Trisopterus é un xénero de peixes osteíctios da orde dos gadiformes e familia dos gádidos.[1]

O nome do xénero deriva do grego antigo τρίς trís, tres, o elemento -o- (para facilitar a pronuncia), e πτερόν pterón, á, aludindo ás tres aletas dorsais que presentan estes peixes.[2]

Catacterísticas editar

As especies do xénero teñen a aperencia dun bacallau en miniatura, co dorso de cor vaca marela, máis ou menos escura.

Teñen tres aletas dorsais e dúas aletas anais, e presentan unha barbela no mento.

Distribución, hábitat e alimentación editar

As especies de Trispopterus están difundidas polo Atlántico nororiental, desde Islandia e o mar de Barents a Marrocos, e polo Mediterráneo.

Son peixes demersais que viven nas zonas infralitoral e circalitoral.

Aliméntanse de peixiños e invertebrados bentónicos.

Especies editar

 
Trisopterus minutus.

No xénero recoñécense as seguintes especies:[1]

Porén, algúns autores consideran, ademais, a especie

  • Trisopterus capelanus (Lacepède, 1800) = Gadus capelanus Lacepède, 1800,[3] que, para a maioría dos ictiólogos é unha subespecie de T. minutus, a Trisopterus minutus capelanus.[4]

Pesca editar

Algunhas especies son obxecto de pesca comercial, con artes de arrastre (Trisopterus minutus, Trisopterus esmarkii), sobre todo para a fabricación de fariña de peixe, aínda que T. minutus tamén se aproveita para o consumo humano nalgúns países do sur de Europa.[5]

Pola súa parte, Trisopterus luscus é obxecto de activa pesca en Galicia nas costas e nas Rías Baixas, con tramallos,[6] á liña e, en ocasións, ao arrastre, xa que é unha especie moi abundante nas nosas augas e moi prezada gastronomicamente.[7]

En Galicia editar

Nas augas galegas, das tres especies aceptadas pola comunidade científica, están citadas dúas:[7][8][9]

  • Trisopterus luscus, coñecida entre nós como faneca, e
  • Trisopterus minutus, o fodón, así chamado porque vive xunto coa faneca auténtica pero, ao contrario desta, morde con máis dificultade os anzois e, se o fai, é para devorar a carnada, pero sen quedar enganchado, o que causa a desesperación dos pescadores á liña.[10]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Trisopterus Rafinesque, 1814 en SIIT. (en inglés)
  2. "Trispoterus". Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2007. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  3. Trisdopterus capelanus en WoRMS. (en inglés)
  4. Trispterus minutus capelanus en NCBI. (en inglés)
  5. Muus, Bent J. el al. (1998), pp. 125 e 129.
  6. "O ollomol e a faneca péscanse con tramallo", di o dicionario da RAG, que define esta arte como "Aparello de pesca formado por tres panos superpostos de forma rectangular, os exteriores de malla larga e o interior de malla estreita, que forma coma unha parede de rede no mar, na que quedan atrapados peixes diversos".Ver tramallo Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  7. 7,0 7,1 Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 85.
  8. Solórzano et al. (1988)
  9. Rodríguez Villanueva et al. (1995)
  10. Véxase nota etimolóxica de Antón Santamarina no § 361. Gadus minutus (L.) en Ríos Panisse (1977), p. 396.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar