Abrir o menú principal

Co nome de escacho desígnase un peixe mariño da familia dos Tríglidos (Triglidae), da orde dos Escorpeniformes (Scorpaeniformes). O nome científico da especie tipo é Chelidonichthys lucerna (Linnaeus 1758), que aínda se pode atopar nas guías de peixes cos sinónimos obsoletos de Trigla lucerna ou Trigla hirundo.

Tamén se designan con este mesmo nome, por veces con cualificativos diferenciadores, outras especies da mesma familia, moi similares morfoloxicamente, como Trigloporus lastoviza, Trigla lyra, Aspitrigla cuculus, Aspitrigla obscura, Eutrigla gurnardus, Lepidotrigla cavillone etc.

SinonimiaEditar

Outras denominacións vernáculas dos peixes desta familia son as de rubio, alfóndega, berete, cavillón, borrachos ou cregos.

Segundo a Gran Enciclopedia Galega, algúns dos nomes específicos son os seguintes:

  • Escacho bravo (T. cuculus).
  • Escacho listado (Trigloporus lastoviza).
  • Escacho amarelo (Chelidonichthys lucerna).
  • Escacho de altura (T. lyra).

MorfoloxíaEditar

 
Escacho

O corpo difire respecto da forma habitual dos peixes: é cónico diminuíndo progresivamente de sección ata a cola, cunha cabeza grande e triangular, en bico de frauta. Adoita ter o dorso de cor vermella, clareando nos costados ata o branco do ventre. Presenta espiñas sobre os ollos e distribuídos polo corpo. A liña lateral é moi marcada, con escamas patentes.

Ten dúas aletas dorsais, a primeira con raios espiñosos e a segunda con raios brandos, e unha anal. As aletas pectorais están moi desenvolvidas e, de feito, os tres primeiros raios son libres e serven como órganos de desprazamento; como tamén están dotados de papilas gustativas, úsannos tamén para alimentarse. Aliméntase de peixes, crustáceos e moluscos.

A especial disposición da vexiga natatoria permite que poidan emitir sons.

Poden alcanzar tamaños máximos de 75 cm e 6 kg de peso, aínda que o habitual son tamaños de ó redor dos 30 cm.

Hábitat e bioloxíaEditar

A especie distribúese ó longo da costa este do Atlántico (Europa e África), entre os paralelos 9º Norte e 66º Norte. Viven sobre fondos de area ou lama, a profundidades superiores ós 20-40 metros ata os 300 metros.

Aproveitamento pesqueiro e comercialEditar

Son de carne branca e consistente e consómense das máis variadas formas: cocidos, fervidos ou en caldeirada.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • RODRÍGUEZ GARRIDO, Margarita: Gran Enciclopedia Galega, s. v. Escacho.

Ligazóns externasEditar