O tecido óseo é un tipo de tecido conectivo ríxido con funcións estruturais e de soporte, que forma os ósos do esqueleto.

Sección dun óso longo mostrando a capa interna de tecido óseo esponxoso e a capa cortical de tecido óseo compacto.

O tecido óseo é un tecido conectivo mineralizado. Fórmano as células chamadas osteoblastos, que depositan unha matriz proteica de coláxeno de tipo I e liberan ións calcio, magnesio, e fosfato, que se combinan coa matriz de coláxeno formando un mineral cristalino en forma de hidroxiapatito (tamén chamado hidroxilapatito). A combinación da parte mineral dura e do coláxeno flexible fai que o óso sexa máis duro e forte ca a cartilaxe sen facerse crebadizo.

Hai dous tipos de tecido óseo: compacto e esponxoso. O óso compacto consta de estruturas repetidas chamadas osteonas, osteóns ou sistemas haversianos, que son a súa unidade funcional e anatómica. Cada osteona está formada por capas concéntricas de matriz mineralizada, chamadas laminiñas concéntricas, que se depositan arredor dun canal central, tamén chamado canal de Havers, que contén vasos sanguíneos e nervios. O tecido óseo esponxoso está formado por unha rede de trabéculas de tecido mineralizado, que deixan ocos entre elas cheos de medula ósea vermella[1][2].

Estrutura mineral do óso esponxoso da cadeira.
Sección do óso compacto no que se ve o sistema haversiano.

Matriz ósea

editar

A matriz ósea é a substancia intersticial do óso, entre a que están espalladas as células óseas, aínda que a matriz é a parte predominante. A matriz ten compoñentes orgánicos e inorgánicos. Os inorgánicos danlle ao óso a súa dureza e os orgánicos a súa elasticidade e forza tensil. Se só tivese material inorgánico o óso sería moi crebadizo, e se só tivese compoñentes orgánicos, tería moi pouca dureza.

Compoñentes inorgánicos

editar

A cantidade de materia mineral do óso en peso seco está entre o 50 e o 65% do total, pero en individuos con ósos desmineralizados, como os que padecen raquitismo ou osteomalacia pode chegar a ser de só o 35%.[3] Os compoñentes inorgánicos son os sales de fosfato cálcico que forman o mineral hidroxiapatito (Ca10[PO4]6[OH]2). Primeiro deposítase como hidroxiapatito amorfo e despois reordénase orixinando a forma cristalina. Os cristais dispóñense ordenadamente ao longo das fibras de coláxeno e son delgados cristaliños de 1,5-3 nm de grosor e 40 nm de longo. Tamén existe unha certa cantidade de ións carbonato, citrato, fluoruro, magnesio e sodio. Parece que o fluoruro pode substituír o OH nalgunhas moléculas de hidroxiapatita e que o carbonato pode situarse sobre a superficie dos cristais ou substituír o fosfato. Outros compoñentes inorgánicos son máis raros, pero poden incorporarse ao ósos se son inxeridos, como pasa co estroncio (Sr+) nas zonas contaminadas radioactivamente.

Compoñentes orgánicos

editar

Os compoñentes orgánicos son proteicos, fundamentalmente fibras de coláxeno, que están rodeadas por unha substancia fundamental na que abundan os glicosaminoglicanos. O coláxeno do tecido óseo é fundamentalmente de tipo I, pero cun maior grao de ligazón intermolecular ca o tipo I doutros tecidos, e está formado por fibras de 50-70 nm de diámetro estriadas transversamente. As fibras están moi ordenadas no óso maduro. Dentro de cada laminiña do sistema Haversiano son paralelas entre si, aínda que non teñen a mesma orientación ca as das laminiñas veciñas.

Células do tecido óseo

editar
 
Osteoblastos sintetizando o osteoide con dous osteocitos.
 
Osteoclasto multinucleado co seu citoplasma "escumoso".

Nos ósos podemos distinguir catro tipos de células: células osteoproxenitoras, osteoblastos, osteocitos e osteoclastos[3]. Só se indicarán as súas funcións e características máis básicas e remitimos aos artigos principais sobre elas.

As células osteoproxenitoras son células de orixe mesenquimática relativamente indiferenciadas, que conservan a capacidade de dividirse e diferenciarse. Atópanse nas superficies libres do óso, como o endósteo, parte interna do periósteo, no límite dos canais haversianos e nas metáfises. Están moi activas durante o crecemento e remodelación do óso e na curación de fracturas. Diferéncianse en osteoblastos, pero estes poden reverter a células osteoproxenitoras cando a osteoxénese remata.

Os osteoblastos son responsables da formación da matriz ósea, polo que se atopan nas zonas de crecemento do óso.

Os osteocitos son as células principais do óso situadas nas chamadas lagoas óseas do interior da matriz. Emiten prolongacións que atravesan os canalículos da matriz e conectan con outros osteocitos. Poden considerarse osteoblastos que quedaron rodeados de matriz e sufriron unha transformación. Cando se libera da súa lagoa durante a remodelación ósea, pode converterse en osteoblasto e célula proxenitora.

Os osteoclastos son células de gran tamaño multinucleadas, que se encontran en pequenas cavidades do óso chamadas lagoas de Howship, que teñen como función a reabsorción do óso. A célula ten un bordo con moitos pregamentos aplicada á superficie do óso, onde libera as substancias necesarias para a súa reabsorción. Nos se orixinan a partir das outras células do ósos, senón a partir da fusión de monocitos.

