Fodón

(Redirección desde «Trisopterus minutus»)

O fodón,[2][3][4][5][6] Trisopterus minutus, é un peixe osteíctio da orde dos gadiformes e familia dos gádidos, moi común na costa europea do océano Atlántico, na costa de Marrocos e no mar Mediterráneo.[7]

Fodón
Trisopterus minutus

Fodón
Estado de conservación
LC [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Paracanthopterygii
Orde: Gadiformes
Familia: Gadidae
Xénero: Trisopterus
Especie: T. minutus
Nome binomial
Trisopterus minutus
(Linnaeus, 1758)
Distribución de Trisopterus minutus
Distribución de Trisopterus minutus

Distribución de Trisopterus minutus
Sinonimia
  • Gadus minutus (Linnaeus, 1758)
  • Gadus capelanus (Lacepède, 1800)

Características editar

De corpo de forma semellante á dun bacallau en miniatura, algo máis pequeno (e máis esvelto) que a faneca, pode alcanzar unha lonxitude máxima de até 40 cm, aínda que comunmente só mide uns 20 cm.[8]

A coloración do dorso é amarela acastañada (como a dunha vaca marela), cambiando até á abrancazada no ventre, cunha pequena mancha escura por riba da base da aleta pectoral,[7][8]

No presenta espiñas nin na aleta dorsal nin na anal.

O maxilar superior é algpo protáctil, e exhibe unha longa barbela no mento.[8]

Hábitat e bioloxía editar

É unha especie bentopeláxica mariña, non migradora, que habita en augas superficiais nun rango de profundidade de entre 1 e 440 m,[9] aínda que normalmente entre 15 e 200 m, en augas temperadas, entre os 66° e 28° de latitude norte, e entre os 13º de lonxitude oeste e os 36º leste,[7] agrupado en pequenos cardumes,[8] mentres que no Mediteráneo adoita encontrarse en torno aos 120 m de profundidade pousado sobre a area do fondo.[7]

Aliméntase de crustáceos, pequenos peixes e vermes poliquetos e outros animais bentónicos.[7][8]

Adquire a madurez sexual ao ano de idade, e desova a profundidades de entre os 50 e os 100 m. Ao sur do mar do Norte e do Canal da Mancha a época da reprodución vai desde febreiro a abril, mentres que no Mediterráneo é de decembro a marzo.
Os ovos, peláxicos, miden 1 mm, e as larvas recentemente eclosionadas, de 2 a 2,5 mm. O crecemento do fodón é moi rápido, alcanzando de 12 a 14 cm aoi ano de idade, e de 17 a 19 cm aos dous anos.[8]

 
Fodóns nun mercado.

Pesca e usos editar

O fodón pescouse tradicionalmente no Atlántico norte como captura adicional en redes de arrastre, utilizándose para a fabricación de fariña de peixe para a elaboración de pensos en gandaría, mentres que no Mediterráneo se pesca tamén para consumo humano,[8] alcanzando prezos intermedios no mercado.[10]

Na zona do levante español adoita poñerse en salmoira, e a súa carne forma parte de diversas salsas.

En Galicia editar

En Galicia tamén coñecido, entre outros, polos nomes nomes de:[3]

  • cabalo
  • cabalo macho
  • cabezón
  • faneca brava
  • faneco
  • fanecón
  • home
  • homiño

Moitos destes nomes, segundo Ríos Panisse,[3] débese a que os mariñeiros dividen ás fanecas en dúas clases, macho e femia, aplicando aos machos o nome de fodón, é dicir ao home que fode, polo que un dos nomes da femia (a faneca) é puta descalsa (recollido en Cesantes, Redondela) polo que se ao macho chaman fodón [...] o correlato esperado para a faneca femia é o de puta. Tamén o castelán coñece este nome: puta en cueros. Porén, segundo Antón Santamarina, o fodón é así chamado porque vive xunto coa faneca auténtica pero, ao contrario desta, morde con máis dificultade os anzois e, se o fai, é para devorar a carnada, pero sen quedar enganchado, o que causa a desesperación dos pescadores á liña;[11] é dicir, que empregan fodón no sentido figurado de que molesta ou amola.[12]

Nas augas galegas o fodón aparece rexistrado en numerosos traballos ictiolóxicos, desde o de Steindachner, en Lozano e Rey (1960), onde se cita na Coruña e Vigo, como Gadus minutus, até os máis recentes, xa como Trisopterus minutus, desde o de Labarta (1976) aos de Fariña et al. (1983), que o rexistran sobre fondos da plataforma desde o alfoz do Miño até Ribadeo ou os de Iglesias (1983), en polígonos de bateas mexilloeiras na ría de Muros e Noia ou o de Iglesias e González Gurriarán (1984), nos polígonos de mexilloeiras e en zonas centrais da ría de Pontevedra, pasando por moitos outros.[13]

Notas editar

  1. Trisopterus minutus en Lista vermella da IUCN.
  2. fodón no dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
  3. 3,0 3,1 3,2 Ríos Panisse (1977), pp. 394-395.
  4. Rodríguez Solórzno el a. (1983)
  5. Rodríguez Villanueva et. al. (1995)
  6. Lahuerta e Vázquez (2000)
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Cohen, D. M., T. Inada, T. Iwamoto e N. Scialabba (1990): FAO species catalogue. Vol. 10. Gadiform fishes of the world (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fish. Synop, volume10, nº 125, 442 pp.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 Muus, Bent J. et al. (1998), pp. 24-25.
  9. Ocean Biogeographic Information System 2006. OBIS-extracted Depth Data. Harvested by E.Agbayani July 2006 at www.iobis.org.
  10. Sumaila, U. R., A. D. Marsden, R. Watson e D. Pauly (2007): "A global ex-vessel fish price database: construction and applications". J. Bioeconomics, 9: 39-51.
  11. Véxase nota etimolóxica de Antón Santamarina no § 361. Gadus minutus (L.) en Ríos Panisse (1977), p. 396.
  12. Véxase molestar no dicionario da RAG Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
  13. Solórzano et al. (1988), p. 28.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Cohen, D., Inada, T., Iwamoto, T. & Scialabba, N. (1990): Gadiform Fishes of the World (Order Gadiformes). An annotated and illustrated catalogue of cods, hakes, grenadiers and other gadiform fishes known to date. FAO: FAO Fisheries Synopsis,125, volume 10, pp. 77–81.Copia arquivada o 17 de decembro de 2018.
  • Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
  • Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía os peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
  • Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
  • Solórzano, Manuel R[odríguez]; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). Seminario de Estudos Galegos, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar