Fémur

óso da perna

O fémur é o óso máis longo e máis voluminoso do corpo humano, e localízase na coxa.

Fémur
Fémur, vista posterior
Fémur, vista anterior
Latín Os femoris
Gray tema #59 242
Articulacións
*Coxofemoral: Acetábulo da pelve

Tamén é o óso máis resistente. O fémur consiste nunha diáfise central, na epífise proximal que se prolonga, a través dun pescozo, até unha cabeza (esférica) —que o articula co óso do cadril— e na epífise distal que se divide en dous cóndilos, que se ligan á tibia e á rótula.

Unha persoa de 1,80 m ten un fémur de aproximadamente 50 cm.

O fémur presenta tres caras (anterior, externa e interna) e tres beirass (posterior, externa e interna) na súa diáfise.

Diáfise femoral

editar
  • Cara anterior: no nivel máis fondo insírese o músculo tensor da sinovial do xeonllo. Por enriba del pasa sen inserirse o músculo cadrado femoral, cuxa orixe sitúase na tuberosidade isquiática do coxal. Máis superficialmente atopamos o músculo recto anterior da coxa. Este músculo ten a súa inserción superior no coxal, a través de dous tendóns. Un tendón directo que se insire na espiña ilíaca anterosuperior.
  • Cara interna e externa: non prestan insercións musculares, pero si atopamos os músculos vasto externo e interno. Estes dous músculos, cuxa orixe está no bordo posterior, forman xunto co cadrado femoral e co recto anterior da coxa, o tendón do cuadríceps, que termina na cara anterior da rótula.
  • Bordos externo e interno: relaciónase co paso dos músculos das caras laterais e o cadrado femoral.
  • Bordo posterior: consta de dous beizos e un intersticio. Ambos beizos na epífese inferior divídense orixinando os cóndilos femorais. Delimitan nesta zona inferior un triángulo: o triángulo poplíteo. Cara a epífise proximal os beizos trifúrcanse formando tres cristas. A externa presta inserción ó músculo glúteo maior, a media ó músculo pectíneo (por debaixo do trocánter menor); a interna ó vasto interno.

No intersticio insírense os músculos adductores, cuxa orixe atópase no bordo inferior do coxal, na parte anterior do isquion e pube. Tamén se insire aquí a porción curta do bíceps femoral.

Epífise proximal

editar

Consta de varias estruturas. Unha parte delas, articulares (articulación coxofemoral) e outra parte delas destinadas a insercións musculares.

  • Cabeza femoral: anaco de esfera destinado á articulación coxofemoral. Case todo el é articular, agás unha pequena fosa, destinada á inserción do ligamento redondo, que forma parte da articulación anterior. Este ligamento vai dende a cabeza á cavidade cotiloidea do coxal. Emite un segundo ligamento: o ligamento isquiopubiano.
  • Pescozo anatómico: presta inserción á cápsula articular da coxofemoral.
  • Trocánter maior: relevo óseo a nivel posteroexterno. Nel insértanse unha serie de músculos pelvitrocantéreos. Na cara interna atopamos unha fosiña onde se insertan caudalmente os músculos: obturador externo, obturador interno, xéminos superior e inferior. Estes tres últimos músculos proveñen os tres xuntos dende a incisura ciática menor, e únense nun único tendón.

Na cara externa insértanse os músculos glúteo mediano e maior, nesta orde. Cada un deles axudado por unha bolsa de deslizamento. No bordo superior insértase o músculo piramidal da pelve; no bordo inferior o glúteo maior; no bordo anterior o glúteo menor e no bordo posterior o cadrado femoral.

  • Trocánter menor: insértase caudalmente o músculo psoas-ilíaco e por debaixo o músculo pectíneo.
  • Pescozo cirúrxico: zona de transición epífiso-diafisaria.

Epífise distal

editar

A epífise distal contén unha serie de estruturas que forman parte do xeonllo, son os cóndilos femorais. Estúdianse seis caras:

  • Cara superior: continúase co resto do óso.
  • Cara inferior: forma parte da cámara proximal do xeonllo. Únense á cara superior dos meniscos.
  • Cara anterior: presenta un pequeno canal para o deslizamento da rótula. É unha cara chá, sen eminencias.
  • Cara posterior: presta inserción a dous ligamentos estabilizadores do xeonllo: os ligamentos cruzados anterior e posterior. O anterior vai do cóndilo externo á superficie preespinosa da tibia. O posterior vai do cóndilo interno á superficie retroespinosa da tibia.
  • Cara cutánea interna: non é unha superficie articular. Presta inserción ós múculos: xemelgo interno, plantar delgado e o addutor mediano ou terceiro addutor (inserción distal). Tamén se inserta o ligamento lateral interno do xeonllo.
  • Cara cutánea externa: non é unha superficie articular. Presta inserción ós múculos: xemelgo externo e poplíteo. Tamén ó ligamento lateral externo do xeonllo.