Hai dous tipos de tecido óseo: o tecido óseo compacto, e o esponxoso. O tecido óseo compacto forma a parte externa moi dura dos ósos (óso cortical), e o esponxoso é o óso trabecular das epífises e capa máis interna das diáfises.

Tecido óseo compacto

editar

O tecido óseo compacto ou laminar forma a diáfise dos óso longos e as capas externas dos demais ósos. O óso compacto está formado fundamentalmente pola matriz ósea mineralizada depositada en capas ou laminiñas de 3 a 7 microns de grosor. Na matriz hai pequenas cavidades (lagoas óseas) onde están situados os osteocitos e un complicado sistema de canais.

Sistemas de laminiñas

editar
 
Sección transversal de óso compacto, onde se aprecian as osteonas coas laminiña concéntricas e o canal de Havers no centro. Os puntos vermellos son osteocitos situados nas lagoas óseas desde as que parten os canalículos.

As laminiñas do tecido óseo compacto poden dispoñerse de tres maneiras[3]:

1) Laminiñas circunferenciais. Laminiñas que se estenden por toda a capa máis superficial do óso, tanto na parte externa por debaixo do periósteo coma pola interna por debaixo do endósteo (que recobre o oco da diáfise). Son láminas paralelas que se estenden ininterrompidamente por toda a circunferencia do óso.

2) Osteonas ou sistemas haversianos. Son a gran maioría e forman todo o interior da parede ósea. Son conxuntos cilíndricos de laminiñas dispostas concentricamente arredor dun canal central, chamado canal de Havers. Estas unidades cilíndricas poden ser longas, pero tamén se poden ramificar e anastomosar con outras. Nelas obsérvanse as lagoas óseas cos osteocitos e están atravesadas polos canalículos e polos canais de Volkman.

3) Sistemas intersticiais. Son fragmentos angulosos de laminiñas que enchen os ocos que quedan entre as osteonas. Os límites entre os sistemas intersticiais e as osteonas están ocupados polas chamadas liñas de cemento. Son restos de remodelacións óseas anteriores.

Sistemas de canais

editar

O tecido óseo compacto está atravesado por diversos canais, que son[3]:

1) Canais de Havers. Hai un canal de Havers no centro de cada osteona. É relativamente groso, de 22 a 110 micros de diámetro. Discorre, en xeral, lonxitudinalmente polo óso. No seu interior hai un ou dous vasos sanguíneos rodeados de tecido conxuntivo laxo, xeralmente capilares e vénulas, e ás veces arteriolas, polo que son canais vasculares. Arredor del dispóñense as laminiñas concéntricas das osteonas.

2) Canais de Volkman. Discorren, en xeral, transversalmente ou oblicuamente ás osteonas, atravesando as laminiñas. Conectan os canais de Havers entre si e cos vasos sanguíneos que entran no óso polo endósteo ou periósteo. Como levan vasos sanguíneos relativamente grosos son tamén canais de tipo vascular.

3) Canalículos. Son os canais máis finos, que están no interior da osteona e que a atravesan radialmente desde as lagoas óseas onde están os osteocitos. Non son canais vasculares, xa que non levan vasos sanguíneos, pero por eles discorren as finas prolongacións celulares dos osteocitos, por medio das cales os osteocitos conectan uns con outros e co canal central [4]. Son fundamentais para que os osteocitos non queden illados na matriz ósea (morrerían) e que poidan recibir nutrientes, osíxeno, hormonas etc.

Tecido óseo esponxoso

editar
 
Cabeza (epífise) do fémur cortada. No centro vese o tecido óseo esponxoso, con medula ósea. A circunferencia rosa clara externa é de óso compacto.

O tecido óseo esponxoso aparece nas epífises dos ósos longos, e no interior de ósos curtos, como as vértebras, e planos e na capa máis interna da diáfise dos ósos longos. Está moi vascularizado e xeralmente contén medula ósea vermella, onde ten lugar a formación das células sanguíneas (hematopoese). Comparado co óso compacto, ten unha maior área superficial e é moito menos denso e máis feble.

Está formado por óso laminar, pero que non forma osteonas, senón un conxunto de fragmentos angulosos de óso, que forman trabéculas, que non levan xealmente vasos sanguíneos no seu interior e deixan moitos ocos entre elas. As trabéculas son a súa unidade anatómica e fisiolóxica básica. Estas pezas angulosas de óso teñen osteocitos dentro de lagoas óseas e con canalículos que chegan á superficie das trabéculas.

Funcións

editar

O tecido óseo desempeña numerosas funcións, entre as que están: Funcións directas:

  • Dar soporte aos músculos e aos tecidos brandos.
  • Forman os ósos, que forman o sistema de pancas do esqueleto, que, movido polos músculos, permite os movementos.
  • Protexe moitos órganos vitais.
  • Almacena o fosfato de calcio e outros minerais.

Indirectamente:

  • O tecido óseo esponxoso contén a medula ósea, onde ter lugar a hematopoese ou formación de células sanguíneas.
  1. Henry Gray: Anatomy of the human body (Bartleby.com; Great Books Online)
  2. Eldra P. Solomon - Richard R. Schmidt - Peter J. Adragna : Human anatomy & physiology ed. 2nd 1990 (Sunders College Publishing, Philadelphia) ISBN 0 03 011914 6
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 D.W. Fawcett. Tratado de Histología. Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición (1987). Páxinas 199-217. ISBN 84-7605-361-4
  4. G. J. Romanes. Cunningham. Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc. Graw Hill. (1987). Páxina 79. ISBN 84-7605-359-2

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar