Pelve
A pelve é a rexión anatómica máis inferior do tronco. É unha cavidade con forma de funil osteomuscular que se estreita cara a abaixo, limitada polo óso sacro, o cóccix e os coxais (que forman a cintura pélvica) e os músculos da parede abdominal inferior e do perineo.
Pelve | ||
---|---|---|
Pelve ósea masculina, vista frontal. Predomina a dimensión vertical. | ||
Pelve ósea feminina, vista frontal. Predomina a dimensión transversal. | ||
Latín | TA: pelvis | |
Gray | tema #57 236 |
Xenericamente, o termo pelve úsase incorrectamente para denominar a cintura pelviana ou pélvica, como se explicará máis adiante.
Topograficamente, a pelve divídese en dúas rexións: a pelve maior (tamén se lle pode chamar pelve falsa) e a pelve menor (ou pelve verdadeira). A pelve maior, coas súas paredes alargadas é solidaria cara a adiante coa rexión abdominal inferior, as fosas ilíacas e o hipogastrio. Contén parte das vísceras abdominais. A pelve menor, a parte máis estreita do funil, contén a vexiga urinaria, os órganos xenitais, e a parte terminal do tubo dixestivo (recto e ano).
Pélve ósea
editarOs ósos ilíacos (coxais), o sacro e o cóccix articulados entre si forman a pelve ósea, en referencia á estrutura ósea da pelve. Polo contrario, cintura pelviana ou pélvica implica unha referencia morfofisiolóxica á parte da pelve que participa na articulación do membro inferior, é dicir os coxais. A cintura pelviana ten o seu homólogo no membro superior: a cintura escapular.
Este conxunto óseo cumpre varias funcións: dá soporte mecánico e protección aos órganos pelvianos e do baixo ventre; articula os membros inferiores á porción inferior do tronco; permite a biodinámica da bipedestación etc.
Na pelve ósea poden describirse dúas superficies e dúas aberturas: superficie exterior, superficie interior, abertura superior e abertura inferior.
Superficie exterior
editar- Parte anterolateral: sínfise pubiana, lámina cuadrilátera, raza horizontal e descendente da pube, e burato isquiopubiano.
- Parte lateral: fosa ilíaca externa, cavidade cotiloidea, rama descendente do isquio e tuberosidade isquiática.
- Parte posterior: cara posterior do óso sacro e do cóccix.
Superficie interior
editarA cavidade que limita a superficie interior está dividida en dúas partes por un relevo case circular chamado estreito superior: unha parte superior ou pelve maior e unha parte inferior ou pelve menor ou escavación pélvica (cavum pelvis).
Articulacións da pelve ósea
editarVariacións da pelve ósea segundo o sexo
editarNa muller
editar- As paredes da pelve son menos grosas ca no home.
- A sínfise pubiana está a unha altura menor.
- Máis larga, máis curta e máis aberta.
Contido da pelve
editarA pelve pode dividirse en dúas porcións, unha superior e outra inferior, ao trazarmos unha liña oblicua e curvada denominada liña iliopectínea. A parte superior desa liña denomínase pelve maior ou pelve falsa e a porción inferior á liña iliopectínea coñécese como pelve menor ou pelve verdadeira.[1]
Pelve maior
editarA cavidade da pelve falsa sitúase por riba da liña terminal e, por tanto, da pelve menor ou pelve verdadeira. Contén as vísceras intestinais non contidas na pelve menor e, no embarazo, ao útero grávido. Non ten importancia en obstetricia, aínda que ten certa aplicación en cirurxía pelviana. Os seus límites son:
- Cara aos lados, as fosas ilíacas.
- Cara a atrás, as dúas últimas vértebras lumbares.
- Cara a adiante, a parte inferior da parede anterior do abdome.
Pelve menor
editarA cavidade da pelve verdadeira vai desde a sínfise pubiana, rodeando a superficie interna do ilio por unha liña imaxinaria, chamada liña arcuata, arqueada ou innominada,[2] ata o promontorio do óso sacro. Dentro desta cavidade sitúanse parte do colon, o recto na parte posterior da pelve, a vexiga na parte anterior xusto detrás da sínfise pubiana e, na pelve feminina non operada, a vaxina e o útero que se sitúan entre o recto e a vexiga.
