Mesencéfalo

O mesencéfalo ou encéfalo medio é unha porción do encéfalo situada entre a rexión talámica (diencéfalo) e a rexión da ponte de Varolio e cerebelo (metencéfalo), que está asociada con certos aspectos da visión, audición, control motor, sono e vixilia, excitación (estado de alerta), e regulación da temperatura.[1]

Vista inferior do encéfalo. O mesencéfalo (2) está encima do número 3, que é a ponte de Varolio.
Vista posterior: A = tálamo humano, B = mesencéfalo, C = ponte de Varolio, D = bulbo raquídeo.
Esquema do encéfalo dun embrión de 4 semanas.
Esquema das subdivisións do encéfalo dun vertebrado co mesencéfalo en azul.
Mesencéfalo en vermello. Premer sobre a imaxe para vela en movemento.

Anatomicamente, comprende o téctum (ou tubérculos cuadrixéminos), o tegmentum, o acueduto de Silvio, e os pedúnculos cerebrais, xunto con diversos núcleos e fascículos. O mesencéfalo está situado debaixo do córtex cerebral, e sobre o rombencéfalo, polo que está preto do centro do encéfalo.[2] Considérase parte do tronco cerebral.

DesenvolvementoEditar

Durante o desenvolvemento embrionario, o mesencéfalo orixínase a partir da segunda vesícula que se forma no extremo anterior do tubo neural. A diferenza das outras dúas vesículas, o prosencéfalo e o rombencéfalo, o mesencéfalo non se divide ulteriormente durante o resto do desenvolvemento neural, e non forma novas áreas encefálicas.[3]

Ao longo do desenvolvemento embrionario, as células do mesencéfalo multiplícanse continuamente e comprimen o acueduto de Silvio (ou acueduto cerebral) que está en formación. A obstrución parcial ou total do acueduto de Silvio durante o desenvolvemento pode orixinar o hidrocéfalo conxénito.[4]

FunciónsEditar

Leva impulsos motores desde o córtex cerebral ata a ponte de Varolio e impulsos sensitivos desde a medula espiñal ata o tálamo.

Os tubérculos cuadrixéminos superiores coordinan os movementos dos globos oculares en resposta a estímulos visuais e a outros estímulos, e os tubérculos cuadrixéminos inferiores coordinan os movementos da cabeza e tronco en resposta a estímulos auditivos.

Contén o núcleo de orixe dos nervios craniais dos pares III (nervio oculomotor) e IV (nervio patético ou troclear).

O mesencéfalo considérase parte do tronco cerebral. A súa substancia negra está asociada coas vías do sistema motor dos ganglios basais. O mesencéfalo humano orixínase no arquipalio, o que significa que a súa arquitectura xeral xa se observa nos vertebrados máis antigos. A dopamina producida na substancia negra e área tegmental ventral ten unha función na motivación e habituación en diferentes especies desde animais máis simples como os insectos ata os mamíferos como os humanos. O mesencéfalo intervén no relevo da información da visión e audición.

AnatomíaEditar

O límite coa ponte de Varolio está ben definido, polo suco pontomensencefálico e o límite superior está determinado polas cintiñas ópticas. Está atravesado por un conduto estreito, o acueduto de Silvio (acueduto cerebral), por onde circula o líquido cefalorraquídeo desde o terceiro cara ao cuarto ventrículo. Está integrado polo tectum (teito) que se localiza na porción dorsal do mesencefalo, e o tegmentum (tegmento), que é a porción do mesencefalo situada debaixo do tectum. Incúe no seu espesor varios núcleos que controlan os movementos oculares: a substancia gris periacuedutal (constituída por corpos celulares de neuronas), o núcleo vermello, e a substancia negra, que son compoñentes importantes do sistema motor.

