia electricidade.

Os peixes oriéntanse empregando puntos de referencia e poden utilizar mapas mentais de relacións xeométricas baseadas en sinais múltiples ou símbolos. En estudos realizados con peixes en labirintos, determinouse que os peixes empregan rutinariamente a memoria espacial e a discriminación visual.[11]

Capacidade para sentir dorEditar

Experimentos realizados polo Dr. William Tavolga, zoólogo do Mote Marine Laboratory, achegan probas de que os peixes mostran respostas de medo e dor. Por exemplo, nos experimentos de Tavolga, os peixes sapo gruñían cando se lles aplicaban descargas eléctricas, e co tempo comprobaron que xa gruñían ante a vista dun eléctrodo.[12]

En 2003, científicos escoceses da Universidade de Edimburgo que realizaban unha investigación sobre a troita arco da vella concluíron que os peixes amosan comportamentos asociados xeralmente coa dor. En probas realizadas tanto na Universidade de Edimburgo como no Instituto Roslin, inxectouse veleno de abella e ácido acético nos beizos da troita, o que fixo que os peixes balancearan os seus corpos e fregaran os beizos contra as paredes e o chan dos tanques, polo que os investigadores cren que eran esforzos por aliviar a dor, de xeito similar a como o farían os mamíferos.[13][14][15] As neuronas nos cerebros dos peixes mostraron un modelo parecido ao dos humanos cando experimentan dor.[15]

O profesor James D. Rose da Universidade de Wyoming criticou o estudo, afirmando que era erróneo, principalmente porque este non achegaba probas de que os peixes posúen «percepción consciente, en particular un tipo de percepción que se pareza de forma significativa á nosa».[16] Rose sostén que xa que o cerebro dos peixes é moi diferente do humano, os peixes probablemente non son conscientes (na forma en que os son as persoas), polo que as reaccións similares ás reaccións humanas á dor teñen outras causas. Rose publicara a súa propia opinión un ano antes sostendo que os peixes non poden sentir dor dado que os seus cerebros carecen de neocórtex.[17] Porén, a condutista animal Temple Grandin sotén que os peixes poderían ter consciencia aínda sen neocórtex, porque «especies distintas poden usar sistemas e estruturas cerebrais diferentes para tratar as mesmas funcións.»[15]

Os defensores dos dereitos dos animais mostraron a súa inquedanza sobre o posible sufrimento dos peixes a causa da pesca con cana. Á vista de recentes investigacións, algúns países como Alemaña prohibiron determinados tipos de pesca, e a británica Royal Society for the Prevention of Cruelty to Animals (RSPCA), que considera que os peixes é pouco probable que perciban a dor do mesmo xeito que as persoas, mais que hai evidencias actualmente que indican que os peixes realmente teñen a capacidade de percibir dor e sufrimento, persegue xudicialmente os individuos que son crueis cos peixes.[18]

EvoluciónEditar

Os peixes se orixináronse a partir doutros cordados cara ao inicio do cámbrico. Non se sabe a ciencia certa exactamente onde fixar a súa orixe; o grupo máis primitivo dos peixes coñecidos corresponde aos ostracodermos, a partir do cal descenden os modernos ágnatos (que comprenden ás lampreas e os mixines).

Un dos máis importantes logros evolutivos foi o desenvolvemento de mandíbulas a partir dos arcos branquiais, posto que permitiu aos peixes primitivos alimentarse de anacos maiores, capturar presas, triturar etc. Dentro dos primeiros peixes con mandíbulas atópanse os placodermos, que apareceron cara ao final do silúrico.

Os vertebrados terrestres diferenciáronse a partir de peixes de aletas lobuladas, emparentados co celacanto ou os dipnoos.[19]

A presenza dos peixes na cultura popularEditar

RefraneiroEditar

  • Non hai mellor rede que a que pilla o peixe.
  • O home e a pesca, ós tres días apesta.
  • O peixe grande sempre come ó pequeno.
  • Peixe algareado, cambio de tempo.
  • Peixe con ollos, á caixa.
  • Peixe con ollos, ó caldeiro.
  • Pola boca morre o peixe.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. Goldman, K.J. (1997). "Regulation of body temperature in the white shark, Carcharodon carcharias". Journal of Comparative Physiology. B Biochemical Systemic and Environmental Physiology 167 (6): 423–429. doi:10.1007/s003600050092. Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2012. Consultado o 12 de outubro de 2011. 
  2. Carey, F.G.; Lawson, K.D. (1.). "Temperature regulation in free-swimming bluefin tuna". Comparative Biochemistry and Physiology Part A: Physiology 44 (2): 375–392. doi:10.1016/0300-9629(73)90490-8. 
  3. Armbruster, J. W (1998). "Modifications of the dixestive tract for holding air in loricariid and scoloplacid catfishes" (PDF). Copeia (en inglés): 663–675. Consultado o 22 de setembro de 2009. 
  4. Setaro, John F. (1999). Circulatory System. Microsoft Encarta 99. 
  5. Pokniak, José R. (agosto de 1997). "Nutrición de peixes". TecnoVet (2). Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2007. Consultado o 22 de setembro de 2009. 
  6. "Sistema excretor". FisioNet. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 22 de setembro de 2009. 
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 Helfman, G.; Collette, B.; Facey, D. (1997). The Diversity of Fishes (en inglés). Blackwell Publishing. pp. 48–49. ISBN 0-86542-256-7. 
  8. Helfman, G.; Collette, B.; Facey, D. (1997). The Diversity of Fishes (en inglés). Blackwell Publishing. p. 191. ISBN 0-86542-256-7. 
  9. Orr, James (1999). Fish. Microsoft Encarta 99. 
  10. Albert, J. S. e W. G. R. Crampton (2006). D. H. Evans e J. B. Claiborne, ed. Electroreception and electrogenesis (en inglés) (The Physiology of Fishes, 3ª edición ed.). CRC Press. pp. 431–472. ISBN 0849320224. 
  11. "Appropriate maze methodology to study learning in fish" (PDF). Journal of Undergraduate Life Sciences (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2011. Consultado o 25 de setembro de 2009. 
  12. Dunayer, Joan (xullo/agosto de 1991). "Fish: Sensitivity Beyond the Captor's Grasp". The Animals' Agenda (en inglés): pp. 12–18. 
  13. Brown, Vantressa (1 de maio de 2003). "Fish Feel Pain, British Researchers Say" (en inglés). Agence France-Presse. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2009. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  14. Alex Kirby (30 de abril de 2003). "Fish do feel pain, scientists say" (en inglés). BBC News. Consultado o 28 de setembro de 2009. 
  15. 15,0 15,1 15,2 Grandin, Temple; Johnson, Catherine (2005). Animals in Translation (en inglés). Nova York: Scribner. pp. 183-184. ISBN 0743247698. 
  16. Rose, J. D. (2003). "A Critique of the paper: "Do fish have nociceptors: Evidence for the evolution of a vertebrate sensory system" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2009. Consultado o 30 de setembro de 2009. 
  17. Rose, James D. (2002). "Do Fish Feel Pain?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2009. Consultado o 30 de setembro de 2009. 
  18. Leake, J. (14 de marzo de 2004). "Anglers to Face RSPCA Check". The Sunday Times (en inglés). Consultado o 1 de outubro de 2009. 
  19. Ommanney, F.D. (1971). Los Peces. Time Inc. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

Outros artigosEditar