A pelve verdadeira é unha especie de cilindro irregular cunha leve concavidade anterior. Neste espazo estúdanse varios estreitos ou orificios, un de entrada ou superior, un de saída ou inferior e, entre os dous, a escavación pelviana. Na escavación pelviana é de importancia o punto en que as dimensións do diámetro son menores, coñecido como estreito medio.
Estreito superior
editarÉ o orificio de entrada á pelve desde o abdome e delimitada por:
- O bordo superior da sínfise pubiana, que se continúa co bordo superior das ramas horizontais da pube.
- A eminencia iliopectínea que ten continuidade coa liña innominada ou liña terminal.
- A articulación ou sincondrose sacroilíaca.
- O alerón do óso sacro que remata no promontorio sacro.
Diámetro anteroposterior
editarSon tres diámetros, todos comezan desde o promontorio do óso sacro e terminan en puntos diferentes da sínfise pubiana.
- Diámetro suprapúbico ou conxugado verdadeiro, que termina no bordo superior da sínfise pubiana e é o primeiro diámetro da pelve que atravesa o feto durante o parto. O valor mínimo normal deste diámetro na pelve feminina é de 11 cm.
- Diámetro retropúbico ou conxugado obstétrico, que termina nunha eminencia (chamada culmen retropubiana) situada na unión do terzo superior cos 2/3 inferiores da sínfise pubiana. É o diámetro de menor lonxitude do estreito superior; mide 10,5 cm.
- Diámetro subpúbico ou conxugado diagonal, que termina no bordo inferior da sínfise pubiana e mide na pelve feminina 12 cm normalmente.
Diámetro transversal
editarAtravesa a pelve dun lado ao outro desde a liña innominada dun lado ata o punto oposto do outro lado, nun punto intermedio entre a sincondrose sacroilíaca e a eminencia ileopectínea. A súa lonxitude na pelve feminina é duns 13 cm.
Diámetro oblicuo
editarEsténdese desde a articulación sacroilíaca dun lado ata a eminencia ileopectínea do lado oposto e mide, na pelve feminina, uns 13 cm.
Estreito medio
editarÉ un orificio imaxinario que ocupa a escavación pélvica de grande importancia en obstetricia, porque neste punto a pelve feminina adoita presentar unha marcada redución de diámetros. Os puntos de referencia e os límites son:
- Cara a adiante o bordo inferior da sínfise pubiana e percorre polo terzo inferior da cara interna do corpo da pube.
- Lateralmente, a espiña ciática, pasando pola parte media do burato ciático maior e, pasada a espiña ciática, percorre o ligamento ciático maior.
- Cara a atrás, corta o sacro na súa cara anterior, aproximadamente entre 1 e 2 cm por encima da punta do sacro.
Diámetro anteroposterior
editarComeza no culmen retropubiano (1 cm por debaixo da sínfise pubiana) ata o promontorio e mide, na pelve feminina, 10,5 cm. É un diámetro importante porque del depende que o feto poida encaixar, é dicir, introducirse na escavación.
Diámetro transversal
editarÉ un dos diámetros e puntos de referencia obstétricos de maior importancia, chamado diámetro biciático ou biespiñoso, porque vai dunha espiña ciática á do lado oposto. A súa lonxitude na pelve feminina é duns 10,5 cm.
Estreito inferior
editarO estreito máis inferior da cavidade pélvica ten forma romboidal debido a que os puntos de referencia laterais (as tuberosidades isquiáticas) están a unha altura maior ca o plano anteroposterior, formando así dous triángulos imaxinarios, un anterior e outro posterior. Os límites do estreito inferior son:
- Bordo inferior da sínfise pubiana e percorre o bordo inferior da mesma;
- Parte máis inferior e interna das ramas isquiopubianas e das tuberosidades isquiáticas;
- Ligamento sacrociático maior ata a punta do óso sacro.
Diámetros anteroposteriores
editarSubsacrosubpubiano: esténdese desde a articulación sacrococcíxea deica o bordo inferior da pube e mide 11 cm.
Subcoccixsubpubiano: esténdese desde o extremo inferior do cóccix ata o bordo inferior da pube e mide 9 cm. Coa retronutación do cóccix, que se produce unicamente na defecación e no parto, pode chegar a medir 11 cm.