No mesencéfalo poden describirse tres caras:

  • Anterior. Nela obsérvase na liña media unha depresión profunda, a fosa interpeduncular, limitada a cada lado polo pedúnculo cerebral, formándose un espazo triangular de base superior, formado polo quiasma óptico e as cintiñas ópticas. Na parte anterior encontramos o tuber cinereum e na parte posterior existe unha zona perforada por pequenos vasos sanguíneos, de cor cincenta, denominada substancia perforada posterior, limitada cara arriba polos tubérculos mamilares. Nun pequeno suco situado no lado medial do pé do pedúnculo cerebral ten a súa orixe aparente o nervio oculomotor ou III par cranial.
  • Lateral. Por ela ascenden os brazos conxuntivais superior e inferior cunha dirección anterolateral. O brazo conxuntival superior conecta o tubérculo cuadrixémino anterior co corpo xeniculado lateral ou externo e a cintiña óptica. O brazo conxuntival inferior conecta o tubérculo cuadrixémino posterior co corpo xeniculado medial ou interno. Máis atrás hai un suco proundo, o suco lateral do istmo, que marca a beira inferior do pedúnculo cerebeloso superior e divide o pedúnculo cerebral en dúas zonas: unha anterior ou pé e outra posterior ou calota, de forma triangular e constitúe o triángulo de Reil.
  • Posterior. Alí encóntranse os catro colículos ou tubérculos cuadrixéminos, que son eminencias arredondadas divididas en pares anteriores ou superiores (centros reflexos visuais) e posteriores ou inferiores (centros reflexos auditivos) polo suco cruciforme cuxo extremo anterior está en relación coa epífise e o seu extemo posterior relaciónase co vértice dunha lámina nerviosa triangular moi delgada situada no vértice anterosuperior do 4º ventrículo entre os pedúnculos cerebelosos superiores, a válvula de Vieussens. A este nivel, por debaixo do tubérculo cuadrixémino posterior ten a súa orixe aparente o nervio patético ou troclear (IV par cranial).

Tubérculos cuadrixéminosEditar

Os tubérculos cuadrixéminos son catro lóbulos sólidos sobre o lado dorsal do acueduto cerebral ou de Silvio. O par posterior superior está formado polos colículos superiores e o par posterior inferior polos colículos inferiores. Os catro lóbulos sólidos contribúen a decusar varias fibras dos nervios ópticos. Porén, algunhas fibras tamén discorren paralelas polo seu mesmo lado sen decusar (cruzar) ao lado contrario. O colículo superior está implicado nos movementos oculares sacádicos; e o inferior é o lugar onde fan sinapse as informacións sonoras. O nervio troclear sae da superficie posterior do mesencéfalo, por debaixo dos colículos inferiores.

Pedúnculos cerebraisEditar

Os pedúnculos cerebrais son estruturas pares presentes no lado ventral do acueduto cerebral, e levan o tegmentum no lado dorsal e a crista ou pé no lado ventral. A parte media dos pedúnculos cerebrais leva substancia ou materia negra, que é un tipo de núcleo basal. É a única parte do encéfalo que leva o pigmento melanina, o que lle dá a súa cor.

Entre os pedúnculos está a fosa interpeduncular, que é unha cisterna chea de líquido cefalorraquídeo. O nervio oculomotor sae ente os pedúnculos, e o nervio patético ou troclear é visible envolvéndose arredor da parte exterior dos pedúnculos. O nervio oculomotor é o responsable da constrición pupilar (parasimpática) e de certos movementos oculares.[5]

Anatomía dunha sección do mesencéfaloEditar

 
Corte do mesencéfalo.

O mesencéfalo secciónase xeralmente a nivel dos colículos superiores e inferiores.

OrganizaciónEditar

NotasEditar

  1. Breedlove, Watson, & Rosenzweig. Biological Psychology, 6th Edition, 2010, pp. 45-46
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2011. Consultado o 06 de setembro de 2013. 
  3. Martin. Neuroanatomy Text and Atlas, Second Edition, 1996, pp. 35-36.
  4. "Hydrocephalus Fact Sheet". National Institute of Neurological Disorders and Stroke. 2008-02. Arquivado dende o orixinal o 27 de xullo de 2016. Consultado o 2011-03-23. 
  5. Haines, Duane E. (2012). Neuroanatomy : an atlas of structures, sections, and systems (8th ed. ed.). Philadelphia: Wolters Kluwer/ Lippincott Williams & Wilkins Health. pp. 42. ISBN 978-1-60547-653-7. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Martin. Neuroanatomy Text and Atlas, Second edition. 1996, pp. 522-525.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar