Batracóididos
Os Batracóididos (Batrachoididae) ou peixes sapo son unha familia de peixes teleósteos, a única familia da orde Batrachoidiformes. Son peixes mariños, moi comúns nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico, pero tamén con raras especies de auga doce. Tanto o nome común como o científico aluden ó seu parecido con certos anfibios.
Características
editarSon de tamaño pequeno a mediano (cun máximo de 57 cm) e cunha forma característica: cabeza grande e corpo esmagado, moitas veces con barbas ou outros apéndices. Normalmente carecen de escamas, aínda que algúns presentan escamas de tipo cicloide. Os ollos sitúanse en posición máis dorsal que lateral; a boca, grande, está rodeada de premaxilar e maxilar.
Teñen dúas aletas dorsais con fortes espiñas, aletas pélvicas por diante das pectorais, tamén con algúns radios espiñosos. Posúen vexiga natatoria e unha ou máis liñas laterais na cabeza e no corpo.
Aliméntanse preferentemente de moluscos e crustáceos, que cazan ó axexo, pousados e camuflados no fondo; tamén de invertebrados e outros peixes. A cor do corpo, normalmente marrón con puntos ou manchas negras, permite mimetizarse co fondo, pero outras especies que viven en arrecifes de coral presentan cores chamativas.
Os exemplares da subfamilia Porichthyinae posúen fotóforos no lateral, que producen bioluminescencia.
Clasificación
editarDivídense en 3 subfamilias e 20 xéneros:
- Subfamilia Batrachoidinae (os máis comúns e máis estendidos)
- Subfamilia Porichthyinae
- Subfamilia Thalassophryninae
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Batracóididos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Batracóididos |