Diámetro transversal
editarChamado tamén biisquiático ou bituberoso, porque se estende desde a parte inferior e interna dunha tuberosidade isquiática ata a homóloga do lado oposto. A súa lonxitude na pelve feminina é duns 10,5 cm.
Clasificación
editarDesde o punto de vista clínico, de especial importancia en obstetricia, a pelve pode clasificarse en varios tipos, segundo a súa forma:
Pelve xinecoide (50%)
editarÉ a pelve máis favorable para o parto natural.
- Estreitos. O estreito superior ten forma lixeiramente ovoide, co segmento anterior amplo e arredondado, igual o segmento posterior e o diámetro transverso en forma arredondada ou lixeiramente elíptico.
- Sacro. A curva e inclinación do óso sacro son de características medianas e as incisuras sacrociáticas son de amplitude mediana.
- Pube. O ángulo subpubiano é amplo e arredondado con paredes laterais paralelas e ramas isquipubianas arqueadas.
- Diámetros. O diámetro interespiñoso (biciático) amplo e moi similar ao diámetro intertuberoso (bituberoso, entre unha tuberosidade isquiática e a oposta), tamén amplo, ambos os dous duns 10,5 cm.
Pelve androide
editarÉ a forma característica da pelve masculina, e cando se encontra en mulleres, é máis común na raza branca. Os diámetros da pelve androide caracterízanse por ter un diámetro transversal acurtado pola converxencia das paredes da pelve, así como un diámtero anteroposterior acurtado pola inclinación cara a adiante do óso sacro. Este tipo de pelve non é nada favorable para un parto natural.
- Estreitos. O estreito superior ten forma triangular, o segmento anterior (o arco que forma a cara posterior do óso pube) é agudo e estreito e o segmento posterior (o arco que forma a cara anterior do óso sacro) amplo, pero aplanado posteriormente e ocasionalmente con saída do promontorio e os aleróns do ósos sacro.
- Sacro. Incisuras ciáticas estreitas, inclinación do sacro cara a adiante (en anteversión), as espiñas ciáticas son saíntes e bicudas.
- Pube. Paredes pelvianas converxentes cara á pube, máis ampla a parede posterior. As ramas isqiuopubianas rectas, con ángulo subpúbico agudo e estreito.
- Diámetros. Tanto o diámetro interespiñoso coma o intertuberoso son curtos.
Pelve antropoide
editarTen a forma da pelve xinecoide rotada 90 graos, é dicir un óvalo ou elipse anteroposterior, común en mulleres de raza negra.
- Estreitos. O estreito superior é oval anteroposteriormente, co segmento anterior e o posterior longos e estreitos pero lixeiramente arredondados.
- Sacro. As incisuras sacrociáticas son amplas, o óso sacro é longo e estreito cunha curvatura marcada por inclinación do sacro cara a atrás.
- Pube. As paredes laterais da pelve en dirección ao óso pubiano son paralelas unha coa outra. O ángulo subpubiano é lixeiramente estreito e as ramas isquiopubianas levemente arqueadas.
- Diámetros. Os diámetros interespiñoso e intertuberoso son curtos, mentres que os diámetros anteroposteriores son amplos.
Pelve platipeloide (3%)
editar- Estreitos. O estreito superior é oval en sentido transverso, co segmento anterior e o posterior amplos e arredondados.
- Sacro. As incisuras sacrociáticas son estreitas, con mediana inclinación da curvatura do óso sacro.
- Pube. O ángulo subpubiano é moi amplo e arredondado e as ramas isquiopubianas moi arqueadas.
- Diámetros. Os diámetros interespiñoso e intertuberoso son moi amplos, mentres que os diámetros anteroposteriores son curtos.
Notas
editar- ↑ Instituto Químico Biológico. "Diccionario Ilustrado de Términos Médicos: Línea iliopectínea." (en español). Consultado o 7 de xaneiro de 2008.
Liña iliopectínea: liña que limita o estreito superior da pelve.
- ↑ Kirschner, Celeste G. (2005). American medical association, ed. Netter's Atlas Of Human Anatomy For CPT Coding. Chicago. p. 274. ISBN 1-57947-669-4.
- ↑ Caldwell-Moloy pelvic classification - The Free Dictionary