Faneca
Faneca Trisopterus luscus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Trisopterus luscus (Linnaeus, 1758) |
A faneca (Trisopterus luscus L., antes Gadus luscus L.) é un peixe mariño da familia dos gádidos (Gadidae), de pequeno tamaño e comestíbel.
Distribución
editarA faneca vive en augas relativamente pouco profundas, entre 30 e 100 m, do Atlántico noroccidental desde as inmediacións de Dinamarca, pasando polas costas das illas Británicas e a Península Ibérica, até a costa norteafricana. Vive tamén no Mediterráneo occidental.
Aínda que vive polo xeral afastado das costas, achégase a elas para desovar, meténdose daquela en profundidades inferiores aos 50 m, sendo entón doado atopala preto das rochas e fondos areosos do litoral. É un peixe gregario.
Descrición
editarÉ un peixe fusiforme, en xeral de tamaño pequeno ou mediano, aínda que algúns individuos adultos poden achegarse até os 45 cm de lonxitude[1]. Característica acusada é o desenvolvemento de barba no queixo, o que fai que tamén se lle denomine faneca barbuda ou, sinxelamente, barbuda. A pel presenta pequenas escamas. Ten tres aletas dorsais e dúas anais. A cor é predominantemente acastañada clara no dorso, e prateada na parte ventral, presentando lateralmente catro ou cinco franxas verticais algo máis escuras.
Reprodución
editarReprodúcese durante a primavera, en augas polo xeral de menos de 50 m de profundidade. Os ovos son indiferenciábeles do plancto. A larva xorde logo de 10 ou 12 días, e adoita pasar a vivir nos rochedos e areais achegados á costa.
Alimentación
editarCome pequenos crustáceos e peixiños, moluscos e poliquetos.
Pesca e aproveitamento
editarA faneca péscase con artes variadas desde arrastre a liña. Non é un peixe demasiado apreciado e, polo tanto tampouco buscado polo pescador, pois só ben fresco a súa carne, clara de cor, é saborosa, pero deteriórase moi logo; por outra banda é algo espiñento. En fresco, polo menos, en Galicia, logo de raspar as escamas, é comido despois de fritido lixeiramente, e previamente rebozado en fariña.
Etimoloxía
editarDo árabe fanâk "unha especie de garduña aficana", étimo primeiramente proposto por P. Barbier a inicios do século XX e aceptado por Antón Santamarina para o galego[2].
Outros nomes
editarÁ parte de faneca, que é o máis estendido (con faneca barbuda) denomínase tamén fodón, o de tamaño pequeno (nome máis habitual para o Gadus minutus), e con maiores dúbidas desígnase como bicallo e basoca.[3].
Noutros idiomas denomínase: faneca en castelán e portugués; mòllera fosca en catalán; paneka handia en vasco; gode, barraud, plouse, officier e tacaud en francés; bib, pout e pouting en inglés; Bartdorsch e Franzosendorsch en alemán; steenbolk en holandés da variedade flamenga.
Notas
editar- ↑ 46 cm en individuo maduro de catro anos; ver abaixo a ligazón externa en FishBase
- ↑ Cfr. Ríos Panisse, M.C., Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. Santiago. Universidad de Santiago de Compostela. 1977, páxs. 388-389
- ↑ Cfr. Ríos Panisse, ibídem, páxs. 394-395. Tamén dá o nome de Puta descalsa, recollido en Cesantes (Redondela) e engade que "Desconozco por qué se le aplica este nombre. Ahora bien, teniendo en cuenta que los marineros dividen las fanecas en dos tipos fundamentalmente, la macho y la hembra, si a la macho llaman fodón [...] el correlato esperado para la faneca hembra es el de puta. También el castellano conoce este nombre: puta en cueros".
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Faneca |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Faneca |
Ligazóns externas
editar- Información en FishBase (en inglés)
- Fichas de diferenciación e recoñecemento de especies pesqueiras do mercado galego Xunta de Galicia.
- Xunta de Galicia (ed.). "Anuario de Pesca de Galicia 2017". pescadegalicia.gal. Consultado o 07 de decembro de 2018.