Tecido conxuntivo

(Redirección desde «Tecido conectivo»)

O tecido conxuntivo, tamén chamado tecido conectivo é un conxunto de tecidos orgánicos que serven de sostemento ao resto de tecidos e órganos. Cohesiona, separa e dá soporte aos paquetes vasculonerviosos. Deriva do mesoderma.[1]

Sección de epidídimo. O tecido conxuntivo (azul) rodea ao tecido epitelial (púrpura)

Os tecidos conxuntivos pódense agrupar en tecidos especializados e tecidos non especializados. O tecido conxuntivo non especializado, á súa vez, pode dividirse en tecido conxuntivo laxo e denso:

  • O tecido conxuntivo laxo abrangue o tecido conectivo mucoso, o tecido conxuntivo reticular e o tecido mesenquimal.
  • O tecido conxuntivo denso abrangue dous tipos: denso regular e denso irregular.

O tecido conxuntivo especializado abrangue o tecido adiposo, o tecido cartilaxinoso, o tecido óseo, o tecido hematopoético e o tecido sanguíneo.

Elementos do tecido conxuntivo

editar

Hai tres compoñentes principais neste tecido: a substancia fundamental, as febras diversas (ambas constitúen a matriz extracelular) e unha serie de células. A matriz extracelular é moi abondosa nestes tecidos, mentres que as células distribúense de xeito máis ou menos disperso na matriz e son as responsabeis da secreción local desta.[2]

Substancia fundamental

editar

A substancia fundamental é un compoñente básico do tecido conxuntivo, de consistencia xelatinosa. Rodea e serve coma recheo para as células e febras do tecido. Permite o transporte de nutrientes e outras substancias cara ás células.

Está composto por proteínas e glicosaminoglicanos (condroitín sulfato, heparán sulfato, queratán sulfato e ácido hialurónico). Os glicosaminoglicanos están formados por polisacáridos unidos a proteínas, posteriormente con reacción ácida. Posúen numerosos anións, que captan sodio e arrastran auga por solvatación.

Para a preparación histolóxica non pode producirse lavando con auga. Hai que optar por:

  • fixación con vapores de éter-formaldehido de cortes conxelados para microscopía óptica; ou ben
  • conxelación presurizada + criosubstitución + inclusión a baixa temperatura para microscopía electrónica

As tincións máis axeitadas son: ácido periódico de Schiff, ferro coloidal etc.

Fibras

editar

No tecido conxuntivo a matriz extracelular é rica en diversos polímeros de estrutura fibrosa, sendo estas fibras as que soportan as tensións no tecido.[2]

Existen diferentes tipos de febras: fibras de coláxeno, fibras elásticas e microfebras. As fibras de coláxeno existen en diversos tecidos e achegan grande estabilidade e resistencia ao tecido. Particularmente áchanse elevadas cantidades destas fibras nos tendóns, fascias e outras estruturas fibrosas. As fibras elásticas, compostas pola proteína elastina, conforman unha rede que confire ao tecido unha gran elasticidade, limitada polas fibras inelásticas de coláxeno para previr roturas.[3]

Células

editar

A familia de células do tecido conxuntivo reciben diferentes nomes segundo o tipo de tecido: fibroblastos, osteoblastos ou osteocitos (tecido óseo), condrocitos (tecido cartilaxinoso) ou adipocitos (tecido adiposo), sendo os fibroblastos as células menos especializadas e capaces de transformarse en calquera dos outros membros da familia. Todos estes tipos celulares teñen unha orixe común e teñen un alto grado de interconversión, é dicir, pódense transformar unhas noutras en certo grado. Están especializadas na secreción da matriz extracelular, polo que teñen un papel principal tanto na construción do soporte arquitectónico do corpo dos vertebrados coma na reparación da maior parte dos tecidos e órganos en resposta a lesións.[4]

  1. Dorland (1986). Dicionario enciclopédico ilustrado de medicina (en castelán) 3 (26 ed.). Madrid: Interamericana - W.B. Saunders. p. 1547. ISBN 84-7605-223-5. 
  2. 2,0 2,1 Alberts, Bruce (1992). Omega, ed. Biología molecular de la célula (en castelán). p. 843. ISBN 84-282-0896-4. 
  3. Alberts, Bruce (1992). Omega, ed. Biología molecular de la célula (en castelán). pp. 869–70. ISBN 84-282-0896-4. 
  4. Alberts, Bruce (1992). Omega, ed. Biología molecular de la célula (en castelán). pp. 1050–3. ISBN 84-282-0896-4. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Paniagua Gómez-Álvarez, Ricardo (2002). Citología e histología vegetal y animal (en castelán) (3ª ed.). Madrid: McGraw-Hill - Interamericana de España, S.A.U. pp. 475, 577–609. ISBN 84-481-9984-7.